Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167-Bis Mércores, 19 de agosto de 2020 Páx. 33025

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 19 de agosto de 2020 sobre mantemento das medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de agosto de 2020, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para eses efectos, ditouse a Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 8 de agosto de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, do 8 de agosto de 2020.

Na Orde do 12 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada mantivéronse as restricións existentes na Orde do 7 de agosto de 2020 e estableceuse como medida de prevención adicional que os establecementos e locais comerciais deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e /ou horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.

Así mesmo, incorporouse unha recomendación de autoprotección ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables ao COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, para que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas.

Por outro lado, insistiuse no ditado das instrucións oportunas para a limitación das visitas aos centros sanitarios da área da Coruña, establecendo, no caso de enfermos hospitalizados, a limitación dunha persoa por paciente, preferiblemente menor de 70 anos e que non padeza enfermidades crónicas, e que, no caso da atención ambulatoria, soamente se permitirá un acompañante no caso de que a persoa atendida sexa dependente ou menor de idade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 12 de agosto foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 54/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña, do 14 de agosto de 2020.

De acordo coa Orde do 12 de agosto, as medidas cuxa eficacia se mantén, así como a medida e a recomendación adicionais introducidas serán obxecto de seguimento e avaliación continúa e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

De acordo co informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, confírmase o incremento dos casos e taxas de infección na comarca da Coruña iniciado o día 6 de agosto e que motivou a adopción das medidas extraordinarias postas en marcha o día 7. Así mesmo, indica que o aumento de cadeas de transmisión independentes e a porcentaxe de casos orfos da comarca sinala que existe transmisión comunitaria, aínda que de intensidade descoñecida. Porén, a incidencia acumulada nos últimos tres días presenta unha mellora. O informe recomenda continuar coas medidas restritivas postas en marcha o día 7, sen prexuízo de que resalte que é preciso extremar o control sobre as medidas vixentes, especialmente en canto ás limitacións aos grupos de persoas e á limitación de horarios e capacidade dos establecementos, especialmente no sector da hostalaría.

En particular, debe terse en conta que a Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, ditada a consecuencia da Orde comunicada do ministro de Sanidade, do 14 de agosto de 2020, mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública para responder ante a situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19, supón xa, para toda Galicia, a adopción dunha serie de medidas, entre as que se encontran, ademais do peche dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, outras que, por ser máis restritivas que as previstas nas medidas específicas aprobadas para a comarca da Coruña, serán de aplicación nesta, como, en particular, as aprobadas para a hostalaría, consistentes no necesario mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes situados nas mesas ou agrupacións de mesas, que deberán ser acordes co número de persoas. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas en toda a comarca. Así mesmo, non poderá permitirse nestes establecementos o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas. Polo contrario, debe advertirse que as medidas específicas máis restritivas aprobadas para os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros na Orde do 7 de agosto continuarán en vigor, como a consistente na prohibición de consumo na barra. Polo exposto, procede adaptar nestes aspectos o anexo da Orde do 7 de agosto.

Así, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención e da recomendación previstas na Orde do 12 de agosto de 2020, sen prexuízo de que as ditas medidas deban seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto cuarto da Orde do 12 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Mantemento das medidas de prevención e da recomendación de autoprotección previstas na Orde do 12 de agosto de 2020

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense a eficacia das medidas de prevención e da recomendación de autoprotección previstas na Orde do 12 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. Modificación do anexo da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada

O anexo da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, queda modificado como segue:

Un. O número 3.8.2 do anexo queda redactado como segue:

«2. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo na barra».

Dous. O número 3.8.4 do anexo queda redactado como segue:

«4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas».

Tres. O número 3.8.5 do anexo queda redactado como segue:

«5. Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada sen que poida permitirse o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas».

Terceiro. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 20 de agosto de 2020.

As medidas e recomendación adicional cuxa eficacia se mantén serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade