Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212-Bis Mércores, 21 de outubro de 2020 Páx. 42075

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable, e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Pontevedra, sobre a base do indicado no Informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 9 de setembro de 2020, e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais contidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto número 70/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra.

Por outra banda, de acordo co Informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Pontevedra, do 11 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, tendo en conta a situación dos concellos de Poio e de Vilaboa e a relación destes concellos entre eles e co concello de Pontevedra, ditouse a Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, en que se acordou estender a aplicación das medidas de prevención previstas na Orde do 9 de setembro de 2020, antes citada, a estes dous concellos, e engadir, ademais, medidas específicas respecto das praias destes concellos.

Neste caso, no que atinxe á eficacia das medidas, no punto segundo da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do 12 de setembro de 2020, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Pontevedra, respecto do concello de Poio, e polo Auto do 13 de setembro de 2020, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cangas, respecto do concello de Vilaboa.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e no punto segundo da Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente. Tendo en conta o indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, sobre as comarcas de Pontevedra e do Morrazo, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, na Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose, unha vez atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020 nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa, e a extensión da aplicación das mesmas medidas ao concello de Marín.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, no Auto número 103/2020, do 18 de setembro, pronunciouse sobre a ratificación das medidas restritivas de dereitos fundamentais.

De conformidade co punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas adoptadas para adecualas á evolución epidemiolóxica. Así, tendo en conta o disposto nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 23 de setembro de 2020, sobre as comarcas de Pontevedra e O Morrazo, e logo de escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 23 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín, das medidas de prevención previstas nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020.

Posteriormente, á vista do indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 30 de setembro de 2020, sobre as comarcas de Pontevedra e O Morrazo, e logo de escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 30 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín, das medidas de prevención previstas nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020, e deixáronse sen efecto estas medidas no concello de Vilaboa.

Pola posterior Orde do 7 de outubro de 2020 dispúxose o mantemento nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín das medidas de prevención específicas que se estaban aplicando nos ditos concellos.

Finalmente, na Orde do 14 de outubro de 2020 mantívose a eficacia, nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín, das medidas de prevención específicas previstas nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020.

Conforme o punto segundo da orde, as medidas debían continuar sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Coa mesma data que esta orde ditouse a Orde do 21 outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na que se recollen medidas específicas de limitacións de grupos a un máximo de 5 persoas, con determinadas excepcións, así como limitacións de capacidade para determinadas actividades, e o peche de festas, verbenas, outros eventos populares e atraccións de feiras. Estas medidas serán de aplicación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, agás naqueles ámbitos territoriais concretos para os cales sexa necesaria a adopción de medidas máis restritivas.

Sentado o anterior, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 21 de outubro de 2020, sobre a comarca de Pontevedra indícase que a taxa acumulada desde o inicio do gromo para o global da comarca de Pontevedra é superior á observada na semana anterior, ao igual que a taxa acumulada para os últimos 14 días. No nivel de concello, Pontevedra e Poio son os concellos que amosan o maior número de casos. Por outro lado, notifícanse casos todos os días durante os últimos 14 en Pontevedra e durante os últimos 10 días en Poio. No relativo aos indicadores de risco, na comarca de Pontevedra obsérvanse indicadores de alto risco, tales como a incidencia acumulada a tres días na área e período de investigación do gromo ou a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado na área e período de investigación do gromo. Así mesmo, existe algún indicador de risco medio como a porcentaxe de probas PCR positivas na área e período de investigación do gromo que tamén aumentou con respecto ao informe anterior. En atención ao anterior, no informe indícase que a situación nos concellos de Pontevedra e Poio aínda non está controlada e que, tendo en conta as restricións establecidas para o global da Comunidade Autónoma galega, se considera que estas son tamén aptas para todos os concellos da comarca de Pontevedra.

Pola súa banda, no Informe Dirección Xeral de Saúde Pública, do 21 de outubro de 2020, sobre a comarca do Morrazo, indícase que a taxa acumulada a 14 días na comarca foi superior á reflectida no informe anterior. Destaca a taxa rexistrada nos concellos de Cangas e de Marín, ben que neste último caso é inferior á do último informe. Así mesmo, Cangas e Marín foron os concellos en que se rexistraron un maior número de casos nos últimos 14 días. A estimación puntual do número reprodutivo instantáneo é do o 1,5. Os grupos de idade máis afectados, que son persoas moi novas, poderían favorecer a transmisión da enfermidade dada a alta proporción de infectados sen síntomas ou pauciasintomáticos. No que se refire aos indicadores de risco, obsérvase algún de risco alto como incidencia acumulada a tres días e indicadores en nivel de risco medio como a porcentaxe de probas PCR positivas na área e período de investigación do gromo e o número de contactos con PCR positiva relacionados cun caso na área e período de investigación do gromo. O informe conclúe que este gromo, a expensas dos concellos de Cangas e Marín, segue a ter características de certo nivel de risco, aínda que os datos obtidos neste último concello mostran certa melloría con respecto ao informe anterior, o que parece evidenciar que as medidas restritivas establecidas están a ter efecto. Polo tanto, é preciso continuar con este tipo de medidas co fin de controlar o gromo de maneira definitiva. Con este obxectivo, recoméndase no informe que todos os concellos da comarca do Morrazo se axusten ás restricións establecidas para o global da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co disposto nos ditos informes, a situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín non demanda a aplicación de medidas de prevención máis restritivas que as previstas para o territorio autonómico na Orde do 21 de outubro de 2020 citada.

Procede, en consecuencia, deixar sen efecto formalmente a Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e a Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, de xeito que nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín serán aplicables as medidas contidas na Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e, no que sexa compatible con elas, tal e como prevé a dita orde, as previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Na súa virtude, en aplicación do punto segundo da Orde do 14 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín, serán de aplicación, nos ditos concellos, as medidas de prevención previstas na Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e, no que sexa compatible con elas, tal e como prevé a dita orde, as previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

1. Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 22 de outubro de 2020.

2. Na data de comezo de efectos desta orde quedarán sen efecto a Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e a Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade