Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212-Bis Mércores, 21 de outubro de 2020 Páx. 42086

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis e Cambados.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do sinalado no punto sexto do acordo, atendido o indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública do 23 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 23 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilagarcía de Arousa.

Tal e como se indicou na orde, as medidas teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En canto á eficacia das medidas, de acordo co punto quinto da orde as medidas tiveron efectos desde as 00.00 horas do 24 de setembro de 2020 e debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 85/2020, do 25 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Co mesmo fundamento normativo, tendo en conta o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 25 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 25 de setembro de 2020 establecéronse determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilanova de Arousa (medidas que son similares ás previstas na Orde do 23 de setembro de 2020 para o concello de Vilagarcía de Arousa). Conforme o punto quinto da orde, as medidas tiveron efecto desde as 00.00 horas do 26 de setembro de 2020 e debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, no período máximo de sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 90/2020, do 30 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 23 de setembro de 2020 e da Orde do 25 de setembro de 2020 citadas, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. De acordo co indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 30 de setembro de 2020, sobre a comarca do Salnés, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 30 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, no concello de Vilagarcía de Arousa, das medidas de prevención previstas na Orde do 23 de setembro de 2020 e, no concello de Vilanova de Arousa, das medidas de prevención previstas na Orde do 25 de setembro de 2020, así como a aplicación das mesmas medidas tamén nos concellos de Sanxenxo e Meis.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 94/2020, do 2 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

De acordo co informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca do Salnés, do 2 de outubro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 2 de outubro de 2020 dispúxose a aplicación, no concello de Cambados, das mesmas medidas de prevención específicas que se estaban aplicando nos concellos de Vilagarcía de Arousa, de Vilanova de Arousa, de Sanxenxo e de Meis, contidas na Orde do 23 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilagarcía de Arousa, e na Orde do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilanova de Arousa. De acordo co punto segundo da orde, as medidas serán reavaliadas nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde en función da evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello.

En cumprimento do disposto no punto segundo da Orde do 30 de setembro de 2020 e da Orde do 2 de outubro de 2020 citadas, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Sobre a base do informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de outubro de 2020, sobre a comarca do Salnés, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 7 de outubro de 2020, na que se dispuxo o mantemento, nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis e Cambados, das medidas de prevención previstas na Orde do 23 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilagarcía de Arousa, e na Orde do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilanova de Arousa. As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas polo Auto 106/2020, do 9 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Por último, en cumprimento do punto segundo da Orde do 7 de outubro de 2020 procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. En consecuencia, mediante a Orde do 14 de outubro de 2020 dispúxose o mantemento, nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis e Cambados, das medidas de prevención específicas que se viñan aplicando.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas polo Auto 111/2020, do 16 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Conforme o punto segundo da orde, as medidas debían seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

Coa mesma data que a presente orde ditouse a Orde do 21 outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na que se recollen medidas específicas de limitacións de grupos a un máximo de 5 persoas, con determinadas excepcións, así como limitacións de capacidade para determinadas actividades, e o peche de festas, verbenas, outros eventos populares e atraccións de feiras. Estas medidas serán de aplicación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, agás naqueles ámbitos territoriais concretos para as que sexa necesaria a adopción de medidas máis restritivas.

Sentado o anterior, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 21 de outubro de 2020 indícase que a taxa acumulada a 14 días na comarca foi algo maior que a observada no informe anterior e por debaixo da taxa acumulada para o conxunto de Galicia. As taxas acumuladas a 3 e 7 días amosan, nos últimos días, unha tendencia ascendente que, no caso desta última, parece acadar certa estabilización no último día, o mesmo que se observa na media da taxa acumulada a 14 días. A taxa a 14 días de Vilanova de Arousa sobe, sendo este o único concello que presenta taxas a 3, 7 e 14 días superiores ás estimadas para o conxunto de Galicia para eses mesmos tres momentos temporais. Respecto das taxas acumuladas a 14 días recollidas no último informe, do día 11.10.2020, as taxas de Cambados e Meis descenden, mentres Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa soben. O valor do número reprodutivo instantáneo amosa un valor por riba do limiar de 1, o que indicaría que cada caso podería dar lugar a máis dun caso. Por outro lado, os indicadores de risco na comarca amosan algúns parámetros de risco alto, como a incidencia acumulada a tres días, e outros de risco medio, como a porcentaxe de probas positivas na área e período que cómpre considerar. A situación, aínda que mellora parcialmente nalgúns dos concellos, segue amosando criterios de risco, polo que precisa seguir con certas restricións. Deste xeito, recoméndase que nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Meis, Sanxenxo e Cambados se adopten as medidas restritivas aplicables a toda Galicia.

De acordo co disposto no dito informe, a situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis e Cambados non demanda a aplicación de medidas de prevención máis restritivas que as previstas para o territorio autonómico na Orde do 21 de outubro de 2020 citada.

Procede, en consecuencia, deixar sen efecto formalmente a Orde do 23 de setembro de 2020, pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilagarcía de Arousa, e a Orde do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilanova de Arousa, de xeito que nos concellos Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis e Cambados serán aplicables as medidas contidas na Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e, no que sexa compatible con elas, tal e como prevé a dita orde, as previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Na súa virtude, en aplicación do punto segundo da Orde do 14 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis e Cambados, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis e Cambados

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis e Cambados, serán de aplicación, nos ditos concellos, as medidas de prevención previstas na Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e, no que sexa compatible con elas, tal e como prevé a dita orde, as previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

1. Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 22 de outubro de 2020.

2. Na data de comezo de efectos desta orde quedarán sen efecto a Orde do 23 de setembro de 2020, pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilagarcía de Arousa, e a Orde do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Vilanova de Arousa.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade