De conformidade co establecido no artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e na base I.4 das que rexen o proceso selectivo convocado pola Resolución do 29 de maio de 2026 (DOG núm. 104, do 5 de xuño), esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Aprobar as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo mediante o sistema de oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de axentes de extensión pesqueira.
As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en (https://fides.xunta.gal), no menú «Procesos», epígrafe «Inscrición procesos selectivos»: «Resultado».
A listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo (https://www.xunta.es/rcp/listas/rcp_opo/opo_principal.jsp) indicando o NIF e marcando a opción «Ver os meus datos».
As persoas aspirantes excluídas, así como aquelas persoas que non figuren en ningunha das listaxes, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para reclamar ou emendar o defecto que motivou a exclusión. Para isto deberán acceder a (https://fides.xunta.gal), no menú «Procesos», epígrafe «Inscrición procesos selectivos»: «Que podo facer?»: «Presentación de alegacións», e realizar as alegacións que consideren oportunas. Só no caso de non ser posible realizar as alegacións por medio desta aplicación informática, deberán realizalas a través do rexistro presencial ou da sede electrónica da Xunta de Galicia.
A acreditación da titulación académica realizarase en (https://fides.xunta.gal), no menú «Expediente-e», epígrafe «Formación»: «Formación académica/profesional», de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).
Se dentro do prazo sinalado non se emendasen os defectos que motivaron a exclusión, serán definitivamente excluídas.
Segundo. Na listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, tamén se indican as persoas aspirantes que acreditaron na aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) estaren en posesión, no día da finalización do prazo de presentación de instancias neste proceso, do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado.
As persoas aspirantes que non o teñan acreditado ou en cuxo expediente non figure como validado disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para acreditar o Celga 4, título equivalente ou superior. Esta acreditación realizarase en (https://fides.xunta.gal), no menú «Expediente-e», epígrafe «Idiomas»: «Galego», de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro). Na falta da sinalada acreditación dentro do prazo indicado, serán convocadas para realizar a proba de coñecemento da lingua galega, de conformidade coa base II da convocatoria.
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
