Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212-Bis Mércores, 21 de outubro de 2020 Páx. 42081

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable, e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, sobre a base do indicado no Informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 28 de agosto de 2020, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas encóntrase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 29 de agosto de 2020, que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo do 29 de agosto de 2020.

Froito do seguimento e avaliación das medidas, sobre a base do indicado nos correspondentes informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar tamén as recomendacións do comité clínico, foron ditadas sucesivas ordes.

Así, en virtude da Orde do 2 de setembro de 2020 acordouse o mantemento das medidas de prevención e das recomendacións existentes no concello de Lugo, con adaptacións puntuais tendentes a precisar o ámbito das restricións ás agrupacións de persoas e a prever o uso de máscaras para a práctica deportiva en ximnasios ou espazos pechados. O mantemento das medidas limitativas de dereitos fundamentais foi obxecto de ratificación xudicial polo Auto 62/2020, do 4 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo.

Mediante a Orde do 9 de setembro de 2020 acordouse o mantemento das medidas previstas para todo o ámbito territorial do concello de Lugo na Orde do 28 de agosto de 2020, con algunhas modificacións puntuais, e o levantamento das medidas máis restritivas que aquela orde contiña para o barrio da Milagrosa. O mantemento das medidas limitativas de dereitos fundamentais foi obxecto de ratificación xudicial polo Auto 80/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo.

Na posterior Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, no concello de Lugo, das medidas previstas para todo o ámbito territorial do dito concello na Orde do 28 de agosto de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas polas ordes do 2 e do 9 de setembro de 2020. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron ratificadas polo Auto 64/2020, do 18 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo.

Mediante a Orde do 23 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, no concello de Lugo, das medidas previstas para todo o ámbito territorial dese concello na Orde do 28 de agosto de 2020, na súa redacción vixente, tendo en conta as modificacións introducidas polas ordes do 2 e do 9 de setembro de 2020. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 87/2020, do 25 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En virtude da posterior Orde do 30 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, no concello de Lugo, das mesmas medidas. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 93/2020, do 2 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Mediante a Orde do 7 de outubro de 2020 dispúxose o mantemento das medidas sanitarias acordadas respecto do concello de Lugo, nos mesmos termos en que se viñan aplicando. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 104/2020, do 9 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

E, finalmente, mediante a Orde do 14 de outubro de 2020 dispúxose igualmente o mantemento das medidas sanitarias acordadas. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 114/2020, do 16 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Conforme o punto segundo da dita orde, as medidas debían seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

Coa mesma data que a presente orde ditouse a Orde do 21 outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na cal se recollen medidas específicas de limitacións de grupos a un máximo de 5 persoas, con determinadas excepcións, así como limitacións de capacidade para determinadas actividades, e o peche de festas, verbenas, outros eventos populares e atraccións de feiras. Estas medidas serán de aplicación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia agás naqueles ámbitos territoriais concretos para os cales sexa necesaria a adopción de medidas máis restritivas.

En cumprimento do disposto no punto segundo da Orde do 14 de outubro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Neste sentido, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 21 de outubro de 2020, sobre a comarca de Lugo, indícase que a taxa de incidencia global dos últimos 14 días na comarca foi máis alta que na semana anterior. Esta taxa é 1,12 veces maior que a taxa global dos últimos 14 días estimada para o conxunto de Galicia. Destacan os datos de casos do concello de Lugo nos últimos 14 días, cunha identificación continua e diaria de casos novos. Trátase do único concello que amosa taxas acumuladas a 3 e 7 días superiores ás taxas acumuladas para eses mesmos momentos temporais para o conxunto de Galicia. Ademais, os indicadores de risco da comarca seguen a amosar algún indicador de alto risco, como a incidencia acumulada a tres días e algún indicador de risco medio, tal como a porcentaxe de probas positivas na área e período de investigación do gromo. A información reflectida anteriormente amosa que a situación no concello de Lugo aínda non está controlada. O informe entende que nos concellos da comarca se poden adoptar as mesmas restricións que as aprobadas con esta mesma data para toda Galicia.

De acordo co disposto no dito informe, a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Lugo non demanda a aplicación de medidas de prevención máis restritivas que as previstas para o territorio autonómico na Orde do 21 de outubro de 2020 citada.

Procede, en consecuencia, deixar sen efecto formalmente a Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, de xeito que no concello serán aplicables as medidas contidas na Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e, no que sexa compatible con elas, tal e como prevé a dita orde, as previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 14 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención no concello de Lugo

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Lugo, serán de aplicación no dito concello as medidas de prevención previstas na Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e, no que sexa compatible con elas, tal e como prevé a dita orde, as previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

1. Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 22 de outubro de 2020.

2. Na data de comezo de efectos desta orde quedarán sen efecto a Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, así como as ordes do 2 e do 9 de setembro, de modificación daquela.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade