Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38-Bis Xoves, 25 de febreiro de 2021 Páx. 11912

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no devandito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Tales medidas consistiron no establecemento de limitacións de entrada e saída de persoas de determinados ámbitos territoriais e en limitacións da permanencia de persoas en espazos de uso público e de uso privado, e en lugares de culto. Conforme o punto quinto do decreto, a eficacia destas medidas estendíase ata as 15.00 horas do día 4 de decembro de 2020, sen prexuízo de que debían ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento. Ademais, esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que foi modificada en diversas ocasións.

III

A situación da evolución epidemiolóxica xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, unida á necesidade de adaptar as medidas que se adoptaran desde a Orde do 3 de decembro de 2020 e as súas sucesivas modificacións, fixo necesario acometer unha revisión delas mediante a Orde de 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Nesta orde adoptáronse medidas máis restritivas, consonte o que recollía o Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 25 de xaneiro de 2021. Nel reflectíase un empeoramento da situación: o conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia presentaba, no día 24 de xaneiro, unha taxa de incidencia a 14 días de case 700 casos por 100.000 habitantes, o que significaba unha suba de 1,4 veces respecto dos datos dos informes anteriores.

Por outra banda, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de casos secundarios que ocorren por cada caso activo, continuaba amosando valores superiores ao limiar situado en 1 en todas as áreas sanitarias e no global de Galicia, o que indicaba que seguía a haber transmisión.

Así mesmo, observáronse abrochos identificados que estaban en vixilancia epidemiolóxica e baixo medidas restritivas, pero a situación caracterizábase pola presenza de casos en practicamente case todos os concellos. Así, do total de concellos (N=313), detectáronse casos de COVID-19 en todos eles, agás en 19, o que significaba que o número de concellos sen casos se reduciu practicamente á metade desde o día 17 de xaneiro, en que eran 34.

IV

O punto cuarto da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, prevé que a eficacia das medidas contidas nela se estenderá ata o 18 de febreiro de 2021.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, establécese que serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

De acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 15 de febreiro de 2021, observouse o seguinte:

– A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 150 e 410 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados o día 7 de febreiro (235 e 591 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días, respectivamente).

– A tendencia diaria mostra, desde o 20 de decembro, dous tramos con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -5,8 %, o que está a indicar un descenso continuo xa que no 7 de febreiro a porcentaxe de cambio diaria observada era de 5,3 %.

– O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, continúa mostrando unha tendencia descendente que baixa de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección.

– No que respecta á hospitalización de casos de COVID-19, a media de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 862,7, o que significa un descenso do 14,6 % a respecto dos acumulados no día 7 de febreiro, en que era de 1.009,7. A taxa de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos é de 223,7 ingresados acumulados por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, cun descenso do 14,6 % respecto dos acumulados no día 7 de febreiro, que era de 261,8.

– En canto aos ingresos por COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 220,1 o que supón un descenso de 3,4 % respecto do día 7 de febreiro, en que foi de 235,3. A taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 57,1 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso do 6,4 respecto do día 7, en que era de 61 ingresados en UCI por 100.000 habitantes.

– Nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 41 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes. O 25 % destes concellos (14 concellos) acadan taxas iguais ou maiores de 500 casos por cen mil habitantes, o que supón unha melloría respecto do día 7 de febreiro, onde eran 34 os concellos con esta taxa (o 62 % do total dos concellos).

– No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 137 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes (53 % do total dos concellos), 50 menos que no día 7 de febreiro. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores de 500 casos por cen mil habitantes en 60 destes concellos (23 % dos concellos de menos de 10.000 habitantes), 52 concellos menos que o día 7 de febreiro.

Segundo os datos reflectidos neste informe, o cambio na tendencia da taxa de incidencia mantívose en descenso e superou o cumio da onda desde o 22 de xaneiro.

A pesar do descenso da incidencia, a taxa a 14 días seguía a ser superior aos 250 casos por cen mil habitantes, nivel que se considera de alto risco de transmisión, e hai áreas sanitarias cunha incidencia que supera os 500 casos por cen mil habitantes, sen que ningunha baixe dos 300 casos por cen mil habitantes.

Ademais, a incidencia a 7 días segue por riba dos 100 casos por 100.000 habitantes.

A ocupación por pacientes de COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír respecto do 7 de febreiro. Non obstante, o número de ingresos é elevado (especialmente nas unidades de críticos) e un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

Á vista da situación existente, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública recomendaba o mantemento das medidas de restrición existentes desde o día 27 de xaneiro, polo que se ditou a Orde do 15 de febreiro de 2021 pola que se dispuxo a prórroga e a modificación das medidas de prevención específicas previstas na Orde do 26 de xaneiro de 2021, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

En efecto, debe terse en conta que a situación viña caracterizada por unha elevada presión hospitalaria, cun número de persoas ingresadas nas UCI superior ao rexistrado no peor momento da primeira onda da pandemia, así como un nivel de hospitalizacións superior ao da segunda onda. Debe terse tamén presente que a situación de contaxio explosivo pode deberse á circulación en Galicia de novas variantes do virus.

Resultaba, pois, necesario manter medidas tendentes á protección da cidadanía e do sistema sanitario, especialmente nunha comunidade autónoma como a galega que conta cunha poboación envellecida e na cal o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados.

Debe destacarse que a evolución recente da situación epidemiolóxica demostra a eficacia das medidas adoptadas e, en particular das recollidas no Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e na Orde da Consellería de Sanidade, do 26 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

En efecto, na situación recente, en que existe unha taxa de incidencia que se considera de alto risco de infección, resultaba aínda imprescindible manter as medidas, tendentes en definitiva a limitar a interacción social e, polo tanto, limitar os niveis de transmisión, con vistas a que se dean as condicións para unha apertura gradual, progresiva e segura.

V

De acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 22 de febreiro de 2021, obsérvase o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1 desde o 29 de xaneiro, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas sanitarias mantéñense por debaixo do 1.

Do total de concellos de Galicia (313), 64 non tiveron casos nos últimos 14 días, o que supón 32 máis respecto do día 13 de febreiro. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días aumentou a 116 (90 a día 13 de febreiro).

Entre o 12 e o 18 de febreiro, realizáronse 89.759 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (50.591 PCR e 39.168 test de antíxeno) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 4,07 %, o que supón 0,55 puntos porcentuais menos que a reflectida no informe anterior, que era do 4,62 % entre o 2 e o 8 de febreiro.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 88 e 239 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados o día 7 de febreiro (150 e 410 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días, respectivamente). A diminución da incidencia foi do 41 e 42 %, a 7 e 14 días, respectivamente.

A tendencia diaria mostra, desde o 20 de decembro, dous tramos con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -7,0 % o que está a indicar un descenso continuo xa que no 13 de febreiro a porcentaxe de cambio diaria observada era de -5,8 %.

Á vista da situación existente, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda, a flexibilización das medidas de restrición existentes.

En efecto, debe terse en conta que a situación actual se caracteriza unha mellora da situación epidemiolóxica que permite dar pasos cara a unha apertura gradual, progresiva e segura. As medidas adoptadas deben ter en conta que todavía existe unha elevada presión hospitalaria, cun alto número de persoas ingresadas nas UCI en determinadas áreas sanitarias.

Resulta, pois, necesario que esas medidas tendan á protección da cidadanía e do sistema sanitario, especialmente nunha comunidade autónoma como a galega, que conta cunha poboación envellecida e na cal o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultado esperados.

Non obstante, a evolución recente da situación epidemiolóxica demostra a eficacia das medidas adoptadas e, en particular das recollidas no Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e na Orde da Consellería de Sanidade, do 26 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta o indicado no devandito informe e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, establecer as medidas de prevención específicas adaptadas á evolución da situación epidemiolóxica na nosa Comunidade Autónoma, con carácter progresivo, seguro e revogable.

Así, as principais novidades que se establecen na presente orde afectan a tres elementos fundamentais.

Por unha banda, elimínase a obriga de peche da actividade dos centros comerciais durante as fins de semana e festivos, equiparando a actividade destes establecementos coas grandes superficies que, na última modificación, podían abrir neses espazos temporais.

Por outra banda, a apertura progresiva da hostalaría e a restauración terá tres escenarios que virán determinados pola situación epidemiolóxica do ámbito territorial en que se atopen os establecementos, e de conformidade cun plan de hostalaría segura consensuado cos axentes económicos e autoridades locais, que se aprobará mediante o correspondente instrumento. O dito documento terá a consideración de plan sanitario para os efectos do previsto no artigo 80 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Estes tres escenarios, coas respectivas posibilidades de apertura, irán desde prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio (en concellos con incidencia acumulada a 14 días por riba dos 500 casos por cada cen mil habitantes), o servizo en terraza cunha ocupación do 50 % até as 18.00 horas (en concellos con incidencia acumulada a 14 días entre 250 e 500 casos), até a apertura en terraza ao 50 % e servizo en interior ao 30 % (en concellos con incidencia acumulada a 14 días por baixo dos 250 casos).

O terceiro dos elementos sobre os cales inciden as novas medidas é o relativo á actividade en instalacións deportivas e piscinas. Neste tipo de establecementos establécense dous escenarios en función das taxas de incidencia acumulada.

Así, en concellos con incidencia acumulada a 14 días por riba dos 500 casos por cen mil habitantes, estas instalacións permanecerán pechadas, mentres que se a incidencia baixa dos 500 casos poderán abrir cunha ocupación limitada do 30 % e permítense actividades grupais de ata catro persoas non conviventes (sen contar o monitor/a).

En calquera caso, as medidas serán obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia, ou mesmo deixar sen efecto as medidas de alivio en caso necesario.

VI

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e alcance

1. Constitúe o obxecto desta orde establecer medidas de prevención aplicables en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como determinar as actividades non esenciais que deben quedar suspendidas, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

2. As medidas contidas nesta orde son complementarias das previstas no Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En todo o non previsto nas ditas disposicións e nesta orde, e no que sexa compatible con ambas, aplicarase o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Segundo. Medidas de prevención aplicables

1. En todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia recoméndase ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables á COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas.

2. Mantense en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia o peche das actividades de festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras.

3. Así mesmo, serán de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia as medidas de prevención específicas recollidas no anexo da presente orde.

4. As medidas terán a duración temporal prevista no punto sexto.

Terceiro. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía corresponderán aos respectivos concellos dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado das denuncias que formulen polo incumprimento das medidas de prevención ás autoridades competentes.

Cuarto. Plan de hostalaría segura

1. A Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia sanitaria porá en marcha un «plan de hostalaría segura» baseado nas seguintes liñas fundamentais:

a) Corresponsabilidade dos operadores económicos na aplicación, cumprimento e seguimento do plan e na colaboración no establecemento de medidas e instrumentos que contribúan ao control e seguimento de posibles abrochos, incluíndo a rastrexabilidade dos posibles contactos, co obxecto de garantir unha actividade nas adecuadas condicións de seguridade.

b) Definición de criterios claros e precisos para a organización e utilización de espazos, condicións de adecuada ventilación que velen pola calidade do aire interior, e determinación de ocupación para efectos da aplicación das medidas sanitarias de prevención.

c) Colaboración coas entidades representativas do sector para o estudo, deseño e implementación das medidas de prevención aplicables, incluída a promoción da existencia de mecanismos de autocontrol e auditoría de cumprimento.

d) Xeración de confianza nos usuarios, así como información e concienciación deles sobre as medidas de prevención e o seu necesario cumprimento.

e) Establecemento dun plan de control e inspección autonómico e a adecuada colaboración coas entidades locais nas súas competencias de control e inspección, especialmente con aquelas de menor tamaño e medios.

f) Colaboración das forzas e corpos e forzas de seguridade no control e inspección.

2. O Plan de hostalaría segura terá a consideración de plan sanitario para os efectos do previsto no artigo 80 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, polo que as entidades locais, participarán na súa aplicación e cumprimento mediante o exercicio das súas competencias de control sanitario establecidas na lei.

3. O Plan de hostalaría segura porase en coñecemento das entidades locais a través das súas entidades representativas.

Quinto. Teletraballo

Tendo en conta o establecido no artigo 12 do Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 3 de decembro de 2020, publicado pola Orde do 14 decembro de 2020 da Consellería de Facenda e Administracións públicas, que establece un réxime especial de autorización, que pode ser aplicable, entre outros motivos, por razóns de declaración da situación de emerxencia, e tendo en conta a existencia dunha declaración de situación de emerxencia sanitaria en vigor, á vista da evolución da situación epidemiolóxica, e coa finalidade de coadxuvar a un maior control da transmisión, entenderase prorrogada a eficacia das resolucións de teletraballo ditadas polas distintas consellerías e entidades do sector público autonómico por razón da situación sanitaria derivada da COVID-19. Serán de aplicación no teletraballo as condicións recollidas no réxime especial establecido no artigo 12 do Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexto. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Sétimo. Derrogación

Queda derrogada a Orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Medidas de prevención específicas aplicables
na Comunidade Autónoma de Galicia

Serán de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia as medidas de prevención específicas recollidas neste anexo.

1. Obrigas xerais.

1.1. Obrigas de cautela e protección.

Todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade da COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos. Este deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade.

Así mesmo, deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da COVID-19.

1.2. Persoas con sintomatoloxía.

Calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles coa COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario o antes posible.

Igualmente, se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario.

1.3. Distancia de seguridade interpersoal.

Deberá cumprirse a medida de mantemento da distancia de seguridade interpersoal establecida polo Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, de, polo menos, 1,5 metros ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física con uso de máscara, de hixiene adecuada e etiqueta respiratoria.

1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas condicións establecidas no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na redacción vixente, coas regras especiais seguintes:

1º) A obriga de uso de máscara será exixible en todo momento durante a realización da práctica deportiva individual ao aire libre.

2º) No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos, ou alimentos e bebidas, na vía pública ou en espazos ao aire libre, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que a persoa o efectúe parada e fóra dos lugares habituais de circulación dos viandantes, de tal xeito que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas. O anterior será aplicable tamén para o uso de calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados.

3º) Co obxecto de evitar a propagación de contaxios e asegurar o mantemento dos servizos, na prestación de asistencia ou axuda no fogar a persoas dependentes, será obrigatorio o uso de máscara tanto por parte do persoal prestador do servizo coma por parte das persoas dependentes e daquelas que se atopen no seu domicilio. A dita obriga non será exixible cando se trate de persoas dependentes que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

1.5. Medidas específicas para casos e contactos estreitos.

As persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por teren infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible coa COVID-19, ou que estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado, deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poderen abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas.

2. Medidas xerais de hixiene e prevención.

Sen prexuízo das normas ou protocolos específicos que se establezan, serán aplicables a todos os establecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público e actividades de carácter público, as medidas xerais de hixiene e prevención establecidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na redacción vixente.

3. Limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas por sectores.

3.1. Medidas en materia de control de capacidade.

1. Os establecementos, instalacións e locais deberán expor ao público a capacidade máxima, que deberá incluír os propios traballadores e asegurar que a dita capacidade e a distancia de seguridade interpersoal se respecta no seu interior, polo que se deberán establecer procedementos que permitan o reconto e control da capacidade, de forma que esta non sexa superada en ningún momento.

No caso do sector da hostalaría e restauración, aplicarase tamén o que estableza o Plan de hostalaría segura, nomeadamente, no relativo á distribución de espazos, ocupacións, mobiliario, e outros elementos de seguridade.

2. A organización da circulación de persoas e a distribución de espazos deberá procurar a posibilidade de manter a distancia de seguridade interpersoal. Na medida do posible, estableceranse itinerarios para dirixir a circulación de clientes e usuarios e evitar aglomeracións en determinadas zonas, tanto no interior como no exterior, e previr o contacto entre eles. Cando se dispoña de dúas ou máis portas, procurarase establecer un uso diferenciado para a entrada e a saída, co obxecto de reducir o risco de formación de aglomeracións.

3. Cando se dispoña de aparcadoiros propios para traballadores e usuarios, establecerase un control de accesos para mellor seguimento das normas de capacidade. Na medida do posible, as portas que se atopen no percorrido entre o aparcadoiro e o acceso á tenda ou aos vestiarios dos traballadores disporán de sistemas automáticos de apertura ou permanecerán abertas para evitar a manipulación dos mecanismos de apertura.

4. De ser o caso, o persoal de seguridade velará para que se respecte a distancia interpersoal de seguridade e evitará a formación de grupos numerosos e aglomeracións, prestando especial atención ás zonas de escaleiras mecánicas, ascensores, zonas comúns de paso e zonas recreativas.

5. En caso necesario, poderanse utilizar valos ou sistemas de sinalización equivalentes para un mellor control dos accesos e xestión das persoas para os efectos de evitar calquera aglomeración.

6. En calquera caso, a sinalización de percorridos obrigatorios e independentes ou outras medidas que se establezan realizaranse tendo en conta o cumprimento das condicións de evacuación exixibles na normativa aplicable.

3.2. Control de capacidade en centros e parques comerciais e grandes superficies.

Os centros e parques comerciais, así como os establecementos que teñan a consideración de grandes superficies, deberán dispoñer de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer en todo momento o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións ou das que teñan atribuída a súa xestión.

3.3. Velorios e enterros.

1. Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente habilitadas cun límite máximo, en cada momento, de 5 persoas por túmulo, agás conviventes, e 15 persoas no exterior.

2. A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de quince persoas non conviventes, entre familiares e achegados, ademais de, se é o caso, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.

3. Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, na súa redacción vixente.

4. As zonas comúns de paso utilizaranse unicamente para o tránsito de entrada e saída, sen que poida haber grupos de persoas neles. O tempo de estadía nas instalacións reducirase ao estritamente necesario para expresar as debidas condolencias, evitando permanecer nas zonas de paso.

5. Os servizos de hostalaría existentes nos establecementos funerarios rexeranse polo disposto no punto 3.22.

3.4. Lugares de culto.

1. A capacidade máxima dos espazos destinados ao culto deberá publicarse nun lugar visible destes.

2. Non se poderá utilizar o exterior dos edificios ou da vía pública para a celebración de actos de culto con acompañamento de público.

3. Non se poderán realizar actuacións de coros o agrupacións vocais de canto.

4. Sen prexuízo das recomendacións de cada confesión en que se teñan en contan as súas particularidades, na celebración dos actos de culto deberanse observar as seguintes medidas de hixiene e prevención:

a) Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente e o uso de máscara será obrigatorio consonte o disposto no número 1.3. do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

b) Diariamente deberanse realizar tarefas de desinfección dos espazos utilizados ou que se vaian utilizar e de xeito regular reiterarase a desinfección dos obxectos que se tocan con maior frecuencia.

c) Organizaranse as entradas e saídas para evitar aglomeracións de persoas nos accesos e inmediacións dos lugares de culto.

d) Poranse á disposición do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados en lugares accesibles e visibles e, en todo caso, na entrada do lugar de culto, que deberán estar sempre en condicións de uso.

e) Non se permitirá o uso de auga bieita e as ablucións rituais deberán realizarse na casa.

f) Facilitarase no interior dos lugares de culto a distribución dos asistentes sinalizando, se for necesario, os asentos ou zonas utilizables en función da capacidade permitida en cada momento.

g) Nos casos en que os asistentes se sitúen directamente no chan e se descalcen antes de entrar no lugar de culto, usaranse alfombras persoais e situarase o calzado nos lugares estipulados, embolsado e separado.

h) Limitarase ao menor tempo posible a duración dos encontros ou celebracións.

i) Durante o desenvolvemento das reunións ou celebracións evitarase o contacto persoal, tocar ou bicar obxectos de devoción ou outros obxectos que habitualmente se manexen.

3.5. Cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís.

As cerimonias nupciais e demais celebracións relixiosas ou civís deberán respectar as regras de capacidade e as medidas de hixiene e prevención que sexan de aplicación ao lugar onde se desenvolvan.

3.6. Establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nos locais e establecementos ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal.

2. Os ditos establecementos e locais pecharán ás 21.30 horas, agás que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior ou superior.

3. Deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.

4. Os establecementos que teñan consideración de grande superficie, e entendendo por tales os que teñan máis de 2.500 metros cadrados de superficie, deberán dispor de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións.

3.7. Establecementos que teñan a condición de centros e parques comerciais ou que formen parte deles.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público situados en centros e parques comerciais non poderán superar o trinta por cento da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

Para estes efectos, entenderase por centros e parques comerciais, os establecementos comerciais de carácter colectivo definidos no número 2 do artigo 23 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

2. A capacidade das zonas comúns dos centros e parques comerciais queda limitada ao 30 %.

Non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns, excepto para o tránsito entre os establecementos. Queda prohibida a utilización de zonas recreativas, como poden ser zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso, que deben permanecer pechadas.

3. Os centros e parques comerciais deberán pechar ao público as 21.30 horas, agás que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior.

4. Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior dos locais e establecementos e nas zonas comúns ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio en todo momento, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 deste anexo. Ademais, deberán evitarse as aglomeracións de persoas que comprometan o cumprimento destas medidas.

5. Os centros e parques comerciais deberán dispor de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións ou das que teñan atribuída a súa xestión.

6. Deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.

3.8. Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública.

1. No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, non poderán superar o cincuenta por cento dos postos habituais ou autorizados e limitarán a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar esta limitación, prestando especial atención á vixilancia do cumprimento das medidas sanitarias e protocolos aplicables nestes contornos.

Á hora de determinar os comerciantes que poden exercer a súa actividade, o concello poderá priorizar aqueles que comercializan produtos alimentarios e de primeira necesidade, asegurando que non se manipulen os produtos comercializados neles por parte dos consumidores.

Os concellos establecerán requisitos de distanciamento entre postos e condicións de delimitación do mercado co obxectivo de procurar manter a distancia de seguridade interpersoal entre traballadores, clientes e viandantes ou, na súa falta, será precisa a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, na súa redacción vixente.

2. Durante todo o proceso de atención ao consumidor deberá manterse a distancia de seguridade interpersoal establecida entre o vendedor e o consumidor, que poderá ser dun metro cando se conte con elementos de protección ou barreira.

3. Deberá sinalarse de forma clara a distancia de seguridade interpersoal entre clientes, con marcas no chan ou mediante o uso de balizas, cartelaría e sinalización para aqueles casos en que sexa posible a atención individualizada de máis dun cliente ao mesmo tempo.

4. Recoméndase a posta á disposición de dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados nas inmediacións dos mercados ao aire libre ou de venda non sedentaria na vía pública.

5. Realizarase, polo menos unha vez ao día, unha limpeza e desinfección das instalacións con especial atención ás superficies de contacto máis frecuentes, especialmente mostradores e mesas ou outros elementos dos postos, anteparos, de ser o caso, teclados, terminais de pagamento, pantallas táctiles, ferramentas de traballo e outros elementos susceptibles de manipulación, prestando especial atención a aqueles utilizados por máis dun traballador.

6. Procurarase evitar a manipulación directa dos produtos por parte dos clientes.

3.9. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación.

1. A actividade que se realice en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación non incluídos no ámbito de aplicación do artigo 9 do Real decreto lei 21/2020, de 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, inscritos no correspondente rexistro, poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do cincuenta por cento respecto do máximo permitido.

Nestes centros priorizarase a realización da actividade lectiva non presencial, por medios telemáticos (en liña) sempre que sexa posible.

2. Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.3. do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, na súa redacción vixente.

3. No caso de utilización de vehículos será obrigatorio o uso de máscara tanto polo persoal docente como polo alumnado ou o resto de ocupantes do vehículo.

3.10. Hoteis e aloxamentos turísticos.

1. Os hoteis e establecementos turísticos permanecerán abertos, sen perxuízo das limitacións vixentes de entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, que deberán respectarse en todo caso. Os clientes procedentes dalgún dos ámbitos territoriais aos cales se lles apliquen as devanditas limitacións soamente poderán terse desprazado aos establecementos situados fóra dese ámbito territorial polos motivos xustificados establecidos na normativa vixente.

2. A ocupación das zonas comúns dos hoteis e aloxamentos turísticos non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade.

Para iso cada establecemento deberá determinar a capacidade dos distintos espazos comúns, así como aqueles lugares en que se poderán realizar eventos e as condicións máis seguras para a súa realización conforme a capacidade máxima prevista e de acordo coas medidas de hixiene, protección e distancia mínima establecidas.

3. Poderán facilitar servizos de hostalaría e restauración para os clientes aloxados nos ditos establecementos. Para o resto de clientes resultará de aplicación o disposto no punto 3.22.

4. No caso de instalacións deportivas de hoteis e aloxamentos turísticos, tales como piscinas ou ximnasios, rexeranse polas regras aplicables a este tipo de instalacións en función da incidencia acumulada do respectivo concello, de conformidade co previsto no punto 3.15.

3.11. Actividade cinexética.

1. Está permitida a actividade cinexética en todas as súas modalidades sempre que se axusten ás limitacións de grupos de persoas aplicables no respectivo concello.

2. En todo caso, a realización das ditas actividades estará sometida ás restricións perimetrais actualmente vixentes.

3.12. Pesca fluvial e marítima, deportiva e recreativa.

1. Está permitida a práctica da pesca fluvial e marítima, deportiva e recreativa, en todas as súas modalidades, sempre que se axusten ás limitacións de grupos de persoas aplicables no respectivo concello.

2. En todo caso, a realización de ditas actividades estará sometida ás restricións perimetrais actualmente vixentes.

3.13. Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre.

1. Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas de skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.

2. Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.3 do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, na súa redacción vixente.

3. Deberán aplicarse as medidas de hixiene e prevención establecidas, especialmente no que se refire a proceder diariamente á limpeza e desinfección destes espazos nas áreas de contacto das zonas comúns, tales como xogos das zonas infantís, aparellos de actividade física ou outro mobiliario urbano de uso compartido.

4. Recoméndase dispor neses espazos, especialmente no que se refire a parques infantís, de dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida, debidamente autorizados e rexistrados, ou dunha solución xabonosa no caso de espazos para menores de dous anos de idade.

3.14. Realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicos ou profesionais.

A realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicas, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionai poderanse realizar sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento, ben que se recomenda que se realicen de forma telemática sempre que sexa posible. Non se poderá superar o trinta por cento da capacidade autorizada do local. En calquera caso, deberase respectar un máximo de 30 persoas para lugares pechados e de 75 persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, por solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade pola COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

3.15. Actividade deportiva.

1. A realización da actividade física e deportiva non federada axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na parte A do anexo II da presente orde, a práctica da actividade física e deportiva non federada so poderá realizarse ao aire libre ou en instalacións deportivas ao aire libre, de forma individual ou con persoas conviventes, e coa utilización de máscara.

b) Nos concellos enumerados nas partes B e C do anexo II da presente orde, a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de catro persoas de forma simultánea, sexan ou non conviventes, sen contar, de ser o caso, o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata catro persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o trinta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 30 %.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas durante un mínimo de 30 minutos ao inicio e ao remate de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e, obrigatoriamente, ao remate de cada clase ou actividade de grupo. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e non se poderá empregar a función de recirculación do aire interior.

Os vestiarios e zonas de ducha poderán usarse cunha ocupación de ata o 30 % da capacidade máxima permitida, e procederase á limpeza e desinfección despois de cada uso e ao final da xornada.

2. A práctica da actividade deportiva federada de ámbito autonómico, adestramentos e competicións, axustarase aos correspondentes protocolos Fisicovid-Dxtgalego aprobados.

3. As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes.

4. As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes.

No ámbito das competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que poidan implicar contacto que se realicen na Comunidade Autónoma de Galicia serán de aplicación as seguintes medidas:

a) Os equipos e deportistas galegos que participen nas ditas competicións deberán realizar os adestramentos e a competición en grupos de composición estable e, en todo caso, deberán realizar tests serolóxicos ou probas similares cada 14 días naturais.

b) A totalidade dos membros da expedición dos equipos e deportistas procedente doutras comunidades autónomas que se despracen á Comunidade Autónoma de Galicia para participaren nas ditas competicións deberán realizar tests serolóxicos ou probas similares en orixe polo menos entre 72 e 24 horas previas á celebración da proba/partido/competición.

Así mesmo, deberán comunicar con idéntica antelación ás autoridades sanitarias autonómicas a relación das persoas integrantes da expedición trasladada a Galicia, a data e a hora de chegada á Comunidade Autónoma galega e o lugar de aloxamento, así como o tipo de proba de detección de COVID-19 a que foron sometidas as ditas persoas.

As medidas previstas deben entenderse dentro do necesario respecto ás competencias das autoridades deportivas e sanitarias estatais, polo que serán aplicables sempre que resulten compatibles coas adoptadas polas ditas autoridades e mentres non existan medidas obrigatorias dimanantes delas que ofrezan un nivel de protección equivalente ou similar.

3.16. Centros, servizos e establecementos sanitarios.

1. Os titulares ou directores dos distintos centros, servizos e establecementos sanitarios, de natureza pública ou privada, deberán adoptar as medidas organizativas, de prevención e hixiene necesarias do seu persoal traballador e dos pacientes, co obxecto de aplicar as recomendacións emitidas nesta materia, relativas á distancia de seguridade interpersoal, uso de máscaras en sitios pechados de uso público, capacidade, hixiene de mans e respiratoria, así como calquera outra medida que establezan as autoridades competentes.

2. Estas medidas deberán aplicarse na xestión dos espazos do centro, accesos, zonas de espera e na xestión das citas dos pacientes, así como na regulación de acompañantes ou visitas, tendo en conta a situación e actividade de cada centro. Para tal efecto, só se permitirá a presenza dunha persoa acompañante por usuario/a no caso de menores, maiores dependentes ou mulleres xestantes.

3. Así mesmo, adoptarán as medidas necesarias para garantir a protección da seguridade e saúde do seu persoal traballador, a limpeza e desinfección das áreas utilizadas e a eliminación de residuos, así como o mantemento adecuado dos equipamentos e instalacións.

4. Estarán obrigados a colaborar coas autoridades sanitarias e de política social nos labores de vixilancia, prevención e control da COVID-19.

3.17. Lonxas.

Nas lonxas deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, na súa redacción vixente.

3.18. Transportes.

1. As condicións de capacidade dos vehículos e embarcacións que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, isto é, o transporte en autobús –de carácter interurbano e urbano, sexa de uso xeral, de uso especial ou discrecional– e o transporte marítimo en augas interiores, quedan establecidas do seguinte modo:

a) Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos poderase ocupar a totalidade dos asentos. Deberase manter a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita.

b) Nos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, e establécese como límite de ocupación máxima a dunha sexta parte das prazas de pé.

2. Como medidas adicionais aplicables aos modos de transporte establécense as seguintes:

a) Durante toda a duración do traxecto, cando esta sexa inferior a dúas horas, as persoas usuarias non poderán consumir alimentos no interior dos vehículos ou embarcacións e deberán, igualmente e na medida do posible, evitar consumir bebidas, conversar ou manter calquera outro contacto directo con outras persoas ocupantes do dito vehículo ou embarcación.

b) Na prestación de servizos colectivos regulares de transporte de viaxeiros de carácter interurbano de uso xeral, cando non estean autorizadas prazas de pé, e na prestación de calquera servizo de transporte marítimo en augas interiores da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia será obrigatoria a expedición de billete coa identificación do servizo concreto de transporte de que se trate e do vehículo ou embarcación que o preste.

Igualmente, todos os anteriores vehículos e embarcacións deberán ter numerados os seus asentos de forma clara e visible para as persoas usuarias.

Naqueles servizos respecto dos cales non haxa unha asignación previa de asento, recoméndase ás persoas viaxeiras que anoten no seu billete o número de asento que ocupen e que o conserven durante os 14 días posteriores ao da viaxe.

c) As empresas concesionarias procurarán a máxima ventilación do vehículo, sen recirculación do aire, mantendo as fiestras abertas sempre que non se produzan correntes de aire.

Para tal efecto, os vehículos que realicen varias viaxes en diferentes quendas horarias deberán proceder á ventilación deste antes de cada quenda e, sempre que for posible, á súa limpeza e desinfección. En todo caso, realizarase como mínimo unha limpeza diaria, empregando produtos e procedementos previstos no plan de limpeza e desinfección.

d) Tanto as empresas concesionarias coma as persoas usuarias observarán en todo momento as medidas de protección, e o uso da máscara, e as demais medidas de prevención, evitando condutas como levantarse, interactuar, berrar, compartir obxectos, tocar superficies comúns ou outras condutas que poidan xerar risco de contaxio ou transmisión.

3. Nos desprazamentos en vehículo particular respectaranse as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial no Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Non obstante, está permitido o desprazamento nun vehículo particular de persoas non conviventes que traballen xuntas e só para o traxecto de ida e volta ao centro de traballo, así como para que os menores poidan acudir a centros de ensino. Nestes casos, só se permitirán dúas persoas por fila de asentos, e deberán usar todas máscara.

4. Nos concellos enumerados na parte A do anexo II os taxis e vehículos VTC poderán prestar servizos de transporte para persoas conviventes, así como escolares, persoal sanitario, pacientes ou traballadores non conviventes; nestes casos poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo e procurarase, cando o nivel de ocupación o permita, a máxima separación entre as persoas usuarias. En todos os casos, será obrigatorio o uso de máscara.

No resto dos concellos,poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo e procurarase, cando o nivel de ocupación o permita, a máxima separación entre as persoas usuarias. En todos os casos, será obrigatorio o uso de máscara.

3.19. Áreas de servizo para profesionais do transporte.

1. Ás áreas de servizo para profesionais do transporte lles resultarán aplicables as medidas establecidas no número 3.22.

2. Adicionalmente, co obxecto de posibilitar os descansos adecuados en cumprimento da normativa de tempos de condución e descanso, imprescindibles para poder levar a cabo as operacións de transporte, e facilitar aos transportistas profesionais un servizo de restauración, aqueles establecementos situados en centros loxísticos e nas áreas de servizo da Rede de estradas do Estado en Galicia, vías de alta capacidade e Rede primaria básica de estradas de Galicia que dispoñan de cociña, servizos de restauración ou expendedores de comida preparada poderán permanecer abertos alén das limitacións horarias establecidas no número 3.22, incluído en horario nocturno de acordo coa súa regulación específica, para os únicos efectos de dar cumprimento a esta finalidade.

Para o acceso a estes establecementos neste caso será obrigatoria a presentación da tarxeta de profesional do transporte CAP, a consumición no interior deberá realizarse de xeito individual e sentado e non se poderá realizar venda ou dispensación de bebidas alcohólicas.

3.20. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais.

1. Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, tanto de titularidade pública como privada, poderán realizarse actividades presenciais sen superar o trinta por cento da capacidade máxima permitida.

2. Este límite de ocupación será aplicable tamén á realización de actividades culturais nestes espazos e cun máximo de ata catro persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.21. Celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecemento destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

A celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderá desenvolverse, sen superar o trinta por cento da capacidade permitida, con público, sempre que este permaneza sentado e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de persoas conviventes, cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas para lugares pechados e de cincocentas persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polas butacas e haberá unha planificación axeitada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no resto das instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, mesmo no caso de que se manteña a distancia de seguridade interpersoal nos termos previstos nas medidas hixiénico-sanitarias.

Nas butacas ou asentos preasignados, as persoas asistentes non poderán quitar a máscara.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de polo menos 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e non se poderá empregar a función de recirculación do aire interior.

Deberá existir un rexistro de asistentes ao evento e custodialo durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

No caso de celebración de congresos, encontros, eventos e actos similares, se os asistentes non permanecen sentados en todo momento, solicitarase autorización á Dirección Xeral de Saúde Pública en que se comuniquen o evento, as datas, as actividades que se van realizar e as medidas concretas organizativas e de seguridade propostas para os riscos de contaxio.

A solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade pola COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

3.22. Hostalaría e restauración.

1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes, axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na parte A do anexo II da presente orde, os citados establecementos permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 21.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

b) Nos concellos enumerados na parte B do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar unicamente servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio e, así mesmo, de terraza co cincuenta por centro (50 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas, no caso de persoas non conviventes.

O horario de peche ao publico será ás 18.00 horas. Non obstante, poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 21.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

c) Nos concellos enumerados na parte C do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co cincuenta por centro (50 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén servizo no interior cunha ocupación do 30 %. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas, no caso de persoas non conviventes.

O horario de peche ao público será ás 18.00 horas. Non obstante, poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 21.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

2. Para o cálculo das ocupacións, así como para a aplicación doutras medidas específicas, observaranse ás medidas aprobadas pola da consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura.

3. Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Nos concellos enumerados nas partes A e B do anexo II da presente orde, estes establecementos de restauración deberán limitar a súa actividade, nas condicións establecidas no número anterior, aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas e deberán ser todas conviventes ou persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo.

No caso de establecementos de hostalaría situados en centros educativos, aplicaranse as regras previstas nos parágrafos precedentes.

Estas regras non será aplicables aos comedores escolares, que se rexerán pola súa normativa específica.

4. Medidas especiais para determinadas actividades.

4.1. Adóptase a medida de peche temporal, durante o período a que se estende a eficacia da medida conforme o punto quinto da orde, das seguintes actividades, conforme as definicións contidas no anexo do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia:

I. Espectáculos públicos:

I.3. Espectáculos taurinos.

I.4. Espectáculos circenses.

I.6. Espectáculos feirais e de exhibición.

I.7. Espectáculos pirotécnicos.

II. Actividades recreativas:

II.3. Actividades de lecer e entretemento.

II.4. Atraccións recreativas.

II.8. Actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.

III. Establecementos abertos ao público:

III.1. Establecementos de espectáculos públicos.

III.1.4. Circos.

III.1.5. Prazas de touros.

III.2. Establecementos de actividades recreativas.

III.2.1. Establecementos de xogo.

III.2.1.1. Casinos.

III.2.1.2. Salas de bingo.

III.2.1.3. Salóns de xogo.

III.2.1.4. Tendas de apostas.

Nos concellos enumerados na parte C do anexo II, os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o trinta por cento da súa capacidade permitida e ata as 18.00 horas.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan actividades ou, na súa falta, para a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos na normativa vixente.

Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención, no caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, o réxime e horario de prestación deste servizo axustarase ao disposto para os establecementos de hostalaría.

III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos.

III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos.

III.2.3.2. Parques acuáticos.

III.2.3.3. Salóns recreativos.

III.2.3.4. Parques multilecer.

III.2.6. Establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.

III.2.7. Establecementos de lecer e entretemento.

III.2.7.1. Salas de festas.

III.2.7.2. Discotecas.

III.2.7.3. Pubs.

III.2.7.4. Cafés espectáculo.

III.2.7.5. Furanchos. A estes establecementos resultaranlles de aplicación as regras previstas no punto 3.22 do presente anexo.

III.2.8. Centros de lecer infantil.

4.2. Manterán o seu funcionamento con actividade lectiva presencial os seguintes centros educativos de réxime especial:

1º) Escolas oficiais de idiomas.

2º) Escolas de arte e superior de deseño.

3º) Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

4º) Escola Superior de Arte Dramática.

5º) Conservatorios de música.

6º) Conservatorios de danza.

7º) Escolas de música.

8º) Escolas de danza.

9º) Centros autorizados de deportes, centros autorizados de fútbol; centros autorizados de fútbol sala.

10º) Centros autorizados de artes plásticas e deseño.

11º) Centros autorizados de música e centros autorizados de danza, salvo que estean integrados en centros docentes que permanezan abertos e que limiten a súa actividade ao alumnado dos ditos centros docentes.

12º) Escolas de música privadas e escolas de danza privadas.

Non obstante, e respecto dos centros relacionados anteriormente, continúan suspendidas as actividades presenciais que impliquen utilización de instrumentos de vento e/ou exercicios de canto.

4.3. Adóptase a medida de peche temporal ao público dos albergues turísticos durante o período a que se estende a eficacia da medida conforme o punto quinto da orde.

4.4. A actividade docente nas ensinanzas universitarias restablecerase en modalidade presencial a partir das 00.00 horas do día 1 de marzo.

4.5. Suspéndese a actividade ao público dos centros de interpretación e visitantes, das aulas da natureza, casetas e puntos de información da Rede galega de espazos protexidos.

4.6. Suspéndese a actividade ao público dos centros sociais, sociocomunitarios, clubes de xubilados e centros de natureza análoga. Permanecerán abertos, en todo caso, os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os ocupacionais, así como as casas do maior.

4.7. Aqueles centros de atención á infancia que se atopen regulados e inscritos de conformidade co previsto no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, poderán manter os seus servizos observando as normas de prevención hixiénico sanitarias previstas nos seus protocolos e as previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Corcubión

Curtis

Ponteceso

Moeche

Corgo (O)

Guitiriz

Gomesende

Gudiña (A)

Peroxa (A)

Toques

B) Concellos con nivel de restrición alta.

B1. Concellos con nivel de restrición alta da Área Sanitaria da Coruña-Cee:

Aranga

Arteixo

Cambre

Carballo

Carral

Coruña (A)

Culleredo

Laracha (A)

Malpica de Bergantiños

Miño

Muxía

Paderne

Sada

Vilasantar

Abegondo

Bergondo

Betanzos

Cabana de Bergantiños

Camariñas

Cee

Cerceda

Coirós

Coristanco

Dumbría

Fisterra

Irixoa

Laxe

Oleiros

Oza-Cesuras

Sobrado

Vilamaior

Vimianzo

Zas

B.2. Concellos con nivel de restrición alta da Área Sanitaria de Ferrol:

Cedeira

Ferrol

Narón

Neda

Pontes de García Rodríguez (As)

San Sadurniño

Ares

Cabanas

Capela (A)

Cariño

Cerdido

Fene

Mañón

Monfero

Mugardos

Ortigueira

Pontedeume

Somozas (As)

Valdoviño

B.3. Concellos con nivel de restrición alta da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés:

Barro

Cambados

Catoira

Cerdedo-Cotobade

Cuntis

Lama (A)

Marín

Meaño

Meis

Ponte Caldelas

Soutomaior

Vilaboa

Vilanova de Arousa.

Bueu

Caldas de Reis

Campo Lameiro

Forcarei

Grove (O)

Illa de Arousa

Moraña

Poio

Pontevedra

Portas

Ribadumia

Sanxenxo

Vilagarcía de Arousa

B.4. Concellos con nivel de restrición alta da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, e da Área Sanitaria de Vigo:

Baralla

Guntín

Monforte de Lemos

Outeiro de Rei

Pobra de Brollón (A)

Pontenova (A)

Rábade

Sober

Bande

Beade

Celanova

Merca (A)

Mezquita (A)

Punxín

Sandiás

Taboadela

Viana do Bolo

Verea

Xunqueira de Espadanedo

Arzúa

Dodro

Frades

Ordes

Rois

Tordoia

Moaña

Oia

Redondela

C) Concellos con nivel de restriccion media.

Abadín

Alfoz

Antas de Ulla

Baleira

Barreiros

Becerreá

Begonte

Bóveda

Burela

Carballedo

Castro de Rei

Castroverde

Cervantes

Cervo

Chantada

Cospeito

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Foz

Friol

Incio (O)

Láncara

Lourenzá

Lugo

Meira

Mondoñedo

Monterroso

Muras

Navia de Suarna

Negueira de Muñíz

Nogais (As)

Ourol

Palas de Rei

Pantón

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pedrafita do Cebreiro

Pol

Portomarín

Quiroga

Ribadeo

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riotorto

Samos

Sarria

Saviñao (O)

Taboada

Trabada

Triacastela

Valadouro (O)

Vicedo (O)

Vilalba

Viveiro

Xermade

Xove

Allariz

Amoeiro

Arnoia

Avión

Baltar

Baños de Molgas

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Bearíz

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Calvos de Randín

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballiño (O)

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Cenlle

Chandrexa de Queixa

Coles

Cortegada

Cualedro

Entrimo

Esgos

Irixo (O)

Larouco

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Maceda

Manzaneda

Maside

Melón

Montederramo

Monterrei

Muíños

Nogueira de Ramuín

Oímbra

Ourense

Paderne de Allaríz

Padrenda

Parada de Sil

Pereiro de Aguiar

Petín

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pontedeva

Porqueira

Quintela de Leirado

Rairiz de Veiga

Ramirás

Ribadavia

Riós

Rúa (A)

Rubiá

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Xoán de Río

Sarreaus

Teixeira (A)

Toén

Trasmiras

Veiga (A)

Verín

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Xinzo de Limia

Xunqueira de Ambía.

Ames

Baña (A)

Boimorto

Boiro

Boqueixón

Brión

Carnota

Lousame

Mazaricos

Melide

Mesía

Muros

Negreira

Noia

Oroso

Outes

Padrón

Pino (O)

Pobra do Caramiñal (A)

Porto do Son

Rianxo

Ribeira

Santa Comba

Santiago de Compostela

Santiso

Teo

Touro

Trazo

Val do Dubra

Vedra

Agolada

Dozón

Estrada (A)

Lalín

Pontecesures

Rodeiro

Silleda

Valga

Vila de Cruces

Arbo

Baiona

Cangas

Cañiza (A)

Covelo (O)

Crecente

Fornelos de Montes

Gondomar

Guarda (A)

Mondariz

Mondaríz-Balneario

Mos

Neves (As)

Nigrán

Pazos de Borbén

Ponteareas

Porriño (O)

Rosal (O)

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Tomiño

Tui

Vigo