DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Mércores, 25 de novembro de 2026 Páx. 58450

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Outes (expediente IN407A 2024/209-1).

Expediente: IN407A 2024/209-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: Regulamentación LMT TA2-809 Distancia vano a CT (15XK81) (Outes).

Concello: Outes.

Feitos.

1. O día 12 de decembro de 2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de realizar obras de regulamentación na liña de distribución eléctrica en media tensión con matrícula TA2-809.

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada, presentan proxecto de execución denominado Regulamentación LMT TA2-809 distancia van a CT (15XK81) (Outes), anexo e modificado do proxecto, asinados os días 28.5.2024, 9.5.2025 e 12.6.2026 respectivamente por Carlota Martínez Rúa, graduada en enxeñaría eléctrica, núm. colexiada 4.776 de Vigo.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:

• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

• DOG: 13.2.2026.

• BOP: 12.1.2026.

• Xornal La Voz de Galicia: 21.1.2026.

• Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 15.4.2026.

3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública, a asociación veciñal de Cando Feira dos Carros e Marcelino Trillo Priegue achegaron senllas alegacións. Estas alegacións trasladáronselle á empresa promotora, que respondeu propoñendo unha nova solución técnica.

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitóuselles o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Outes, Deputación Provincial da Coruña, Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (Instituto de Estudos do Territorio) e Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (D. X. de Patrimonio Cultural).

A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos no prazo outorgado para ese efecto. No día desta resolución, non consta no expediente a resposta do Concello de Outes á devandita solicitude.

5. Con data do 14 de xullo de 2026, á vista das alegacións presentadas e en consenso co Concello de Outes, a empresa promotora presenta un proxecto modificado, debido ao cambio de localización do centro de transformación proxectado a unha parcela de titularidade municipal, coa conseguinte desafección da parcela núm. 2 da relación de bens e dereitos afectados publicada como anexo ao acordo de información pública. Con base no anterior, solicita a desistencia da solicitude de declaración de utilidade pública, segundo o artigo 94 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Ao non sufrir modificación nas súas afeccións o resto de organismos, solicítase exclusivamente, consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, informe ao Concello de Outes, que non emitiu ditame ao respecto.

7. O día 30.10.2026 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

Terceira. Características técnicas

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Cando de Arriba, no concello de Outes, e as súas características técnicas son as seguintes:

• Centro de transformación compacto prefabricado de 160 kVA, relación de transformación 20.000/400 V.

• Liña eléctrica de media tensión subterránea de 20 kV, cunha lonxitude de 252 m, coa orixe no PAS en apoio 9OPI8R07//D13, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm² Al, e final no CT proxectado.

• Retíranse os vans existentes LA-40 entre os apoios 9OPI8R07//D13 e 9OON2I12//D13-2 CT e os elementos de manobra existentes nos apoios que se van retirar (15H896), así como o CT actual 15XK81, Cando.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO

A) Aceptar, ao abeiro do artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a solicitude de desistencia de declaración de utilidade pública formulada pola empresa promotora e continuar coa tramitación da solicitude de autorización administrativa previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica obxecto deste expediente.

B) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da devandita instalación de distribución eléctrica.

C) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

D) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

E) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da devandita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 2 de novembro de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña