Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244-Bis Xoves, 3 de decembro de 2020 Páx. 47961

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 3 de decembro de 2020 sobre a vixencia dos ERTE por forza maior autorizados ao abeiro da Orde da Consellería de Sanidade, do 4 de novembro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 323-bis), e pola que se establecen criterios interpretativos da Orde da Consellería de Emprego e Igualdade, do 26 de novembro de 2020, en relación co Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría (código de procedemento TR400C).

Conforme o artigo 2.1 do Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais de defensa do emprego, as empresas e entidades de calquera sector ou actividade que vexan impedido o desenvolvemento da súa actividade nalgún dos seus centros de traballo como consecuencia de novas restricións ou medidas de contención sanitaria, adoptadas a partir do 1 de outubro de 2020 por autoridades españolas ou estranxeiras, poderán beneficiarse, respecto das persoas traballadoras que teñan as súas actividades suspendidas, nos centros afectados, durante os períodos e polas porcentaxes de xornada afectados pola suspensión, das porcentaxes de exoneración previstas neste artigo, logo de autorización dun expediente de regulación temporal de emprego, con base no previsto no artigo 47.3 do Estatuto dos traballadores.

Ao abeiro das competencias conferidas polo Real decreto 1999/1984, do 12 de setembro, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de expedientes de regulación de emprego; polo Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Emprego e Igualdade autorizou os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) de forza maior, en aplicación da Orde da Consellería de Sanidade, do 4 de novembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta o novo marco establecido pola Orde da Consellería de Sanidade, do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, cómpre clarificar a vixencia dos expedientes autorizados a que se refire o parágrafo anterior.

Igualmente, debe preverse a vixencia dos expedientes autorizados en virtude doutras disposicións ditadas pola autoridade sanitaria da Comunidade Autónoma, para supostos similares, no caso de modificarse o marco epidemiolóxico establecido.

Por outra banda, a Orde do 26 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19 (TR400B), e do Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría (TR400C), e se procede á súa convocatoria para 2020, estableceu para o Programa II un sistema de determinación da contía das axudas por semanas completas.

Mediante a Orde da Consellería de Sanidade, do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, determínase un levantamento xeral das medidas restritivas de apertura de establecementos de hostalaría, así como de peches perimetrais, polo que, dado o carácter xeneralizado desta medida, cómpre establecer unha disposición específica, para os efectos da axeitada interpretación do cómputo de semanas pechadas derivado desta orde.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. En relación cos expedientes de regulación temporal de emprego autorizados por causa de forza maior pola autoridade laboral da Xunta de Galicia, con base nas medidas de contención sanitarias adoptadas na Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e con respecto a aquelas empresas e entidades situadas nos concellos a que se refire o número catro do seu punto segundo, nas cales se adoptou a medida de peche temporal nas actividades das seguintes epígrafes do punto 1 do anexo III: III.2.5. Establecementos de restauración, III.2.5.1. Restaurantes, III.2.5.1.1. Salóns de banquetes, III.2.5.2. Cafetarías e III.2.5.3. Bares, establécese:

Os expedientes autorizados vixentes entenderanse suxeitos á mesma causa de forza maior constatada, prevista no artigo 47.3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 25 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, sempre que as normas de contención sanitarias sucesivamente ditadas establezan restricións ou medidas de contención sanitarias que sigan impedindo o desenvolvemento da actividade das empresas e entidades nalgúns dos seus centros de traballo.

2. Así mesmo, calquera outro expediente de regulación temporal de emprego, autorizado por causa de forza maior pola autoridade laboral da Xunta de Galicia, con base nas medidas sanitarias de contención, en que se estableza o peche temporal das actividades de empresas e establecementos, entenderase suxeito á mesma causa de forza maior constatada, prevista no artigo 47.3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 25 de outubro, sempre que as sucesivas normas sanitarias de contención que se diten establezan restricións ou medidas que sigan impedindo o desenvolvemento da actividade daquelas empresas e entidades nalgúns dos seus centros de traballo.

Disposición adicional

Para os efectos do establecido no penúltimo parágrafo do artigo 33 da Orde do 26 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19 (TR400B), e do Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría (TR400C), e se procede á súa convocatoria para 2020, entenderase como semana completa a fracción desta cando a prohibición de apertura do establecemento ou peche perimetral do concello se deixase sen efecto mediante o establecido na Orde da Consellería de Sanidade, do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade