Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116-Bis Luns, 15 de xuño de 2020 Páx. 23769

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 15 de xuño de 2020 pola que se adoptan medidas excepcionais e temporais relativas á presentación de declaracións e autoliquidacións e ao pagamento de determinados impostos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Conforme os artigos 48.2, 49.2 e 50.2 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, así como o disposto na Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, a Comunidade Autónoma galega posúe competencia normativa para regular os aspectos de xestión, liquidación e aplicación dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, sobre sucesións e doazóns e dos tributos cedidos sobre o xogo. En coherencia co anterior, e en relación con estes tributos cedidos, os artigos 21.4, 30 e 31 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, habilitan a consellería competente en materia de facenda para determinar, mediante orde, os prazos de presentación das declaracións, autoliquidacións e documentación complementaria, así como o ingreso da débeda tributaria autoliquidada. Dos ditos preceptos resulta que a competencia para a fixación de tales prazos, a través dunha regulación xeral de desenvolvemento dos preceptos citados, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de facenda. Con todo, tal desenvolvemento normativo, no aspecto indicado, só se produciu na actualidade respecto de determinados tributos cedidos sobre o xogo; en consecuencia, e como regulación de carácter xeral para os restantes casos, aplicouse a correspondente normativa estatal de cada tributo.

Como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, o 13 de marzo de 2020 o Consello da Xunta de Galicia acordou a declaración de situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e, en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o Estado declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 por un período inicial de quince (15) días naturais, que posteriormente se foi prorrogando en función do avance da enfermidade. Neste momento o estado de alarma esténdese ata o 21 de xuño, conforme o previsto no Real decreto 555/2020, do 5 de xuño, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, ben que no propio real decreto se prevé o posible levantamento das medidas propias do estado de alarma con anterioridade naqueles territorios que superen todas as fases previstas no Plan para a transición cara a unha nova normalidade, aprobado polo Consello de Ministros o 28 de abril de 2020. Con todo, o levantamento das medidas propias do estado de alarma dará paso, como se indica no dito plan, a unha nova normalidade na cal se deberán manter medidas de prevención e protección.

Ademais do anterior, a epidemia do coronavirus COVID-19 trouxo como consecuencia unha paralización da actividade económica en moitos sectores coa consecuente perda de ingresos, o que provoca en moitos cidadáns e empresas problemas transitorios de liquidez ata que a actividade económica volva funcionar con normalidade.

Por todo o anterior, resulta obrigado non só adoptar determinadas medidas de continxencia dirixidas á prevención e á protección da saúde tanto do persoal ao servizo da Administración tributaria como dos contribuíntes, senón tamén outorgar a estes últimos prazos máis amplos para compasar os ingresos tributarios á recuperación da actividade económica.

A Comunidade Autónoma de Galicia xa adoptou, a través da Orde do 27 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas excepcionais e temporais relativas á presentación de declaracións e autoliquidacións e ao pagamento de determinados impostos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, ampliacións de prazos para o cumprimento destas obrigacións tributarias en relación cos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, sobre sucesións e doazóns e dos tributos cedidos sobre o xogo, ampliándoos ata o 30 de xuño de 2020 ou, se o estado de alarma finalizase con posterioridade a esta última data, ata que transcorrese un mes contado desde a data de finalización do estado de alarma.

Non obstante, á vista da evolución da enfermidade, que, pese a ser favorable, obriga a manter medidas de prevención incluso na nova normalidade, e da incidencia da pandemia na situación económica, cómpre adoptar medidas adaptadas ás actuais circunstancias.

Coas finalidades indicadas, adóptanse a través desta orde medidas de carácter excepcional e vixencia temporalmente limitada, en relación cos prazos de cumprimento das obrigacións tributarias relativas á presentación de declaracións e autoliquidacións e ao ingreso da débeda tributaria autoliquidada dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, sobre sucesións e doazóns e dos tributos cedidos sobre o xogo cuxa xestión compete á Comunidade Autónoma galega.

Estas medidas consisten na ampliación dos prazos que, conforme a normativa reguladora dos tributos, finalicen no período comprendido entre o 14 de marzo, data de entrada en vigor do estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e o 31 de outubro de 2020, ata esta última data. Ademais, dado que esta ampliación tamén afecta o imposto sobre sucesións, cómpre prever un prazo específico, adaptado á dita ampliación, para pedir a prórroga de presentación a que se refiren os artigos 68 e 87 do Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns, aprobado polo Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro, para que non perda efectividade o devandito dereito.

Xunto a isto, en relación cos tributos sobre o xogo, para aqueles supostos en que as obrigacións tributarias se cumpren de forma periódica ao longo do ano, en períodos fixados nos vinte primeiros días naturais de cada trimestre ou de cada mes, permítese que as persoas obrigadas poidan cumprir as obrigacións mensuais ou trimestrais correspondentes ao ano 2020 devindicadas ata o 30 de setembro ao longo do mes de outubro e, no caso de aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible provisional acumulada, dunha única vez mediante unha declaración e unha autoliquidación correspondentes a toda a actividade desenvolta desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro.

A competencia para ditar esta orde deriva, por unha banda, da competencia normativa autonómica antes citada e, por outra banda, por ser a fixación dos prazos a que se refire unha materia de competencia material da persoa titular da consellería de facenda, tal e como se infire dos preceptos do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, a que se aludiu anteriormente, pois se tales preceptos habilitan para o desenvolvemento normativo do texto refundido neste aspecto, cabe entender que a mesma competencia rexerá para establecer unha regra, excepcional e temporal, relativa a tales prazos, así como do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

En canto á estrutura da orde, esta consta dun artigo único, en que se recollen as medidas excepcionais necesarias, unha disposición derrogatoria, pola que se derroga a Orde do 27 de marzo de 2020, e unha disposición derradeira relativa á inmediata entrada en vigor da disposición, tendo en conta as razóns de urxencia concorrentes, ante a necesidade de adoptar sen demora medidas actualizadas e adaptadas ás actuais circunstancias.

A tramitación da presente orde axustouse ás previsións da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aínda que, tendo en conta a evidente urxencia e a concorrencia das graves razóns de interese público que demandan a adopción desta disposición, ante a necesidade de adoptar sen demora medidas actualizadas e adaptadas á actual situación económica e de emerxencia sanitaria creada polo coronavirus, prescindiuse dos trámites de consulta pública previa, audiencia e información pública, de conformidade co disposto nos artigos 41.2 e 42.5 da devandita lei.

En atención ao exposto, a presente orde axústase aos principios de boa regulación do artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así, en cumprimento dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, transparencia e eficiencia, identifícanse os obxectivos perseguidos e as razóns de interese xeral a que atende a regulación e establécense as medidas adecuadas para atender tales obxectivos e razóns sen impoñer novas obrigacións ou medidas restritivas á cidadanía pois, pola contra, a finalidade da regulación é a de posibilitar o cumprimento de determinadas obrigacións tributarias. Ademais, en cumprimento do principio de seguridade xurídica, configúrase unha regulación excepcional e de vixencia temporal necesaria para facer fronte á situación derivada da pandemia do coronavirus.

En consecuencia, de acordo coa competencia establecida no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Medidas excepcionais e temporais en relación cos prazos para a presentación de declaracións e autoliquidacións e para o pagamento de determinados impostos

1. Os prazos para a presentación de declaracións e autoliquidacións e para o ingreso da débeda tributaria autoliquidada dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e sobre sucesións e doazóns, cuxa xestión corresponda á Comunidade Autónoma galega e que, conforme a normativa reguladora do correspondente tributo, finalicen no período comprendido entre a data de entrada en vigor do estado de alarma, declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e o 31 de outubro de 2020, amplíanse ata esta última data.

2. Nos casos previstos no número anterior, as persoas interesadas poderán solicitar a prórroga prevista nos artigos 68 e 87 do Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns, aprobado mediante o Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro, ata o 30 de setembro de 2020.

3. Os suxeitos pasivos dos tributos cedidos que gravan o xogo de bingo, de casinos e as apostas deportivas e de competición cuxo rendemento corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia poderán cumprir as obrigas tributarias relativas á presentación de declaracións e autoliquidacións e, de ser o caso, ao pagamento da débeda autoliquidada polo xogo realizado desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro do ano 2020, descontando os ingresos correspondentes ao ano 2020 que previamente autoliquidasen. Esta declaración e autoliquidación únicas poderán presentalas no prazo que abrangue desde o 1 ata o 31 de outubro de 2020.

O anterior enténdese sen prexuízo da posibilidade de cumprimento das obrigacións tributarias indicadas conforme o réxime xeral previsto na normativa reguladora dos correspondentes tributos.

4. Os prazos para a presentación de declaracións e autoliquidacións e, de ser o caso, para o ingreso da débeda tributaria autoliquidada dos tributos cedidos sobre o xogo que gravan o resto de modalidades de xogo distintas das previstas no número 3, cuxo rendemento corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia que, conforme a súa normativa reguladora, finalicen no período comprendido entre a data de entrada en vigor do estado de alarma, declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e o 31 de outubro de 2020, amplíanse ata esta última data.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 27 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas excepcionais e temporais relativas á presentación de declaracións e autoliquidacións e ao pagamento de determinados impostos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda