Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69-Bis Mércores, 8 de abril de 2020 Páx. 18134

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de abril de 2020, sobre continuación da execución de contratos celebrados polo sector público autonómico.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 3 de abril de 2020, adoptou o seguinte acordo:

«Acordo sobre continuación da execución de contratos celebrados polo sector público autonómico.

I. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 12 de marzo de 2020, aprobou o Acordo mediante o que se adoptaron medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Posteriormente, na súa reunión do 13 de marzo de 2020, aprobou o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

En virtude deste último acordo, declarouse a situación de emerxencia sanitaria, activouse o Platerga e constituíuse, co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan, un Centro de Coordinación Operativa (Cecop), habilitado para adaptar ás circunstancias as previsións nel establecidas, para ditar ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como para adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer, medidas que, entre outras, poderían implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos.

II. O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

III. O artigo 34 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19, na súa redacción actual, tras as modificacións operadas polo Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no eido social e económico para facer fronte ao COVID-19, establece unha serie de regras específicas sobre a posible suspensión de determinados contratos públicos cuxa execución deveña imposible, como consecuencia do COVID-19 ou das medidas adoptadas para combatelo.

IV. Pola súa parte, o Real decreto lei 10/2020, do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o COVID-19, establece na súa disposición adicional quinta, relativa ao persoal de empresas adxudicatarias de contratos do sector público:

“O permiso retribuído recuperable regulado neste real decreto lei non resultará de aplicación ás persoas traballadoras das empresas adxudicatarias de contratos de obras, servizos e subministracións do sector público que sexan indispensables para o mantemento e seguridade dos edificios e a adecuada prestación dos servizos públicos, incluída a prestación destes de forma non presencial, todo iso sen prexuízo do establecido no artigo 34 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19”.

V. De acordo coa normativa exposta, corresponde aos órganos de contratación competentes apreciar se a execución dos distintos contratos de obras, servizos e subministracións do sector público autonómico son indispensables para o mantemento e seguridade dos edificios e a adecuada prestación dos servizos públicos, no caso específico das actividades afectadas polo Real decreto lei 10/2020, do 29 de marzo, por non estaren incluídas na lista de actividades recollida no anexo do dito real decreto lei, e, con carácter xeral, resolver as solicitudes de suspensión que, ao abeiro do artigo 34 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, presenten os contratistas que consideren que a execución do contrato deveu imposible como consecuencia do COVID-19 ou das medidas adoptadas polo Estado, as comunidades autónomas ou a Administración local para combatelo.

Tendo en conta, polo tanto, que a apreciación das circunstancias concorrentes sobre a necesidade da execución do contrato para o mantemento e seguridade dos edificios ou a adecuada prestación dos servizos públicos e sobre a posibilidade ou imposibilidade da súa execución queda atribuída a cada órgano de contratación, considérase necesario que se efectúe, con carácter previo, unha valoración das circunstancias concorrentes polo Consello da Xunta de Galicia, co fin de garantir unha coordinación, dentro do sector público autonómico, sobre os contratos cuxa execución debe continuar.

De acordo co exposto, con carácter previo á adopción, con base na normativa indicada, polos órganos de contratación competentes, xa sexa de oficio ou por instancia do contratista, de resolución en sentido favorable á continuación da execución de contratos por entender que son indispensables para o mantemento e seguridade dos edificios ou a adecuada prestación dos servizos públicos ou por considerar que a súa execución non deveu imposible como consecuencia do COVID-19 ou das medidas adoptadas polo Estado, as comunidades autónomas ou a Administración local para combatelo, deberá elevarse a proposta de continuación ao Consello da Xunta de Galicia para a súa valoración.

O indicado debe entenderse sen prexuízo de que os distintos órganos de contratación poidan adoptar as medidas cautelares que se consideren necesarias en defensa do interese xeral mentres non se acorda o pertinente polo Consello da Xunta de Galicia.

Polo exposto, adóptase o seguinte

ACORDO:

Con carácter previo á adopción, con base no artigo 34 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, ou na disposición adicional quinta do Real decreto lei 10/2020, do 29 de marzo, polos órganos de contratación competentes, de oficio ou por instancia de parte, de resolución motivada favorable á continuación da execución de contratos por entender que son indispensables para o mantemento e seguridade dos edificios ou a adecuada prestación dos servizos públicos ou por considerar que a súa execución non deveu imposible como consecuencia do COVID-19 ou das medidas adoptadas polo Estado, as comunidades autónomas ou a Administración local para combatelo, deberá someterse a proposta de continuación a valoración polo Consello da Xunta de Galicia co fin de garantir unha coordinación, dentro do sector público autonómico, sobre os contratos cuxa execución deba continuar.

O indicado anteriormente debe entenderse sen prexuízo de que os distintos órganos de contratación poidan adoptar as medidas cautelares que se consideren necesarias en defensa do interese xeral mentres non se acorda o pertinente polo Consello da Xunta de Galicia».

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza