Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183-Bis Mércores, 9 de setembro de 2020 Páx. 35537

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo, A Laracha e Ponteceso.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Bergantiños, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo e A Laracha.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 66/2020, do 4 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 2 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente na comarca de Bergantiños. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 9 de setembro de 2020 sobre a comarca de Bergantiños, indícase que nela se observa unha diminución da incidencia, tanto a 3 como a 7 días. Non obstante, seguen a aparecer casos e a incidencia a 14 días é elevada nos concellos de Carballo, A Laracha e Ponteceso. Nesta comarca impuxéronse medidas restritivas nos concellos de Carballo e A Laracha pola súa alta incidencia. No momento actual, a taxa de incidencia a 3 días nestes dous concellos é inferior á taxa da comarca, o que significa que as medidas adoptadas están a funcionar. Respecto ao resto dos concellos da comarca, preocupan os datos de Ponteceso, polo número de casos detectados neste período. O brote segue a presentar indicadores de risco alto e de risco medio, polo que é preciso manter as medidas establecidas nos concellos de Carballo e A Laracha. De acordo co informe, a situación do concello de Ponteceso fai recomendable establecer neste concello as mesmas medidas que se tomaron e se manteñen para os concellos de Carballo e A Laracha.

Así, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Bergantiños impón, por unha banda, o mantemento, nos concellos de Carballo e A Laracha, das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 e, por outra banda, a aplicación das mesmas medidas no concello de Ponteceso, ben que, nos tres casos, procede, respecto das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, fixar no setenta e cinco por cento a limitación da capacidade e suprimir, como medida específica, a relativa ao uso de máscara no caso de actividade física ou deportiva en ximnasios ou espazos pechados, ao ser aplicable, en relación con este último aspecto, a modificación operada no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 por orde da mesma data que a presente orde.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto sexto da Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo e A Laracha, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención nos concellos de Carballo, A Laracha e Ponteceso

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Bergantiños, mantense, nos concellos de Carballo e A Laracha, a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo e A Laracha. Ademais, as ditas medidas serán de aplicación tamén no concello de Ponteceso.

O anterior enténdese sen prexuízo do indicado no punto segundo da presente orde.

Segundo. Modificación da Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo e A Laracha

A Orde do 2 de setembro de 2020, pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo e A Laracha, queda modificada como segue:

Un. O número 1.4 do anexo queda coa seguinte redacción:

«1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas condicións establecidas no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Os titulares dos establecementos, espazos ou locais deberán garantir o cumprimento desta obriga neles».

Dous. O número 3.8.3 do anexo queda modificado como segue:

«3. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao setenta e cinco por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Considerarase terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do setenta e cinco por cento entre mesas e superficie dispoñible, e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza».

Tres. O número 3.14 do anexo queda coa seguinte redacción:

«3.14. Actividades e instalacións deportivas.

A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas de forma simultánea.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata dez persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e cun máximo de dez persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase ademais aos termos establecidos no parágrafo anterior».

Terceiro. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020.

As medidas previstas na Orde do 2 de setembro de 2020, cuxa eficacia se mantén nos concellos de Carballo e A Laracha e se estende ao concello de Ponteceso, e as introducidas no punto segundo da presente orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Bergantiños.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración no concello de Ponteceso para os días 10 a 13 de setembro, que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 9 de setembro, non serán aplicables as limitacións que se recollen no anexo da Orde do 2 de setembro de 2020, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade