Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174-Bis Venres, 28 de agosto de 2020 Páx. 34482

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 28 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e se dispón a publicación da Orde comunicada do ministro de Sanidade, do 27 de agosto de 2020, mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte ao COVID-19 para centros educativos durante o curso 2020/21.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo. Deste modo, mediante ordes da Consellería de Sanidade, do 12, 15, 25 e 27 de agosto de 2020, introducíronse determinadas modificacións no anexo.

Logo do acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, adoptado en coordinación coa Conferencia Sectorial de Educación, sobre a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte ao COVID-19 para centros educativos durante o curso 2020/21, adoptado o día 27 de agosto, foron declaradas polo Ministerio de Sanidade, o mesmo día, como actuación coordinada en saúde pública para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19, de acordo co establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, unha serie de medidas e recomendacións relativas a estes centros educativos para o curso 2020/21.

Neste sentido, a Orde comunicada expresa: «a evolución da situación epidemiolóxica, a diversidade e heteroxeneidade dalgunhas das medidas adoptadas nos diferentes territorios e a necesidade de aliñar os esforzos conxuntos de todas as autoridades sanitarias, aconsellan establecer un mínimo común de medidas que deberán ser adoptadas polas comunidades autónomas no ámbito competencial que lles é propio, utilizando a figura da declaración de actuacións coordinadas en saúde pública prevista no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde.

Estas medidas tómanse tendo en conta a situación epidemiolóxica actual e adaptaranse ao escenario existente en cada momento, axustándose á baixa ou facéndose máis exixentes, segundo a valoración que fagan da evolución epidemiolóxica da pandemia os órganos do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

En concreto, esta declaración de actuacións coordinadas inclúe 23 medidas e 5 recomendacións para a súa aplicación por parte das administracións competentes, tomando en consideración as propostas discutidas no seo da Conferencia Sectorial de Educación.

Esta declaración de actuacións coordinadas vén referida a un ámbito material no cal a Administración xeral do Estado ten atribuídas funcións de coordinación xeral da sanidade, de acordo coa orde constitucional de distribución de competencias, e inclúe todas as comunidades autónomas e cidades autónomas de Ceuta e Melilla para os efectos previstos no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde».

A Orde comunicada motiva tamén que «a evidencia apunta a que os nenos, nenas e adolescentes teñen menor probabilidade de sufrir complicacións da enfermidade e que a maioría deles presentan un cadro de infección leve ou asintomática. Ademais, aínda non existe suficiente evidencia científica con respecto ao papel que teñen os nenos e as nenas na transmisión da enfermidade, aínda que parecen ter unha menor capacidade de transmisión en contextos de transmisión comunitaria controlada».

Ademais, continúa, «na actualidade aínda se descoñece de maneira precisa o impacto positivo que o peche das escolas ten nos niveis de transmisión comunitaria do COVID-19. Con todo, a evidencia dispoñible indica que o peche de centros educativos, como medida illada, ten pouca probabilidade de ser efectivo para controlar a transmisión. Ademais, observouse que, cando se aplican medidas adecuadas de prevención e hixiene, as escolas non son espazos onde se produza maior propagación que outros contornos da comunidade, como o laboral ou o de lecer. Por todo iso, as decisións sobre as medidas de control e o peche ou apertura dos centros educativos deben ser coherentes coas decisións sobre outras medidas de resposta de distanciamento físico e saúde pública dentro da comunidade e nunca establecerse como medidas illadas».

Cabe destacar que, de acordo co número 2 do artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, as medidas contidas na declaración de actuacións coordinadas polo Ministerio de Sanidade resultan de obrigado cumprimento, polo que se debe proceder á adaptación das medidas autonómicas.

No Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, no cal se adoptaron medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, xa se incorporaron unha serie de medidas relativas a centros docentes, entre as cales se atopaba a elaboración e aprobación por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dun protocolo de prevención e organización do regreso á actividade lectiva, onde se recollían as recomendacións sanitarias aprobadas ata o momento. Este protocolo, elaborado polo grupo de traballo constituído para tal fin e consensuado no seo da Comisión clínica para a xestión da crise sanitaria do COVID-19, xa incorporaba a práctica totalidade das medidas recollidas no referido acordo do Consello Interterritorial de Saúde, pero, en calquera caso, considérase necesario dispoñer formalmente a necesaria adaptación do protocolo ás medidas recollidas na Orde comunicada.

Así mesmo, tendo en conta a importancia da materia, disponse a publicación como anexo a esta orde da Orde comunicada do Ministerio de Sanidade, para os efectos de facilitar o seu coñecemento polos centros de ensino, comunidade educativa e a cidadanía en xeral.

En atención ao exposto, de acordo co disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente dada polo Acordo do Consello da Xunta, do 30 de xullo de 2020, e na condición de autoridade sanitaria conforme o previsto no artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

O número 5.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, queda modificado como segue:

«3. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional elaborará e aprobará, mediante resolución, un protocolo de prevención e organización do regreso á actividade lectiva onde se recollerán as recomendacións sanitarias aprobadas ata o momento. O dito protocolo será supervisado pola consellería con competencias en materia de sanidade.

No dito protocolo incorporaranse as medidas relativas a centros educativos declaradas como actuacións coordinadas en saúde pública, de acordo co establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e recollidas na Orde comunicada do ministro de Sanidade, do 27 de agosto de 2020, pola que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte ao COVID-19 para centros educativos durante o curso 2020/21, que se recolle como anexo da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Do mesmo xeito, os centros de ensino privado non concertados que se encontren na Comunidade Autónoma de Galicia deberán incorporar nos seus protocolos de funcionamento as medidas establecidas na citada Orde comunicada do ministro de Sanidade, do 27 de agosto de 2020, pola que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte ao COVID-19 para centros educativos durante o curso 2020/21».

Segundo. Publicación da Orde comunicada do ministro de Sanidade, do 27 de agosto de 2020, mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte ao COVID-19 para centros educativos durante o curso 2020/21

Para efectos do coñecemento polos centros de ensino, comunidade educativa e pola cidadanía en xeral, disponse a publicación como anexo a esta orde da Orde comunicada do ministro de Sanidade, do 27 de agosto de 2020, mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte ao COVID-19 para centros educativos durante o curso 2020/21.

Terceiro. Eficacia

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ORDE COMUNICADA DO MINISTRO DE SANIDADE, DO 27 DE AGOSTO DE 2020, MEDIANTE A QUE SE APROBA A DECLARACIÓN DE ACTUACIÓNS COORDINADAS EN SAÚDE PÚBLICA FRONTE AO COVID-19 PARA CENTROS EDUCATIVOS DURANTE O CURSO 2020/21.

A Organización Mundial da Saúde elevou o pasado 11 de marzo de 2020 a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 a pandemia internacional.

A rapidez na evolución dos feitos, a escala nacional e internacional, requiriu a adopción de medidas inmediatas e eficaces para facer fronte a esta crise sanitaria sen precedentes e de enorme magnitude. Neste sentido, o estado de alarma declarado mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, permitiu facer fronte á situación de emerxencia sanitaria con medidas para protexer a saúde e a seguridade dos cidadáns, conter a propagación da enfermidade e reforzar o Sistema nacional de saúde.

Tras o levantamento progresivo das medidas de contención durante a aplicación das diferentes fases do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, aprobado mediante o Acordo do Consello de Ministros do 28 de abril de 2020, o pasado 21 de xuño finalizou a vixencia do estado de alarma, aínda que foi preciso adoptar unha serie de medidas para facer fronte á pandemia e previr e controlar o incremento de casos. Estas medidas incluíronse na Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á emerxencia ocasionada polo COVID-19. Así mesmo, as diferentes comunidades autónomas e cidades autónomas, no marco das súas competencias, adoptaron unha serie de actos e disposicións co obxectivo de previr, controlar e conter a pandemia no seu ámbito territorial. Ademais, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobou o pasado 16 de xullo de 2020 o Plan de resposta temperá nun escenario de control da pandemia por COVID-19, no que se prevé que, co obxecto de “reducir ao máximo a transmisión do virus, minimizando o seu impacto na saúde e na sociedade, as institucións deben estar preparadas para responder a calquera escenario de risco para a saúde pública, asumindo (...) que é necesaria a coordinación e a toma de decisións conxunta en función dos diferentes escenarios”.

O peche dos centros educativos foi unha das primeiras medidas que se adoptaron para facer fronte á pandemia, polo que en España se produciu un peche moi prolongado. Por outra parte, existe ampla evidencia da cal se fixeron eco organismos internacionais como UNICEF, UNESCO, ONU ou a OMS sobre o impacto que ten o peche dos centros educativos nas oportunidades de crecemento e desenvolvemento de nenos, nenas e adolescentes, e na xeración, en consecuencia, de desigualdades sociais.

Por outra banda, a evidencia apunta a que os nenos, nenas e adolescentes teñen menor probabilidade de sufrir complicacións da enfermidade e que a maioría deles presentan un cadro de infección leve ou asintomática. Ademais, aínda non existe suficiente evidencia científica con respecto ao papel que teñen os nenos e as nenas na transmisión da enfermidade, aínda que parecen ter unha menor capacidade de transmisión en contextos de transmisión comunitaria controlada.

Na actualidade aínda se descoñece de maneira precisa o impacto positivo que o peche das escolas ten nos niveis de transmisión comunitaria do COVID-19. Con todo, a evidencia dispoñible indica que o peche de centros educativos, como medida illada, ten pouca probabilidade de ser efectivo para controlar a transmisión. Ademais, observouse que, cando se aplican medidas adecuadas de prevención e hixiene, as escolas non son espazos onde se produza maior propagación que outros contornos da comunidade, como o laboral ou o de lecer. Por todo iso, as decisións sobre as medidas de control e o peche ou apertura dos centros educativos deben ser coherentes coas decisións sobre outras medidas de resposta de distanciamento físico e saúde pública dentro da comunidade e nunca establecerse como medidas illadas.

O 11 de xuño adoptáronse os “Acordos da Conferencia Sectorial de Educación, para o inicio e o desenvolvemento do curso 2020-2021”, que detallan 14 compromisos educativos para a organización do curso escolar 2020/21. Por outra banda, co fin de lograr unha mellor prevención e control da pandemia, así como para procurar a seguridade de nenos, nenas, adolescentes, profesores e demais membros da comunidade educativa, con data do 22 de xuño de 2020 os ministerios de Sanidade e de Educación e Formación Profesional acordaron e difundiron unha guía de “Medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte ao COVID-19 no curso 2020-2021”.

Esta guía de recomendacións foi consensuada e compartida coas comunidades e cidades autónomas, as cales se inspiraron nela para elaborar os seus propios protocolos e plans de continxencia para os centros docentes. O dito documento inclúe unha serie de recomendacións que seguen sendo válidas, polo que poden servir de referencia básica para o inicio do novo curso, sempre dentro do respecto ás competencias autonómicas que establece o noso marco constitucional.

A situación actual do COVID-19 aconsella volver insistir especialmente nalgúns aspectos daquel protocolo, así como incluír algunhas especificacións adicionais con obxecto de clarificar a súa aplicación. Por ese motivo, esta declaración de actuacións coordinadas adóptase tendo en conta o parecer da Conferencia Sectorial de Educación.

En efecto, hai que ter presente que a educación resulta clave para a adquisición de coñecementos e habilidades, pero, sobre todo, para o desenvolvemento como persoa do alumnado. A educación non presencial non garante estas capacidades de crecemento e desenvolvemento persoal, senón que comporta evidentes riscos de xerar inequidades de carácter formativo e social, aumentando a fenda educativa.

Igualmente, a posibilidade de que se leve a cabo o peche de centros educativos nunhas determinadas zonas, como instrumento para loitar contra o COVID-19, pode comportar o desprazamento de parte do alumnado e de familias a outras zonas xeográficas onde se manteña a actividade académica no seu formato habitual, co consecuente risco de transmisión do virus.

Faise, por tanto, necesario retomar de forma prioritaria a actividade educativa presencial pero adoptando unha serie de medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte ao COVID-19 que garantan que esta se realiza da maneira máis segura posible.

Para a prevención da transmisión do SARS-CoV-2 cómpre manter unha distancia interpersoal de seguridade de polo menos 1,5 metros, tal como recolle a Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Así mesmo, débese tratar de diminuír o número de persoas total con que se interacciona e evitar as aglomeracións. Dado que os nenos e nenas de menor idade teñen maior dificultade para o cumprimento da distancia e, pola súa vez, teñen necesidade de maior interacción e proximidade nos coidados para o cumprimento dos obxectivos educativos e para o seu adecuado desenvolvemento, a mellor alternativa é o establecemento de grupos de convivencia estables. Estes grupos estarán formados por un número reducido de alumnos e un titor/a de referencia, e os ditos grupos deben evitar a interacción con outros. Desta maneira, diminúese a transmisión a través de minimizar as interaccións e posibilítase que os nenos e nenas de menor idade poidan socializar e xogar entre si sen ter que manter a distancia interpersoal de forma estrita. Así mesmo, os grupos de convivencia estable facilitan o estudo de contactos e as indicacións de corentena cando se produza algún caso. As consellerías de educación conservan marxe para flexibilizar o máximo do alumnado para os grupos de convivencia estable sempre que a autoridade sanitaria de saúde pública da dita comunidade autónoma así o autorice.

O uso da máscara prevén a transmisión e, en todo caso, é unha medida complementaria de prevención que non substitúe a distancia interpersoal de 1,5 metros nin as demais medidas. No caso dos nenos e nenas de menor idade, é difícil asegurar un uso correcto dela durante moito tempo e por iso é obrigatoria a partir dos 6 anos de idade.

Alén das medidas de limitación de contactos e de prevención persoal, cobran especial relevancia as de limpeza e ventilación. Cada vez hai máis evidencia do impacto que os espazos pechados teñen na transmisión do virus, polo que tamén se actualizan as recomendacións sobre ventilación, intensificando a súa duración e frecuencia, e se recomenda a importancia de priorizar cando sexa posible as actividades ao aire libre.

É fundamental asegurar o acceso a un menú saudable para todo o alumnado, polo que se resalta o papel esencial dos comedores, sendo prioritario o mantemento deste servizo xa sexa no centro educativo ou para levar a domicilio, e a necesidade de implementar medidas que faciliten que se poidan cumprir as medidas de distancia e hixiene nos comedores ou espazos alternativos habilitados para tal fin.

A probabilidade de transmisión no centro educativo, como noutros contornos da comunidade, pode variar en función da situación epidemiolóxica, polo que, en función desta, se poderán necesitar medidas adicionais. O papel dos centros educativos é esencial, polo que se debe manter a súa actividade priorizando, polo menos, a educación presencial da infancia e adolescencia en situación de especial vulnerabilidade (social ou por necesidades educativas).

A experiencia noutros países que xa abriron durante meses os seus centros educativos ensínanos que se van producir casos e algúns brotes, como no resto de ámbitos da comunidade, pero que unha xestión adecuada destes minimiza o seu impacto, e de aí a importancia de contar cun procedemento común para a súa xestión.

Por todo isto, e tal e como se acordou na Conferencia Sectorial de Educación que tivo lugar o 11 de xuño de 2020, o curso escolar 2020-2021 comezará nas datas habituais do mes de setembro e seguirá unhas pautas temporais similares a outros cursos académicos. Proporcionarase a toda a comunidade educativa un contorno seguro, saudable e sustentable, tendo en conta as decisións das autoridades sanitarias en función da situación epidemiolóxica. En todo caso, adoptarase a actividade lectiva presencial como principio xeral para todos os niveis e etapas, priorizándoa para o alumnado de menor idade, polo menos ata o segundo curso da educación secundaria obrigatoria.

A evolución da situación epidemiolóxica, a diversidade e heteroxeneidade dalgunhas das medidas adoptadas nos diferentes territorios e a necesidade de aliñar os esforzos conxuntos de todas as autoridades sanitarias aconsellan establecer un mínimo común de medidas que deberán ser adoptadas polas comunidades e cidades autónomas no ámbito competencial que lles é propio, utilizando a figura da Declaración de actuacións coordinadas en saúde pública prevista no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde.

Estas medidas tómanse tendo en conta a situación epidemiolóxica actual e adaptaranse ao escenario existente en cada momento, axustándose á baixa ou facéndose máis exixentes segundo a valoración que fagan da evolución epidemiolóxica da pandemia os órganos do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

En concreto, esta declaración de actuacións coordinadas inclúe 23 medidas e 5 recomendacións para a súa aplicación por parte das administracións competentes, tomando en consideración as propostas discutidas no seo da Conferencia Sectorial de Educación.

Esta declaración de actuacións coordinadas vén referida a un ámbito material en que a Administración xeral do Estado ten atribuídas funcións de coordinación xeral da sanidade, de acordo coa orde constitucional de distribución de competencias, e inclúe todas as comunidades autónomas e cidades autónomas de Ceuta e Melilla para os efectos previstos no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde.

Esta declaración dítase logo de acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en sesión que tivo lugar o 27 de agosto de 2020 e despois de dar audiencia a todas as comunidades e cidades autónomas.

Na súa virtude,

RESOLVO:

PRIMEIRO. Declarar como actuacións coordinadas en saúde pública, de acordo co establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, as seguintes medidas:

I. Medidas referidas a centros educativos

A) Apertura dos centros educativos/presencialidade

1. Con carácter xeral, a actividade lectiva será presencial para todos os niveis e etapas do sistema educativo, priorizándoa para o alumnado de menor idade, polo menos ata o segundo curso da educación secundaria obrigatoria.

A suspensión xeneralizada da actividade lectiva presencial de forma unilateral por parte dunha comunidade autónoma ou cidade autónoma unicamente se adoptará ante situacións excepcionais.

2. Os centros educativos manteranse abertos durante todo o curso escolar asegurando os servizos de comedor, así como apoio lectivo a menores con necesidades especiais ou pertencentes a familias socialmente vulnerables, coa condición de que a situación epidemiolóxica o permita, con base nas indicacións das autoridades sanitarias.

3. Os centros educativos promoverán que as reunións de coordinación e aqueloutras actividades non lectivas que sexan posible se realicen de forma telemática.

B) Coordinación efectiva

4. Constituirase un grupo de coordinación e seguimento da evolución da pandemia por parte das consellerías competentes en materia de sanidade e educación a nivel autonómico.

5. Todos os centros educativos designarán unha persoa responsable para os aspectos relacionados co COVID, que debe estar familiarizada con todos os documentos relacionados con centros educativos e COVID-19 vixentes. Esta persoa actuará como interlocutor cos servizos sanitarios por requirimento da unidade de saúde pública correspondente ou por propia iniciativa cando deba consultar algún asunto, e deberá coñecer os mecanismos de comunicación eficaz que se establecesen cos responsables sanitarios do seu ámbito territorial.

C) Limitación de contactos

6. De forma xeral, manterase unha distancia interpersoal de, polo menos, 1,5 metros nas interaccións entre as persoas no centro educativo.

7. O uso da máscara será obrigatorio a partir dos 6 anos de idade con independencia do mantemento da distancia interpersoal, sen prexuízo das exencións previstas no ordenamento xurídico.

8. En educación infantil e en primeiro ciclo de educación primaria, a organización do alumnado establecerase, con carácter xeral, en grupos de convivencia estable, en cuxo ámbito non se aplicarán criterios de limitación de distancia. Débese garantir a estanquidade do grupo de convivencia estable en todas as actividades que se realicen dentro do centro educativo.

9. Evitaranse aquelas actividades no centro educativo que comporten a mestura de alumnado de diferentes grupos de convivencia ou clases, nas cales non se poida manter a distancia mínima interpersoal.

10. Os eventos deportivos ou celebracións que teñan lugar nos centros educativos realizaranse sen asistencia de público.

D) Medidas de prevención persoal

11. Realizarase unha hixiene das mans de forma frecuente e meticulosa polo menos á entrada e á saída do centro educativo, antes e despois do patio, de comer, e sempre despois de ir ao aseo e, en todo caso, un mínimo de cinco veces ao día.

12. O alumnado recibirá educación para a saúde para posibilitar unha correcta hixiene das mans e hixiene respiratoria e o uso adecuado da máscara.

E) Limpeza, desinfección e ventilación do centro

13. Ventilaranse con frecuencia as instalacións do centro, polo menos durante 10–15 minutos ao comezo e ao final da xornada, durante o recreo e, sempre que sexa posible, entre clases, e manteranse as xanelas abertas todo o tempo que sexa posible.

14. Intensificarase a limpeza, en especial nos baños e nas superficies de maior uso.

F) Comedores escolares

15. Os comedores, ou espazos alternativos habilitados para as comidas, permitirán a distancia interpersoal de polo menos 1,5 metros, salvo no caso de pertencentes a un mesmo grupo de convivencia estable. Asignaranse postos fixos durante todo o ano para o alumnado e garantirase a estanquidade no caso dos grupos de convivencia estable.

G) Transporte escolar

16. No transporte escolar colectivo será obrigatorio o uso de máscara a partir dos 6 anos de idade, sen prexuízo das exencións previstas no ordenamento xurídico, e recomendable en nenas e nenos de 3 a 5 anos. Asignarase o alumnado a asentos fixos para todo o curso escolar, salvo que, con base na situación epidemiolóxica, as autoridades sanitarias determinen un uso máis restritivo deste.

H) Xestión de casos e actuación ante brotes

17. Ante a aparición de casos no centro educativo, as medidas de prevención e control levaranse a cabo por parte da unidade de Saúde Pública da comunidade ou cidade autónoma con base no documento técnico elaborado pola Ponencia de Alertas e Plans de Preparación e Resposta: “Guía de actuación ante a aparición de casos de COVID-19 en centros educativos”, que ten como eixes de actuación os seguintes:

– Evitar a asistencia ao centro de persoas sintomáticas.

– Illamento precoz e referencia ao sistema sanitario de persoas con síntomas.

– Mantemento da actividade extremando precaucións ata confirmar ou descartar a infección na persoa sintomática.

– Corentena dos contactos estreitos nos termos que decida a unidade de Saúde Pública da comunidade ou cidade autónoma con base na “Estratexia de detección precoz, vixilancia e control do COVID-19”, a cal propón a realización de PCR aos contactos estreitos para identificar outros posibles infectados e a corentena de 14 días ou 10 días tras PCR negativa en mostra tomada ese día.

18. O centro educativo informará, explicitamente e con confirmación de recepción da información, os pais, nais e outras figuras parentais, ou o alumnado maior de idade, de que o alumnado con calquera sintomatoloxía aguda non pode acceder ao centro educativo. Os centros educativos poden establecer mecanismos para a identificación de síntomas nos alumnos á entrada a estes ou unha declaración responsable dos proxenitores.

19. Tomarase a temperatura corporal a todo o alumnado e ao persoal de forma previa ao comezo da xornada. No caso de que a toma de temperatura se leve a cabo no centro educativo, cada centro dispoñerá a forma de levar a cabo esta actuación, evitando en todo caso aglomeracións e asegurando o mantemento da distancia interpersoal de polo menos 1,5 metros.

20. Non acudirán ao centro educativo aquelas persoas que teñan síntomas compatibles co COVID-19, xa sexan parte do alumnado, profesorado ou outro persoal, así como aquelas que se encontren en illamento por diagnóstico de COVID-19 ou en período de corentena por contacto estreito cun caso de COVID-19.

21. Os traballadores vulnerables ao COVID-19 manterán as medidas de protección de forma rigorosa, de acordo coa avaliación realizada polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais e o seu informe sobre as medidas de prevención, adaptación e protección necesarias, seguindo o establecido no Procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-CoV-2.

22. Informarase e formaranse as persoas traballadoras sobre os riscos de contaxio e propagación do COVID-19, con especial atención ás vías de transmisión e ás medidas de prevención e protección adoptadas no centro.

23. A realización de actividades e modalidades formativas en centros non educativos atenderá aos criterios de prevención e control establecidos para o sector correspondente.

II. Recomendacións referidas a centros educativos.

24. Priorizar, na medida do posible, a utilización de espazos ao aire libre.

25. Nas etapas educativas superiores ao primeiro ciclo de educación primaria, o alumnado poderá, así mesmo, organizarse en grupos de convivencia estable na medida do posible.

26. Priorizar a comunicación coas familias mediante teléfono, correo electrónico, mensaxes ou correo ordinario, facilitando as xestións administrativas de forma telemática.

27. Recomendarase á cidadanía a priorización do transporte activo (andando ou en bicicleta) en rutas seguras á escola como opción de mobilidade que mellor garante a distancia interpersoal, ao ser, ademais, unha opción máis saudable e que evita compartir espazos pechados.

28. Emprender accións para previr o estigma ou discriminación en relación co COVID-19, coidando de maneira especial as situacións de maior vulnerabilidade emocional e social que se puidesen producir como consecuencia desta pandemia.

SEGUNDO. Para o adecuado seguimento da evolución da pandemia e a posible adopción de medidas de forma coordinada, continuarase celebrando semanalmente unha reunión do Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Estas sesións serán convocadas coa citada periodicidade polos órganos competentes para iso. Así mesmo, o Ministerio de Educación e Formación Profesional convocará as reunións que considere necesarias da Comisión Xeral de Educación, con obxecto de analizar o impacto da pandemia nos centros educativos.

TERCEIRO. Todas as medidas e recomendacións recollidas nesta declaración de actuacións coordinadas se deberán adaptar, de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica, ás indicacións das autoridades sanitarias e ás guías, protocolos e procedementos de actuación existentes ou que se desenvolvan no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para cada escenario previsto de transmisión do SARS-CoV-2.

Así mesmo, tomaranse as medidas oportunas e garantiranse os recursos materiais e humanos necesarios para dar resposta ao establecido nas medidas consensuadas por ambos os sectores (sanidade e educación) no documento do 22 de xuño de 2020: “Medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte ao COVID-19 para centros educativos no curso 2020-2021”.

As medidas incluídas no protocolo conxunto do 22 de xuño, así como as destacadas neste documento, adoptaranse en todo caso de acordo co que dispoñan para o efecto as administracións educativas e sanitarias competentes.

CUARTO. Nos supostos en que a execución das actuacións recollidas nesta declaración de actuacións coordinadas requira da adopción, por parte das comunidades autónomas ou cidades autónomas, dalgún acto ou disposición, estas adoptaranse como moi tarde o 31 de agosto de 2020.

QUINTO. Esta declaración de actuacións coordinadas producirá efectos ata que o ministro de Sanidade aprobe, logo de acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, con audiencia de todas as comunidades e cidades autónomas, a finalización da súa vixencia.

SEXTO. Contra esta orde poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición, ante a persoa titular do Ministerio de Sanidade, no prazo dun mes desde a súa notificación, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional, no prazo de dous meses desde a súa notificación, todo isto de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Significarase que, no caso de interpoñer recurso de reposición, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta del.

CÚMPRASE E NOTIFÍQUESE ás comunidades autónomas e cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

Madrid, 27 de agosto de 2020

O ministro de Sanidade, Salvador Illa Roca».