Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238-Bis Mércores, 25 de novembro de 2020 Páx. 46610

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 194/2020, do 25 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se modifica o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6.2 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto de persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisións que poida resultar dos encontros colectivos, sen que a dita limitación poida afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En concreto, no dito decreto recóllense, á vista do indicado no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de novembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, tres tipos de limitacións:

a) Limitacións de entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, agás certas excepcións, contidas no punto primeiro do decreto.

b) Limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público e de uso privado, agás supostos excepcionais e xustificados, contidas no punto segundo do decreto. Con carácter xeral, establécese unha limitación de grupos aos formados por un máximo de seis persoas, agás que sexan persoas conviventes. Non obstante, en determinados ámbitos territoriais e atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente neles ou en concellos cos cales existe unha forte interrelación, é aplicable a medida máis restritiva, consistente na limitación de grupos aos constituídos só por persoas conviventes. Actualmente, estes últimos ámbitos territoriais son os mesmos en que rexen as limitacións de entrada e saída de persoas.

c) Limitacións da permanencia de persoas en lugares de culto, contidas no punto terceiro do decreto, no cal se establecen limitacións de capacidade de carácter xeral para o territorio autonómico e limitacións de capacidade máis restritivas nos ámbitos territoriais en que rexen as limitacións de entrada e saída de persoas.

Conforme o punto quinto do decreto, as medidas previstas nel manterán a súa eficacia ata as 15.00 horas do 4 decembro de 2020. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Posteriormente ditouse o Decreto 181/2020, do 9 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, que deu nova redacción ao punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, relativo ás limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto, e o Decreto 182/2020, do 13 de novembro, polo que se dispuxo a aplicación, nos concellos da comarca de Bergantiños, agás o concello da Laracha, e no concello de Ribadavia, das limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, e das limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do dito decreto.

Así mesmo, ditouse o Decreto 186/2020, do 18 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se modifica o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, en que se ampliou o ámbito territorial de aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas ao ámbito delimitado de forma conxunta polos concellos de Sanxenxo e do Grove, e se estenderon ao concello de Sanxenxo as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, na súa redacción vixente.

Por último, ditouse o Decreto 187/2020, do 20 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se modifica o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Neste decreto levantouse no concello do Carballiño a limitación perimetral, así como as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro. Así mesmo, no que atinxe aos concellos de Vilalba e A Laracha, a situación epidemiolóxica e sanitaria determinou a necesidade de aplicar nos ditos concellos, con urxencia, as limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, e das limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do dito decreto, na súa redacción vixente. En concreto, no concello da Laracha a limitación de entrada e saída de persoas, agás certas excepcións, estableceuse no ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos da comarca de Bergantiños sometidos ao mesmo nivel de restricións. No caso de Vilalba, a limitación de entrada e saída de persoas, agás certas excepcións, estableceuse no ámbito territorial do propio concello.

III

A evolución da situación nos concellos de Verín, Monforte de Lemos, Campo Lameiro, Amoeiro, Coles, Boqueixón, Val do Dubra e Trazo, ten experimentou unha mellora significativa, polo que resulta necesario adaptar as medidas específicas de prevención á situación epidemiolóxica actual nestes concellos. Así, nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 25 de novembro de 2020 sobre as comarcas de Verín, Terra de Lemos, Pontevedra, Ourense, Santiago e Ordes, á vista das taxas acumuladas a 14 días nos concellos antes indicados, recoméndase que se levanten as medidas máis restritivas que se viñan aplicando neles.

Por outro lado, a situación sanitaria e epidemiolóxica no concello de Moaña fai necesario aplicar neste medidas máis restritivas. Neste sentido, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 25 de novembro de 2020 sobre a comarca do Salnés destaca que o concello de Moaña ten unha taxa acumulada a 14 días de 443,3 casos por cada cen mil habitantes e cunha declaración continua e diaria de casos. A taxa diaria acumulada a 7 días presenta unha tendencia ascendente. O valor do número reprodutivo instantáneo amosa un valor por riba do 1, o que se traduce en que cada caso podería xerar máis dun caso secundario e, polo tanto, que segue a manterse a transmisión na comunidade. A incidencia acumulada en 3 días e a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado amosan valores de risco alto. Ademais, o grupo de idade en que se recollen as taxas de incidencia máis altas é o de 20-24 anos, grupo no cal a clínica pode ser con maior frecuencia pauciasintomática ou asintomática, favorecendo deste xeito a transmisión e dificultando o control. De acordo co exposto, o informe recomenda aplicar medidas máis restritivas no concello de Moaña.

Tendo en conta o indicado nos ditos informes e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Verín, Monforte de Lemos, Campo Lameiro, Amoeiro, Coles, Boqueixón, Val do Dubra e Trazo determina que procede levantar, nos ditos concellos, a limitación perimetral, así como as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro.

No que atinxe ao concello de Moaña, a situación epidemiolóxica e sanitaria determina a necesidade de aplicación no dito concello, con urxencia, das limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, e das limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do dito decreto, na súa redacción vixente. En concreto, a limitación de entrada e saída de persoas, agás certas excepcións, establécese no ámbito territorial delimitado polo propio concello e ten por finalidade controlar a transmisión da enfermidade e conter a irradiación a outros lugares limítrofes.

A medida consistente na limitación de agrupacións de persoas ás constituídas só por persoas conviventes ten por finalidade intentar controlar a transmisión, aumentando no concello de Moaña o nivel de restrición dos contactos familiares e sociais, atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente nel. Debe recordarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se demostraron eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Procede advertir, ademais, que a medida de limitación de grupos non é absoluta, senón que está matizada por unha serie de importantes excepcións.

Procede, en consecuencia, introducir no Decreto 179/2020, do 4 de novembro, as modificacións necesarias, con fundamento normativo nos artigos 2, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, antes citados.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

O Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, queda modificado como segue:

Un. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Campo Lameiro, exclúese o dito concello da aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas e das limitacións máis restritivas á permanencia de agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no punto primeiro, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, na súa redacción vixente, modificando para tal fin a letra b) do número 1 do punto primeiro do dito decreto, que queda redactada como segue:

«b) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Pontevedra, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro, Cerdedo-Cotobade e Poio».

Dous. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria dos concellos de Amoeiro e Coles exclúense os ditos concellos da aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas e das limitacións máis restritivas á permanencia de agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no punto primeiro, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, na súa redacción vixente, modificando a letra e) do número 1 do punto primeiro do dito decreto coa seguinte redacción:

«e) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Ourense, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén».

Tres. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria dos concellos de Boqueixón, Trazo e Val do Dubra, procede excluír os ditos concellos da aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas e das limitacións máis restritivas á permanencia de agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no punto primeiro, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, modificando para tal fin a letra f) do número 1 do punto primeiro do dito decreto coa seguinte redacción:

«f) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Oroso, O Pino, Teo e Vedra».

Catro. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Monforte de Lemos, exclúese o dito concello da aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas e das limitacións máis restritivas á permanencia de agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no punto primeiro, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, na súa redacción vixente. As ditas limitacións deben, en cambio, ser aplicadas no concello de Moaña, tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no dito concello. En consecuencia, modifícase a letra l) do número 1 do punto primeiro do dito decreto, que queda coa seguinte redacción:

«l) Do ámbito territorial do concello de Moaña».

Cinco. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria do concello de Verín, procede excluír o dito concello da aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas e das limitacións máis restritivas á permanencia de agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto contidas, respectivamente, no punto primeiro, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, suprimindo e deixando sen contido o número 2 do punto primeiro do dito decreto.

Segundo. Eficacia

Este decreto terá efectos desde as 00.00 horas do 26 de novembro de 2020.

Terceiro. Recursos

Contra o presente decreto poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de novembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia