Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69-Bis Mércores, 8 de abril de 2020 Páx. 18129

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de abril de 2020, de continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 3 de abril de 2020, adoptou o seguinte acordo:

«Acordo de continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

I. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 12 de marzo de 2020, aprobou o Acordo mediante o que se adoptaron medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Posteriormente, na súa reunión do 13 de marzo de 2020, aprobou o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

En virtude deste último acordo, declarouse a situación de emerxencia sanitaria, activouse o Platerga e constituíuse, co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan, un Centro de Coordinación Operativa (Cecop), habilitado para adaptar ás circunstancias as previsións nel establecidas, para ditar ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como para adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer, medidas que, entre outras, poderían implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos.

II. Por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, deuse publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

Neste acordo, entre outros aspectos, prevíase, conforme o disposto na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a suspensión dos termos e prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, prevíase, en cumprimento tamén do establecido no dito real decreto, que o órgano competente podía acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses do interesado no procedemento e sempre que este manifeste a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo.

Así mesmo, no referido acordo do Cecop adoptáronse unha serie de medidas que, no ámbito do sector público autonómico, contribuísen á contención da enfermidade garantindo, ao mesmo tempo, o mantemento da prestación dos servizos esenciais. Neste sentido, disponse no acordo:

– Todos os empregados públicos cuxas funcións se realicen dentro de edificios ou instalacións administrativas que permitan o seu desenvolvemento a distancia prestarán o servizo desde o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial. Para tales efectos, a Administración facilitará fórmulas de teletraballo ou de traballo a distancia.

– O persoal que desempeñe funcións de carácter esencial deberá acudir presencialmente aos seus lugares de traballo cando o desempeño das súas funcións así o exixa porque así o determinen os titulares dos seus centros directivos.

– Considéranse funcións de carácter esencial as desempeñadas polo persoal directivo, así como as vinculadas a funcións tales como a seguridade, mantemento de edificios, comunicacións e outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información, pagamento a provedores, habilitacións, gardaría forestal e ambiental, centros de recuperación da fauna e razas autóctonas, as propias do servizo de gardacostas de Galicia, servizos de alertas sanitarias en todas as súas modalidades, servizos de inspección de saúde pública e inspección ambiental, servizos de prevención e extinción de incendios de Galicia, así como todas aquelas que determinen os órganos directivos por considerárense necesarias para garantir a continuidade das funcións básicas.

III. Con posterioridade ao Acordo do Cecop do 15 de marzo publicouse no BOE número 73, do 18 de marzo, o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

IV. En consecuencia, de acordo co disposto no número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, para a continuación dos procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do dito real decreto, e que actualmente se atopan suspendidos, debe adoptarse unha decisión motivada polos órganos en cada caso competentes, que permita, se é o caso, o ditado da correspondente resolución de adxudicación do contrato ou de concesión da subvención.

V. Debe terse en conta que, de acordo coas previsións do Acordo do Cecop do 15 de marzo de 2020 citado, e tendo en conta os medios técnicos postos á súa disposición en cumprimento do dito acordo, o persoal ao servizo do sector público autonómico con funcións relacionadas cos procedementos de adxudicación de contratos en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, así como cos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento, poden continuar desempeñando a súa actividade, en condicións de normalidade na modalidade de traballo non presencial, mediante o teletraballo ou o traballo a distancia.

En particular, procede salientar que o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 14 de marzo de 2019, acordou a constitución do Nodo de contratación pública de Galicia, coa finalidade de impulsar o proceso de dixitalización da contratación pública. O Nodo de contratación pública de Galicia, que reforzou o uso de solucións dixitais no eido da contratación pública e, polo tanto, a transparencia neste eido, comprende basicamente a plataforma de contratos públicos de Galicia (CPG), o Sistema de licitación electrónica (Silex), o Sistema electrónico de facturación (SEF), o Rexistro Xeral de Contratistas (RXC) e o xestor de expedientes de contratación (Plation e Cadmo). No dito acordo determinouse que os sistemas que integran o Nodo de contratación pública de Galicia son de uso obrigatorio para a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En consecuencia, as actuacións de licitación de contratos e de tramitación de procedementos de concesión de subvencións poden realizarse contando cos medios dispoñibles.

VI. Sentado o anterior, con carácter previo á adopción da decisión de continuación dos procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación na data de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, por parte dos órganos competentes do sector público autonómico, conforme o disposto no número 4 da disposición adicional terceira do dito real decreto, considérase necesario que o Consello da Xunta de Galicia efectúe unha valoración das circunstancias concorrentes para os efectos de decidir, de forma coordinada para todo o sector público, as actuacións actualmente suspendidas que deben continuar, por referírense a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou por seren indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, tendo en conta sempre a evolución da situación de crise sanitaria, os créditos orzamentarios dispoñibles e a atención preferente das necesidades vitais e indispensables derivadas da emerxencia sanitaria.

Polo exposto, adóptase o seguinte

ACORDO:

Con carácter previo á adopción, polos órganos competentes do sector público autonómico, de resolución motivada de continuación dos procedementos de adxudicación de contratos que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento, deberá someterse a proposta de continuación a valoración polo Consello da Xunta de Galicia co fin de garantir unha coordinación, dentro do sector público autonómico, sobre as actuacións que deban continuar, por referírense a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou por seren indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, de acordo co número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, tendo en conta sempre a evolución da situación de crise sanitaria, os créditos orzamentarios dispoñibles e a atención preferente das necesidades vitais e indispensables derivadas da emerxencia sanitaria».

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza