Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114-Bis Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23473

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás familias con nenas e nenos de ata doce anos de idade para a conciliación na situación xerada pola COVID-19 a través do programa Bono coidado extraordinario (código de procedemento BS900C).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de Servizos Sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer ás familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Plan estratéxico rexional Galicia 2015-2020 recolle un paquete integral de medidas para avanzar no obxectivo de crear en Galicia un ambiente social favorable para vivir, para formar unha familia e para que cada quen poida ter os fillos e fillas que desexe.

A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), área que ten como obxectivo propiciar un ambiente social favorable no que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo e na que se prevé, entre outras medidas, a posta a disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

Na Comunidade Autónoma de Galicia por Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública, que foron seguidas da declaración, por Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Como consecuencia da situación sanitaria actual e dado o importante impacto económico que supón a atención das necesidades de conciliación ben sexa mediante excedencia laboral ou redución da xornada de traballo ou mediante a contratación de servizos ou dunha persoa para a atención e coidado, as familias con fillos e fillas pequenos nas que ambos proxenitores, ou o único no caso de familias monoparentais, están traballando, vense en moitos casos na situación de ter que optar entre poñer en risco o mantemento da súa actividade laboral ou recorrer ao apoio das avoas e avós, persoas susceptibles de afectación grave por esta enfermidade.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño e demais normativa de desenvolvemento da Lei 38/2003, do17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; tendo en conta en todo caso os principios de: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ao que foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás familias con nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, que teñan a súa residencia en Galicia para a conciliación da vida familiar e laboral durante o tempo de suspensión de actividade nas escolas infantís 0-3 e centros de ensino non universitario como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (código de procedemento BS900C), así como proceder á súa convocatoria.

As axudas previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e a finalidade das subvencións non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dezaoito millóns de euros (18.000.000 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.121.

2. Realizarase unha desconcentración inicial do 50 % do crédito dispoñible entre as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social en función do número de menores de trece anos de cada provincia, acudíndose aos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para efectuar o reparto. O crédito restante será desconcentrado sucesivamente en función das solicitudes presentadas en cada provincia de modo que se garanta que no caso de que o crédito se esgote se respecte en todo caso a orde de presentación de solicitudes a nivel autonómico.

3. A Consellería de Política Social publicará no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Consellería de Política Social o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Coidado extraordinario os/as pais/nais, titores/as, ou as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as de ata doce anos de idade residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

a) Ter unha nena ou un neno nacida/o con posterioridade ao 31 de agosto de 2007.

b) Ambos proxenitores, ou o único no caso de familias monoparentais ou proxenitores con custodia non compartida, traballando.

Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo no que esta se exerza efectivamente, debendo presentar, nestes casos, cada proxenitor unha solicitude individual.

c) Ter uns salarios netos da unidade familiar da última mensualidade respecto do momento de presentación da solicitude, detraendo o rateo da paga extraordinaria se a houber, ou os rendementos netos da unidade familiar no caso de persoas traballadoras autónomas, non superen os 2.500 € ou, de superalos, non sexan superiores aos 806 € per cápita.

2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Gastos subvencionables

Poderán ser obxecto destas axudas as seguintes actuacións dirixidas á atención de nenos e nenas menores de 12 anos e realizadas dentro do período indicado no artigo 5.2:

a) Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.

b) Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar destinada ao coidado dos nenos e nenas. Consideraranse tamén neste suposto as ampliacións de contratos laborais preexistentes que se realicen con esta finalidade.

c) Pase a situación de excedencia por coidado de fillos/as, ou redución da xornada de traballo pola mesma causa do/da pai/nai, titor/a, ou a/s persoa/s que teñan o neno ou nena en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva, sempre que supoña unha redución efectiva nas retribucións.

Consideraranse tamén as reducións da xornada de traballo preexistentes que se adaptasen ou modificasen con esta finalidade. Non serán obxecto de subvención os períodos durante os que se perciba a prestación por nacemento ou coidado de persoa menor no marco da normativa da Seguridade Social.

Artigo 5. Tipo de axuda e contía

1. A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo da contratación ou do importe da redución das retribucións cun límite máximo global de 500 €/mes por unidade familiar beneficiaria.

2. O período subvencionable ao abeiro desta convocatoria comprenderá desde o 16 de marzo ata que se levante a suspensión das actividades como medida preventiva de saúde pública nas escolas infantís 0-3 e nos centros de ensino non universitarios non podendo estenderse, en ningún caso, máis alá do exercicio orzamentario vixente.

Artigo 6. Renda per cápita

1. Para os efectos de determinación da renda per cápita da unidade familiar seguiranse as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/da pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

4º. As e os menores en situación de acollemento familiar.

b) Tomarase o importe neto dos salarios da unidade familiar na última mensualidade respecto do momento de presentación da solicitude, detraendo o rateo da paga extraordinaria se a houber. No suposto de persoas autónomas este cálculo realizarase a partir dos datos de rendemento neto que consten no modelo 130 ou 131 da declaración do IRPF do primeiro trimestre de 2020.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a dita unidade familiar.

Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

Artigo 7. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibírense outras axudas deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas supere o custo do servizo recibido.

4. As persoas interesadas deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 8. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A obrigatoriedade de emprego de medios electrónicos por parte das persoas solicitantes responde á necesidade de dar cumprimento áxil e eficaz á finalidade desta convocatoria e ampárase no previsto no artigo 10.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, dado que se dirixe a un colectivo que exerce unha actividade laboral ou profesional e, polo tanto, no que se presume a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios e que conta coa capacidade técnica precisa para garantir o acceso a eles. Todo isto sen prexuízo de que as persoas interesadas que o precisen conten, para a formalización da solicitude e demais trámites do procedemento, co soporte técnico existente na propia Sede electrónica, nos rexistros xerais da Xunta de Galicia, dotados con equipos informáticos e persoal de apoio, así como do persoal da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e das Xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos dos membros da unidade familiar.

b) Certificado de empadroamento das persoas menores que non dispoñan de documento nacional de identidade (DNI).

c) Certificado da empresa na que traballe cada proxenitor, acreditativo de que está efectivamente traballando, do seu horario de traballo e do período de desfrute das vacacións na anualidade 2020 ou declaración responsable destas circunstancias e documentos de alta censual (modelo 036) e de alta na Seguridade Social para o caso de traballadores/as autónomos/as.

d) Copia das nóminas do último mes respecto da data de presentación da solicitude de todos os membros da unidade familiar que estean traballando por conta allea. No suposto de persoas traballadoras autónomas modelo 130 ou 131 da declaración do IRPF do primeiro trimestre de 2020.

e) Copia do/s libro/s de familia ou, no seu defecto, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.

f) No suposto de excedencia ou redución de xornada para o coidado de fillos e fillas:

1º. Certificado de empresa acreditativo dos termos exactos do exercicio do dereito á excedencia ou redución, onde conste a xornada laboral que realizaba ata o momento de acollerse a ela e a súa relación coa xornada a tempo completo segundo o convenio colectivo de aplicación, así como a súas data de inicio e fin.

2º. Documento da Seguridade Social que acredite a baixa por excedencia, ou a modificación de datos de cotización por redución de xornada, para o coidado de fillos e fillas e o tempo da anualidade 2020 durante o que se percibiu a prestación por nacemento e coidado, de ser o caso. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social, certificación oficial que corresponda.

No suposto de persoas socias traballadoras ou socias de traballo das sociedades cooperativas que coticen no réxime especial de autónomos da Seguridade Social non se lles exixirá a baixa por excedencia. Nese caso, deberán presentar certificado da sociedade cooperativa acreditando a súa condición de persoas socias traballadoras ou socias de traballo das sociedades cooperativas, a situación de excedencia ou redución de xornada, tipo de contrato a tempo completo ou a tempo parcial, períodos de tempo en actuación subvencionable, tipo de cotización e se a mesma foi alterada na situación de excedencia ou redución de xornada.

A documentación prevista nesta letra f) substituirase pola solicitude, selada pola empresa, do pase á situación de excedencia ou redución de xornada onde consten a data de inicio e fin e os termos exactos do seu exercicio, nos casos de estar pendente a resolución da empresa na data da solicitude da axuda.

g) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas por outra Comunidade autónoma.

h) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só cando se trate de tutelas formalizadas por outra Comunidade autónoma.

i) Copia da resolución administrativa de acollemento familiar, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra Comunidade autónoma.

j) Documentación acreditativa da monoparentalidade, cando fora expedida por outra Comunidade autónoma.

k) Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, nos casos de familias con custodia compartida ou formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.

2. Ademais, no apartado correspondente do anexo I farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración Xeral do Estado e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme ao artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que se está ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que a persoa solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante, da persoa cónxuxe ou parella e das demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, da persoa cónxuxe ou parella e das demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso.

d) Certificación da persoa solicitante de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificación da persoa solicitante de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación da persoa solicitante de estar ao día nas obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Resolución xudicial ou administrativa que declara a adopción ou a garda con fins adoptivos formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Resolución xudicial ou administrativa que declara a situación de tutela formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Resolución administrativa de acollemento formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificado de monoparentalidade expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas neste procedemento se opoñan á consulta dos datos ou documentos elaborados polas administracións públicas deberán facer constar a súa oposición expresa no cadro habilitado para estes efectos no anexo I e no anexo II, de ser o caso, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde aos Servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no correlativo artigo 31.4, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao seu arquivo, sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación da conselleira de Política Social, ás persoas titulares das xefaturas territoriais da dita consellería, que deberán resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será dun mes contado desde o día seguinte a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Para as notificacións electrónicas as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao amparo da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse ben o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente o recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta fose expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta do dito recurso.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 17. Anticipos de pagamento

1. De acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez notificada a concesión da axuda realizarase un pagamento de ata 2.200 euros en concepto de anticipo para o suposto de actuacións iniciadas no mes de marzo. Esta contía reducirase proporcionalmente no caso de actuacións iniciadas con posterioridade.

2. En base ao disposto na letra f) do artigo 65.4 do dito decreto, as persoas beneficiarias quedan exoneradas da constitución de garantía.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. Con base no establecido no título III, artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias deberán xustificar as actuacións realizadas no prazo dun mes a partir do día en que se levante a suspensión da actividade, e en todo caso antes do 31 de decembro de 2020. A xustificación realizarase mediante a presentación da solicitude de pagamento (anexo III) acompañada da seguinte documentación:

a) No caso de contratación de servizos de atención a domicilio:

1º. Facturas (ou documentos de valor probatorio equivalente) dos gastos realizados onde conste expresamente a identificación (nome e DNI/NIE) da persoa beneficiaria da axuda e do/s neno/s ou nena/s que recibe/n o servizo e o día e hora/s nos que se prestou e o nome e NIF da persoa ou empresa que emite a factura e prestou o servizo.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

2º. Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura.

b) No caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou ampliación das horas de prestación do servizo:

1º. Contrato de traballo onde conste expresamente o período de contratación, o seu obxecto e o intervalo horario no que se presta o servizo.

2º. Xustificantes bancarios do pagamento do salario e das cotas da Seguridade Social.

c) No caso de excedencia ou redución da xornada de traballo:

1º. Nóminas do período subvencionado.

2º. Documentación á que se refire o artigo 8.2.f) sempre que a situación que dá dereito á axuda fose posterior á data de presentación da solicitude.

2. A documentación recollida no número anterior deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente.

Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá ao beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente debidamente.

3. As xefaturas territoriais realizarán as comprobacións necesarias antes da liquidación do importe final da axuda e poderán exixir xustificacións complementarias cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 20. Reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e de ser o caso nas normas reguladoras da subvención.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento das condicións impostas pola administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

f) Incumprimento das condicións impostas pola administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro parcial no suposto de non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión do servizo subvencionado o que suporá a perda dun 5 % do importe da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de mora, de acordo co previsto no artigo 34 Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 21. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Publicidade

1. De conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción previstos nas ditas normas.

2. Non obstante o anterior, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS900C, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal ou do portal da Consellería de Política Social http://politicasocial.xunta.gal, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, nos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, no teléfono 012 e no enderezo electrónico bonocoidadoextraordinario@xunta.gal ou no teléfonos das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recabados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as instrucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file