Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 256-Bis Martes, 22 de decembro de 2020 Páx. 50317

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021 e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. As ditas medidas consistiron no establecemento de limitacións de entrada e saída de persoas de determinados ámbitos territoriais e en limitacións da permanencia de persoas en espazos de uso público e de uso privado, e en lugares de culto. Conforme o punto quinto do decreto, a eficacia destas medidas estendíase ata as 15.00 horas do día 4 de decembro de 2020, sen prexuízo de que debían ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento. Ademais, as ditas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica. Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que foi modificada en diversas ocasións.

III

A situación da evolución epidemiolóxica xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa duración inicial das medidas que se viñan aplicando, facía necesario acometer unha revisión delas, tanto das previstas con carácter xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia como das particulares aplicables en ámbitos territoriais concretos. Por outra banda, valorouse tamén a incidencia acumulada que a aplicación das medidas viña supoñendo para sectores concretos da actividade económica e o impacto que estaban a ter na realidade socioeconómica de Galicia.

En concreto, á vista do indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 3 de decembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia exixía a adopción das medidas que se estableceron na Orde do 3 de decembro de 2020, baseadas na distinción de diversos niveis de restrición, consistentes nun nivel básico, aplicable con carácter xeral en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e duns niveis medio, medio-alto e de máximas restricións, aplicables de forma progresiva e graduada naqueles concellos cunha máis desfavorable situación epidemiolóxica.

Tamén se tiveron en conta a regulación e as limitacións en canto aos grupos de persoas que recolle o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, de tal modo que na orde se realizou unha revisión das medidas vixentes en canto aos grupos de persoas nas distintas actividades previstas nas medidas de prevención.

Tendo en conta o anterior, ditouse a Orde do 4 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, en primeiro lugar, de acordo cos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de decembro de 2020, a evolución favorable que se producira nos concellos de Oleiros, Burela, Fene, Neda, Lalín e Oroso permitía a aplicación neles das medidas previstas no anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020 e, en consecuencia, levantáronse as medidas máis restritivas que se viñan aplicando nestes concellos.

Por outra banda, o concello de Boiro amosaba unha evolución negativa, o que obrigou a aplicar as medidas máis restritivas previstas no anexo IV da citada orde e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo III.

A evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fixo necesaria unha nova modificación da Orde do 3 de decembro de 2020, que se levou a cabo mediante a Orde do 11 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta orde, a melloría observada nas taxas a 14 días dos concellos de Silleda, Ribadavia, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia determinou que tales concellos pasasen a un nivel de restrición básico.

No que se refire ao concello de Pontevedra, e dada a melloría observada nas taxas acumuladas, levantáronse as medidas restritivas de máximas restricións para pasar a un nivel de restrición medio-alto.

Así mesmo, no concello de Lugo, dada a melloría observada tamén nas taxas acumuladas, abandonáronse as medidas restritivas de nivel medio-alto para pasar a un nivel de restrición medio.

Pola súa banda, Narón, que tiña un nivel de restrición máximo, ao amosar unha clara melloría na situación, pasou a un nivel de restrición medio-alto, en que tamén está o concello de Ferrol.

Respecto do Porriño, dado o descenso observado na taxa a 14 días, levantáronse as medidas de nivel máximo que se lle aplicaban, para pasar a ser de aplicación medidas de nivel medio-alto.

Por outro lado, debido á súa situación epidemiolóxica, noutros concellos aumentouse o nivel de restricións. Así, nos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas, Tomiño e O Rosal, A Guarda, Sarreaus e A Rúa adoptáronse medidas de nivel de restrición medio-alto.

IV

Mediante a Orde do 16 de decembro de 2020 modificouse novamente a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na devandita orde, de acordo co Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de decembro de 2020, e tendo en conta a melloría observada nas taxas a 14 días dos concellos de Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso, foi posible que estes concellos pasasen a un nivel básico de restricións.

Por outra banda, o empeoramento da situación epidemiolóxica fixo necesario elevar o nivel de restricións doutros concellos. Así, o concello de Santiago de Compostela pasou a nivel medio de restricións, xa que amosaba unha tendencia ascendente cunha taxa acumulada a 14 días de 138,8 casos por cada 100.000 habitantes.

Os concellos de Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa de Arousa e Fisterra pasaron a un nivel medio-alto de restricións. Así, os valores tan altos das taxas acumuladas a 14 días dos concellos de Rodeiro (1.354,1 casos por cada cen mil habitantes), A Illa de Arousa (771,4 casos por cada cen mil habitantes), Fisterra (770,9 casos por cada cen mil habitantes) e Carnota (353,8 casos por cada cen mil habitantes) exixían a adopción das medidas do nivel de restrición medio-alto. O mesmo aconteceu nos casos de Mazaricos, Santa Comba e Negreira, con valores das taxas acumuladas a 14 días superiores aos 450 casos por cada cen mil habitantes.

A evolución epidemiolóxica nos concellos de Ribeira, cunha taxa acumulada a 14 días superior a 293,8 casos por cada cen mil habitantes; Bueu, cunha taxa acumulada a 14 días de 358,1 casos por cada cen mil habitantes, e Baiona, cunha taxa acumulada a 14 días superior a 300 casos por cada cen mil habitantes, fixeron necesaria a adopción das medidas de máxima restrición, dado que se trata de concellos de máis de dez mil habitantes.

V

A evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fai necesaria, neste momento, unha nova modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 21 de decembro de 2020, o valor das taxas acumuladas a 14 días amosa unha melloría que determina que pasen a un nivel básico de restricións os concellos de Meis, Ribadumia, Muxía, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa e Ponte Caldelas.

Pola súa banda, a evolución epidemiolóxica do concello de Moaña, que se atopaba no nivel de máximas restricións, é favorable, xa que na actualidade a taxa de incidencia acumulada a 14 días é de 113,4 casos por cada cen mil habitantes, o que determina que pase a un nivel medio de restricións.

Tamén é favorable a evolución epidemiolóxica dos concellos de Vilalba, Tui e Ponteareas, cuxa taxa de incidencia acumulada a 14 días baixou a 184,8, 191,6 e 174,2 casos por cada cen mil habitantes, respectivamente, o que aconsella que se reduzan as restricións aplicables nestes concellos, que pasan do nivel máximo ao nivel medio-alto.

Distinto dos anteriores é o caso do concello de Rianxo, que ata este momento se atopaba no nivel básico de restricións; no entanto, o ascenso da incidencia acumulada a 14 días ata valores de 308,2 casos por cada cen mil habitantes fai que o comité clínico recomende a adopción neste concello do máximo nivel de restricións.

Tendo en conta o indicado nos ditos informes, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, modificar a Orde do 3 de decembro de 2020 no que atinxe aos concellos citados anteriormente.

Cómpre salientar tamén que, coa finalidade de acadar unha maior claridade e seguridade xurídica, se opta por recoller no articulado desta orde a relación completa dos concellos aos cales lles son de aplicación en cada caso as medidas específicas de prevención que se corresponden cos niveis medio, medio-alto e de máxima restrición sen que, polo tanto, se identifiquen unicamente os concellos concretos cuxas medidas específicas de prevención cambian porque pasan a quedar sometidos a maiores ou menores restricións que as que se lles viñan aplicando ata este momento.

VI

Polo demais, recóllense nesta orde unhas medidas especiais aplicables entre o 23 de decembro de 2020 e o 6 de xaneiro de 2021, de acordo co establecido no Acordo do 2 de decembro de 2020, do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, en relación coa celebración de eventos no Nadal.

VII

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do número 4 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 4 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia queda redactado como segue:

«4. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo II e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo I, no ámbito territorial dos seguintes concellos:

a) A Coruña, Culleredo, Arteixo e Cambre.

b) Lugo.

c) Santiago de Compostela.

d) Soutomaior.

e) Moaña.».

Segundo. Modificación do número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia queda redactado como segue:

«5. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo III e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo I, no ámbito territorial dos seguintes concellos:

a) Ferrol e Narón.

b) Vigo, Mos, Nigrán, O Porriño e Gondomar.

c) Vilagarcía de Arousa.

d) A Rúa.

e) Pontevedra, Marín e Poio.

f) Cangas.

g) Carnota.

h) Meaño.

i) Dumbría.

j) Vimianzo, Camariñas e Zas.

k) Sarreaus.

l) A Illa de Arousa.

m) Rodeiro.

n) Fisterra.

ñ) Santa Comba, Mazaricos e Negreira.

o) A Guarda, Tomiño e O Rosal.

p) Tui.

q) Ponteareas.

r) Vilalba.».

Terceiro. Modificación do número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia queda redactado como segue:

«6. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo IV e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo III, no ámbito territorial dos concellos que se relacionan a continuación. Así mesmo, no que sexa compatible cos dous anexos citados serán de aplicación as medidas recollidas no anexo I:

a) Ribeira.

b) Sanxenxo e O Grove.

c) Bueu.

d) Redondela.

e) Baiona.

f) Cambados.

g) As Pontes de García Rodríguez.

h) Boiro.

i) Rianxo.».

Cuarto. Medidas especiais de Nadal

Entre o 23 de decembro de 2020 e o 6 de xaneiro de 2021 non se permitirá a celebración de eventos presenciais con elevada afluencia de público ou que provoquen aglomeracións, salvo que se garanta o cumprimento do establecido no documento de «Recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España».

Así mesmo, recoméndanse celebracións que poidan garantir o cumprimento das normas de hixiene e prevención en lugares onde se poida controlar o acceso, ou retransmisión de eventos de Nadal por televisión ou outras opcións telemáticas.

De forma xeral, a autoridade sanitaria deberá avaliar os riscos de transmisión de SARS-CoV-2 asociados a eventos ou actividades multitudinarias e prever a adopción de medidas oportunas para reducir o risco.

Quinto. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 23 de decembro de 2020.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade