Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30-Bis Luns, 15 de febreiro de 2021 Páx. 9700

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de febreiro de 2021 pola que se dispón a prórroga e a modificación das medidas de prevención específicas previstas na Orde do 26 de xaneiro de 2021, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no devandito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Tales medidas consistiron no establecemento de limitacións de entrada e saída de persoas de determinados ámbitos territoriais e en limitacións da permanencia de persoas en espazos de uso público e de uso privado, e en lugares de culto. Conforme o punto quinto do decreto, a eficacia destas medidas estendíase ata as 15.00 horas do día 4 de decembro de 2020, sen prexuízo de que debían ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento. Ademais, esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica. Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que foi modificada en diversas ocasións.

III

A situación da evolución epidemiolóxica xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, unida á necesidade de adaptar as medidas que se adoptaran desde a Orde do 3 de decembro de 2020 e as súas sucesivas modificacións, fixo necesario acometer unha revisión delas mediante a Orde de 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Nesta orde adoptáronse medidas máis restritivas, consonte o que recollía o Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 25 de xaneiro de 2021. Nel reflectíase un empeoramento da situación: o conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia presentaba, en día 24 de xaneiro, unha taxa de incidencia a 14 días de case 700 casos por 100.000 habitantes, o que significaba unha suba de 1,4 veces respecto dos datos dos informes anteriores.

Por outra banda, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de casos secundarios que ocorren por cada caso activo, continuaba amosando valores superiores ao limiar situado no 1 en todas as áreas sanitarias e no global de Galicia, o que indicaba que seguía a haber transmisión.

Así mesmo, observáronse brotes identificados que estaban en vixilancia epidemiolóxica e baixo medidas restritivas, pero a situación caracterizábase pola presenza de casos en practicamente case todos os concellos. Así, do total de concellos (N=313), detectáronse casos de COVID-19 en todos eles, agás en 19, o que significaba que o número de concellos sen casos se reduciu practicamente á metade desde o día 17 de xaneiro, en que eran 34.

IV

O punto cuarto da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, prevé que a eficacia das medidas contidas nela se estenderá ata o 18 de febreiro de 2021.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, establécese que serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

De acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 15 de febreiro de 2021, obsérvase o seguinte:

– A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 150 e 410 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados o día 7 de febreiro (235 e 591 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días, respectivamente).

– A tendencia diaria mostra, desde o 20 de decembro, dous tramos con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -5,8 %, o que está a indicar un descenso continuo xa que en 7 de febreiro a porcentaxe de cambio diaria observada era de 5,3 %.

– O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, continúa mostrando unha tendencia descendente que baixa de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección.

– No que respecta á hospitalización de casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 862,7, o que significa un descenso do 14,6 % a respecto dos acumulados en día 7 de febreiro, no que era de 1.009,7. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 223,7 ingresados acumulados por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, cun descenso do 14,6 % a respecto dos acumulados en día 7 de febreiro, que era de 261,8.

– En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 220,1 o que supón un descenso de 3,4 % a respecto do día 7 de febreiro, en que foi de 235,3. A taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 57,1 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso do 6,4 a respecto do día 7, en que era de 61 ingresados en UCI por 100.000 habitantes.

– Nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 41 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes. O 25 % destes concellos (14 concellos) acadan taxas iguais ou maiores aos 500 casos por cen mil habitantes, o que supón unha melloría a respecto do día 7 de febreiro, onde eran 34 os concellos con esta taxa (o 62 % do total dos concellos).

– No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 137 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes (53 % do total dos concellos), 50 menos que no día 7 de febreiro. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 60 destes concellos (23 % dos concellos de menos de 10.000 habitantes), 52 concellos menos que o día 7 de febreiro.

Segundo os datos reflectidos neste informe, o cambio na tendencia da taxa de incidencia mantense en descenso, superando o cumio da onda desde o 22 de xaneiro.

A pesar do descenso da incidencia, a taxa a 14 días segue a ser superior aos 250 casos por cen mil habitantes, nivel que se considera de alto risco de transmisión, e hai áreas sanitarias cunha incidencia que supera os 500 casos por cen mil habitantes, sen que ningunha baixe dos 300 casos por cen mil habitantes.

Ademais, a incidencia a 7 días segue por riba dos 100 casos por 100.000 habitantes.

A ocupación por pacientes COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír respecto do 7 de febreiro. Non obstante, o número de ingresos é elevado (especialmente nas unidades de críticos) e un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

Á vista da situación existente, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda, polo momento, o mantemento das medidas de restrición existentes desde o día 27 de xaneiro.

En efecto, debe terse en conta que a situación actual se caracteriza por unha elevada presión hospitalaria, cun numero de persoas ingresadas nas UCI superior ao rexistrado no peor momento da primeira onda da pandemia, así como un nivel de hospitalizacións superior ao da segunda onda. Debe terse tamén presente que a situación de contaxio explosivo pode deberse á circulación en Galicia de novas variantes do virus.

Resulta pois necesario manter medidas que tenden á protección da cidadanía e do sistema sanitario, especialmente nunha comunidade autónoma como a galega que conta cunha poboación envellecida e na cal o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados.

Debe destacarse que a evolución recente da situación epidemiolóxica demostra a eficacia das medidas adoptadas e, en particular das recollidas no Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e na Orde da Consellería de Sanidade, do 26 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

En efecto, na situación actual, en que existe unha taxa de incidencia que se considera de alto risco de infección, resulta aínda imprescindible manter as medidas, tendentes en definitiva a limitar a interacción social e, polo tanto, limitar os niveis de transmisión, con vistas a que se dean as condicións para unha apertura gradual, progresiva e segura.

Tendo en conta o indicado no devandito informe e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, prorrogar as medidas que se viñan aplicando en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de estabilizar a evolución positiva da epidemia e rebaixar os seus indicadores.

Por outra banda, cómpre tamén introducir algunhas modificacións no anexo da Orde do 26 de xaneiro de 2021, co obxecto de precisar algunhas cuestións que foron obxecto de numerosas consultas por parte dos destinatarios das medidas.

Así, sucede cos horarios de apertura de establecementos retallistas, centros e parques comerciais ou grandes superficies, que pasan a concretarse mediante a modificación dos puntos 3.6 e 3.7 do anexo da citada orde, ou coa aclaración do punto 3.18 no que atinxe aos vehículos de taxi e VTC.

Introdúcese unha modificación no punto 3.15 para posibilitar a práctica deportiva federada de ámbito autonómico, adestramentos e competicións.

Tamén se recolle no punto 3.19 a posibilidade de prestación de servizos de hostalaría e restauración ás/aos profesionais do transporte en centros loxísticos ou nas áreas de servizo da Rede de estradas do Estado en Galicia, vías de alta capacidade e Rede primaria básica de estradas de Galicia, que poderán permanecer abertos, incluído en horario nocturno de acordo coa súa regulación específica, para os efectos de que os/as profesionais do transporte dispoñan dun servizo de comidas. Neses establecementos de hostalaría e restauración, e para os citados profesionais, poderase realizar o consumo de alimentos e bebidas no interior.

Finalmente, modifícase o punto 4 do anexo da citada Orde do 26 de xaneiro de 2021, no relativo ao restablecemento de certas actividades culturais.

V

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga

Prorrógase a eficacia das medidas previstas na Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos no punto terceiro da presente orde, coas modificacións que a seguir se establecen.

Segundo. Modificación da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto 3.6 do anexo da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.6. Establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nos locais e establecementos ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal.

2. Os ditos establecementos e locais pecharán ás 21.30 horas, agás que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior.

3. Deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 65 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.

4. Os establecementos que teñan consideración de grande superficie, e entendendo por tales os que teñan máis de 2500 metros cadrados de superficie, deberán dispor de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións».

Dous. Modifícase o punto 3.7 do anexo da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.7. Establecementos que teñan a condición de centros e parques comerciais ou que formen parte deles.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público situados en centros e parques comerciais non poderán superar o trinta por cento da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

Para estes efectos, entenderanse por centros e parques comerciais os establecementos comerciais de carácter colectivo definidos no número 2 do artigo 23 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

2. A capacidade das zonas comúns dos centros e parques comerciais queda limitada ao 30 %. Non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns, excepto para o tránsito entre os establecementos. Queda prohibida a utilización de zonas recreativas, como poden ser zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso, que deben permanecer pechadas.

3. Os centros e parques comerciais deberán pechar ao público as 21.30 horas, agás que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior ou superior. Así mesmo, pecharán os sábados, domingos e festivos.

4. Exceptúanse do disposto no punto anterior en canto ao peche de sábados, domingos e festivos as seguintes actividades comerciais:

a) Comercio polo miúdo en establecementos non especializados con predominio en produtos alimenticios, bebidas e tabaco.

b) Comercio polo miúdo de froitas e hortalizas en establecementos especializados.

c) Comercio polo miúdo de carne e produtos cárnicos en establecementos especializados.

d) Comercio polo miúdo de peixes e mariscos en establecementos especializados.

e) Comercio polo miúdo de pan e produtos de panadaría, confeitaría e pastelaría en establecementos especializados.

f) Comercio polo miúdo de bebidas en establecementos especializados.

g) Outro comercio polo miúdo de produtos alimenticios en establecementos especializados.

h) Comercio polo miúdo de combustible para a automoción en establecementos especializados.

i) Comercio polo miúdo de artigos médicos e ortopédicos en establecementos especializados.

j) Comercio polo miúdo de produtos farmacéuticos en establecementos especializados.

k) Comercio polo miúdo de alimentos para animais de compañía en establecementos especializados.

l) Comercio polo miúdo de produtos hixiénicos.

5. Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior dos locais e establecementos e nas zonas comúns ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio en todo momento, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 deste anexo. Ademais, deberán evitarse as aglomeracións de persoas que comprometan o cumprimento destas medidas.

6. Os centros e parques comerciais deberán dispor de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións ou das quen teñan atribuída a súa xestión.

7. Deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 65 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais».

Tres. Modifícase o punto 3.15 do anexo da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.15. Actividade deportiva e competicións deportivas federadas e os seus adestramentos.

1. A práctica da actividade física e deportiva non federada so poderá realizarse ao aire libre ou en instalacións deportivas ao aire libre, de forma individual ou con persoas conviventes e coa utilización de máscara.

2. A práctica da actividade deportiva federada de ámbito autonómico, adestramentos e competicións, axustarase aos correspondentes protocolos Fisicovid-Dxtgalego aprobados, e os deportistas participantes e demais persoal autorizado non estarán suxeitos ás limitacións de entrada e saída existentes en determinados ámbitos territoriais e ás limitacións establecidas á liberdade de circulación das persoas en horario nocturno nos casos en que exista causa xustificada.

3. As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes.

4. As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse sen público de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes.

No ámbito das competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que poidan implicar contacto que se realicen na Comunidade Autónoma de Galicia serán de aplicación as seguintes medidas:

a) Os equipos e deportistas galegos que participen nas ditas competicións deberán realizar os adestramentos e a competición en grupos de composición estable e, en todo caso, deberán realizar tests serolóxicos ou probas similares cada 14 días naturais.

b) A totalidade dos membros da expedición dos equipos e deportistas procedente doutras comunidades autónomas que se despracen á Comunidade Autónoma de Galicia para participar nas ditas competicións deberán realizar tests serolóxicos ou probas similares en orixe polo menos entre 72 e 24 horas previas á celebración da proba/partido/competición. Así mesmo, deberán comunicar con idéntica antelación ás autoridades sanitarias autonómicas a relación das persoas integrantes da expedición trasladada a Galicia, a data e a hora de chegada á Comunidade Autónoma galega e o lugar de aloxamento, así como o tipo de proba de detección COVID-19 a que foron sometidas as ditas persoas.

As medidas previstas deben entenderse dentro do necesario respecto ás competencias das autoridades deportivas e sanitarias estatais, polo que serán aplicables sempre que resulten compatibles coas adoptadas polas ditas autoridades e mentres non existan medidas obrigatorias dimanantes delas que ofrezan un nivel de protección equivalente ou similar».

Catro. Modifícase o número 4 do punto 3.18 do anexo da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«4. Os taxis e vehículos VTC poderán prestar servizos de transporte para persoas conviventes, así como para escolares, persoal sanitario, pacientes ou traballadores non conviventes; poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo e procurarase, cando o nivel de ocupación o permita, a máxima separación entre as persoas usuarias. En todos os casos, será obrigatorio o uso de máscara».

Cinco. Modifícase o punto 3.19 do anexo da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.19. Áreas de servizo para profesionais do transporte.

Co obxecto de posibilitar os descansos adecuados en cumprimento da normativa de tempos de condución e descanso, imprescindibles para poder levar a cabo as operacións de transporte, e facilitarlles aos transportistas profesionais un servizo de cátering, aqueles establecementos situados en centros loxísticos e nas áreas de servizo da Rede de estradas do Estado en Galicia, vías de alta capacidade e Rede primaria básica de estradas de Galicia que dispoñan de cociña, servizos de restauración, ou expendedores de comida preparada, poderán permanecer abertos, incluído en horario nocturno de acordo coa súa regulación específica, para os únicos efectos de dar cumprimento a esta finalidade.

Para o acceso a estes establecementos será obrigatorio a presentación da tarxeta de profesional do transporte CAP.

En todo caso, a consumición no interior destes establecementos deberá realizarse de xeito individual e sentado e non se poderá realizar venda ou dispensación de bebidas alcohólicas».

Seis. Engádese un punto 3.20 do anexo da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.20. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais.

1. Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, tanto de titularidade pública como privada, poderán realizarse actividades presenciais sen superar o trinta por cento da capacidade máxima permitida.

2. Este límite de ocupación será aplicable tamén á realización de actividades culturais nestes espazos e cun máximo de ata catro persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Sete. Engádese un punto 3.21 do anexo da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.21. Celebración de actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecemento destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

A celebración de actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderá desenvolverse, sen superar o trinta por cento da capacidade permitida, con público sempre que este permaneza sentado, e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de persoas conviventes, cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas para lugares pechados e de cincocentas persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polas butacas, e haberá unha planificación axeitada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no resto das instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, mesmo no caso de que se manteña a distancia de seguridade interpersoal nos termos previstos nas medidas hixiénico-sanitarias. Nas butacas ou asentos preasignados, as persoas asistentes non poderán quitar a máscara.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de polo menos 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e non se poderá empregar a función de recirculación do aire interior.

Deberá existir un rexistro de asistentes ao evento e custodiar este durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

No caso de celebración de congresos, encontros, eventos e actos similares, se os asistentes non permanecen sentados en todo momento, solicitarase autorización á Dirección Xeral de Saúde Pública en que se comuniquen o evento, as datas, as actividades que se van realizar e as medidas concretas organizativas e de seguridade propostas para os riscos de contaxio. A solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan».

Oito. Modifícase o punto 4 do anexo da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«4. Medidas especiais para determinadas actividades.

4.1. Adóptase a medida de peche temporal, durante o período a que se estende a eficacia da medida conforme o punto cuarto da orde, das seguintes actividades, conforme as definicións contidas no anexo do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia:

I. Espectáculos públicos:

I.3. Espectáculos taurinos.

I.4. Espectáculos circenses.

I.5. Espectáculos deportivos.

I.6. Espectáculos feirais e de exhibición.

I.7. Espectáculos pirotécnicos.

II. Actividades recreativas:

II.2. Actividades deportivas.

II.3. Actividades de lecer e entretemento.

II.4. Atraccións recreativas.

II.7. Actividades de restauración.

II.8. Actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.

III. Establecementos abertos ao público:

III.1. Establecementos de espectáculos públicos.

III.1.4. Circos.

III.1.5. Prazas de touros.

III.1.6. Establecementos de espectáculos deportivos.

III.1.7. Recintos feirais.

III.2. Establecementos de actividades recreativas.

III.2.1. Establecementos de xogo.

III.2.1.1. Casinos.

III.2.1.2. Salas de bingo.

III.2.1.3. Salóns de xogo.

III.2.1.4. Tendas de apostas.

III.2.2. Establecementos para actividades deportivas.

III.2.2.1. Estadios deportivos.

III.2.2.2. Pavillóns deportivos.

III.2.2.3. Recintos deportivos.

III.2.2.4. Pistas de patinaxe.

III.2.2.5. Ximnasios.

III.2.2.6. Piscinas de competición.

III.2.2.7. Piscinas recreativas de uso colectivo.

Poderán permanecer abertas as instalacións deportivas ao aire libre para a práctica deportiva individual.

Poderán permanecer abertas as instalacións deportivas en que se celebren adestramentos ou competicións de ámbito federado, profesional ou non profesional, cuxos vestiarios e zonas de ducha poderán ser usados cunha ocupación de ata o 30 % da capacidade máxima permitida, e procederase á limpeza e desinfección despois de cada uso e ao final da xornada. En todo caso, queda prohibida a asistencia de público ás competicións e adestramentos, sen prexuízo do disposto no número 2 do artigo 15 do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos.

III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos.

III.2.3.2. Parques acuáticos.

III.2.3.3. Salóns recreativos.

III.2.3.4. Parques multilecer.

III.2.5. Establecementos de restauración.

III.2.5.1. Restaurantes.

III.2.5.1.1. Salóns de banquetes.

III.2.5.2. Cafetarías.

III.2.5.3. Bares.

Os establecementos de hostalaría e restauración (bares, cafetarías, restaurantes) permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores deles, ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes, poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes ou persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo.

No caso de establecementos de hostalaría situados en centros educativos, aplicaranse as regras previstas no parágrafo precedente para os docentes e traballadores do centro. O alumnado só poderá facer recollida de alimentos ou bebida. Estas regras non será aplicables aos comedores escolares, que se rexerán pola súa normativa específica.

III.2.6. Establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.

III.2.7. Establecementos de lecer e entretemento.

III.2.7.1. Salas de festas.

III.2.7.2. Discotecas.

III.2.7.3. Pubs.

III.2.7.4. Cafés espectáculo.

III.2.7.5. Furanchos.

III.2.8. Centros de lecer infantil.

4.2. Restablécese a actividade lectiva presencial a partir das 00.00 horas do día 22 de febreiro de 2021 nos seguintes centros educativos de réxime especial:

1º) Escolas oficiais de idiomas.

2º) Escolas de arte e superior de deseño.

3º) Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

4º) Escola Superior de Arte Dramática.

5º) Conservatorios de música.

6º) Conservatorios de danza.

7º) Escolas de música.

8º) Escolas de danza.

9º) Centros autorizados de deportes, centros autorizados de fútbol; centros autorizados de fútbol sala.

10º) Centros autorizados de artes plásticas e deseño.

11º) Centros autorizados de música e centros autorizados de danza, salvo que estean integrados en centros docentes que permanezan abertos e que limiten a súa actividade ao alumnado dos ditos centros docentes.

12º) Escolas de música privadas e escolas de danza privadas.

Non obstante, e respecto dos centros relacionados anteriormente, continúan suspendidas as actividades presenciais que impliquen utilización de instrumentos de vento e/ou exercicios de canto.

4.3. Adóptase a medida de peche temporal ao público dos albergues turísticos durante o período a que se estende a eficacia da medida conforme o punto cuarto da orde.

4.4. A actividade docente nas ensinanzas universitarias restablecerase en modalidade presencial a partir das 00.00 horas do día 1 de marzo.

4.5. Suspéndese a actividade ao público dos centros de interpretación e visitantes, das aulas da natureza, casetas e puntos de información da Rede galega de espazos protexidos.

4.6. Suspéndese a actividade ao público dos centros sociais, sociocomunitarios, clubs de xubilados e centros de natureza análoga. Permanecerán abertos, en todo caso, os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os ocupacionais, así como as casas do maior».

Terceiro. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 17 de febreiro de 2021 e estenderán a súa eficacia ata as 00.00 horas do día 3 de marzo de 2021, sen prexuízo da súa posible prórroga. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade