A Constitución española, no seu artigo 132.2, establece que son bens de dominio público estatal os que determine a lei e, en todo caso, a zona marítimo-terrestre, as praias, o mar territorial e os recursos naturais da zona económica e da plataforma continental. Así mesmo, o artigo 149.1.23ª establece que o Estado ten competencia exclusiva en materia de lexislación básica sobre a protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección.
Pola súa banda, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.tres que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda.
No exercicio, entre outras, desta competencia autonómica aprobouse a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que regula a planificación e o uso da franxa costeira galega buscando un equilibrio entre a protección ambiental e o desenvolvemento socioeconómico, e regula o réxime de intervención administrativa para levar a cabo os usos e as actividades que se declaran compatibles cos obxectivos de ordenación nas tres áreas en que se divide o litoral: protección ambiental, reordenación e mellora ambiental e paisaxística.
Entre os títulos de intervención administrativa que poden concorrer sobre os usos do litoral, a lei recolle, no seu artigo 47.2.a), as autorizacións e as concesións para os usos especiais e privativos do dominio público marítimo-terrestre, que se regulan polo establecido na normativa de costas ou de portos e polo disposto no artigo 48 da lei.
O artigo 48 da lei regula as autorizacións e concesións do dominio público marítimo-terrestre e prevé no seu número 1 que, respectando o réxime xeral establecido na normativa de costas, as autorizacións e as concesións do dominio público marítimo-terrestre serán outorgadas polas consellerías competentes en materia de ordenación do territorio ou do mar, segundo proceda, no momento en que se produza o efectivo traspaso das funcións e dos servizos da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación do litoral. Cómpre indicar que, polo Real decreto 394/2025, do 13 de maio, se traspasaron as funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral, e polo Decreto 50/2025, do 30 de xuño, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as funcións e os servizos traspasados.
O artigo 48 da lei prevé, así mesmo, no seu número 5, que o Consello da Xunta de Galicia aprobará a creación do Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre, en que se deberán inscribir de oficio os títulos e as súas modificacións, así como, de ser o caso, os seus pregos de condicións. E engade que este rexistro terá carácter público e, polo tanto, será accesible e poderá emitir certificacións sobre o seu contido.
Así pois, o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia está configurado normativamente como un rexistro público de natureza administrativa e, segundo o mandato da Lei 4/2023, do 6 de xullo, cómpre crear e regular o seu funcionamento.
Na tramitación deste decreto seguíronse as previsións e os trámites establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
O decreto estrutúrase en tres capítulos, cun total de nove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas derradeiras. O capítulo I establece as disposicións de carácter xeral; o capítulo II, a estrutura e contido do Rexistro, e o capítulo III, o procedemento de inscrición e o carácter público, accesible e interoperable do Rexistro. As disposicións adicionais refírense á información básica sobre a protección dos datos persoais e ao soporte técnico da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. As disposicións derradeiras refírense ao desenvolvemento normativo e á entrada en vigor do decreto.
O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia; configúrase como unha iniciativa necesaria e eficaz, ao estar xustificado por unha razón de interese xeral, basearse nunha identificación clara dos fins perseguidos, ser o instrumento máis axeitado para garantir a seguridade xurídica e evitar cargas administrativas innecesarias á cidadanía. Ademais, é eficiente ao non supor un custo significativo e racionalizar, na súa aplicación, a xestión dos recursos públicos.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de novembro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Este decreto ten por obxecto crear e regular a estrutura, o funcionamento e o contido do Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, previsto no artigo 48.5 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Artigo 2. Competencia para a xestión do Rexistro
A xestión do Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia corresponde ao órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de litoral.
Artigo 3. Finalidades do Rexistro
O Rexistro cumprirá as seguintes finalidades:
a) Integrar nun único rexistro público todas as autorizacións e concesións outorgadas no dominio público marítimo-terrestre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Dispoñer da información básica relativa ás actividades de interese público, económicas e estratéxicas no dominio público marítimo-terrestre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa distribución territorial, que sexa necesaria para o exercicio das competencias atribuídas ás administracións públicas en materia do litoral.
c) Subministrar aos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, se for o caso, os datos precisos para elaborar as estatísticas a que se refire a Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia.
d) Servir de instrumento de coordinación das actuacións das distintas consellerías da Administración autonómica en materia do litoral.
Artigo 4. Ámbito de aplicación e obxecto de inscrición no Rexistro
Serán obxecto de inscrición no Rexistro as autorizacións e as concesións no dominio público marítimo-terrestre outorgadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as súas modificacións.
CAPÍTULO II
Estrutura e contido do Rexistro
Artigo 5. Estrutura do Rexistro
1. O Rexistro estará dividido nas seguintes seccións e subseccións:
Sección I. Autorizacións no dominio público marítimo-terrestre.
a) Subsección: A Coruña.
b) Subsección: Lugo.
c) Subsección: Pontevedra.
Sección II. Concesións no dominio público marítimo-terrestre.
a) Subsección: A Coruña.
b) Subsección: Lugo.
c) Subsección: Pontevedra.
2. Para determinar a sección ou a subsección en que se inscribirán os distintos títulos deberán terse en conta as previsións legais relativas á clasificación de cada título, así como o ámbito xeográfico maioritario da superficie ocupada.
Artigo 6. Contido do Rexistro
1. En relación con cada título inscribiranse os seguintes datos:
a) Identificación do título: tipo de título, identificación do expediente e data da resolución do seu outorgamento.
b) Situación: provincia, concello e coordenadas de localización.
c) Titular/es.
d) Condicións do título: uso, superficie ocupada, prazo de outorgamento e, de ser o caso, canon. En caso de extinción, constarán a causa e a data de extinción do título. Será, así mesmo, obxecto de inscrición calquera outra condición que recolla o prego de condicións e que non sexa unha mera reprodución de previsións da normativa de aplicación.
2. No Rexistro deixarase constancia da modificación de calquera dos datos indicados no número anterior. Así mesmo, no Rexistro poderase consignar calquera outra información relativa aos citados títulos que se considere de utilidade.
CAPÍTULO III
Inscrición e carácter público, accesible e interoperable do Rexistro
Artigo 7. Inscrición no Rexistro
1. As inscricións serán realizadas de oficio polo órgano competente para a xestión do Rexistro.
2. Todos os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como todas as entidades que integran o sector público autonómico, están obrigados a proporcionar ao órgano competente para a xestión do Rexistro toda a información e documentación que lles sexa requirida para os efectos de poder inscribir os títulos no Rexistro e, de ser o caso, actualizar os datos das inscricións.
3. As persoas titulares das autorizacións e concesións que deban inscribirse no Rexistro deberán proporcionar ao órgano competente para a xestión do Rexistro a información e documentación que lles sexa requirida para os efectos de inscribir os títulos no Rexistro e, de ser o caso, actualizar os datos inscritos, sen prexuízo da adopción das medidas pertinentes para garantir que faciliten unha mesma información só unha vez.
Así mesmo, as persoas titulares das autorizacións e concesións obxecto de inscrición no Rexistro poderán instar a actualización e, de ser o caso, a rectificación dos datos inscritos. Neste caso, achegarán coa súa solicitude a documentación da que resulten os datos que deban ser inscritos ou corrixidos.
Artigo 8. Carácter público do Rexistro
1. O Rexistro ten carácter público. Para este efecto, habilitarase a consulta dos datos inscritos no Rexistro a través do portal web da consellería a que estea adscrito o órgano competente para a xestión do Rexistro, así como a través do Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia. Os datos accesibles por esta vía serán obxecto, de ser o caso, da disociación previa dos datos de carácter persoal, de xeito que se garanta adecuadamente o cumprimento da normativa de protección de datos de carácter persoal.
2. O órgano competente para a xestión do Rexistro poderá emitir, logo de solicitude, certificacións sobre o contido do Rexistro, e estas serán un medio de proba da existencia e situación do correspondente título administrativo, sen prexuízo da súa inscrición no Rexistro da Propiedade nos termos e para os efectos previstos na normativa hipotecaria.
Estas modalidades de acceso ao contido do Rexistro realizaranse por vía electrónica, coa única excepción das persoas físicas que, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, non teñan a obriga de relacionarse electronicamente coas administracións públicas e así o soliciten.
3. As solicitudes de información ambiental que se realicen sobre o seu contido rexeranse polo disposto na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.
4. O acceso á información do Rexistro respectará en todo caso a normativa de protección de datos de carácter persoal.
Artigo 9. Accesibilidade, interoperabilidade e coordinación con outros rexistros administrativos
1. A Administración autonómica adoptará as medidas oportunas para garantir a accesibilidade do Rexistro, así como, na medida do posible, a súa interoperabilidade, coa finalidade de posibilitar a circulación dos datos do Rexistro entre as administracións públicas.
2. Así mesmo, a Administración autonómica procurará a coordinación do Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con outros rexistros administrativos, ben da propia Administración autonómica, ben doutras administracións públicas.
Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais
Os datos persoais das persoas titulares que se recollan no rexistro regulado neste decreto serán tratados, na súa condición de responsable, polo órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia do litoral, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión do dito rexistro.
O tratamento dos datos baséase no exercicio de poderes públicos.
As persoas interesadas poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión e os outros dereitos en materia de protección de datos de carácter persoal que lles correspondan, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos
Disposición adicional segunda. Soporte técnico
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia proporcionará o soporte técnico que resulte necesario para o mantemento e o tratamento dos datos que deban constar no Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Habilítase a persoa titular da consellería con competencias en materia de ambiente para aprobar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto no relativo á organización e ás materias propias do seu departamento.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Nicolás Vázquez Iglesias
Conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático
