Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244-Bis Xoves, 3 de decembro de 2020 Páx. 47928

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. As ditas medidas consistiron no establecemento de limitacións de entrada e saída de persoas de determinados ámbitos territoriais e en limitacións da permanencia de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto. Conforme o punto quinto do decreto, a eficacia destas medidas estendíase ata as 15.00 horas do 4 de decembro de 2020, sen prexuízo do cal debían ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento. Ademais, as ditas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica. Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que foi modificada en diversas ocasións.

III

A situación da evolución epidemiolóxica xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa duración inicial das medidas que se viñan aplicando, fai necesario acometer unha revisión delas, tanto das previstas con carácter xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia como das particulares aplicables en ámbitos territoriais concretos. Por outra banda, cómpre valorar tamén a incidencia acumulada que a aplicación das medidas viña supoñendo para sectores concretos da actividade económica, e o impacto que estaban a ter na realidade socioeconómica de Galicia.

En concreto, á vista do indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 3 de decembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia exixe a adopción das medidas que se establecen nesta orde, baseadas na distinción de diversos niveis de restrición, consistentes nun nivel básico, aplicable con carácter xeral en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e duns niveis medio, medio-alto e de máximas restricións, aplicables de forma progresiva e graduada naqueles concellos cunha máis desfavorable situación epidemiolóxica.

En particular, esta orde determina o concreto nivel en que se atopan os concellos que presentan a indicada situación máis desfavorable, tendo en conta diversos criterios como os datos de incidencia acumulada en diversos períodos de tempo ou no colectivo de persoas maiores de 65 anos, modulados en atención a diversos factores como a porcentaxe de PCR positivas durante determinados períodos, a evolución no número de casos, a poboación e características dos abrochos, a porcentaxe de ocupación de camas de críticos por COVID, a porcentaxe de pacientes atendidos no circuíto COVID nos servizos de urxencias hospitalarias ou a porcentaxe de casos que previamente estaban corentenados.

En relación co nivel de restricións aplicable actualmente, de acordo co disposto na redacción vixente da Orde do 4 de novembro de 2020, cabe destacar que, dada a evolución favorable dos concellos de Ourense, Barbadás e O Pereiro de Aguiar, se levantan neste ámbito territorial as medidas máis restritivas que lles eran aplicables e pasa a serlles aplicable o nivel básico de restricións. Tamén pasa a ser aplicable este nivel no ámbito territorial dos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo.

Así mesmo, pasan ao nivel básico o concello da Estrada e o concello de Ares, tendo en conta a evolución favorable da súa situación epidemiolóxica.

Por outro lado, tendo en conta a taxa de incidencia acumulada a 14 días das Pontes de García Rodríguez (de máis de 250 casos por cada cen mil habitantes), deben aplicarse neste concello, de acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, medidas máis restritivas, correspondentes ao nivel de máximas restricións.

Ademais, o concello da Guarda presenta unha taxa acumulada a 14 días de 370,9 casos por cada cen mil habitantes, polo que o informe da Dirección Xeral de Saúde Publica recomenda a aplicación de medidas máis restritivas, correspondentes coa aplicación do nivel de restricións medio-alto.

Tamén se realiza unha revisión dos distintos niveis de restricións aplicables a determinados concellos para adaptalos á súa situación epidemiolóxica. Así, pasan a aplicarse medidas menos restritivas, dada a súa evolución favorable, noutros concellos, como A Coruña, Culleredo, Arteixo, Oleiros, Cambre, Burela, Laxe, Silleda, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo-Cotobade, que quedan situados nun nivel de restricións medio.

Polo demais, tendo en conta a regulación e as limitacións en canto aos grupos de persoas que recolle o Decreto 202/2020, do 3 de decembro de 2020, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, realízase unha revisión das medidas vixentes en canto aos grupos de persoas nas distintas actividades previstas nas medidas de prevención.

Debe destacarse, en particular, en relación coa situación anterior, que se efectúa unha nova regulación das medidas aplicables á hostalaría nos distintos niveis, tendo en conta a evolución da situación sanitaria, de tal modo que se posibilita nos niveis medio, medio-alto e incluso de restricións máximas, o desempeño da actividade flexibilizando as medidas ata o de agora existentes. Así, elimínase a medida de prevención que se viña aplicando no anterior nivel elevado de restricións, consistente en que as mesas debían estar conformadas por persoas conviventes, e permítese a apertura do interior ou de terrazas, con determinadas capacidades máximas ou ata determinadas horas, segundo o nivel de restricións aplicable, en supostos en que antes non era posible.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Na dita lexislación sanitaria non se recolle unha lista pechada de medidas de prevención, senón que se poderán adoptar, de acordo cos principios de precaución e de proporcionalidade que deben rexer as actuacións en materia de saúde, as necesarias para facer fronte ao concreto risco sanitario de que se trate.

Por outra banda, as medidas de prevención que se recollen nesta orde teñen un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como a que nos ocupa, e a vixilancia, inspección e control do seu cumprimento corresponde aos concellos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas (artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia), das competencias dos concellos do control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía, dos lugares de convivencia humana (artigo 80.3 da lei citada), así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

Polo tanto, os alcaldes e alcaldesas, como autoridade sanitaria, deben garantir nas referidas actividades, servizos e lugares de convivencia humana os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía (artigo 33.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia) e, polo tanto, garantir a vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas preventivas aprobadas pola Administración autonómica e daquelas que, no seu desenvolvemento e atendendo á situación concreta, poida establecer o correspondente concello.

Así mesmo, as forzas e corpos de seguridade teñen un papel fundamental no necesario control do cumprimento das medidas de prevención, papel que veñen desempeñando durante toda esta crise sanitaria, a través da formulación das correspondentes denuncias e remisión ás autoridades competentes, nos casos en que se detecte o seu incumprimento. Debe recordarse a este respecto que o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Tendo en conta a existencia dunha declaración de emerxencia sanitaria, resulta esencial a colaboración das forzas e corpos de seguridade coa finalidade de preservar a seguridade e a convivencia cidadás.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e alcance

1. Constitúe o obxecto desta orde establecer medidas de prevención específicas, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As medidas contidas nesta orde son complementarias das previstas no Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En todo o non previsto nas ditas disposicións e nesta orde, e no que sexa compatible con ambas, aplicarase o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Segundo. Medidas de prevención específicas

1. En todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, recoméndaselles ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables ao COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas.

2. Mantense, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, o peche das actividades de festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras.

3. Así mesmo, serán de aplicación, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as medidas de prevención específicas recollidas no anexo I.

4. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo II e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo I, no ámbito territorial dos seguintes concellos:

a) A Coruña, Culleredo, Arteixo, Oleiros e Cambre.

b) Burela.

c) Laxe.

d) Silleda.

e) Soutomaior.

f) Ponte Caldelas.

g) Barro.

h) Cerdedo-Cotobade.

5. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo III e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo I, no ámbito territorial dos seguintes concellos:

a) Ferrol, Fene e Neda.

b) Vigo, Mos, Nigrán e Gondomar.

c) Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

d) Lugo.

e) Lalín.

f) Cangas.

g) Coristanco, Cabana de Bergantiños, Malpica e Ponteceso.

h) Meis, Meaño e Ribadumia.

i) Cee, Dumbría e Muxía.

j) Oroso.

k) Vimianzo.

l) Ribadavia.

m) Xinzo de Limia.

n) Vilaboa.

o) A Guarda.

6. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo IV e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo III, no ámbito territorial dos concellos que se relacionan a continuación. Así mesmo, no que sexa compatible cos dous anexos citados serán de aplicación as medidas recollidas no anexo I.

a) Pontevedra, Marín e Poio.

b) Sanxenxo e O Grove.

c) Carballo e A Laracha.

d) Tui.

e) Ponteareas.

f) Moaña.

g) Vilalba.

h) Narón.

i) Redondela.

j) O Porriño.

k) Cambados.

l) As Pontes de García Rodríguez.

7. As medidas terán a duración temporal prevista no punto cuarto.

Terceiro. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde, e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía, corresponderán aos respectivos concellos dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado das denuncias que formulen, polo incumprimento das medidas de prevención, ás autoridades competentes.

Cuarto. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I: NIVEL BÁSICO

Medidas de prevención específicas aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia

Serán de aplicación, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as medidas de prevención específicas recollidas neste anexo.

1. Obrigas xerais.

1.1. Obrigas de cautela e protección.

Todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos. Este deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade.

Así mesmo, deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do COVID-19.

1.2. Persoas con sintomatoloxía.

Calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles co COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario o antes posible.

Igualmente, se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario.

1.3. Distancia de seguridade interpersoal.

Deberá cumprirse a medida de mantemento da distancia de seguridade interpersoal establecida polo Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, de, polo menos, 1,5 metros ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física con uso de máscara, de hixiene adecuada e etiqueta respiratoria.

1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas condicións establecidas no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente.

Os titulares dos establecementos, espazos ou locais deberán garantir o cumprimento desta obriga neles.

1.5. Medidas específicas para casos e contactos estreitos.

As persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por teren infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible co COVID-19, ou que estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado, deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas.

2. Medidas xerais de hixiene e prevención.

Sen prexuízo das normas ou protocolos específicos que se establezan, serán aplicables a todos os establecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público e actividades de carácter público, as medidas xerais de hixiene e prevención establecidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente.

3. Limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas por sectores.

3.1. Velorios e enterros.

1. Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente habilitadas, cun límite máximo, en cada momento, de vinte e cinco persoas en espazos ao aire libre ou de dez persoas en espazos pechados, sexan ou non conviventes.

2. A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de vinte e cinco persoas, entre familiares e achegados, sexan ou non conviventes, ademais, de ser o caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.

3.2. Celebracións con motivo de cerimonias relixiosas ou civís.

1. As celebracións que poidan ter lugar tras a cerimonia en establecementos de hostalaría e restauración axustaranse ás condicións e á capacidade previstas para a prestación do servizo nestes establecementos.

2. En calquera caso, nestas celebracións posteriores á cerimonia propiamente dita deberase respectar un máximo de cen persoas en espazos ao aire libre ou de cincuenta persoas en espazos pechados.

3.3. Establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nos locais e establecementos ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 deste anexo.

2. Deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.

3.4. Establecementos que teñan a condición de centros e parques comerciais ou que formen parte deles.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público situados en centros e parques comerciais non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

2. Non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns excepto para o tránsito entre os establecementos, salvo na actividade de hostalaría e restauración que se leve a cabo nas ditas zonas, a cal se deberá axustar ao previsto especificamente para estas actividades.

A capacidade das zonas comúns dos centros e parques comerciais queda limitada ao 33 %. Queda prohibida a utilización de zonas recreativas, como poden ser zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso, que deben permanecer pechadas.

3. Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior dos locais e establecementos e nas zonas comúns ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 deste anexo. Ademais, deberán evitarse as aglomeracións de persoas que comprometan o cumprimento destas medidas.

4. Deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.

3.5. Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública.

No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, non poderán superar o cincuenta por cento dos postos habituais ou autorizados e limitarán a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar esta limitación.

Á hora de determinar os comerciantes que poden exercer a súa actividade, o concello poderá dar prioridade a aqueles que comercializan produtos alimenticios e de primeira necesidade, asegurando que os consumidores non manipulen os produtos comercializados neles.

3.6. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación e actividade formativa xestionada ou financiada pola Administración autonómica en centros e entidades de formación.

A actividade que se realice nestes centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do cincuenta por cento respecto do máximo permitido.

3.7. Establecementos de hostalaría e restauración.

1. Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade para consumo no interior do local.

2. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo na barra.

3. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao setenta e cinco por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Considerarase terraza ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do setenta e cinco por cento entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza.

4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de seis persoas por mesa ou agrupación de mesas.

A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.

5. Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada, sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas. No caso de que estea en vigor unha limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, os clientes deberán abandonar o establecemento antes da hora de comezo da limitación.

6. As medidas contidas nos números 3, 4 e 5 serán tamén de aplicación ás terrazas dos establecementos de lecer nocturno.

3.8. Condicións para ocupación de zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos.

1. A ocupación das zonas comúns dos hoteis e aloxamentos turísticos non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade.

Para iso, cada establecemento deberá determinar a capacidade dos distintos espazos comúns, así como aqueles lugares en que poderán ter lugar eventos e as condicións máis seguras para a súa realización conforme a capacidade máxima prevista e de acordo coas medidas de hixiene, protección e distancia mínima establecidas.

2. As actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de seis persoas, sexan ou non conviventes, e excluídos os monitores, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.9. Albergues turísticos.

Na modalidade de aloxamento turístico de albergue permitirase unha capacidade máxima do cincuenta por cento da máxima permitida.

3.10. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais.

1. Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, tanto de titularidade pública como privada, poderán realizarse actividades presenciais sen superar o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida.

2. Este límite de ocupación será aplicable tamén á realización de actividades culturais nestes espazos e cun máximo de ata seis persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes, e excluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.11. Centros de lecer infantil.

Os centros de lecer infantil poderán levar a cabo a súa actividade cumprindo o Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, aprobado pola Orde da Consellería de Sanidade, do 30 de xuño de 2020.

Para as actividades, a ocupación máxima será do cincuenta por cento da capacidade máxima deste.

Os grupos deben ser dun máximo de seis persoas, excluídos os monitores.

3.12. Actividades e instalacións deportivas.

A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de seis persoas de forma simultánea, sen contar, de ser o caso, o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas durante un mínimo de 30 minutos ao inicio e ao remate de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao remate de cada clase ou actividade de grupo. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e non se poderá empregar a función de recirculación do aire interior.

3.13. Celebración de eventos deportivos, competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, circos de toldo e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

A celebración de eventos deportivos, competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, circos de toldo e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de persoas conviventes, cun límite máximo de 500 persoas para lugares pechados e de mil persoas se se trata de actividades ao aire libre.

O establecido no parágrafo anterior entenderase sen prexuízo das competencias atribuídas no artigo 15.2 do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polas butacas, e haberá unha planificación axeitada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no resto das instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, mesmo no caso de que se manteña a distancia de seguridade interpersoal nos termos previstos nas medidas hixiénico-sanitarias. Nas butacas ou asentos preasignados, as persoas asistentes non poderán quitar a máscara, agás para beber e só no momento do consumo.

Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que nas instalacións se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a prestación deste servizo axustarase ao previsto para tal efecto respecto dos establecementos de hostalaría e restauración.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de polo menos 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e non se poderá empregar a función de recirculación do aire interior.

Deberá existir un rexistro de asistentes ao evento e custodiar este durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

No caso de celebración de congresos, encontros, eventos e actos similares, se os asistentes non permanecen sentados en todo momento, solicitarase autorización á Dirección Xeral de Saúde Pública en que se comuniquen o evento, as datas, as actividades que se van realizar e as medidas concretas organizativas e de seguridade propostas para os riscos de contaxio. A solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

O recollido neste número será tamén de aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de propietarios e eventos similares.

3.14. Praias e piscinas.

1. O concello respectivo deberá establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios. Para os efectos de calcular a capacidade máxima permitida por cada praia, considerarase que a superficie de praia que vai ocupar cada usuario será de, polo menos, catro metros cadrados.

2. As piscinas ao aire libre ou cubertas, para uso deportivo ou recreativo, deberán respectar o límite do cincuenta por cento da súa capacidade, tanto no relativo ao acceso como durante a propia práctica deportiva ou recreativa, e sen que poidan exceder o límite de 100 persoas de ocupación. Quedan exentas destas limitacións as piscinas unifamiliares de uso privado.

3. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares nas zonas de estadía das piscinas e praias levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios. Deberá, ademais, respectarse o límite máximo de seis persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

4. Exceptúase o uso da máscara durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas piscinas e praias.

3.15. Especificidades para determinadas actividades turísticas.

Poderán realizarse actividades de turismo, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de seis persoas, sexan ou non conviventes, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.

3.16. Centros de información, casetas e puntos de información.

Nos centros de información, casetas e puntos de información e espazos similares non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de seis persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.17. Realización de actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil.

1. Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, cando estas se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao 50 % da súa capacidade, cun máximo de 100 participantes, excluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o cincuenta por cento da capacidade máxima do recinto, cun máximo de 50 participantes, excluídos os monitores.

2. As actividades deberán realizarse en grupos de ata seis persoas participantes, sexan ou non conviventes, e excluídos os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos.

3.18. Uso de espazos públicos.

1. Os centros cívicos e sociais poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao cincuenta por cento e que se extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan neles cun máximo de seis persoas, sexan ou non conviventes, e incluído o monitor ou guía para as actividades grupais.

2. Deberán adoptarse as medidas que coadxuven no control das agrupacións de persoas en lugares públicos, e das actividades prohibidas relacionadas co consumo de bebidas alcohólicas en parques e noutros lugares de tránsito público, polos riscos que presenta para a saúde pública, relacionados coa aglomeración incontrolada de persoas e coa ausencia ou relaxación de medidas de seguridade e de distanciamento persoal. Recoméndase o peche dos parques públicos e espazos similares a partir das 22.00 horas ata as 6.00 horas.

3.19. Centros recreativos turísticos ou similares.

1. Os centros recreativos turísticos ou similares poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao cincuenta por cento.

2. As visitas de grupos serán dun máximo de seis persoas, sexan ou non conviventes e excluído o monitor ou guía, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.20. Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre.

Sen prexuízo do establecido no número 3.18.2, os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.

3.21. Establecementos e locais de xogo e apostas.

1. Os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida.

2. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de seis persoas por mesa ou agrupación de mesas.

3. Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan actividades ou, na súa falta, para a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos na normativa vixente.

4. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención, no caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, o réxime e horario de prestación deste servizo axustarase ao disposto para os establecementos de hostalaría.

5. Os establecementos e locais deberán pechar non máis tarde das 00.30 horas, sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde esa hora, e cun período máximo de desaloxo de 30 minutos. No caso de que estea en vigor unha limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, os clientes deberán abandonar o establecemento antes da hora de comezo da limitación.

3.22. Limitación de capacidade para outros locais ou establecementos comerciais.

1. Con carácter xeral, calquera outro local ou establecemento comercial para o cal non se recollan expresamente unhas condicións de capacidade nesta orde, nin en protocolos ou normativa específica que lle sexa aplicable, non poderá superar o cincuenta por cento da capacidade autorizada ou establecida. En calquera caso, deberase respectar un máximo de cen persoas para lugares pechados e de duascentas persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

2. As actividades en grupo deberán realizarse cun máximo de seis persoas participantes, sexan ou non conviventes e excluídos os monitores, guías ou encargados correspondentes, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3. En calquera caso, poderase suspender a actividade de calquera establecemento que, ao xuízo da autoridade competente, poida supor un risco de contaxio polas condicións en que se estea desenvolvendo.

3.23. Transportes.

1. As condicións de capacidade dos vehículos e embarcacións que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, isto é, o transporte en autobús –de carácter interurbano e urbano, sexa de uso xeral, de uso especial ou discrecional– e o transporte marítimo en augas interiores, quedan establecidas do seguinte modo:

a) Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, poderase ocupar a totalidade dos asentos. Deberase manter a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita.

b) Nos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, e establécese como límite de ocupación máxima a dunha sexta parte das prazas de pé.

2. Como medidas adicionais aplicables aos modos de transporte previstos no número 1 establécense as seguintes:

a) Durante toda a duración do traxecto, cando esta sexa inferior a dúas horas, as persoas usuarias non poderán consumir alimentos no interior dos vehículos ou embarcacións e deberán, igualmente e na medida do posible, evitar consumir bebidas, conversar ou manter calquera outro contacto directo con outras persoas ocupantes do dito vehículo ou embarcación.

b) Na prestación de servizos colectivos regulares de transporte de viaxeiros de carácter interurbano, de uso xeral, cando non estean autorizadas prazas de pé, e na prestación de calquera servizo de transporte marítimo en augas interiores da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia será obrigatoria a expedición de billete coa identificación do servizo concreto de transporte de que se trate e do vehículo ou embarcación que o preste.

Igualmente, todos os anteriores vehículos e embarcacións deberán ter numerados os seus asentos de forma clara e visible para as persoas usuarias.

Naqueles servizos respecto dos cales non haxa unha asignación previa de asento, recoméndaselles ás persoas viaxeiras que anoten no seu billete o número de asento que ocupen e que o conserven durante os 14 días posteriores ao da viaxe.

ANEXO II: NIVEL MEDIO

Medidas de prevención específicas nos concellos a que se refire o número 4 do punto segundo da presente orde.

Nos concellos previstos no número 4 do punto segundo da presente orde aplicaranse as restricións previstas no anexo I, así como as específicas previstas a continuación.

1. Establecementos de hostalaría e restauración.

1. Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o corenta por cento da súa capacidade para consumo no interior do local.

2. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao cincuenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

2. Establecementos e locais de xogo e apostas.

Os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o corenta por cento da capacidade permitida.

ANEXO III: NIVEL MEDIO-ALTO

Medidas de prevención específicas nos concellos a que se refire o número 5 do punto segundo desta orde, correspondentes a un nivel medio-alto de restrición

Nos concellos previstos no número 5 do punto segundo desta orde aplicaranse as seguintes restricións e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo I:

1. Establecementos de hostalaría e restauración.

1. Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o trinta por cento da súa capacidade para consumo no interior do local.

2. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao cincuenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

3. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas.

4. O horario de peche ao público será ás 17.00 horas. No obstante, poderán prestar servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

5. Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes, poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de 4 persoas por mesa ou agrupación de mesas.

2. Establecementos e locais de xogo e apostas.

Os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o trinta por cento da capacidade permitida.

Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a prestación deste axustarase ao previsto nas condicións para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración no número anterior deste anexo.

3. Condicións para ocupación de zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos.

As actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de catro persoas, sexan ou non conviventes, excluídos os monitores, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

4. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outras infraestruturas culturais.

No caso de realizarse actividades culturais nestes espazos en grupos, so poderán ter como máximo catro persoas, sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía.

5. Celebración de eventos deportivos, competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, circos de toldo e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

A celebración de eventos deportivos, competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, circos de toldo e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m. nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de persoas conviventes, cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas para lugares pechados e de cincocentas persoas se se trata de actividades ao aire libre.

O establecido no parágrafo anterior entenderase sen prexuízo das competencias atribuídas no artigo 15.2 do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

O recollido neste número será tamén de aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de propietarios e eventos similares.

6. Actividades e instalacións deportivas.

A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva ata un máximo de catro persoas sexan ou non conviventes, excluído, o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva de forma individual, ou colectiva cun máximo de catro persoas, sexan ou non conviventes, excluído o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

7. Especificidades para determinadas actividades turísticas.

Poderán realizarse actividades de turismo, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de catro persoas, sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

8. Centros de información, casetas e puntos de información.

Nos centros de información, casetas e puntos de información e espazos similares non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de catro persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes e excluído o monitor ou guía. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

9. Realización de actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil.

1. Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil cando estas se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao cincuenta por cento da súa capacidade máxima, cun máximo de cincuenta participantes, excluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o cincuenta por cento da capacidade máxima do recinto, cun máximo de vinte e cinco participantes, excluídos os monitores.

2. As actividades deberán realizarse en grupos de ata catro persoas participantes, sexan ou non conviventes e excluíndo os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos.

10. Uso de espazos públicos.

Os centros cívicos e sociais poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao cincuenta por cento e que se extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan neles cun máximo de catro persoas, sexan ou non conviventes, e excluído o monitor ou guía para as actividades grupais.

11. Centros recreativos turísticos ou similares.

As visitas de grupos serán dun máximo de catro persoas, sexan ou non conviventes e excluído o monitor ou guía, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

12. Limitación de capacidade para outros locais ou establecementos comerciais.

1. Con carácter xeral, calquera outro local ou establecemento comercial para o cal non se recollan expresamente unhas condicións de capacidade nesta orde, nin en protocolos ou normativa específica que lle sexa aplicable, non poderá superar o cincuenta por cento da capacidade autorizada ou establecida. En calquera caso, deberase respectar un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e de cen persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

2. As actividades en grupos deberán realizarse cun máximo de catro persoas participantes, sexan ou non conviventes, e excluídos os monitores, guías ou encargados correspondentes, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes.

ANEXO IV: NIVEL DE MÁXIMAS RESTRICIÓNS

Medidas de prevención específicas nos concellos a que se refire o número 6 do punto segundo desta orde, correspondente a un nivel de restricións máximas

Nos concellos previstos no número 6 do punto segundo desta orde serán de aplicación as medidas máis restritivas deste anexo, e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo III. Así mesmo, no que sexa compatible cos dous anexos indicados, serán de aplicación as medidas recollidas no anexo I.

1. Nos concellos a que se refire o número 6 do punto segundo desta orde adóptase a medida de peche temporal, durante o período a que se estenda a eficacia da medida conforme o punto cuarto da orde, das seguintes actividades (conforme as definicións contidas no anexo do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia):

I. Espectáculos públicos:

I.3. Espectáculos taurinos.

I.4. Espectáculos circenses.

I.6. Espectáculos feirais e de exhibición.

I.7. Espectáculos pirotécnicos.

II. Actividades recreativas:

II.1. Actividades culturais e sociais.

II.3. Actividades de lecer e entretemento.

II.4. Atraccións recreativas.

II.7. Actividades de restauración.

II.8. Actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.

III. Establecementos abertos ao público:

III.1. Establecementos de espectáculos públicos.

III.1.4. Circos.

III.1.5. Prazas de touros.

III.1.7. Recintos feirais.

III.2. Establecementos de actividades recreativas.

III.2.1. Establecementos de xogo.

III.2.1.1. Casinos.

III.2.1.2. Salas de bingo.

III.2.1.3. Salóns de xogo.

III.2.1.4. Tendas de apostas.

III.2.2. Establecementos para actividades deportivas.

III.2.2.4. Pistas de patinaxe.

III.2.2.7. Piscinas recreativas de uso colectivo.

III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos.

III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos.

III.2.3.2. Parques acuáticos.

III.2.3.3. Salóns recreativos.

III.2.3.4. Parques multiocio.

III.2.4. Establecementos para actividades culturais e sociais.

III.2.4.5. Salas de concertos.

III.2.5. Establecementos de restauración.

III.2.5.1. Restaurantes.

III.2.5.1.1. Salóns de banquetes.

III.2.5.2. Cafetarías.

III.2.5.3. Bares.

O interior dos establecementos de restauración permanecerá pechado ao público e só poderán abrir as terrazas ata un máximo do 50 % ata as 17.00 horas. Non obstante, poderán prestar servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes, poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas.

III.2.6. Establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.

III.2.7. Establecementos de lecer e entretemento.

III.2.7.1. Salas de festas.

III.2.7.2. Discotecas.

III.2.7.3. Pubs.

III.2.7.4. Cafés-espectáculo.

III.2.7.5. Furanchos.

III.2.8. Centros de lecer infantil.

2. Quedan, por tanto, exceptuados destas limitacións as seguintes actividades e establecementos, que poderán continuar abertos:

I. Espectáculos públicos:

I.1. Espectáculos cinematográficos.

I.2. Espectáculos teatrais e musicais.

I.5. Espectáculos deportivos.

II. Actividades recreativas:

II.2. Actividades deportivas.

III. Establecementos abertos ao público:

III.1.1. Cine.

III.1.2. Teatro.

III.1.3. Auditorios.

III.1.6. Establecementos de espectáculos deportivos.

III.2.2.1. Estadios deportivos.

III.2.2.2. Pavillóns deportivos.

III.2.2.3. Recintos deportivos.

III.2.2.5. Ximnasios.

III.2.2.6. Piscinas de competición.

III.2.4.1. Museos.

III.2.4.2. Bibliotecas.

III.2.4.3. Salas de conferencias.

III.2.4.4. Salas polivalentes.