Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114-Bis Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23498

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás familias con nenas e nenos de ata doce anos de idade para a conciliación na situación xerada pola COVID-19 a través do programa Bono coidado extraordinario (código de procedemento BS900C).

BDNS (Identif.) 510291.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Coidado extraordinario os/as pais/nais, titores/as, ou as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as de ata doce anos de idade residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

a) Ter unha nena ou un neno nacida/o con posterioridade ao 31 de agosto de 2007.

b) Ambos proxenitores, ou o único no caso de familias monoparentais ou proxenitores con custodia non compartida, traballando.

Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo no que esta se exerza efectivamente, debendo presentar, nestes casos, cada proxenitor unha solicitude individual.

c) Ter uns salarios netos da unidade familiar da última mensualidade respecto do momento de presentación da solicitude, detraendo o rateo da paga extraordinaria se a houber, ou os rendementos netos da unidade familiar no caso de persoas traballadoras autónomas, non superen os 2.500 € ou, de superalos, non sexan superiores aos 806 € per cápita.

2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás familias con nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, que teñan a súa residencia en Galicia para a conciliación da vida familiar e laboral durante o tempo de suspensión de actividade nas escolas infantís 0-3 e centros de ensino non universitario como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (código de procedemento BS900C), así como proceder á súa convocatoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás familias con nenas e nenos de ata doce anos de idade para a conciliación na situación xerada pola COVID-19 a través do programa Bono coidado extraordinario (código de procedemento BS900C).

Cuarto. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dezaoito millóns de euros (18.000.000 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.121.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Gastos subvencionables

Poderán ser obxecto destas axudas as seguintes actuacións dirixidas á atención de nenos e nenas menores de 12 anos e realizadas dentro do período subvencionable:

a) Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.

b) Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar destinada ao coidado dos nenos e nenas. Consideraranse tamén neste suposto as ampliacións de contratos laborais preexistentes que se realicen con esta finalidade.

c) Pase a situación de excedencia por coidado de fillos/as, ou redución da xornada de traballo pola mesma causa do/da pai/nai, titor/a, ou a/s persoa/s que teñan o neno ou nena en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva, sempre que supoña unha redución efectiva nas retribucións.

Consideraranse tamén as reducións da xornada de traballo preexistentes que se adaptasen ou modificasen con esta finalidade. Non serán obxecto de subvención os períodos durante os que se perciba a prestación por nacemento ou coidado de persoa menor no marco da normativa da Seguridade Social.

2. O período subvencionable ao abeiro desta convocatoria comprenderá dende o 16 de marzo ata que se levante a suspensión das actividades como medida preventiva de saúde pública nas escolas infantís 0-3 e nos centros de ensino non universitarios non podendo estenderse, en ningún caso, máis alá do exercicio orzamentario vixente.

Sexto. Tipos de axuda e contías

1. A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo da contratación ou do importe da redución das retribucións cun límite máximo global de 500 €/mes por unidade familiar beneficiaria.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social