A Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante, a Caixa) ten, entre outras, as funcións de instrumentación da constitución, custodia, devolución e, se for o caso, execución dos depósitos e garantías admitidos nela. Estas funcións non se circunscriben unicamente ao ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público autonómico, senón tamén ás universidades públicas galegas.
O funcionamento da Caixa regúlase polo disposto no Real decreto 937/2020, do 27 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Caixa Xeral de Depósitos.
O Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, establece que é competencia da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro a xestión dos depósitos e fianzas que deban constituírse na Caixa.
A experiencia na xestión puxo de manifesto que a Orde do 23 de maio de 2008 pola que se regulan os procedementos para a presentación de avais ante a Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, e para a súa devolución, empregando medios electrónicos, non responde ás necesidades tecnolóxicas actuais, polo que resulta oportuno integrar nun único texto a regulación dos requisitos aplicables tanto á constitución telemática de garantías coma á adhesión ao servizo, configurándose esta última como condición previa e necesaria para que as entidades garantes poidan presentar e constituír garantías. Neste sentido, a solicitude de adhesión ao servizo substituirá o modelo convencional previsto na Orde do 23 de maio de 2008.
Cómpre salientar que se amplía o ámbito subxectivo das entidades que se poden adherir ao servizo de constitución telemática de garantías, ao permitir que as entidades aseguradoras, ademais das entidades avalistas, poidan constituír garantías ante a Caixa.
Esta orde consta de 15 artigos distribuídos en tres capítulos, de dúas disposicións adicionais, dunha disposición derrogatoria e de dúas disposicións derradeiras.
Esta norma responde aos principios de boa regulación previstos na normativa vixente. Así, a orde atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1 da Constitución española, deben presidir a actuación administrativa, e adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e aos principios de simplicidade e accesibilidade recollidos tamén no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
Deste xeito, en aplicación dos principios de necesidade e eficacia, a norma persegue un interese xeral ao establecer un marco regulador e actualizado para a adhesión das entidades garantes e para a presentación telemática de garantías ante a Caixa. En cumprimento, ademais, dos principios de accesibilidade, transparencia e proporcionalidade identifícanse claramente os obxectivos perseguidos coa norma, e esta é o instrumento máis adecuado para conseguilos, ao conter a regulación imprescindible para atender a necesidade referida. En aplicación do principio de eficiencia, a norma racionaliza a xestión dos recursos públicos, e en virtude dos principios de simplicidade e de seguridade xurídica, garda coherencia co resto do ordenamento xurídico, recolle as modificacións necesarias, constitúe a canle adecuada para facelo e xera un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e certo, co obxectivo de facilitar o seu coñecemento e comprensión.
O texto da orde foi sometido ao trámite de audiencia pública coas entidades financeiras e aseguradoras regulado no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e ao trámite de información pública. Así mesmo, conta con todos os informes preceptivos, incluídos o informe tecnolóxico-funcional da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio e mais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o informe da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, o informe sobre impacto de xénero e o informe da Asesoría Xurídica.
Como consecuencia do anterior, por proposta do centro directivo competente en materia de tesouraría, e no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
ACORDO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para a presentación, constitución e cancelación de garantías ante a Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante, a Caixa) e os requisitos para a adhesión das entidades garantes ao servizo de constitución telemática de garantías ante a Caixa.
2. Habilítase o procedemento para a adhesión ao servizo de constitución telemática de garantías ante a Caixa, e para a modificación de datos, na Guía de procedementos e servizos, co código de procedemento FA302A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, e apróbase o modelo de solicitude de adhesión e de modificación de datos en formato electrónico, o cal figura como anexo I desta orde.
Artigo 2. Ámbito obxectivo de aplicación
Esta orde será de aplicación ao procedemento de constitución de garantías na modalidade de aval emitido por unha entidade de crédito, por un establecemento financeiro de crédito ou por unha sociedade de garantía recíproca, ou ben na modalidade de seguro de caución emitido por unha entidade aseguradora, e que sexan presentadas pola correspondente entidade garante ante a Caixa.
Artigo 3. Ámbito subxectivo de aplicación
Esta orde será de aplicación ás entidades e persoas que interveñan nos procedementos de presentación, constitución e cancelación telemática de garantías ante a Caixa.
Para os efectos desta orde, enténdese por:
a) Entidade garante: entidade avalista ou entidade aseguradora adherida ao servizo de constitución telemática de garantías que garante o cumprimento da obriga da persoa garantida mediante aval ou seguro de caución.
b) Persoa garantida: persoa física ou xurídica en nome da cal se constitúe unha garantía ante a Caixa mediante aval ou seguro de caución.
c) Entidade avalista: entidade de crédito, establecemento financeiro de crédito ou sociedade de garantía recíproca que garante obrigas ante a Caixa mediante aval.
d) Entidade aseguradora: entidade que garante obrigas ante a Caixa mediante seguro de caución.
CAPÍTULO II
Adhesión ao servizo de constitución telemática de garantías polas entidades garantes
Sección 1ª. Requisitos de adhesión ao servizo de constitución telemática de garantías
Artigo 4. Requisitos das entidades garantes
Para a constitución telemática de garantías ante a Caixa será necesario que a entidade garante se encontre previamente adherida ao servizo de constitución telemática de garantías.
Para estes efectos, poderanse adherir ao servizo de constitución telemática de garantías as entidades avalistas ou aseguradoras que cumpran, respectivamente, os requisitos establecidos nos artigos 25 ou 30 do Real decreto 937/2020, do 27 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Caixa Xeral de Depósitos, ou na norma que o substitúa.
Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes de adhesión
1. A solicitude de adhesión ao servizo de constitución telemática de garantías ante a Caixa por parte das entidades avalistas e das entidades aseguradoras deberá presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. A solicitude poderase presentar en calquera momento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento (código FA302A) consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Inscrición da entidade garante solicitante no rexistro que corresponda.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Sección 2ª. Resolución
Artigo 7. Resolución da solicitude de adhesión
1. A solicitude de adhesión será resolta pola persoa titular do centro directivo do que dependa a Caixa no prazo dun mes desde a presentación da solicitude.
2. O vencemento do prazo sen que se notifique a resolución lexitima a entidade garante para entender acollida a súa solicitude por silencio administrativo.
Artigo 8. Notificacións
1. As notificacións de resolucións efectuaranse unicamente por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sección 3ª. Modificación de datos
Artigo 9. Modificación de datos
1. A modificación de calquera dos datos que figuran na solicitude inicial realizarase a través do formulario contido no anexo I da presente orde, nos termos previstos no artigo 5. Na súa tramitación aplicaranse as previsións do artigo 6 relativas á comprobación de datos.
2. Cando a modificación dos datos supoña a baixa no servizo de constitución telemática de garantías, a solicitude requirirá resolución expresa da persoa titular do centro directivo do que dependa a Caixa no prazo dun mes desde a presentación da solicitude. A resolución notificarase de acordo co disposto no artigo 8, e o vencemento do dito prazo sen resolución expresa producirá os efectos previstos no artigo 7.2.
Artigo 10. Documentación complementaria
1. As entidades garantes achegarán canda a solicitude de modificación de datos a documentación acreditativa da modificación solicitada.
2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. No caso de que algún dos documentos que se deban presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sección 4ª. Obrigas formais das entidades garantes adheridas ao servizo de constitución telemática de garantías
Artigo 11. Obrigas formais das entidades adheridas
1. A concesión da adhesión ao servizo de constitución telemática de garantías implica a asunción por parte da entidade garante da obriga de lle comunicar formalmente á Caixa, mediante o modelo que figura no anexo II e nos termos previstos no artigo 12, as altas, as baixas e as modificacións das persoas usuarias do servizo de constitución telemática de garantías.
Os datos que se comunicarán serán o nome, os apelidos e o NIF da persoa usuaria, así como o modelo de perfil. No caso de alta das persoas apoderadas, deberase achegar unha copia da validación da suficiencia de poderes efectuada previamente pola Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.
2. A Xunta de Galicia non será responsable das consecuencias legais ou económicas derivadas do incumprimento por parte da entidade garante das obrigas a que se refire este artigo.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sección 5ª. Baixa no servizo de constitución telemática de garantías
Artigo 13. Baixa no servizo de constitución telemática de garantías
As entidades garantes adheridas causarán baixa no servizo de constitución telemática de garantías cando incumpran as obrigas asumidas, perdan a condición de entidades autorizadas para a concesión de garantías ou deixen de cumprir os requisitos previstos no artigo 4 desta orde. A baixa no servizo acordarase mediante resolución da persoa titular do centro directivo do que dependa a Caixa.
CAPÍTULO III
Procedemento para a presentación, a constitución e a cancelación de garantías
Artigo 14. Presentación e constitución de garantías
1. Para a constitución telemática de garantías, a entidade garante adherida ao sistema de constitución telemática de garantías accederá á oficina virtual da Caixa e cubrirá o formulario dispoñible na aplicación informática Garanta, accesible a través da web da Consellería de Facenda e Administración Pública (https://www.conselleriadefacenda.gal/es_ES/servizos-e-tramites).
2. Unha vez cuberto o formulario, a presentación da garantía será realizada pola persoa ou persoas apoderadas da entidade que figuren rexistradas, xerándose un xustificante electrónico da dita presentación.
3. A garantía quedará constituída no momento que sexa validada pola Caixa, xerándose un resgardo acreditativo da súa constitución (modelo 790) así como un documento de aval ou de seguro de caución en formato electrónico.
Para todos os efectos, considerarase como data de constitución a data da súa presentación.
4. O resgardo acreditativo da constitución da garantía, así como o documento de aval ou de seguro de caución xerado pola aplicación informática, conterá un código seguro de verificación que permitirá comprobar, en calquera momento, a súa validez e vixencia a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 15. Cancelación e devolución da garantía
A cancelación e a devolución da garantía efectuaranse de acordo coa lexislación vixente, da seguinte forma:
1. Unha vez que a Caixa reciba o acordo de cancelación emitido polo órgano a cuxa disposición se constituíu a garantía, iniciará o procedemento para a cancelación e baixa da garantía constituída.
2. Completadas a cancelación e a baixa da garantía, a Caixa comunicarallo á entidade garante. Nesta comunicación porase de manifesto que a garantía foi cancelada e indicaráselle que xa pode acceder á aplicación para comprobar e imprimir o xustificante da cancelación.
3. O xustificante da cancelación xerado pola aplicación informática conterá un código seguro de verificación que permitirá comprobar en calquera momento a súa validez e vixencia a través da oficina virtual da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Disposición adicional primeira. Réxime das entidades adheridas mediante convenio
As entidades garantes que na data de entrada en vigor desta orde teñan subscrito un convenio de colaboración para a presentación telemática de avais ante a Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia deberán presentar a solicitude de adhesión regulada no capítulo II no prazo dun mes contado desde a dita entrada en vigor.
Transcorrido o dito prazo sen que se presente a solicitude, procederase á súa baixa como entidade autorizada para a presentación telemática de garantías, sen prexuízo de que poida solicitar posteriormente a súa adhesión conforme o previsto no capítulo II.
Disposición adicional segunda. Actualización dos modelos normalizados
Habilítase á persoa titular do centro directivo do que dependa a Caixa para modificar ou actualizar, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os modelos normalizados que figuran como anexos a esta orde cando resulte necesario para adaptalos á normativa vixente en cada momento.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogada a Orde do 23 de maio de 2008 pola que se establecen os requisitos para a presentación de avais ante a Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, e para a súa devolución, empregando medios electrónicos.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para a execución
Facúltase á persoa titular do centro directivo do que dependa a Caixa para adoptar cantos actos e medidas sexan necesarios para a execución da presente orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2026
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
