DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 26 de novembro de 2026 Páx. 58550

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2026, da Dirección Xeral de Cultura, pola que se publica a Resolución do 5 de novembro de 2026 de concesión do premio do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, para 2026 (código de procedemento CT237A).

No Diario Oficial de Galicia número 127, do 9 de xullo de 2026, publicouse a Orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, do 23 de xuño de 2026, pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento CT237A).

De conformidade co artigo 17.2 da citada orde, a resolución será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e por proposta do órgano instrutor, segundo o previsto no artigo 17.1.

Así mesmo, o artigo 17.3 da mesma orde establece que se publicará no Diario Oficial de Galicia de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a correspondente resolución deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Polo exposto, tras a presentación das solicitudes, unha vez finalizada a instrución e a fiscalización, e ditada o día 5 de novembro de 2026 a resolución que finaliza o procedemento,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 5 de novembro de 2026 de concesión do premio do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia para 2026 (código de procedemento CT237A), que se xunta como anexo desta resolución.

Segundo. Comunicar que a Resolución do 5 de novembro de 2026, que finaliza este procedemento, esgota a vía administrativa e contra ela poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Esta resolución tamén poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026

Anxo M. Lorenzo Suárez
Director xeral de Cultura

ANEXO

Resolución do 5 de novembro de 2026 de concesión do premio do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias
de Galicia para 2026 (código de procedemento CT237A)

Antecedentes de feito:

Primeiro. O día 23 de xuño de 2026, ditouse a orde pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento CT237A). Esta orde ten como obxectivo fomentar, visibilizar e recoñecer aquelas iniciativas desenvolvidas polas bibliotecas públicas e axencias de lectura de titularidade municipal que, a través da súa actividade, contribúan á dinamización cultural, á promoción da lectura e á inclusión social no ámbito local.

Segundo. A convocatoria regulada pola dita orde establece dúas categorías de participación segundo a poboación do concello:

– Entidades locais con poboación de ata 10.000 habitantes.

– Entidades locais con poboación superior a 10.000 habitantes.

Terceiro. No prazo establecido na convocatoria, presentáronse un total de 16 solicitudes por parte de distintos concellos galegos, acompañadas dos proxectos executados polas súas bibliotecas e/ou axencias de lectura, as cales foron tramitadas de conformidade co previsto nas bases reguladoras.

Cuarto. O día 29 de setembro de 2026 reuniuse a Comisión de Avaliación do certame, conforme o disposto na citada orde, co fin de proceder á análise dos proxectos e á súa valoración segundo os criterios previstos no artigo 16 da orde de convocatoria. Logo de deliberación, a Comisión elaborou a correspondente acta en que se recollen os proxectos que resultan excluídos por non cumpriren os requisitos establecidos no artigo 4 da orde de bases reguladoras, as puntuacións asignadas a cada iniciativa e a proposta de concesión dos premios ás iniciativas mellor valoradas en cada categoría.

Quinto. Como resultado do proceso de avaliación, a Comisión propuxo a concesión do premio Bibliotecas que inspiran 2026 aos seguintes proxectos:

– Na categoría de entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes:

O proxecto «Obxectivo: memoria local» presentado pola Biblioteca Pública Municipal Juan Fernández Latorre de Ortigueira.

– Na categoría de entidades locais cunha poboación de máis de 10.000 habitantes:

O proxecto «Legado compartido», presentado pola Biblioteca Pública Municipal de Vilalba.

Sexto. Unha vez verificada a documentación presentada polas bibliotecas seleccionadas e comprobado que ambas cumpren cos requisitos establecidos na orde de convocatoria e coa normativa vixente en materia de subvencións, a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, de conformidade co establecido no artigo 17.1 da Orde do 23 de xuño de 2026, formulou proposta de resolución.

Fundamentos de dereito:

Esta resolución susténtase no marco normativo seguinte:

– Orde do 23 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran e se convoca para o ano 2026.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada Lei 9/2007.

– Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

– Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións.

– Demais normativa de aplicación no procedemento administrativo de concesión de premios e axudas públicas.

RESOLVO:

Primeiro. Conceder o premio Bibliotecas que inspiran 2026, na categoría de entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes, ao Concello de Ortigueira, pola iniciativa desenvolvida a través da Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre, cun importe económico asociado de 3.000,00 euros.

Segundo. Conceder o premio Bibliotecas que inspiran 2026, na categoría de entidades locais cunha poboación de máis de 10.000 habitantes, ao Concello de Vilalba, pola iniciativa desenvolvida a través da Biblioteca Municipal de Vilalba, cun importe económico asociado de 3.000,00 euros.

A concesión dos premios imputarase á aplicación orzamentaria 13.03.432A.760.3, proxecto 2015 00352, cun crédito orzamentario para o ano 2026 de seis mil euros (6.000,00 €).

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben impugnala directamente a través do recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En todo caso, non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza o rexeitamento presunto do recurso de reposición.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2026. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude. P.D. (Orde do 23.6.2026). Anxo M. Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura.