Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174-Bis Venres, 28 de agosto de 2020 Páx. 34497

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020. Por sucesivos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo. Deste modo, mediante as ordes da Consellería de Sanidade do 12, 15, 25 e 27 de agosto de 2020 introducíronse determinadas modificacións no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de agosto de 2020, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para eses efectos, ditouse a Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 8 de agosto de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, do 8 de agosto de 2020.

Na Orde do 12 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada mantivéronse as restricións existentes na Orde do 7 de agosto de 2020 e estableceuse como medida de prevención adicional que os establecementos e locais comerciais deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.

Así mesmo, incorporouse unha recomendación de autoprotección ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables ao COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, para que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas.

Por outro lado, insistiuse no ditado das instrucións oportunas para a limitación das visitas aos centros sanitarios da área da Coruña, establecendo, no caso de enfermos hospitalizados, a limitación dunha persoa por paciente, preferiblemente menor de 70 anos e que non padeza enfermidades crónicas, e que, no caso da atención ambulatoria, soamente se permitirá un acompañante no caso de que a persoa atendida sexa dependente ou menor de idade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 12 de agosto foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 54/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña, do 14 de agosto de 2020.

A Orde do 19 de agosto de 2020 mantivo as medidas de prevención e recomendación de autoprotección existentes, e modificou o anexo da Orde do 7 de agosto de 2020, tendo en conta o disposto na Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 19 de agosto foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 40/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña, do 21 de agosto de 2020.

A Orde do 26 de agosto de 2020, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantivo a eficacia das medidas de prevención e da recomendación de autoprotección existentes.

Esta orde previu tamén que estas medidas e recomendacións poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

De acordo co informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública do 28 de agosto de 2020, o concello de Arteixo presenta unha situación moi específica dentro da comarca da Coruña, xa que presenta unhas taxas de incidencia nos últimos 3 días moi superiores ás do concello da Coruña, que era o máis afectado ata o de agora. Os datos amosan que podemos estar iniciando un rápido ascenso na curva epidémica e, polo tanto, deben poñerse en marcha de forma urxente medidas restritivas para intentar evitar este rápido ascenso. Polo exposto, o informe considera que é preciso actuar de xeito máis selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta, acoutando o máis posible o territorio onde se deben tomar estas medidas máis restritivas.

Así, tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, a adopción de novas medidas de prevención para o concello de Arteixo, sen prexuízo de que as ditas medidas e recomendacións deban seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En particular, considérase que as medidas tendentes a limitar os grupos de persoas para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados e as limitacións para festas, verbenas e outros eventos populares e multitudinarios, deben adoptarse para todo o ámbito do concello de Arteixo, tendo en conta a natureza destas actividades, os riscos asociados a elas e a idade da poboación á cal está afectando de forma predominante o virus neste momento.

Estas medidas teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, cómpre salientar que a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, prevé, no seu artigo primeiro, que co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na dita lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

O artigo segundo habilita as autoridades sanitarias competentes para adoptaren medidas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolve unha actividade. E, para o caso concreto de enfermidades transmisibles, o artigo terceiro dispón que, co fin de controlalas, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou teñan estado en contacto con estes e do contorno inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible. E o artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, prevé que as autoridades sanitarias poderán levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, antes citados.

Non se recolle, pois, unha lista pechada de medidas de prevención, senón que poderán adoptarse, de acordo cos principios de precaución e de proporcionalidade que deben rexer as actuacións en materia de saúde, as necesarias para facer fronte ao concreto risco sanitario de que se trate.

En todo caso, e en atención a tales principios, estas medidas serán reavaliadas nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación desta orde en función da evolución da situación epidemiolóxica no concello.

Por outra banda, as medidas de prevención que se recollen nesta orde teñen un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como a que nos ocupa, e a vixilancia, inspección e control do seu cumprimento corresponden ao concello, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas (artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia), as competencias dos concellos do control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía, dos lugares de convivencia humana (artigo 80.3 da lei citada), así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

Polo tanto, os alcaldes e alcaldesas, como autoridade sanitaria, deben garantir nas referidas actividades, servizos e lugares de convivencia humana, os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía (artigo 33.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia), e así, garantir a vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas preventivas aprobadas pola Administración autonómica e daquelas que, no seu desenvolvemento, e atendendo a situación concreta, poida establecer o concello.

Así mesmo, as forzas e corpos de seguridade teñen un papel fundamental no necesario control do cumprimento das medidas de prevención, papel que veñen desempeñando durante toda esta crise sanitaria, a través da formulación das correspondentes denuncias e remisión ás autoridades competentes, nos casos en que se detecte o seu incumprimento. Debe recordarse a este respecto que o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Tendo en conta a existencia dunha declaración de emerxencia sanitaria resulta esencial a colaboración das forzas e corpos de seguridade coa finalidade de preservar a seguridade e a convivencia cidadá.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para a adopción das medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no concello de Arteixo, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta orde é o de revisar as medidas de prevención aplicables no concello de Arteixo como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo.

Segundo. Restricións ás agrupacións de persoas para a protección da saúde ante a existencia dun risco de carácter transmisible

1. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, adóptase, en todo o ámbito territorial do concello de Arteixo, de modo temporal, durante o período ao cal se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde de acordo co seu punto sexto, a medida de limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de cinco persoas, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará esta limitación.

2. O incumprimento da medida de prevención establecida neste punto poderá dar lugar á imposición das sancións e a outras responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.

3. En particular, para os efectos da execución e control desta medida de prevención, no marco da situación de emerxencia sanitaria declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, solicitarase a colaboración das forzas e corpos de seguridade.

4. Para a execución da medida prevista neste punto buscarase sempre con preferencia a colaboración voluntaria das persoas destinatarias coas autoridades sanitarias. Non obstante, malia que esta medida non se individualiza en persoas determinadas dada a súa adopción con carácter xeral, tendo en conta que nos casos de ausencia de colaboración voluntaria a súa execución pode requirir a adopción de actos de imposición coactiva que poden supoñer restricións de dereitos fundamentais, e para coadxuvar na súa plena efectividade, solicitarase a súa ratificación xudicial, de acordo co previsto no número 6 do artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Outras medidas aplicables no ámbito territorial recollido no punto primeiro

1. Continuarán sendo de aplicación no concello de Arteixo as medidas e recomendacións recollidas nas ordes do 7, 12, 19 e 26 de agosto, polas que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, na súa redacción vixente, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde en canto ás limitacións de grupos de persoas. Así mesmo, ademais das anteriores, serán de aplicación no concello as medidas de capacidade e de prevención específicas, máis restritivas, recollidas no anexo.

2. En todo o non previsto nesta orde, e no que sexa compatible con ela, serán de aplicación, en todo o ámbito territorial previsto no punto primeiro, as medidas que, con carácter xeral, se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Cuarto. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde, e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía, corresponderán ao concello de Arteixo dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado das denuncias que formulen polo incumprimento das medidas de prevención ás autoridades competentes.

Quinto. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 29 de agosto de 2020. Non obstante, as medidas recollidas nela serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 29 e 30, que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 28 de agosto, non serán aplicables as limitacións que se recollen no anexo, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas por sectores
no concello de Arteixo

No ámbito territorial do concello de Arteixo aplicaranse as limitacións de capacidade e medidas de prevención recollidas no anexo da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, na súa redacción vixente, coas restricións específicas previstas a continuación.

1. Cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís.

En calquera caso, deberase respectar un máximo de cincuenta persoas en espazos ao aire libre ou de vinte e cinco persoas en espazos pechados.

2. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación e actividade formativa xestionada ou financiada pola Administración autonómica en centros e entidades de formación.

A actividade que se realice nestes centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do cincuenta por cento respecto do máximo permitido e cun máximo de cinco persoas por grupo.

3. Establecementos de hostalaría e restauración.

3.1. Os restaurantes non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade na zona de comedor para o servizo de comida.

Nos bares e cafetarías non poderá consumirse no interior do local.

3.2. O consumo dentro do local nos restaurantes poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo na barra e zona de cafetaría ou bar.

3.3. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao cincuenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou o que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do cincuenta por cento entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza.

3.4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.

3.5. Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas.

4. Condicións para ocupación de zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos.

As actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de cinco persoas, incluídos os monitores, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.

5. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais.

Na realización de actividades culturais nestes espazos aplicarase un máximo de ata cinco persoas nas actividades de grupos, incluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.

6. Actividade en cines, teatros, auditorios, circos de toldo e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

En calquera caso, será de aplicación un límite máximo de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas tratándose de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta persoas tratándose de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo as concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

7. Actividades e instalacións deportivas.

A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de cinco persoas de forma simultánea.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de cinco persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase, ademais, aos termos establecidos no parágrafo anterior.

8. Celebración de eventos deportivos, de adestramentos e de competicións deportivas con público.

A celebración de eventos deportivos, adestramentos, competicións deportivas que se celebren en instalacións deportivas ou na vía pública poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado, que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida da instalación ou do espazo de que se trate e cun límite de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas tratándose de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e cento cincuenta persoas tratándose de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo as concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

9. Uso de praias e piscinas.

A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios. Deberá, ademais, respectarse o límite máximo de cinco persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

Nas zonas de estancia das piscinas establecerase unha distribución espacial para manter distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios e cun máximo de cinco persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará esta limitación.

10. Especificidades para determinadas actividades turísticas.

Poderán realizarse actividades de turismo, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de cinco persoas, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.

11. Centros de información, casetas e puntos de información.

Nos centros de información, casetas e puntos de información e espazos similares, non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de cinco persoas nas actividades de grupos, incluído o monitor ou guía. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.

12. Realización de actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil.

12.1. Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, cando estas se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao cincuenta por cento da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de cincuenta participantes, incluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o cincuenta por cento da capacidade máxima do recinto, cun máximo de vinte e cinco participantes, incluídos os monitores.

12.2. As actividades deberán realizarse en grupos de ata cinco persoas participantes, incluíndo os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos.

13. Uso de espazos públicos.

Os centros cívicos e sociais poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao cincuenta por cento e que se extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan neles cun máximo de cinco persoas, incluído o monitor ou guía para as actividades grupais.

14. Centros recreativos turísticos ou similares.

As visitas de grupos serán dun máximo de cinco persoas, incluído o monitor ou guía, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.

15. Celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares.

Poderanse celebrar congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias e eventos e actos similares promovidos por calquera entidade, de natureza pública ou privada, sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida do lugar de celebración e cun límite máximo de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas tratándose de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e cento cincuenta persoas tratándose de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo as concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

O recollido neste número será tamén de aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de propietarios e eventos similares.

16. Establecementos e locais de xogo e apostas.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas. En calquera caso, deberase respectar un máximo de cincuenta persoas en espazos ao aire libre ou de vinte e cinco persoas en espazos pechados. En caso de dispoñer tamén de servizos de hostalaría, seralles aplicable a prohibición do consumo no interior do local establecido para os ditos establecementos.

17. Limitación de capacidade para outros locais ou establecementos comerciais.

17.1. Con carácter xeral, calquera outro local ou establecemento comercial para o cal non se recollan expresamente unhas condicións de capacidade na presente orde, nin en protocolos ou normativa específica que lles sexa aplicable, non poderá superar o cincuenta por cento da capacidade autorizada ou establecida. En calquera caso, deberase respectar un máximo de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas tratándose de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e cento cincuenta persoas tratándose de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

O disposto neste número 1 non será de aplicación nos establecementos comerciais de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade, establecementos farmacéuticos, servizos médicos ou sanitarios, ópticas, produtos ortopédicos, produtos hixiénicos, salóns de peiteado, prensa e papelaría, combustible para a automoción, estancos, equipamentos tecnolóxicos e de telecomunicacións, alimentos para animais de compañía, comercio pola internet, telefónico ou correspondencia, tinturarías e lavandarías, sen prexuízo da necesidade de cumprir as obrigas xerais previstas na presente orde e as medidas xerais de hixiene e protección.

17.2. As actividades en grupos deberán realizarse ata un máximo de cinco persoas participantes, incluídos os monitores, guías ou encargados correspondentes, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.