Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193-Bis Mércores, 23 de setembro de 2020 Páx. 37140

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 23 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Pontevedra, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 9 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais contidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto número 70/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra.

Por outra banda, de acordo co informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Pontevedra, do 11 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, tendo en conta a situación dos concellos de Poio e de Vilaboa e a interrelación destes concellos entre eles e co concello de Pontevedra, ditouse a Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, en que se acordou estender a aplicación das medidas de prevención previstas na Orde do 9 de setembro de 2020, antes citada, a estes dous concellos, engadindo, ademais, medidas específicas respecto das praias destes concellos.

Neste caso, no que atinxe á eficacia das medidas, no punto segundo da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do 12 de setembro de 2020, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Pontevedra, respecto do concello de Poio, e polo Auto do 13 de setembro de 2020, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cangas, respecto do concello de Vilaboa.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e no punto segundo da Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente. Tendo en conta o indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, sobre as comarcas de Pontevedra e do Morrazo, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, na Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose, atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020 nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa, e a extensión da aplicación das mesmas medidas ao concello de Marín.

Conforme o punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020, as medidas debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, no Auto número 103/2020, do 18 de setembro, pronunciouse sobre a ratificación das medidas restritivas de dereitos fundamentais.

De conformidade co punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e avaliación das medidas adoptadas para adecualas á evolución epidemiolóxica e sanitaria. Así, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 23 de setembro de 2020, sobre a comarca de Pontevedra sinálase que a taxa de incidencia, aínda que cunha lixeira baixada, segue sendo importante, o que indica que o brote non está baixo control, e que a porcentaxe de positividade refire que a transmisión segue a ser importante, e son os concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa os que seguen a presentar unha taxa de incidencia importante con aparición, ademais, de casos de xeito diario. En consecuencia, o brote segue a ter características de alto/medio risco, polo que se recomenda continuar coas medidas xa establecidas nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa.

E no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da mesma data sobre a comarca do Morrazo indícase que a taxa de incidencia na comarca vai en aumento, debido claramente ao aumento de casos e da taxa no concello de Marín, e que o número reprodutivo instantáneo, aínda que está a baixar, aínda mostra que a transmisión está activa e poden seguir a xerarse casos a partir doutros. Ademais, os grupos de idade máis afectados corresponden a idades moi novas o que pode favorecer a transmisión da enfermidade dada a alta proporción de infectados sen síntomas. En consecuencia, dado que o brote ten características de risco, así como o aumento de casos nos últimos días no concello de Marín, recoméndase manter as medidas restritivas neste concello.

Atendido o disposto nos informes indicados, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento, nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín, das medidas de prevención previstas nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense, nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa, a eficacia das medidas previstas na Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e na Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, así como a eficacia das mesmas medidas no concello de Marín.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 24 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade