Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38-Bis Xoves, 25 de febreiro de 2021 Páx. 11958

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola dita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas.

En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do devandito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto.

As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Conforme o artigo 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida nese real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, estas medidas non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria.

Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma, as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Debe terse en conta que a situación epidemiolóxica actual se caracteriza por unha elevada presión hospitalaria, cun número de persoas ingresadas nas UCI superior ao rexistrado no peor momento da primeira onda da pandemia, así como un nivel de hospitalizacións superior ao da segunda onda. Debe terse tamén presente que a situación de contaxio explosivo pode deberse á circulación en Galicia de novas variantes do virus.

Resulta, pois, necesario manter medidas que tendan á protección da cidadanía e do sistema sanitario, especialmente nunha comunidade autónoma como a galega, que conta cunha poboación envellecida e na cal o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, en espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados.

Debe destacarse que a evolución recente da situación epidemiolóxica demostra a eficacia das medidas adoptadas e, en particular, das recollidas no Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e na Orde da Consellería de Sanidade do 26 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

As medidas preventivas resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. Estas medidas deben implantarse na totalidade do territorio da Comunidade Autónoma, independentemente do seu carácter urbano ou rural.

En concreto, trátase de evitar especialmente encontros de carácter familiar ou social entre persoas non conviventes, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data.

En particular, a medida da limitación das agrupacións de persoas, tanto en lugares de uso público coma privado, vai dirixida a previr ou, polo menos, restrinxir numericamente a participación en reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade, xa que teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio.

Os establecementos de hostalaría e restauración son ambientes que favorecen os encontros entre persoas que comparten un mesmo espazo, con proximidade, e durante os cales se produce o consumo de alimentos ou bebidas e a consecuente necesidade de retirar a máscara nese instante.

Así, faise necesario velar polo cumprimento das medidas na totalidade dos locais de hostalaría da nosa Comunidade, dado o seu carácter de lugares de convivencia e interacción social, e establecer controis por parte dos corpos de inspección sanitarios e polos corpos e forzas de seguridade que operan en Galicia.

En efecto, na situación actual, na cal existe unha taxa de incidencia que se considera de alto risco de infección, resulta aínda imprescindible manter as medidas, tendentes en definitiva a limitar a interacción social e, polo tanto, limitar os niveis de transmisión, con vistas a que se dean as condicións para unha apertura gradual, progresiva e segura.

III

Por outra banda, cómpre ter en consideración a importancia socioeconómica do sector hostaleiro en Galicia e a contribución deste ao PIB galego e ao mantemento dos niveis de ocupación, tendo en conta que na nosa Comunidade existen case 23.000 restaurantes, bares e establecementos de aloxamento.

O impacto da crise sanitaria no sector é tamén proporcional á súa importancia económica, polo que as medidas preventivas provocadas pola situación epidemiolóxica teñen un impacto directo e significativo na súa actividade e proxección.

A Xunta de Galicia, consciente da importancia do sector e da necesidade de manter a súa viabilidade, ten acordado cos representantes do sector hostaleiro de Galicia un compromiso de reactivación segura que se fundamentará en tres piares básicos: acadar a máxima seguridade no acceso aos establecementos, o máximo seguimento de posibles gromos e posibilitar o máximo control no cumprimento das disposicións sanitarias vixentes.

Para tal efecto, e co obxectivo de garantir a máxima seguridade tanto para as persoas traballadoras coma para as persoas usuarias, cómpre incidir no control dos niveis de ocupación e na necesidade de manter en todo momento as normas hixiénico-sanitarias básicas de limpeza de mans e superficies, nas distancias de seguridade interpersoal, no uso de máscara e na limitación dos tempos de contacto.

Ao mesmo tempo, cómpre establecer mecanismos que faciliten un rápido e eficaz rastrexo dos contactos no caso de detección de positivos, para a contención da propagación da enfermidade entre o resto das persoas traballadoras e usuarias.

Todo isto debe completarse tamén coa necesaria información que debe transmitirse ás persoas usuarias en relación coas capacidades dos locais e niveis de ocupación, tanto en interior como en exterior, lembrándolles en todo momento a necesidade de observar as medidas básicas de prevención, como xa temos manifestado.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer e regular as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A aplicación das medidas previstas na presente orde non poderá supor a exclusión da eficacia nin a exención do cumprimento doutras medidas preventivas que, en función da evolución epidemiolóxica, resulten necesarias en ámbitos territoriais ou sectores concretos.

Segundo. Capacidades máximas e responsabilidade

1. No contexto da reapertura segura e progresiva do sector hostaleiro de Galicia, os establecementos deberán declarar e manter accesible ao público e á autoridade sanitaria a súa capacidade máxima, interior e exterior, do xeito que se determina nos puntos seguintes.

2. Cada establecemento será responsable das capacidades máximas que declare, así como de controlar en todo momento que as porcentaxes máximas de uso sexan respectadas. Esta información poderá ser auditada polos distintos mecanismos de control e auditoría establecidos, para os efectos de seguir o seu correcto cumprimento.

Para tal efecto, a persoa responsable do establecemento deberá dispor, en soporte físico, da documentación acreditativa das superficies utilizadas para os cálculos das capacidades, do xeito descrito nos puntos seguintes.

Terceiro. Capacidade interior e porcentaxe máxima de uso

1. Para a determinación da capacidade interior do establecemento, a persoa responsable deberá computar a superficie interior, en metros cadrados, excluíndo do cómputo de metros cadrados dispoñibles para os usuarios os metros correspondentes aos aseos, á barra e zona interior da barra. A superficie interior resultante será a que sirva para determinar a capacidade interior.

2. A capacidade interior será a resultante de dividir a superficie interior, en metros cadrados, entre 1,5, co fin de garantir unha superficie mínima de seguridade por persoa usuaria.

3. A capacidade interior obtida a través deste cálculo non poderá ser superior á capacidade máxima establecida no correspondente título habilitante de carácter municipal. Nese caso, prevalecerá a capacidade consignada na licenza municipal.

4. Á capacidade interior aplicaráselle a porcentaxe máxima de uso que estableza en cada momento a autoridade sanitaria, en función da situación epidemiolóxica e do correspondente nivel de restricións aplicables no ámbito territorial en que se atope o establecemento.

Cuarto. Capacidade exterior e porcentaxe máxima de uso

1. Para a determinación da capacidade exterior do establecemento, a persoa responsable deberá computar a superficie de terraza establecida no correspondente título habilitante de carácter municipal. A superficie exterior resultante será a que sirva para determinar a capacidade exterior.

A capacidade exterior obtida a través deste cálculo non poderá ser superior á establecida no correspondente título habilitante de carácter municipal. Nese caso, prevalecerá a capacidade consignada no indicado título.

2. Á capacidade exterior aplicarase a porcentaxe máxima de uso que estableza en cada momento a autoridade sanitaria, en función da situación epidemiolóxica e o correspondente nivel de restricións aplicables no ámbito territorial en que se atope o establecemento.

Quinto. Información para as persoas usuarias

1. A apertura ao público do establecemento implicará a obriga de dispor nun lugar visible do acceso, preferentemente na porta de entrada, dun cartel que sexa de doada lectura, no cal conste a seguinte información:

a) Interior:

– Capacidade máxima interior permitida en condicións normais.

– Porcentaxe máxima de uso interior establecida pola autoridade sanitaria en cada momento en función da situación epidemiolóxica.

– Capacidade máxima interior permitida en cada momento en función da aplicación da porcentaxe máxima de uso establecida pola autoridade sanitaria.

b) Exterior:

– Capacidade máxima exterior permitida en condicións normais.

– Porcentaxe máxima de uso exterior establecida pola autoridade sanitaria en cada momento en función da situación epidemiolóxica.

– Capacidade máxima exterior permitida en cada momento en función da aplicación da porcentaxe máxima de uso establecida pola autoridade sanitaria.

2. A persoa responsable do establecemento virá obrigada a manter actualizada esta información cada vez que se produza un cambio no nivel de restricións aplicables ao ámbito territorial en que se atope o local, tanto na capacidade interior coma na exterior.

3. Para os efectos do establecido neste punto, deberán utilizarse os modelos de cartel postos á disposición para a súa impresión na páxina web https://coronavirus.sergas.gal/

Sexto. Regras básicas sobre disposición do mobiliario

1. Para facilitarlles ás persoas usuarias e traballadoras do establecemento o coñecemento e cumprimento das regras de capacidade e porcentaxe máxima de uso, así como para garantir as distancias mínimas de seguridade persoal, tanto no interior coma no exterior, as mesas e cadeiras montadas deberán corresponderse coas capacidades permitidas en condicións normais, e procederase a inutilizar, mediante bandas ou adhesivos, as mesas e cadeiras que sexa necesario de xeito que só se poidan utilizar as mesas e cadeiras correspondentes ás porcentaxes máximas de uso en cada momento.

2. A distribución das mesas e cadeiras deberá respectar en todo momento as distancias mínimas de separación previstas pola autoridade sanitaria.

Sétimo. Rastrexabilidade

1. A persoa titular do establecemento obterá un código QR na páxina web https://coronavirus.sergas.gal/

2. A través da aplicación da Xunta de Galicia Passcovid, os usuarios do establecemento poderán rexistrar a súa presenza nel mediante a captura do código QR, o cal axudará a detectar posibles concentracións de contaxios con maior rapidez.

3. Para aquelas persoas que non dispoñan da aplicación Passcovid, o local poderá dispor de QR personalizados para entregarlles aos usuarios e que permitan a súa rastrexabilidade en caso de detección de casos positivos.

Oitavo. Seguimento e inspección

1. A implantación do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia comportará, como un dos elementos fundamentais do plan, o establecemento dun plan de control e inspección autonómico e o desenvolvemento de actuacións de control e inspección municipais.

A Administración autonómica velará pola adecuada colaboración coas entidades locais, especialmente coas aquelas de menor tamaño e medios.

Para estes efectos, o Plan de control e inspección autonómico atenderá a estas circunstancias, na priorización das actuacións inspectoras que se desenvolvan.

Así mesmo, o Plan de hostalaría segura baséase na colaboración das forzas e corpos e forzas de seguridade no seu control e inspección, impulsando a coordinación entre os distintos corpos existentes que garantan a efectividade da implantación das medidas acordadas.

2. As actuacións de inspección de control municipais deberán axustarse ao Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e aos estándares mínimos que definan as autoridades sanitarias autonómicas.

As actuacións de inspección municipais deberán adaptarse ao tamaño do concello e aos seus recursos e poderán prever a colaboración das forzas e corpos de seguridade na súa execución, de acordo cos protocolos que se deseñen con estas.

As autoridades sanitarias locais, de conformidade co establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, poderán encomendar o exercicio de funcións de inspección de saúde pública para o desenvolvemento das súas actuacións de inspección e control, en caso de insuficiencia de medios, a outros corpos de funcionarios dependentes delas.

Para o desenvolvemento das súas competencias de control sanitario, os concellos poderán solicitar o apoio técnico do persoal e os medios das autoridades sanitarias autonómicas, de acordo cos protocolos que se establezan no Plan de control e inspección autonómico, de conformidade co establecido no artigo 80.6 da Lei 8/2008, de saúde de Galicia.

3. Dentro das súas actuacións de control, os concellos efectuarán visitas de inspección do cumprimento das medidas de prevención establecidas.

Así mesmo, dentro dos órganos de coordinación policial xa constituídos, velarase polo cumprimento da aplicación das medidas acordadas e estableceranse as actuacións necesarias para acadar este obxectivo en todo o territorio.

Para estes efectos, de xeito orientativo, establécense os seguintes obxectivos cuxo cumprimento queda condicionado, en todo caso, ás necesidades operativas e á dispoñibilidade de medios das forzas e corpos de seguridade actuantes:

a) Concellos sen Policía local ou con tres ou menos efectivos en activo: preferentemente unha visita semanal por local de hostalaría, pola Policía local ou, de ser o caso, a través da colaboración e do apoio das demais forzas e corpos de seguridade.

b) Concellos con Policía local de ata 20.000 habitantes, con máis de tres efectivos en activo: preferentemente dúas visitas semanais por local de hostalaría, pola Policía local.

c) Concellos con Policía local de máis de 20.000 habitantes: preferentemente dúas visitas semanais por local de hostalaría, pola Policía local. Estableceranse, así mesmo, medidas de especial vixilancia as fins de semana e os días festivos.

4. O obxecto das visitas previstas no punto anterior será, como mínimo, o control e a comprobación do cumprimento, por parte do establecemento, das seguintes medidas:

a) Que, de conformidade coa Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, así como co establecido nas medidas de prevención sanitarias previstas nesta orde, teñen exposta, no exterior do local, a capacidade máxima permitida, nun lugar facilmente visible tanto para clientes como para os órganos inspectores, de acordo cos modelos de cartelaría postos á súa disposición polas autoridades sanitarias.

b) Que se cumpre a porcentaxe máxima de capacidade establecida especificamente en cada momento durante a situación da pandemia, así como as regras establecidas en canto á prohibición de uso de barras e ocupación máxima das mesas.

c) Que a apertura e o peche do establecemento están dentro do horario establecido.

d) Que os clientes e empregados do local cumpren coas medidas de seguridade interpersoal en canto ás distancias e ao uso das máscaras.

5. A autoridade sanitaria autonómica poderá solicitar aos concellos información sobre as actuacións de control e inspección realizadas e as denuncias levantadas, e determinará a periodicidade desta información. Así mesmo, a actuación realizada polas forzas e corpos de seguridade será obxecto de avaliación dentro dos órganos de coordinación e colaboración policial xa constituídos, nos cales se dará conta dos incumprimentos observados das medidas de prevención establecidas.

6. En particular, entenderase que existe un risco grave ou perigo inminente para as persoas naqueles casos en que se desenvolva a actividade de forma que se incumpran de forma grave as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias para evitar o COVID-19, dada a súa condición de enfermidade transmisible e o risco grave e inmediato que representa para a saúde.

De acordo co indicado, no suposto de incumprimento das medidas de prevención, os axentes dos corpos e forzas de seguridade poderán adoptar de forma directa, logo de requirimento ás persoas responsables do local e no caso de que este non for atendido, as seguintes medidas, de conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e co cumprimento dos requisitos que estas normas establecen:

a) A suspensión inmediata do espectáculo ou actividade e o desaloxo e precintaxe dos establecementos abertos ao público.

b) Aqueloutras medidas que se consideren necesarias, en atención ás circunstancias concorrentes en cada caso, para garantir a seguridade das persoas e os bens e a convivencia entre a cidadanía, e que garden a debida proporción en atención aos bens e dereitos obxecto de protección.

7. Para os efectos do establecido no número anterior, entenderase que concorre un perigo grave e inminente para as persoas nos casos de incumprimento das seguintes medidas de prevención:

a) Incumprimento xeneralizado no establecemento ou na actividade das distancias de seguridade interpersoal, xa sexa por unha deficiente organización dos espazos ou polo incumprimento da organización existente.

b) Incumprimento da obrigación do uso adecuado das máscaras por parte do persoal, clientes ou público asistente, cando non sexa meramente singular, puntual ou episódico.

c) Presenza no establecemento ou espazo aberto ao público de persoas con sintomatoloxía compatible co COVID-19.

d) Presenza no establecemento ou espazo aberto ao público de traballadores ou público asistente sometidos a obrigas de illamento ou corentena.

e) Incumprimento grave das medidas de limpeza e desinfección.

f) Incumprimento das medidas relativas á capacidade máxima dos establecementos ou espazos.

g) Existencia de aglomeracións de persoas no interior ou no exterior dos establecementos ou espazos.

h) Incumprimento das medidas relativas a agrupacións máximas de persoas nas mesas ou agrupacións de mesas.

Noveno. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos a partir das 00.00 do 26 de febreiro de 2021. Malia o anterior, as medidas recollidas nos puntos quinto, en canto á obriga de dispor dun cartel, e sétimo, en canto á obriga de obter un código QR ou de dispor dun código QR personalizado, terán efectos a partir das 00.00 horas do día 5 de marzo de 2021, polo que as actuacións de control que con anterioridade se efectúen se limitarán a informar da súa exixibilidade a partir da indicada data, sen que proceda dar inicio a ningún procedemento sancionador por esta causa ata a indicada data. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade