DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 26 de novembro de 2026 Páx. 58531

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 17 de novembro de 2026 pola que se clasifica de interese marítimo a Fundación Beira.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Beira, con domicilio no lugar de Parada, número 76, en Carnota (A Coruña), resultan os seguintes feitos e consideracións legais:

Feitos:

1. O 17 de xullo de 2026 a Fundación presentou solicitude de clasificación, de declaración de interese galego e de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Beira foi constituída por Daniel Caparrós Torres mediante escritura pública outorgada o 30 de xuño de 2026 ante o notario da Coruña Raúl Muñoz Maestre, co número de protocolo 5.173.

3. Consonte o artigo 6 dos seus estatutos:

«A Fundación ten por obxecto, con carácter xeral, a promoción, fomento, desenvolvemento e financiamento de actividades de interese xeral nos ámbitos da cultura, da educación, da investigación e do patrimonio.

En particular, prestará especial atención ao patrimonio marítimo e fluvial, tanto material coma inmaterial.

A súa actuación orientarase ao estudo, á preservación e á transmisión dos coñecementos, prácticas e oficios vinculados ao mar e aos ríos, así como á súa continuidade e adaptación aos contextos contemporáneos.

Así mesmo, impulsará unha comprensión integradora do patrimonio como un recurso activo, capaz de contribuír ao desenvolvemento social, territorial e ambiental, favorecendo a transmisión de saberes, a xeración de coñecemento e a súa integración en procesos de innovación, sostibilidade e sostemento económico.

Igualmente, fomentará o diálogo entre distintas culturas».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Daniel Caparrós Torres, que actuará como presidente; Annabel Gilgado Sánchez, como secretaria; e Luís Caparrós Esperante, como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías da Xunta de Galicia eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese marítimo da Fundación Beira, sobre a base das materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais do 11 de novembro de 2026, procede a súa clasificación como de interese marítimo e a súa adscrición á Consellería do Mar.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 11 de novembro de 2026,

DISPOÑO:

Clasificar de interese marítimo a Fundación Beira, adscribíndoa ao protectorado da Consellería do Mar.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer no prazo de dous meses recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela,17 de novembro de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes