Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións eléctricas que se describen a seguir, tal e como se recollen no proxecto asinado o día 25.11.2025 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado nº 2233 do Coeticor, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante unha declaración responsable asinada na data sinalada.
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.
Denominación: LMTS, CS estrada N-120-Tilleira (O Barco de Valdeorras).
Situación: estrada N-120 na contorna do p.k. 453+360, concello do Barco de Valdeorras.
Orzamento: 43.312,30 €.
Características técnicas:
• Centro de seccionamento proxectado de tipo compacto prefabricado manobra exterior 3L2TC, para situar na zona de expropiación da estrada N-120, nas coordenadas UTM ETRS89 H29 X:666698, Y:4699230.
• Desmonte do tramo de LMTS existente BDV705 entre o apoio nº CNJH04FL e o punto B que figura no plano de manobras eléctricas dos desmontes do proxecto.
• Novo tramo de LMTS BDV705, a 20 kV, de 146 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2 OL 12/20 kV, 3 (1×240 Al) con orixe no paso A/S para realizar no apoio existente
nº CNJH04FL e final no paso A/S para realizar no mesmo apoio existente nº CNJH04FL logo de realizar a entrada e a saída no centro de seccionamento proxectado anterior (tramo A-C, que figura no plano de manobras eléctricas proxectadas do proxecto).
• Novo tramo de LMTS, a 20 kV, de 31 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2 OL 12/20 kV, 3 (1×240 Al), con orixe na cela de liña do centro de seccionamento proxectado e final nos empalmes para realizar na LMTS BDV705 no punto B que figura do plano de manobras eléctricas proxectadas do proxecto.
• LMTS, a 20 kV, de 1.048 m, en condutor RHZ1-2 OL-12/20 kV 3 (1×240) mm² Al, con orixe nos empalmes para realizar na LMTS existente con matrícula SCV825 (punto A do plano de manobras eléctricas proxectadas 01) e final na cela de liña nº 2 do CR Pte. Gozos 32C849, logo de realizar a entrada e a saída no centro de transformación CT Área recreativa 32CY32 (tramo A-D do plano de manobras eléctricas proxectadas).
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), e na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial resolve:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade recollidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme ao establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 29 de outubro de 2026
Jorge Pumar Tesouro
Director territorial de Ourense
