Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183-Bis Mércores, 9 de setembro de 2020 Páx. 35529

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de agosto de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para eses efectos, ditouse a Orde do 7 de agosto de 2020, pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 8 de agosto de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, do 8 de agosto de 2020.

Froito do seguimento e da avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria foron ditadas sucesivas ordes.

Así, na Orde do 12 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, mantivéronse as medidas de prevención contidas na Orde do 7 de agosto de 2020 e, ademais, estableceuse como medida de prevención adicional nos ditos concellos que os establecementos e locais comerciais deben prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visibles nos ditos establecementos ou locais. Así mesmo, incorporouse na dita Orde do 12 de agosto de 2020 unha recomendación de autoprotección ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables ao COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, para que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas. Por outra parte, na parte expositiva da mesma orde insistiuse no ditado das instrucións oportunas para a limitación das visitas aos centros sanitarios da área da Coruña, establecendo, no caso de enfermos hospitalizados, a limitación de unha persoa por paciente, preferiblemente menor de 70 anos e que non padeza enfermidades crónicas e que, no caso da atención ambulatoria, soamente se permitirá un acompañante no caso de que a persoa atendida sexa dependente ou menor de idade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 12 de agosto de 2020 foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 54/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña, do 14 de agosto de 2020.

Posteriormente, en virtude da Orde do 19 de agosto de 2020 mantívose a eficacia das medidas de prevención e recomendación de autoprotección existentes e modificouse o anexo da Orde do 7 de agosto de 2020, tendo en conta o disposto na Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 19 de agosto de 2020 foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 40/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña, do 21 de agosto de 2020.

A posterior Orde do 26 de agosto de 2020 mantivo as medidas de prevención e a recomendación de autoprotección anteriores e formulou unha serie de recomendacións dirixidas aos concellos da comarca da Coruña. As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas nesta orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 63/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña, do 28 de agosto de 2020.

En virtude da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo, establecéronse medidas máis restritivas no ámbito do dito concello. As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas nesta orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 4 da Coruña, do 29 de agosto de 2020.

Finalmente, en virtude da Orde do 2 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, mantívose a eficacia das medidas de prevención e das recomendacións específicas previstas nas ordes citadas anteriormente nos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Arteixo, con algunhas modificacións puntuais. As medidas de prevención deixáronse sen efecto nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, sen prexuízo de manter nestes concellos as recomendacións de autoprotección e dirixidas aos concellos da comarca contidas nas ordes de 12 e de 26 de agosto.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas polo Auto 44/2020, do 4 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 da Coruña.

Conforme o punto oitavo da Orde do 2 de setembro de 2020 as medidas debían seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

De acordo co informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 9 de setembro de 2020, sobre a comarca da Coruña, a incidencia acumulada a 7 e 14 días mostra unha tendencia constante á baixa aínda que de forma lenta. No concello da Coruña, a taxa a 3 días reduciuse ata chegar practicamente a igualarse coa taxa global da comarca. O feito fundamental é que a distribución dos casos non é uniforme no concello, detectándose a agrupación de casos en determinadas zonas da cidade. No concello de Arteixo, ben que as taxas permanecen altas, reducíronse ao longo do tempo. O número de casos diarios está tamén a reducirse desde hai 3 días. O informe recomenda, no que se refire ao concello da Coruña manter as medidas restritivas actuais nas zonas de maior incidencia, sen que exista inconveniente para que o resto do concello poida quedar coas limitacións que afectan outros territorios de Galicia nos que non existen brotes. Respecto do concello de Arteixo, o informe recomenda manter as restricións ao mesmo nivel que as que afectan as zonas de maior incidencia do concello da Coruña. Así mesmo, o informe entende que non existe inconveniente en levantar as restricións do resto dos concellos da comarca que quedarían coas limitacións que afectan outros territorios de Galicia nos que non existen brotes.

Así, tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca da Coruña impón a necesidade de mantemento de medidas de prevención e de recomendacións sanitarias específicas contidas nas ordes do 7, do 12 e do 26 de agosto de 2020, ás que antes se aludiu, soamente en determinadas zonas do concello da Coruña e no concello de Arteixo, ben que, respecto das terrazas dos establecementos de hostalería e restauración, procede fixar no setenta e cinco por cento a limitación da capacidade, e tamén debe suprimirse, como medida específica, a relativa ao uso de máscara no caso de actividade física ou deportiva en ximnasios ou espazos pechados, ao ser aplicable, en relación con este último punto, a modificación operada no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 por orde da mesma data que a presente orde.

Ademais, deben quedar sen efecto as medidas contidas nas ordes do 7, do 12 e do 26 de agosto de 2020, ás que antes se aludiu, previstas para os restantes concellos aos que actualmente se están aplicando (Cambre, Culleredo e Oleiros), así como as medidas máis restritivas previstas na Orde do 28 de agosto de 2020 para o concello de Arteixo.

En atención ao exposto, en aplicación do punto oitavo da Orde do 2 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención na comarca da Coruña

1. Mantense a eficacia das medidas de prevención previstas na redacción vixente da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, da medida de prevención adicional e da recomendación de autoprotección previstas nos puntos segundo e terceiro da Orde do 12 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, así como das recomendacións contidas no punto segundo da Orde do 26 de agosto de 2020 sobre mantemento das medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, no seguinte ámbito territorial:

a) En todo o concello de Arteixo.

b) No concello da Coruña, no ámbito territorial constituído polo perímetro delimitado pola intersección das seguintes rúas (ambos lados da rúa incluídos): Ronda de Outeiro, rúa Manuel Murguía, Paseo de Ronda, rúa Gregorio Hernández, Ronda de Nelle, rúa Fernando Rey, avenida de Alfonso Molina, Ronda de Outeiro (tramo Estación de Ferrocarril), avenida de Salgado Torres, avenida de Cádiz, avenida do Ferrocarril, avenida de Arteixo, Polígono de Vioño, rúa Pasteur, avenida de Fisterra, rúa Alcalde Jaime Hervada, rúa Ágora, Travesía Antonio Pedreira Ríos e Ronda de Outeiro (tramo desde Manuel Deschamps ata Manuel Murguía).

2. Quedan sen efecto as medidas de prevención específicas previstas para o concello de Arteixo na Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo.

3. No restante ámbito territorial da comarca da Coruña non incluído no número 1 (zonas do concello da Coruña distintas das previstas no dito número 1 e concellos de Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada) serán de aplicación as medidas de prevención que, con carácter xeral, se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente. Así mesmo, será aplicable a recomendación de autoprotección prevista no punto terceiro da Orde do 12 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, así como as recomendacións contidas no punto segundo da Orde do 26 de agosto de 2020 sobre mantemento das medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Segundo. Modificación da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada

A Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, queda modificada nos seguintes termos:

Un. O número 1.4 do anexo queda coa seguinte redacción:

«1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas condicións establecidas no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Os titulares dos establecementos, espazos ou locais deberán garantir o cumprimento desta obriga neles».

Dous. O número 3.8.3 do anexo queda modificado como segue:

«3. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao setenta e cinco por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou da que sexa autorizada para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do setenta e cinco por cento entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza».

Tres. O número 3.14 do anexo queda coa seguinte redacción:

«3.14. Actividades e instalacións deportivas.

A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas de forma simultánea.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata dez persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e cun máximo de dez persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase ademais aos termos establecidos no parágrafo anterior».

Terceiro. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca da Coruña.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade