De conformidade co disposto no artigo 22.3 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e logo de intentar a notificación á persoa responsable sen que fose posible efectuala por causas non imputables ao Concello de Ourense, a través deste anuncio ponse de manifesto o incumprimento por parte da persoa responsable que a seguir se indica da obriga de xestionar a biomasa e retirar as especies arbóreas prohibidas con relación á parcela que se describe, imposta polo artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril:
|
Data da acta de inspección |
Referencia catastral |
Localización/polígono/parcela |
Persoa responsable |
|
21.7.2026 |
3338216NG9933N0001PO |
Sartedigos. Ourense |
Descoñecida |
1º. En virtude do exposto, comunícase que na acta de inspección indicada se comprobou que na referida parcela se incumpre o establecido no artigo 21 da Lei 3/2007, do 9 de abril. Polo tanto, dispón dun prazo máximo de quince días naturais para cumprir voluntariamente coa obriga de xestionar a biomasa na parcela citada, prazo que se iniciará ao día seguinte da publicación deste anuncio no Boletín Oficial del Estado.
2º. En caso de persistir no incumprimento unha vez transcorrido o dito prazo, poderanse impoñer multas coercitivas reiteradas cada tres meses, cuxa contía será de 900 euros por hectárea de superficie de parcela non xestionada, ou a parte proporcional se a área fose inferior, mentres persista o incumprimento, ou ben poderase proceder á execución subsidiaria a través da realización pola Administración das actuacións materiais necesarias, coa repercusión dos custos de xestión da biomasa e, se procede, o comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración, nas condicións establecidas neste aspecto. En todo caso, a contía mínima para impoñer por multa coercitiva será de 100 euros, con independencia das hectáreas que integren a superficie da parcela non xestionada, nas condicións establecidas no artigo 22.2 da Lei 3/2007, do 9 de abril, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda. As persoas titulares dos terreos ou dos dereitos de aproveitamento terán a obriga legal de facilitar o acceso necesario para realizar os traballos de xestión da biomasa e retirada das especies arbóreas prohibidas. O suxeito que realice os traballos de execución subsidiaria terá a facultade de acceder sen o consentimento da persoa titular, agás nos supostos excepcionais previstos legalmente, cando o acceso afecte, dentro da parcela, a espazos físicos susceptibles de mereceren a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución española.
3º. No caso de proceder á execución subsidiaria, o inicio das actuacións materiais necesarias que realizará a Administración poderase verificar en calquera momento unha vez transcorrido o prazo máximo concedido, dentro dos catro anos posteriores, atendidas as súas posibilidades materiais e orzamentarias de actuación, sempre que se manteña o incumprimento. O Concello procederá á liquidación provisional dos custos a que previsiblemente dará lugar, coa advertencia de que se exixirá a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados no artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, sen prexuízo da liquidación definitiva unha vez rematados os traballos, de ser o caso. A liquidación definitiva aprobarase unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria por parte da Administración actuante que desenvolva as actuacións materiais de execución subsidiaria e seralle notificada á persoa responsable para o seu pagamento.
Neste caso, a liquidación provisional dos traballos necesarios para xestionar a biomasa nas faixas secundarias establécese na cantidade estimada que se mostra na seguinte táboa:
|
Número de expediente |
Referencia catastral |
Hectáreas afectadas pola execución subsidiaria |
Estimación do prezo por hectárea |
Liquidación provisional |
|
2026040319 |
3338216NG9933N0001PO |
0,0157 ha |
1.688,89 € |
26,56 € |
4º. A falta de cumprimento das obrigas indicadas é constitutiva de infracción administrativa, polo que dará lugar ao inicio do procedemento sancionador que corresponda, en que poderán adoptarse medidas de carácter provisional consistentes en traballos preventivos de xestión da biomasa e retirada das especies arbóreas prohibidas, co obxectivo de evitar os incendios forestais e o comiso das indicadas especies, segundo o previsto no título VII da Lei 3/2007, do 9 de abril.
a) Administración competente para sancionar (artigo 54 da Lei 3/2007, do 9 de abril):
1. Será competente para incoar o procedemento sancionador para as infraccións cometidas en terreos agrícolas, forestais e de influencia forestal a persoa titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia de incendios forestais por razón do territorio en que se cometeu a infracción ou daquel con maior superficie afectada.
2. Serán competentes para a resolución dos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei e incoados no ámbito da consellería con competencia en materia forestal:
a. A persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.
b. O órgano competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.
c. A persoa titular da consellería que teña asignada a competencia en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.
3. A incoación do procedemento sancionador en aplicación desta lei, para as infraccións cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, será competencia do correspondente Concello. A resolución dos expedientes pola comisión de infraccións leves, graves e moi graves corresponderalle á persoa titular da Alcaldía, de conformidade co establecido no número 3 do artigo 21.ter.
b) Cualificación da infracción: infracción leve (51.3.a) da Lei 3/2007, do 9 de abril, sen prexuízo do establecido no artigo 51.2.g) para as faltas graves.
c) Contía máxima da sanción pecuniaria que se poida impoñer no caso de infracción leve: 1.000 € (artigo 74.a) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación co disposto no artigo 50.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril. No caso de ser considerada infracción grave, a contía máxima da sanción será de 100.000 € (artigo 74.b).
d) Procederase ao comiso cautelar da madeira resultante da corta das especies arbóreas que deban ser retiradas de acordo co establecido no artigo 22.2 da Lei 3/2007, do 9 de abril.
5º. O texto íntegro da comunicación estará á disposición das persoas destinatarias na sede electrónica do Concello actuante.
Ourense, 8 de outubro de 2026
Gonzalo Pérez Jácome
Alcalde presidente
