Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183-Bis Mércores, 9 de setembro de 2020 Páx. 35518

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 28 de agosto de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 29 de agosto de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo do 29 de agosto de 2020.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 28 de agosto de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Lugo. En virtude da Orde do 2 de setembro de 2020 acordouse, sobre a base do sinalado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da mesma data e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, o mantemento das medidas de prevención e das recomendacións existentes no concello de Lugo, con adaptacións puntuais tendentes a precisar o ámbito das restricións ás agrupacións de persoas e a prever o uso de máscaras para a práctica deportiva en ximnasios ou espazos pechados.

O mantemento das medidas limitativas de dereitos fundamentais foi obxecto de ratificación xudicial polo Auto 62/2020, do 4 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo.

En cumprimento do disposto no punto cuarto da Orde do 2 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Lugo. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Lugo, do 4 de setembro de 2020, indícase que o brote da cidade de Lugo, a pesar de que parece evolucionar de forma favorable, presenta aínda indicadores de alto risco, polo que se recomenda manter as medidas restritivas establecidas que parece que están a funcionar adecuadamente. O feito de que os casos xa non estean concentrados no barrio da Milagrosa fai que non teñan xustificación as medidas máis restritivas que afectan este barrio, polo que se recomenda, no momento actual, homoxeneizar as restricións na totalidade do concello establecendo para o barrio da Milagrosa as mesmas restricións vixentes no resto do concello.

Así, tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Lugo impón o mantemento das medidas previstas para todo o ámbito territorial do dito concello na Orde do 28 de agosto de 2020, na súa redacción vixente, isto é, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 2 de setembro de 2020, e o levantamento das medidas máis restritivas que aquela orde contén para o barrio da Milagrosa. Xunto ao anterior, procede introducir dúas modificacións puntuais na redacción vixente do anexo I da Orde do 28 de agosto de 2020: por unha banda, respecto das terrazas dos establecementos de hostalería e restauración, fíxase no setenta e cinco por cento a limitación da capacidade e, por outra banda, suprímese, como medida específica, a relativa ao uso de máscara no caso de actividade física ou deportiva en ximnasios ou espazos pechados, ao ser aplicable, en relación con este último punto, a modificación operada no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 por orde da mesma data que a presente orde.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto cuarto da Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención no concello de Lugo

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Lugo, mantense no dito concello a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, na súa redacción vixente, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior as medidas específicas para o ámbito territorial delimitado pola avenida da Coruña e as rúas Pintor Tino Grandío, Camiño Real, Mar Cantábrico e Angelo Colocci, previstas no segundo parágrafo do número 1 do punto segundo e no anexo II da Orde do 28 de agosto de 2020, as cales quedan sen efecto.

Segundo. Modificación da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo

A Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, queda modificada como segue:

Un. O número 1.4 do anexo i queda coa seguinte redacción:

«1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas condicións establecidas no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Os titulares dos establecementos, espazos ou locais deberán garantir o cumprimento desta obriga neles».

Dous. O número 3.8.3 do anexo I queda modificado como segue:

«3. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao setenta e cinco por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do setenta e cinco por cento entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza».

Tres. O número 3.14 do anexo I queda redactado como segue:

«1. A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas de forma simultánea.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata dez persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderase realizar de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase, ademais, aos termos establecidos no parágrafo anterior».

Terceiro. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén e as introducidas no punto segundo da presente orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Lugo.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade