DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 18 de novembro de 2026 Páx. 57543

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Cuntis (expediente IN407A 2024/283-4).

Expediente: IN407A 2024/283-4.

Promotora: Electra Cuntiense, S.L.

Denominación: LMTS DC Calvos.

Concello: Cuntis.

Feitos:

1º. O 20.8.2024, a empresa Electra Cuntiense, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS DC Calvos.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial César Méndez Lorenzo, colexiado 1350 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e no cal figura un orzamento total de 158.611,11 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na zona de Calvos e Río Galo, no concello de Cuntis (Pontevedra):

– Desmontaxe da liña de media tensión aérea de dobre circuíto de 550 metros de lonxitude, en condutor LA-56, desde o apoio nº 1 (CM Calvos) ata o apoio nº 6, así como a retirada dos seis apoios ao longo dese tramo.

– Instalación dun tramo de liña de media tensión subterránea de dobre circuíto de 725 metros entre o CM Calvos e a LMTS Cuntis I e Cuntis II.

2º. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Cuntis, Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por Augas de Galicia.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos e, en consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

1ª. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2ª. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3ª. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) dobre circuíto a 20 kV, con condutor RHZ, de 725 metros de lonxitude, con orixe nas celas existentes no centro de manobra Calvos e final nas LMTS existentes Cuntis I e Cuntis II.

– A instalación está situada en Calvos e Río Galo, no concello de Cuntis (Pontevedra).

Conforme o indicado, resolvo:

1. Outorgar á empresa Electra Cuntiense, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS DC Calvos, expediente IN407A 2024/283-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa Electra Cuntiense, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 3 de marzo de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra