Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110-Bis Luns, 8 de xuño de 2020 Páx. 22638

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 88/2020, do 8 de xuño, polo que se adoptan medidas en materia de lecer nocturno de aplicación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia durante a fase 3 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. O estado de alarma, previsto cunha duración inicial de quince días naturais, foi obxecto de diversas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

Actualmente está vixente a sexta prórroga do estado de alarma, autorizada polo Congreso dos Deputados ata as 00.00 horas do día 21 de xuño. Conforme o artigo 6.1 do Real decreto 555/2020, do 5 de xuño, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, durante o período de vixencia da dita prórroga as autoridades competentes delegadas para o exercicio das funcións a que se fai referencia no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, serán o ministro de Sanidade, baixo a superior dirección do Presidente do Goberno, conforme o principio de cooperación coas comunidades autónomas, e quen exerza a Presidencia da comunidade autónoma. Engade o referido precepto que a autoridade competente delegada para a adopción, supresión, modulación e execución de medidas correspondentes á fase III do plan de desescalada será, en exercicio da súas competencias, exclusivamente quen exerza a Presidencia da comunidade autónoma, agás para as medidas vinculadas á liberdade de circulación que excedan o ámbito da unidade territorial determinada para cada comunidade autónoma para os efectos do proceso de desescalada.

Como consecuencia das modificacións operadas na Orde SND/458/2020, do 30 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 3 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, mediante a Orde SND/507/2020, do 6 de xuño, pola que se modifican diversas ordes co fin de flexibilizar determinadas restricións de ámbito nacional e establecer as unidades territoriais que progresan ás fases 2 e 3 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, a Comunidade Autónoma de Galicia, como unidade territorial, encóntrase na fase 3. Na dita fase resultarán de aplicación as medidas previstas na Orde SND/458/2020, do 30 de maio, sen prexuízo da posible supresión ou modulación de tales medidas polo presidente autonómico en virtude do disposto no artigo 6.1 do Real decreto 555/2020, do 5 de xuño, antes citado.

Neste momento de evolución favorable da pandemia na Comunidade Autónoma de Galicia, é necesario actuar con cautela e precaución na reapertura de determinados establecementos, como son os de lecer nocturno. Neste sentido, de acordo co informe emitido pola Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública, polo mecanismo de transmisión do COVID-19, o lecer nocturno ofrece, a priori, unha das situacións con maior potencial de transmisión da enfermidade das que se poden dar na convivencia habitual, polos motivos seguintes:

– Reúne unha gran cantidade de persoas que, ademais, adoitan ter contacto estreito con moitas persoas diferentes.

– Destes contactos non se pode esperar que sexan breves e mantendo a distancia de seguridade.

– Moitos dos contactos ocorren en lugares pechados, que están asociados a eventos de supertransmisión.

– Moitas das persoas visitan varios destes lugares nunha soa noite.

– Ao limitarse a capacidade interior é moi factible que se acumule a xente fóra do local e, dado que hai unha concentración de locais en determinadas rúas, daríase unha aglomeración de xente superior á recomendable.

– Pola cantidade e variedade de contactos, sería complicado trazar axeitadamente calquera transmisión asociada a este tipo de lecer, feito que faría máis difícil o control da transmisión.

Así, en atención ao principio de precaución que debe rexer as actuacións en materia de saúde pública, procede manter pechados os locais destinados a discotecas e establecementos de lecer nocturno polo menos mentres a Comunidade Autónoma de Galicia permaneza na fase 3.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, e ao abeiro do disposto no artigo 6.1 do Real decreto 555/2020, do 5 de xuño,

DISPOÑO:

Artigo único. Medidas en materia de lecer nocturno

Durante a fase 3 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade permanecerán pechados, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os locais de discotecas e establecementos de lecer nocturno.

Disposición derradeira única. Efectos

Este decreto producirá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xuño de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente