Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252-Bis Mércores, 16 de decembro de 2020 Páx. 49358

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 213/2020, do 16 de decembro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola devandita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, non obstante, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas, como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención, tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial esténdese, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do devandito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da nación. En cada comunidade autónoma e cidade con Estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con Estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto de persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do Real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no devandito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma, as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Así, o devandito decreto respondeu á situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a adopción, na condición de autoridade competente delegada, das seguintes medidas:

a) Establecemento, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, de limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, agás certas excepcións, coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade e de conter a irradiación a outros lugares limítrofes dos correspondentes ámbitos territoriais delimitados.

b) Limitación, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, e con carácter xeral no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, da permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público e de uso privado, agás supostos excepcionais e xustificados, aos formados por un máximo de seis persoas, agás que sexan persoas conviventes.

Malia o anterior, en determinados ámbitos territoriais e unha vez atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente neles ou en concellos cos cales existe unha forte interrelación, procedeuse a establecer a medida máis restritiva consistente na limitación de grupos aos constituídos por catro persoas, agás que sexan persoas conviventes.

c) Limitación da permanencia de persoas en lugares de culto. Mantivéronse, con efectos desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020, os límites de capacidade que se viñan aplicando actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia, adaptando a súa aplicación á nova situación existente. Todo isto co fin de evitar concentracións de persoas e de manter a coherencia cos límites de capacidade que se prevén para outras actividades co obxectivo de previr e reducir o risco de transmisión.

Respecto da eficacia das medidas, de acordo co punto quinto do decreto, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas deben ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria, para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Por último, adoptáronse medidas temporais restritivas da mobilidade da entrada e saída de persoas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia desde as 00.00 horas do día 4 de decembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de decembro de 2020.

Posteriormente ditouse o Decreto 203/2020, do 4 de decembro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Neste decreto, dada a evolución favorable que se produciu nos concellos de Oleiros, Burela, Fene, Neda, Lalín e Oroso, levantáronse neles a limitación perimetral, así como as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto que eran de aplicación nalgún deles de acordo co número 2 do punto segundo e co número 2 do punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Por outra banda, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria do concello de Boiro determinou a necesidade de aplicación nese concello, con urxencia, das limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, e das limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, contidas, respectivamente, no número 2 do punto segundo e no número 2 do punto terceiro do devandito decreto.

Así mesmo, mediante o Decreto 212/2020, do 11 de decembro, modificouse de novo o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Así, dada a evolución favorable que se produciu nos concellos de Silleda, Ribadavia, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia, determinou que se levantasen, neses concellos, a limitación perimetral, así como as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, que eran de aplicación nalgún deles de acordo co número 2 do punto segundo e co número 2 do punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Así mesmo, dada tamén a melloría observada no concello de Lugo determinou que se levantasen nese concello as limitacións máis restritivas ás agrupacións de persoas en espazos de uso público e de uso privado e en lugares de culto, que eran de aplicación nel de acordo co número 2 do punto segundo e co número 2 do punto terceiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro. Adicionalmente, a melloría observada no concello de Narón determinou que puidese pasar a integrarse no peche perimetral conxuntamente co concello de Ferrol e, tamén, a mellora do concello do Porriño permitiu que pasase a formar parte do peche perimetral que está xa establecido cos concellos de Mos, Vigo, Nigrán e Gondomar. Por outra banda, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria desfavorable dos concellos de Camariñas, Zas, Tomiño, O Rosal, Sarreaus e A Rúa determinou a necesidade de aplicación neses concellos, con urxencia, das limitacións de entrada e saída de persoas previstas no punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro.

III

O proceso constante de revisión da situación sanitaria e epidemiolóxica resulta indispensable para manter un nivel de perfecta correspondencia entre as medidas adoptadas e a situación sanitaria que as xustifica. Neste sentido, a evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fai necesaria unha modificación do Decreto 202/2020, do 3 de decembro.

Así, de acordo cos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 16 de decembro de 2020, destacan os datos favorables dos concellos de Barro, Carballo, Coristanco, Laxe, Ponteceso e Cee, respecto dos que se propón que adopten un nivel de restrición básico.

No relativo á comarca de Fisterra, na cal existía restrición perimetral conxunta dos concellos de Cee, Dumbría e Muxía, cómpre destacar o descenso observado nas taxas acumuladas a 14 días no concello de Cee, no cal, nestes últimos 14 días só se declararon 7 casos, que se traduce nunha taxa cun valor de 92,8 casos por cada cen mil habitantes, polo que posibilita a súa saída do peche perimetral.

Así mesmo, detectáronse determinados concellos en que, dado os seus valores altos nas taxas acumuladas a 14 días, se propón a adopción de medidas do nivel de restrición medio-alto e peche perimetral individualizado para cada un de tales concellos. Estes concellos son: o concello de Rodeiro, A Illa de Arousa, Fisterra e Carnota.

Ademais, dada a taxa acumulada a 14 días observada no concello de Mazaricos e os valores das taxas acumuladas a 14 días superiores aos 450 por cada cen mil habitantes de Santa Comba e Negreira, concellos en que se declararon casos en 13 dos últimos 14 días, recoméndase adoptar tamén nestes tres concellos restricións de nivel medio-alto e establecer un peche perimetral conxunto entre eles.

Estas medidas de restrición medio-alta inclúen, entre outras, unha limitación da capacidade da hostalaría e unha agrupación máxima de 4 persoas, agás que sexan persoas conviventes.

Respecto ás medidas de máxima restrición, cómpre salientar os datos de determinados concellos nas comarcas da Barbanza, do Morrazo e de Vigo.

Na comarca da Barbanza destacan as taxas altas acadadas en Boiro, concello que ten o nivel de restrición máximo e o ascenso observado no concello de Ribeira, que acada valores 1,92 veces maiores (ao pasar dunha taxa acumulada a 14 días de 152,2 a 293,8 por cada cen mil habitantes), cun total de 79 casos acumulados nos últimos 14 días, razón pola cal se recomenda que o concello adopte o nivel de restrición máximo.

Na comarca do Morrazo observouse tamén un ascenso de 1,86 veces na taxa acumulada a 14 días no concello de Bueu , polo que, igualmente, se recomenda que o citado concello adopte o nivel de restrición máximo.

E na comarca de Vigo, destacan os concellos de Baiona e Soutomaior, con taxas acumuladas a 14 días superiores aos 300 casos por cada cen mil habitantes. En ambos os dous casos as taxas aumentaron, pero é especialmente relevante o feito de que no concello de Baiona o número total de casos acumulados a 14 días foi maior e, sobre todo, foi diario, xa que todos os días dos últimos 14 días se detectaron casos novos, razóns polas que se recomenda que no concello de Baiona se adopten tamén as restricións máximas.

Estas restricións máximas que se propoñen que se adopten nestes tres concellos (Ribeira, Bueu e Baiona) inclúen, entre outras medidas, unha agrupación máxima de 4 persoas, agás que sexan persoas conviventes.

Por último, respecto do concello de Santiago, obsérvase un ascenso nos valores estimados das taxas a 3, 7 e 14 días, sendo as taxas máis altas acadadas no grupo de idade de 20-24 anos, grupo en que a enfermidade pode ser asintomática ou pauciasintomática e, deste xeito, favorecer a transmisión ao pasar esta desapercibida. Visto o anterior, recoméndase adoptar para tal concello medidas de nivel de restrición medio con peche perimetral do concello. Estas medidas de restrición media inclúen, entre outras, a limitación de capacidade e agrupación máxima de 6 persoas, agás que sexan persoas conviventes.

Tendo en conta o indicado nestes informes e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, modificar o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, no que atinxe aos concellos citados anteriormente.

Así mesmo, coa finalidade de acadar unha maior claridade e seguridade xurídica, óptase no presente decreto por unha reprodución completa dos puntos obxecto de modificación da norma anterior no cal se recolle a enumeración total dos concellos afectados polas correspondentes limitacións coa finalidade de mellorar a súa comprensión e estruturación.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

Un. Modifícase o número 1 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado como segue:

«1. Queda restrinxida a entrada e a saída de persoas dos seguintes ámbitos territoriais delimitados de forma conxunta:

a) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos da Coruña, Culleredo, Arteixo e Cambre.

b) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Pontevedra, Marín e Poio.

c) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Vigo, Mos, Nigrán, Gondomar e O Porriño.

d) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Ferrol e Narón.

e) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Sanxenxo e O Grove.

f) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Santa Comba, Mazaricos e Negreira.

g) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Dumbría e Muxía.

h) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Meaño, Meis e Ribadumia.

i) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Vimianzo, Camariñas e Zas.

j) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos da Guarda, Tomiño e O Rosal».

Dous. Modifícase o número 2 do punto primeiro do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado como segue:

«2. Queda restrinxida a entrada e a saída de persoas dos seguintes ámbitos territoriais:

a) Do ámbito territorial do concello de Lugo.

b) Do ámbito territorial do concello de Sarreaus.

c) Do ámbito territorial do concello de Redondela.

d) Do ámbito territorial do concello de Cangas.

e) Do ámbito territorial do concello de Ponteareas.

f) Do ámbito territorial do concello de Boiro.

g) Do ámbito territorial do concello da Rúa.

h) Do ámbito territorial do concello de Moaña.

i) Do ámbito territorial do concello de Tui.

j) Do ámbito territorial do concello de Vilalba.

k) Do ámbito territorial do concello de Cambados.

l) Do ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez.

m) Do ámbito territorial do concello de Santiago de Compostela.

n) Do ámbito territorial do concello de Ribeira.

o) Do ámbito territorial do concello de Bueu.

p) Do ámbito territorial do concello de Baiona.

q) Do ámbito territorial do concello de Soutomaior.

r) Do ámbito territorial do concello de Vilaboa.

s) Do ámbito territorial do concello de Cerdedo-Cotobade.

t) Do ámbito territorial do concello de Ponte Caldelas.

u) Do ámbito territorial do concello de Carnota.

v) Do ámbito territorial do concello da Illa de Arousa.

w) Do ámbito territorial do concello de Rodeiro.

x) Do ámbito territorial do concello de Fisterra.

y) Do ámbito territorial do concello de Vilagarcía de Arousa».

Segundo. Modificación do número 2 do punto segundo do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Modifícase o número 2 do punto segundo do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado como segue:

«2. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de catro persoas, agás que se trate de persoas conviventes, nos concellos seguintes:

a) Ferrol e Narón.

b) Vigo, Mos, Nigrán, O Porriño e Gondomar.

c) Vilagarcía de Arousa.

d) A Rúa.

e) Pontevedra, Marín e Poio.

f) Cangas.

g) Carnota.

h) Meis, Meaño e Ribadumia.

i) Dumbría e Muxía.

j) Vimianzo, Camariñas e Zas.

k) Sarreaus.

l) A Illa de Arousa.

m) Vilaboa.

n) Rodeiro.

o) Fisterra.

p) Santa Comba, Mazaricos e Negreira.

q) A Guarda, Tomiño e O Rosal.

r) Ribeira.

s) Sanxenxo e O Grove.

t) Tui.

u) Ponteareas.

v) Moaña.

w) Vilalba.

x) Bueu.

y) Redondela.

z) Baiona.

aa) Cambados.

ab) As Pontes de García Rodríguez.

ac) Boiro.

No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo a que se refire o parágrafo anterior será de catro persoas.

A limitación prevista neste número non será de aplicación no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Respecto das actividades previstas nos anexos III e IV da Orde do 3 de decembro de 2020, serán de aplicación as limitacións de capacidade máxima e/ou de número máximo global de persoas asistentes ou participantes previstas neles. A limitación de grupos dun máximo de catro persoas, excepto conviventes, contida neste número, só se aplicará aos límites específicos para actividades grupais recollidos nos ditos anexos».

Terceiro. Eficacia

Este decreto terá efectos desde as 00.00 horas do día 17 de decembro de 2020.

Cuarto. Recursos

Contra o presente decreto poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia