Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193-Bis Mércores, 23 de setembro de 2020 Páx. 37119

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 23 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Lalín e Silleda.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lalín, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 11 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lalín.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020, que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín do 13 de setembro de 2020.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 11 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Lalín e noutros concellos da comarca do Deza. Tendo en conta o indicado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, na Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca do Deza, o mantemento, no concello de Lalín, da eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 11 de setembro de 2020 citada, así como a aplicación das ditas medidas tamén no concello de Silleda.

No punto segundo da orde previuse que as medidas serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Ademais, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra ditou o Auto número 72/2020, do 18 de setembro, sobre ratificación das medidas restritivas de dereitos fundamentais.

En cumprimento do punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas.

Así, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 23 de setembro de 2020, sobre a comarca do Deza, indícase que na data actual Silleda e Lalín continúan a presentar as taxas máis elevadas. No concello de Silleda soben respecto da semana anterior e en Lalín baixan, aínda que o número de casos neste concello segue a ser o máis alto da comarca, o que supón algo máis do 50 % dos casos totais declarados. Hai que salientar que no concello de Lalín se deu un brote que afectou traballadores e clientes dun bar, que semella que amplificou a transmisión xa que posteriormente comezou a aparición de casos entre familiares e, neste momento, parece que está a estender os casos cara ao concello de Silleda. O feito de que haxa idades medianas tamén afectadas pode deberse ao tipo de clientes que frecuentan o establecemento de hostalaría implicado no brote. Hai grupos de idade nova afectados que poden amplificar a transmisión, pola posible clínica máis leve que poderían presentar. Este brote segue a ter características de alto/medio risco como é a taxa de incidencia nos últimos 3 días (risco alto), a porcentaxe de positividade de probas PCR realizadas na zona do brote (risco medio) e a porcentaxe de positividade das probas PCR realizadas aos contactos dos casos detectados, que aumentou desde o informe anterior e mantén este indicador no nivel de risco alto. Por outra banda, os concellos de Lalín e Silleda seguen a ser os concellos onde se concentra a maior parte dos casos. O informe recomenda, polo tanto, manter as restricións que afectan os concellos de Silleda e Lalín.

Tendo en conta o contido do informe, e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento, nos concellos de Lalín e de Silleda, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 11 de setembro de 2020.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Lalín e Silleda, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención nos concellos de Lalín e Silleda

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca do Deza, mantense, nos concellos de Lalín e Silleda, a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lalín.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 24 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén nos concellos de Lalín e Silleda serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade