Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69-Bis Mércores, 8 de abril de 2020 Páx. 18137

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 8 de abril de 2020 pola que se declara non hábil para a práctica comercial o venres 10 de abril de 2020.

O Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, na súa reunión do 15 de marzo de 2020, acordou que todos os establecementos comerciais de primeira necesidade exceptuados da suspensión no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo e neste acordo, e que, polo tanto, poden continuar abertos, terán liberdade horaria para fixaren sen limitacións os horarios dos seus establecementos comerciais.

Este acordo viña motivado pola necesidade de garantir o correcto funcionamento e o abastecemento da poboación durante a situación de emerxencia sanitaria con independencia das diferentes circunstancias que puidesen concorrer.

Así, o sector comercial de abastecemento de alimentación e bens de primeira necesidade realizou un grande esforzo para garantir este abastecemento apoiándose na profesionalidade e no tesón das persoas traballadoras deste sector, que día a día están a contribuír a un funcionamento normalizado dos mercados.

Por isto, deben ser obxecto dun recoñecemento que garanta tamén o seu descanso.

Por todo o anterior, unha vez consensuado co sector, e sen prexuízo da posterior ratificación polo Centro de Coordinación Operativa, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

DISPOÑO:

Excepcionar a aplicación do artigo cuarto do Acordo do 15 de marzo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o venres 10 de abril de 2020, día en que os establecementos comerciais deberán permanecer pechados, coa finalidade de garantir o descanso de todas as persoas que traballan no comercio polo miúdo de alimentación e bens de primeira necesidade.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria