Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207-Bis Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39899

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 14 outubro de 2020 pola que se establece unha medida de prevención específica como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

No informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, de data 14 de outubro de 2020, indícase que as taxas máis altas en Galicia se obtiveron ao final do mes de agosto, con taxas acumuladas a 7 días de 70 casos por 100.000 habitantes, e baixaron despois lentamente ata os 50 casos por 100.000 habitantes. Porén, as taxas en Galicia están a aumentar nos últimos días, desde esta taxa de 50 casos por 100.000 habitantes dos primeiros días do mes de outubro ata os 80 casos por 100.000 nunha semana. Isto implica unha subida do 60 % nese período de tempo. Por outra banda, o número reprodutivo instantáneo, que indica o número de casos secundarios que ocorren por cada caso activo, supera o 1 en todas as áreas sanitarias, do que pode deducirse que a transmisión está a aumentar, polo que se espera que a tendencia de casos e taxas vai seguir aumentando.

A porcentaxe de positividade das probas PCR realizadas vai tamén nesta liña. Malia que se incrementou de forma importante o número de tests realizados, está de novo por riba do 6 %, o dobre do estimado como situación desexable.

O total de ingresados en planta é de 221, 16 máis que o día anterior e aumenta tamén o número de ingresados nas UCI.

Tendo en conta a tendencia actual crecente e, en aplicación do principio de precaución e de actuación precoz de cara a poder enfrontar os vindeiros meses na mellor situación epidemiolóxica posible (é previsible un aumento da incidencia de casos nos meses vindeiros debido a que a poboación estará máis tempo en ambientes pechados que favorecen a transmisión e a posible coinfección co virus da gripe cuxa tempada epidémica se espera tamén nestes próximos meses), o informe considera necesario tomar medidas tendentes a reducir as interaccións sociais de risco en toda Galicia. Tal e como se constata no estudo dos gromos acontecidos en Galicia e a súa tendencia a que o ámbito en que se xeran é predominantemente no ámbito familiar estendido e no ámbito social e de amizade, o informe considera conveniente establecer para todo o territorio galego restricións respecto ao tamaño dos grupos de calquera actividade ou evento familiar ou social, polo que se establece un máximo de 10 persoas para grupos non conviventes. Non será de aplicación esta limitación no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos e de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos seus correspondentes protocolos de funcionamento.

Tendo en conta o indicado no dito informe, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia impón, como consecuencia e con carácter urxente, a adopción da medida de prevención específica consistente na limitación a un máximo de dez persoas dos grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados. A dita medida será de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, naqueles ámbitos territoriais en que, atendida a concreta evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria existente neles, se adoptasen ou se adopten, por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, medidas máis estritas que as contidas na presente orde respecto das limitacións dos grupos de persoas, observarase o disposto na orde correspondente, durante o período a que se estenda a eficacia desas medidas máis estritas.

Cómpre salientar, respecto da medida que é obxecto de adopción neste orde, que ata este momento, con carácter xeral (e agás naqueles ámbitos territoriais nos cales se adoptaron medidas de prevención específicas relativas ás limitacións de grupos de persoas) na Comunidade Autónoma existe a recomendación sanitaria de limitar os encontros sociais a un máximo de dez persoas, conforme o número 8 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, introducido en virtude da modificación operada pola Orde do 15 de agosto de 2020, de acordo co indicado na declaración de actuacións coordinadas en saúde pública para responder ante a situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos polo COVID-19, aprobada pola Orde comunicada do ministro de Sanidade, do 14 de agosto de 2020.

Agora ben, ante a evolución desfavorable da pandemia no territorio autonómico resulta necesario adoptar, como medida de prevención de obrigado cumprimento, e non como mera recomendación sanitaria, a relativa á limitación a un máximo de dez persoas dos grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados. A dita medida resulta necesaria, idónea e proporcionada para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa e respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período durante o cal non hai indicios externos da enfermidade. En efecto, ante a evolución epidemiolóxica e sanitaria desfavorable que se está detectando no conxunto do territorio autonómico, é preciso adoptar, sen demora, restricións ao desenvolvemento daquelas actividades que se detectaron como de maior risco de transmisión e contaxio da enfermidade. En concreto, trátase de evitar aglomeracións ou encontros de carácter familiar ou social por riba dun determinado número de persoas co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe recordarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se demostraron eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. En particular, a medida de limitación das agrupacións de persoas vai dirixida a previr ou polo menos restrinxir numericamente a participación en reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade, xa que teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e contaxio.

Esta medida, ademais, resulta menos disruptiva das actividades esenciais, económicas, laborais e profesionais ca outras, como as limitacións á liberdade de circulación ou confinamentos, que deben reservarse para cando resulta preciso un maior nivel de restrición. Procede advertir, ademais, de que a medida non é absoluta, senón que se ve matizada por unha serie de importantes excepcións, dado que o límite de dez persoas non se aplicará no caso de persoas conviventes, e tampouco será aplicable no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Ademais, a medida debe ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma e, en todo caso, nun prazo non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde.

II

A medida que se adopta na presente orde ten o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, cómpre salientar que a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, prevé, no seu artigo primeiro que, co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na dita lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

O artigo segundo habilita as autoridades sanitarias competentes para adoptaren medidas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolve unha actividade. E, para o caso concreto de enfermidades transmisibles, o artigo terceiro dispón que, co fin de controlalas, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou estivesen en contacto con estes e do contorno inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible. E o artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, prevé que as autoridades sanitarias poderán levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, antes citados.

Non se recolle, pois, unha lista pechada de medidas de prevención, senón que poderán adoptarse, de acordo cos principios de precaución e de proporcionalidade que deben rexer as actuacións en materia de saúde, as necesarias para facer fronte ao concreto risco sanitario de que se trate.

En todo caso, e en atención a tales principios, a medida será reavalidada nun período non superior a sete días naturais desde a publicación desta orde, en función da evolución da situación epidemiolóxica no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, a medida de prevención que se recolle nesta orde ten un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como a que nos ocupa, e a vixilancia, inspección e control do seu cumprimento corresponden aos concellos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas (artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia), das competencias dos concellos do control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía, dos lugares de convivencia humana (artigo 80.3 da lei citada), así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

Polo tanto, os alcaldes e alcaldesas, como autoridade sanitaria, deben garantir nas referidas actividades, servizos e lugares de convivencia humana os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía (artigo 33.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia) e, polo tanto, garantir a vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas preventivas aprobadas pola Administración autonómica e daquelas que, no seu desenvolvemento e atendendo á situación concreta, poida establecer o correspondente concello.

Así mesmo, as forzas e corpos de seguridade teñen un papel fundamental no necesario control do cumprimento das medidas de prevención, papel que veñen desempeñando durante toda esta crise sanitaria, a través da formulación das correspondentes denuncias e remisión ás autoridades competentes, nos casos en que se detecte o seu incumprimento. Debe recordarse a este respecto que o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Tendo en conta a existencia dunha declaración de emerxencia sanitaria, resulta esencial a colaboración das forzas e corpos de seguridade coa finalidade de preservar a seguridade e a convivencia cidadás.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e alcance

1. O obxecto desta orde é establecer unha medida de prevención específica como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dita medida será de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de modo temporal, conforme o indicado no punto cuarto desta orde.

Non obstante, naqueles ámbitos territoriais en que, atendida a concreta evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria existente neles, se adoptasen ou se adopten, por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, medidas máis estritas que as contidas na presente orde respecto das agrupacións de persoas, observarase o disposto na orde correspondente durante o período a que se estenda a eficacia desas medidas máis estritas.

3. En todo o non previsto nesta orde, e no que sexa compatible con ela, serán de aplicación as medidas que, con carácter xeral, se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Non obstante, naqueles ámbitos territoriais nos cales, atendida a concreta evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria existente neles, se adoptasen ou se adopten, por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, medidas máis estritas que as contidas no dito acordo, observarase o disposto na orde correspondente durante o período a que se estenda a eficacia desas medidas máis estritas.

Segundo. Restricións ás agrupacións de persoas para a protección da saúde das persoas ante a existencia dun risco de carácter transmisible

1. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, adóptase, de modo temporal, a medida de limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados a un máximo de dez persoas, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

Tampouco serán aplicable esta limitación no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

2. O incumprimento da medida de prevención establecida neste punto poderá dar lugar á imposición das sancións e a outras responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.

3. En particular, para os efectos da execución e control desta medida de prevención, no marco da situación de emerxencia sanitaria declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, solicitarase a colaboración das forzas e corpos de seguridade.

4. Solicitarase a ratificación xudicial da medida prevista neste punto, de acordo co previsto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Control do cumprimento da medida e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento da medida de prevención recollida nesta orde, e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía, corresponderán aos respectivos concellos dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento da medida de prevención.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado das denuncias que formulen polo incumprimento da medida de prevención ás autoridades competentes.

Cuarto. Eficacia

1. Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 15 de outubro de 2020. Non obstante, a medida recollida nela será obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para estes efectos, poderá ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderá deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

2. No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 15 a 18 de outubro que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 14 de outubro, non será aplicable a medida de prevención específica prevista nesta orde, sempre que non se estivese aplicando xa a dita medida ou outra máis restritiva con anterioridade, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á xefatura territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade