Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245-Bis Venres, 4 de decembro de 2020 Páx. 48107

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 203/2020, do 4 de decembro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola dita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, non obstante, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas, como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención, tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial esténdese, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto de persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que a dita limitación poida afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma, as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Así, o dito decreto respondeu á situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a adopción, na condición de autoridade competente delegada, das seguintes medidas:

a) Establecemento, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, de limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, agás certas excepcións, coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade e de conter a irradiación a outros lugares limítrofes dos correspondentes ámbitos territoriais delimitados.

b) Limitación, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, e con carácter xeral no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, da permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público e de uso privado, agás supostos excepcionais e xustificados, aos formados por un máximo de seis persoas, agás que sexan persoas conviventes.

Non obstante o anterior, en determinados ámbitos territoriais e atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente neles ou en concellos cos cales existe unha forte interrelación, procedeuse a establecer a medida máis restritiva consistente na limitación de grupos aos constituídos por catro persoas, agás que sexan persoas conviventes.

c) Limitación da permanencia de persoas en lugares de culto. Mantivéronse, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, os límites de capacidade que se viñan aplicando actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia, adaptando a súa aplicación á nova situación existente. Todo isto co fin de evitar concentracións de persoas e de manter a coherencia cos límites de capacidade que se prevén para outras actividades co obxectivo de previr e reducir o risco de transmisión.

Respecto da eficacia das medidas, de acordo co punto quinto do decreto, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas deben ser obxecto de seguimento e de avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria, para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Por último, procede indicar que o Comité Clínico, á vista da evolución da pandemia no norte de Portugal e da súa situación epidemiolóxica, moi diferente á de Galicia, instou a Administración autonómica á adopción de medidas temporais restritivas da mobilidade para evitar desprazamentos de poboación entre estes territorios, tendo en conta razóns sanitarias e epidemiolóxicas e, en particular, valorando a proximidade dunha ponte festiva en que é previsible que se produza un aumento dos desprazamentos por razóns meramente recreativas, turísticas ou de ocio. Con esta finalidade de evitar desprazamentos de poboación nas vindeiras festividades, restrínxese no Decreto 202/2020, do 3 de decembro, de forma temporal, a entrada e saída de persoas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de decembro de 2020, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos motivos previstos no número 3 do punto primeiro do decreto, e sen prexuízo da circulación en tránsito prevista no número 4 do seu punto primeiro.

III

O proceso constante de revisión da situación sanitaria e epidemiolóxica resulta indispensable para manter un nivel de perfecta correspondencia entre as medidas adoptadas e a situación sanitaria que as xustifica. Neste sentido, a evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fai necesaria unha modificación do Decreto 202/2020, do 3 de decembro.

Así, en primeiro lugar, de acordo cos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 4 de decembro de 2020, a evolución favorable que se produciu nos concellos de Oleiros, Burela, Fene, Neda, Lalín e Oroso determina que deba levantarse, nos ditos concellos, a limitación perimetral, así como as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto que eran de aplicación nalgún deles de acordo co número 2 do punto segundo e co número 2 do punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro.

Por outra banda, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria do concello de Boiro determina a necesidade de aplicación no dito concello, con urxencia, das limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, e das limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do dito decreto.

Neste sentido, o Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de decembro de 2020, sobre a comarca da Barbanza, indica que no concello de Boiro a taxa de incidencia acumulada a 14 días é de 366,3 casos por cada cen mil habitantes, cunha declaración diaria de casos nos últimos 14 días e unha media de 10 casos/día nos últimos tres días. As idades coa porcentaxe de positividade máis elevada son as de 35 a 39 anos, sendo o grupo de 25 a 29 anos o que presenta a maior taxa de incidencia. Nestes grupos de idade a enfermidade podería presentarse dun xeito asintomático ou pauciasintomático, o que facilita a difusión do virus. De acordo co indicado, dado que Boiro é un concello con máis de 10.000 habitantes que presenta unha incidencia acumulada a 14 días de máis de 250 casos por cada cen mil habitantes, o informe recomenda que se lle apliquen medidas más restritivas.

Tendo en conta o indicado nos ditos informes e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, modificar o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, no que atinxe aos concellos citados anteriormente.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

O Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, queda modificado como segue:

Un. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Oleiros, exclúese o dito concello da aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas contidas no número 1 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, modificando para tal fin a letra a) do citado número 1 do punto primeiro, que queda redactada como segue:

«a) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos da Coruña, Culleredo, Arteixo e Cambre».

Dous. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Neda e Fene, exclúense os ditos concellos da aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas contidas no número 1 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, modificando para tal fin a letra d) do citado número 1 do punto primeiro, que queda redactada como segue:

«d) Do ámbito territorial do concello de Ferrol».

Tres. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Lalín, exclúese o dito concello da aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas contidas no número 2 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Por outra banda, tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria do concello de Boiro, resulta necesario aplicar neste concello as citadas limitacións de entrada e saída de persoas, polo que procede modificar para tal fin a letra f) do citado número 2 do punto primeiro, que queda redactada como segue:

«f) Do ámbito territorial do concello de Boiro».

Catro. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Burela, exclúese o dito concello da aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas contidas no número 2 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, modificando para tal fin a letra ñ) do citado número 2 do punto primeiro, que queda sen contido.

Cinco. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Oroso, exclúese o dito concello da aplicación das limitacións de entrada e saída de persoas contidas no número 2 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, modificando para tal fin a letra p) do citado número 2 do punto primeiro, que queda sen contido.

Seis. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Neda e Fene, exclúense os ditos concellos da aplicación das limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados contidas no número 2 do punto segundo do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, modificando para tal fin a letra c) do citado número 2 do punto segundo, que queda redactada como segue:

«c) Concello de Ferrol».

Sete. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Lalín, exclúese o dito concello da aplicación das limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados contidas no número 2 do punto segundo do Decreto 202/2020, do 3 de decembro.

Por outra banda, tendo en conta a situación sanitaria e epidemiolóxica no concello de Boiro, procede a aplicación neste último das limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados contidas no número 2 do punto segundo do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, modificando para tal fin a letra ñ) do citado número 2 do punto segundo, que queda redactada como segue:

«ñ) Concello de Boiro».

Oito. Tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Oroso, exclúese o dito concello da aplicación das limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados contidas no número 2 do punto segundo do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, modificando para tal fin a letra w) do citado número 2 do punto segundo, que queda sen contido.

Segundo. Eficacia

Este decreto terá efectos desde as 00.00 horas do día 5 de decembro de 2020.

Terceiro. Recursos

Contra o presente decreto poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, catro de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia