Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69-Bis Mércores, 8 de abril de 2020 Páx. 18124

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de abril de 2020, sobre iniciación, continuación e aprobación de expedientes de contratación e de subvencións.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 3 de abril de 2020, adoptou o seguinte acordo:

«Acordo do Consello da Xunta de Galicia sobre iniciación, continuación e aprobación de expedientes de contratación e de subvencións.

I. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 12 de marzo de 2020, aprobou o Acordo mediante o que se adoptaron medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Posteriormente, na súa reunión do 13 de marzo de 2020, aprobou o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

En virtude deste último acordo, declarouse a situación de emerxencia sanitaria, activouse o Platerga e constituíuse, co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan, un Centro de Coordinación Operativa (Cecop), habilitado para adaptar ás circunstancias as previsións nel establecidas, para ditar ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como para adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer, medidas que, entre outras, poderían implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos.

II. Por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, deuse publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

Neste acordo, entre outros aspectos, prevíase, de acordo co disposto na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a suspensión dos termos e prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, prevíase, en cumprimento tamén do establecido no dito real decreto, que o órgano competente podía acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses do interesado no procedemento e sempre que este manifeste a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo.

Así mesmo, no referido acordo do Cecop adóptanse unha serie de medidas que, no ámbito do sector público autonómico, contribuísen á contención da enfermidade garantindo, ao mesmo tempo, o mantemento da prestación dos servizos esenciais. Neste sentido, disponse no acordo:

– Todos os empregados públicos cuxas funcións se realicen dentro de edificios ou instalacións administrativas que permitan o seu desenvolvemento a distancia prestarán o servizo desde o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial. Para tales efectos, a Administración facilitará fórmulas de teletraballo ou de traballo a distancia.

– O persoal que desempeñe funcións de carácter esencial deberá acudir presencialmente aos seus lugares de traballo cando o desempeño das súas funcións así o exixa porque así o determinen os titulares dos seus centros directivos.

– Considéranse funcións de carácter esencial as desempeñadas polo persoal directivo, así como as vinculadas a funcións tales como a seguridade, mantemento de edificios, comunicacións e outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información, pagamento a provedores, habilitacións, gardaría forestal e ambiental, centros de recuperación da fauna e razas autóctonas, as propias do servizo de gardacostas de Galicia, servizos de alertas sanitarias en todas as súas modalidades, servizos de inspección de saúde pública e inspección ambiental, servizos de prevención e extinción de incendios de Galicia, así como todas aquelas que determinen os órganos directivos por considerárense necesarias para garantir a continuidade das funcións básicas.

III. Con posterioridade ao Acordo do Cecop do 15 de marzo publicouse, no BOE número 73, do 18 de marzo, o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

IV. De acordo coas previsións do Acordo do Cecop do 15 de marzo de 2020 citado, e tendo en conta os medios técnicos postos á súa disposición en cumprimento do dito acordo, o persoal ao servizo do sector público autonómico con funcións relacionadas co inicio e coa tramitación de expedientes de contratación e de subvencións pode desempeñar a súa actividade, no que se refire ao ámbito interno da propia Administración xeral ou entidades instrumentais do sector público autonómico, en condicións de normalidade na modalidade de traballo non presencial, mediante o teletraballo ou de traballo a distancia.

En particular, procede salientar que o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 14 de marzo de 2019, acordou a constitución do Nodo de contratación pública de Galicia, coa finalidade de impulsar o proceso de dixitalización da contratación pública. O Nodo de contratación pública de Galicia, que reforzou o uso de solución dixitais no eido da contratación pública e, polo tanto, a transparencia neste eido, comprende basicamente a Plataforma de contratos públicos de Galicia (CPG), o Sistema de licitación electrónica (Silex), o Sistema electrónico de facturación (SEF), o Rexistro Xeral de Contratistas (RXC) e o xestor de expedientes de contratación (Plation e Cadmo). No dito acordo determinouse que os sistemas que integran o Nodo de contratación pública de Galicia son de uso obrigatorio para a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En consecuencia, as actuacións preparatorias consistentes en actos de inicio, impulso, ordenación e instrución necesarios, internos e previos á fiscalización e aprobación de expedientes de contratación e á fiscalización e aprobación das bases reguladoras e das convocatorias de subvencións, poden realizarse contando cos medios dispoñibles.

Procede salientar que, ao limitarse esta actividade ao ámbito interno da propia Administración xeral ou entidades instrumentais do sector público autonómico, non existen no procedemento terceiras persoas interesadas, no sentido establecido no número 3 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Debe terse en conta, ademais, que a aludida actividade interna preparatoria resulta de interese xeral, ademais de indispensable, necesaria e esencial para o funcionamento básico dos servizos, dado que, por unha banda, constitúe o presuposto indispensable para que se poida decidir a aprobación e publicación dos correspondentes expedientes de contratación e das bases reguladoras e convocatorias de subvencións, se é o caso, á vista da evolución das circunstancias concorrentes, e tendo en conta sempre a debida atención preferente das necesidades vitais e indispensables derivadas da emerxencia sanitaria.

E, por outra banda, a actividade interna preparatoria dos expedientes citados que se poida realizar nestes momentos evitará posibles acumulacións de traballo unha vez que se produza o levantamento da declaración do estado de alarma e da situación de emerxencia sanitaria, promovendo, polo tanto, a eficacia e eficiencia da Administración e a satisfacción por esta do interese xeral ínsito en tales expedientes. Concorren, pois, as razóns de protección de interese xeral e de garantía do funcionamiento básico dos servizos previstas no número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

V. Unha vez completada a tramitación interna dos expedientes de acordo co indicado, estímase preciso que se efectúe unha valoración das circunstancias concorrentes polo Consello da Xunta de Galicia, con carácter previo á súa fiscalización, aprobación polo órgano competente e consecuente publicidade, de ser o caso, e transcendencia externa, co fin de garantir unha coordinación, dentro do sector público autonómico, sobre as actuacións que deben aprobarse, por referirse a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou por ser indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, de acordo co número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, tendo en conta sempre a evolución da situación de crise sanitaria, os créditos orzamentarios dispoñibles e a atención preferente das necesidades vitais e indispensables derivadas da emerxencia sanitaria.

Polo exposto, adóptase o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Declarar, mentres se manteña a declaración de estado de alarma e de situación de emerxencia sanitaria, de interese xeral e indispensables para o funcionamento básico dos servizos as actuacións internas de inicio, impulso, ordenación e instrución (incluída a petición e emisión de informes) integrantes dos expedientes de contratación e de subvencións do sector público autonómico e previas aos actos de fiscalización e de aprobación, sempre que se poidan realizar cos medios persoais dispoñibles nas condicións establecidas polo Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do 15 de marzo de 2020, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

Segundo. Para estes efectos e respecto de cada expediente en particular, os correspondentes órganos competentes disporán, mediante resolución motivada, o inicio ou a continuación dos expedientes en que se dean as circunstancias anteditas ata o momento procedemental sinalado, con base no establecido nos números 3 e 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Tercero. Unha vez completada a tramitación interna dos expedientes nos termos indicados, isto é, ata o momento previo á fiscalización e á aprobación, deberá someterse a proposta de continuación de tales expedientes a valoración polo Consello da Xunta de Galicia co fin de garantir unha coordinación, dentro do sector público autonómico, sobre as actuacións que deben ser aprobadas, por referirse a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma ou por ser indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, de acordo co número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, tendo en conta sempre a evolución da situación de crise sanitaria, os créditos orzamentarios dispoñibles e a atención preferente das necesidades vitais e indispensables derivadas da emerxencia sanitaria».

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza