Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38-Bis Xoves, 25 de febreiro de 2021 Páx. 11895

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola dita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto das persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Posteriormente, ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Estes decretos foron obxecto de diversas modificacións, para manter as medidas adaptadas á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Finalmente, ditouse o Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, e que posteriormente foi modificado polo Decreto 26/2021, do 15 de febreiro.

III

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia impón no momento actual a necesidade de que, ao abeiro do marco normativo derivado do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte con esta mesma data a persoa titular da Consellería de Sanidade, en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica.

De acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 22 de febreiro de 2021, obsérvase o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas sanitarias se manteñen por debaixo do 1.

Do total de concellos de Galicia (313), 64 non tiveron casos nos últimos 14 días, o que supón 32 máis respecto do día 13 de febreiro. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días aumentou a 116 (90 o día 13 de febreiro).

Entre o 12 e o 18 de febreiro realizáronse 89.759 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (50.591 PCR e 39.168 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 4,07 %, o que supón 0,55 puntos porcentuais menos que a reflectida no informe anterior, que era do 4,62 % entre o 2 e o 8 de febreiro.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 88 e 239 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados o día 7 de febreiro (150 e 410 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días, respectivamente). A diminución da incidencia foi do 41 e 42 %, a 7 e 14 días, respectivamente.

A tendencia diaria mostra, desde o 20 de decembro, dous tramos con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -7,0 %, o que está a indicar un descenso continuo, xa que en 13 de febreiro a porcentaxe de cambio diaria observada era de -5,8 %.

Á vista da situación existente, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda a flexibilización das medidas de restrición existentes.

En efecto, debe terse en conta que a situación actual se caracteriza por unha mellora da situación epidemiolóxica que permite dar pasos de cara a unha apertura gradual, progresiva e segura. As medidas adoptadas deben ter en conta que aínda existe unha elevada presión hospitalaria, cun alto número de persoas ingresadas nas UCI en determinadas áreas sanitarias.

Resulta, pois, necesario que esas medidas tendan á protección da cidadanía e do sistema sanitario, especialmente nunha comunidade autónoma como a galega, que conta cunha poboación envellecida e na cal o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados.

Non obstante, a evolución recente da situación epidemiolóxica demostra a eficacia das medidas adoptadas e, en particular, das recollidas no Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e na Orde da Consellería de Sanidade, do 26 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por conseguinte, á vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia permite a adopción das seguintes medidas:

a) Limitacións á entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, agás certas excepcións, coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade e de conter a irradiación a outros lugares. Así, por unha banda, restrínxense as entradas e saídas de determinados concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que a situación epidemiolóxica presenta unha maior gravidade.

Por outra banda, queda restrinxida a entrada e saída de persoas de certos ámbitos territoriais conxuntamente definidos, que coinciden coas áreas sanitarias que neste momento presentan unha maior taxa de incidencia acumulada e un maior número de ingresos nas UCI.

Finalmente, limítase a mobilidade entre os demais concellos non incluídos en ningún dos grupos anteriores, de tal xeito que unicamente serán posibles os desprazamentos entre concellos que teñan unha situación similar segundo os datos que resultan do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública.

b) Limitación da permanencia de grupos de persoas, que terán que estar conformados unicamente por conviventes, en espazos de uso público e de uso privado, agás en determinados supostos excepcionais e xustificados, naqueles concellos en que tamén se establecen limitacións de entrada e saída do seu ámbito territorial individualmente considerado.

No resto dos concellos da Comunidade Autónoma permítese a reunión de ata catro persoas non conviventes, e prevense tamén determinadas excepcións.

A medida de limitación de grupos resulta necesaria, adecuada e proporcionada para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros de carácter familiar ou social, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. En particular, a medida de limitación das agrupacións de persoas vai dirixida a previr ou, polo menos, restrinxir numericamente a participación en reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade, xa que teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio.

Procede insistir, ademais, en que a medida de limitación de grupos non é absoluta, senón que seguirá estando matizada por unha serie de importantes excepcións.

c) Limitación da permanencia de persoas en lugares de culto. Trátase de manter os límites de capacidade que se viñan aplicando actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia, adaptando a súa aplicación á situación existente. Todo isto co fin de evitar concentracións de persoas e de manter a coherencia cos límites de capacidade que se prevén para outras actividades co fin de previr e reducir o risco de transmisión.

d) Limitación da mobilidade nocturna no período comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas, durante o cal soamente se poderá circular polas vías e polos espazos públicos para a realización de determinadas actividades.

e) Limitación da entrada e saída de persoas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de evitar desprazamentos de poboación, salvo nos supostos adecuadamente xustificados que se produzan por algún dos motivos previstos no número 4 do punto primeiro deste decreto, e sen prexuízo da circulación en tránsito prevista no número 5 do mesmo punto primeiro.

De acordo co artigo 9 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, dado que o peche perimetral pretendido afecta a fronteira terrestre cun terceiro Estado, comunicarase a adopción da medida, con carácter previo, ao Ministerio do Interior e ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.

f) Como excepción ás limitacións de entrada e saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos concellos galegos e de permanencia en grupos constituídos soamente por conviventes, mantense a posibilidade de levar a cabo accións de caza colectiva sobre as especies cinexéticas do xabaril e do lobo nos supostos expresamente recollidos no punto sexto do Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro.

Por último, cómpre indicar que estas medidas terán efecto a partir das 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2021. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas serán obxecto de seguimento e de avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria, para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

IV

Tendo en conta o indicado, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia determina que procede ditar un novo decreto en que se adapten as medidas existentes á indicada situación.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais

1. Quedan restrinxidas a entrada e a saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, considerados individualmente, que se relacionan na letra A do anexo.

2. Quedan restrinxidas a entrada e saída de persoas de cada un dos ámbitos territoriais conxuntamente delimitados que se establecen nas letras B.1), B.2) e B.3) do anexo, respectivamente.

3. A entrada e saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos concellos que se relacionan nas letras C.1) e C.2) do anexo unicamente poderá ter orixe e destino noutro dos concellos que figuran na mesma epígrafe que o concello de procedencia.

4. Quedan exceptuados das anteriores limitacións aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:

a) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

b) Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.

c) Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.

d) Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.

e) Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

f) Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.

g) Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.

h) Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.

i) Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.

j) Coidado de hortas e animais.

k) Asistencia a academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación.

l) Desprazamento a establecementos comerciais polo miúdo de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade en territorios limítrofes cando non exista alternativa no propio concello.

m) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

n) Adestramentos ou competicións de ámbito federado profesional ou non profesional permitidos pola Orde da Consellería de Sanidade, do 25 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá establecer requisitos, condicións e limitacións aos desprazamentos correspondentes á actividade deportiva federada de ámbito autonómico.

ñ) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

5. Non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as limitacións previstas no número 1.

6. En todo caso, recoméndase limitar a mobilidade o máximo posible.

Segundo. Limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados

1. No territorio dos concellos que se relacionan na letra A do anexo, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará condicionada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

Polo tanto, permítense unicamente as reunións familiares, sociais e lúdicas, de carácter informal non regrado, das persoas que pertencen ao mesmo núcleo ou grupo de convivencia, con independencia de que se desenvolvan ao aire libre, e no ámbito público ou privado, en locais cerrados ou vehículos privados particulares.

2. No territorio dos concellos que se relacionan nas letras B e C do anexo, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de catro persoas, agás que se trate de persoas conviventes. No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo a que se refire o parágrafo anterior será de catro persoas.

3. As limitacións establecidas nos puntos anteriores exceptúanse nos seguintes supostos e situacións:

a) As persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada. Cada unidade de convivencia pode integrar soamente unha única persoa que viva soa.

b) A reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio.

c) A reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes.

d) A reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a persoas menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.

e) No caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

f) As actividades previstas no anexos da Orde da Consellería de Sanidade, do 25 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes.

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

4. En todo caso, recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia.

Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia, a asistencia a lugares de culto non poderá superar o terzo da súa capacidade e deberase garantir, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.

Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.

2. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.

3. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

Cuarto. Limitación da mobilidade nocturna

Tendo en conta a evolución epidemiolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, e de conformidade co previsto no artigo 5 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV- 2, durante o período comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para realizar as seguintes actividades:

a) Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.

b) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

c) Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.

d) Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.

e) Retorno ao lugar de residencia habitual, tras realizar algunhas das actividades previstas neste punto.

f) Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

h) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

i) Abastecemento en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.

Quinto. Limitación temporal da entrada e saída de persoas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos motivos previstos no número 2 do punto primeiro deste decreto.

2. En particular, as persoas desprazadas a Galicia deberán cumprir o establecido na Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios, polo que as persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios cunha alta incidencia do COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma deberán comunicar, no prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia, os datos de contacto e de estadía na Comunidade Autónoma de Galicia na forma establecida na orde.

3. As persoas desprazadas a Galicia, unha vez que estean no lugar a que se despracen, deberán cumprir as limitacións de entrada e saída previstas, se é o caso, neste decreto, ademais do resto das medidas aplicables.

4. En todo caso, recoméndase evitar ou reducir a mobilidade xeográfica o máximo posible.

Sexto. Actividade cinexética do xabaril e do lobo

1. Quedan exceptuadas das limitacións á entrada e saída de persoas dos ámbitos territoriais previstos nos números 1, 2 e 3 do punto primeiro, así como das restricións á permanencia de grupos de persoas en espazos públicos previstas no punto segundo, as accións de caza colectiva que se realicen exclusivamente sobre as especies cinexéticas do xabaril e do lobo, nos seguintes supostos:

a) Accións de caza sobre o xabaril de acordo coa planificación aprobada para a tempada de caza 2020/21 nos plans anuais de aproveitamento cinexético dos Tecor, e accións autorizadas especificamente en terreos de réxime cinexético común.

b) Accións de caza con ocasión de danos á agricultura ou á gandaría ocasionados polo xabaril e/ou o lobo, logo da súa comprobación por parte das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de ambiente.

c) Accións de caza como consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico.

2. En todo caso, durante o desenvolvemento destas accións de caza deberán cumprirse as condicións establecidas pola consellería competente en materia de ambiente, así como as medidas de prevención que adicionalmente poidan ser establecidas polas autoridades sanitarias.

Sétimo. Eficacia, seguimento e avaliación

A eficacia das medidas previstas neste decreto comezará ás 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2021.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Oitavo. Derrogación do Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

Queda derrogado o Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Noveno. Recursos

Contra o presente decreto poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

ANEXO

A. Concellos en cuxo ámbito territorial quedan restrinxidas a entrada e saída de persoas:

1. Corcubión.

2. Curtis.

3. Ponteceso.

4. Moeche.

5. O Corgo.

6. Guitiriz.

7. Gomesende.

8. A Gudiña.

9. A Peroxa.

10. Toques.

B. Ámbito territorial conxuntamente delimitado formado polos seguintes concellos:

1) Ámbito territorial conxuntamente delimitado formado polos seguintes concellos da área sanitaria da Coruña: Aranga, Arteixo, Cambre, Carballo, Carral, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Miño, Muxía, Paderne, Sada, Vilasantar, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Cerceda, Coirós, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laxe, Oleiros, Oza-Cesuras, Sobrado, Vilarmaior, Vimianzo, Zas.

2) Ámbito territorial conxuntamente delimitado formado polos seguintes concellos da área sanitaria de Ferrol: Cedeira, Ferrol, Narón, Neda, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cerdido, Fene, Mañón, Monfero, Mugardos, Ortigueira, Pontedeume, As Somozas , Valdoviño.

3) Ámbito territorial conxuntamente delimitado formado polos seguintes concellos da área sanitaria de Pontevedra: Barro, Cambados, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Ponte Caldelas, Soutomaior, Vilaboa, Vilanova de Arousa, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Forcarei, O Grove, A Illa de Arousa, Moraña, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa.

C. Concellos entre os cales está permitida a mobilidade atendendo á súa similar situación epidemiolóxica:

1) Baralla, Guntín, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Rábade, Sober, Bande, Beade, Celanova, A Merca, A Mezquita, Punxín, Sandiás, Taboadela, Viana do Bolo, Verea, Xunqueira de Espadanedo, Arzúa, Dodro, Frades, Ordes, Rois, Tordoia, Moaña, Oia, Redondela.

2) Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, Cospeito, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, O Incio, Láncara, Lourenzá, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Viveiro, Xermade, Xove, Allariz, Amoeiro, A Arnoia, Avión, Baltar, Baños de Molgas, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Beariz, Os Blancos, Boborás, A Bola, O Bolo, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, O Carballiño, Cartelle, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Coles, Cortegada, Cualedro, Entrimo, Esgos, O Irixo, Larouco, Laza, Leiro, Lobeira, Lobios, Maceda, Manzaneda, Maside, Melón, Montederramo, Monterrei, Muíños, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Ourense, Paderne de Allariz, Padrenda, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Petín, Piñor, A Pobra de Trives, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Ribadavia, Riós, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sarreaus, A Teixeira, Toén, Trasmiras, A Veiga, Verín, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio,Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, Ames, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Oroso, Outes, Padrón, O Pino, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Agolada, Dozón, A Estrada, Lalín, Pontecesures, Rodeiro, Silleda, Valga, Vila de Cruces, Arbo, Baiona, Cangas, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Vigo.