Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66-Bis Venres, 9 de abril de 2021 Páx. 18569

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de abril de 2021 pola que se modifican o anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptaron medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.

Posteriormente, revisáronse as medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, e ditouse a Orde do 4 de marzo de 2021, que incluíu pequenas modificacións das medidas adoptadas e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 5 de marzo de 2021 por medio da cal se modificou o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021; a Orde do 10 de marzo de 2021, coa que se modificaron diversos puntos do anexo I e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021, e a Orde do 12 de marzo de 2021, que modificou unicamente o anexo II.

Paralelamente, estas modificacións tiveron reflexo tamén no Decreto 39/2021, do 5 de marzo, no Decreto 40/2001, do 10 de marzo, e no Decreto 41/2021, do 12 de marzo, polos que se modificou o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En cumprimento do compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, ditáronse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 (modificado polo Decreto 49/2021, do 24 de marzo; polo Decreto 51/2021, do 26 de marzo, e polo Decreto 54/2021, do 7 de abril), e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Orde do 24 de marzo de 2021, pola Orde do 26 de marzo de 2021, e pola Orde do 31 de marzo de 2021.

Posteriormente, realizouse unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia que tivo o oportuno reflexo na Orde do 7 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

III

De conformidade co compromiso acadado, procede realizar unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos distintos concellos.

Así, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 9 de abril de 2021, establécese o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, volve achegarse ao 1. As áreas sanitarias de Santiago e Pontevedra superaron o 1 estes últimos días. Non obstante, a estabilización das taxas desde o 28 de febreiro pode afectar a que o Rt se achegue ao 1 ou o supere.

Do total de concellos de Galicia, 143 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 187. Isto supón un aumento nun concello a 14 días e unha diminución en 2 concellos a 7 días desde o informe anterior.

Entre o 28 de marzo e o 3 de abril, realizáronse 43.476 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (32.404 PCR e 11.072 test de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,57, o que supón un 11 % menos que a de entre o 26 de marzo e o 3 de abril, que era do 2,4 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 32 e 69 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados no informe anterior, en que era de 34 e 68 casos por cen mil habitantes, respectivamente.

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois, unha primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diaria de -6,8 % e, outra, cun descenso máis lento, cunha porcentaxe de cambio diaria de -0,4 %.

Polo que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto ás de hai 7 días. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes, e só a Área Sanitaria de Pontevedra supera os 50 casos por 100.000 habitantes a 7 días. As taxas a 14 días das áreas están entre os 28,21 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 93,94 de Vigo.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 153. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 5,7 ingresados por 100.000 habitantes. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 28 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1 ingresado por 100.000 habitantes. Os datos mostran descensos lentos pero continuos, tanto na hospitalización de agudos como de críticos.

Pola súa banda, nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), un presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, igual que hai 7 días. Hoxe en día, este concello segue a ser o do Grove. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 5 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, un menos que no informe anterior. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en dous destes concellos.

En conclusión, segundo os datos reflectidos no informe, o cambio na tendencia da taxa de incidencia segue a manterse en descenso, superado o cumio da onda o 22 de xaneiro. Non obstante, obsérvase un aumento do Rt, aínda que no global de Galicia non chegou a 1. A información do modelo de predición hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar. Ademais, a amplitude dos seus intervalos de confianza indica que poderían darse todos os escenarios (estabilización, ascenso ou descenso da onda).

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes, sen ningunha área cunha incidencia superior os 100 casos por cen mil habitantes. A taxa de incidencia a 14 días máis elevada é a da Área Sanitaria de Vigo. No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, hai só un concello con taxas de incidencia iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000 hai 9 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes, con 2 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cen mil habitantes.

O informe indica que o feito de que estea a circular cada vez máis a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión. A ocupación por pacientes COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír. Non obstante, hai que manter a precaución, xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

Non debe esquecerse que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, aínda que vai descendendo, debe baixar máis. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel medio baixo por debaixo de 150, o medio entre 150 e por debaixo de 250, o alto entre 250 e por debaixo de 500, e o máximo na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello prevese coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e polo Comité e Subcomité Clínico das características específicas de cada gromo.

Por conseguinte, en vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, proponse manter no nivel máximo de restricións ao concello da Pobra do Caramiñal, da Área Sanitaria de Santiago, e ao concello do Grove, debido ás súas taxas de incidencia a 7 días.

Ademais, ascendería do nivel medio baixo actual ao nivel máximo, e non ao alto que lle correspondería polas súas taxas de incidencia a 7 e 14 días, o concello de Carballeda de Valdeorras (Área Sanitaria de Ourense). O motivo de ascender a este nivel máximo é a existencia dun brote cuxa investigación epidemiolóxica levou á identificación de máis casos que indican que o brote non está controlado e, polo tanto, hai risco de difusión.

Manteríanse no nivel alto, ben polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, ben por non ter estado neste nivel o tempo suficiente para asegurar unha evolución favorable da súa situación epidemiolóxica os concellos da Pobra do Brollón (Área Sanitaria de Lugo), Carral (Área Sanitaria da Coruña), A Illa de Arousa (Área Sanitaria de Pontevedra) e O Irixo e Monterrei (Área Sanitaria de Ourense).

Ademais, ascendería do nivel medio actual ao nivel alto o concello de Boimorto (Área Sanitaria de Santiago) polas súas taxas a 7 e 14 días.

Finalmente, ascenderían do nivel medio baixo actual ao nivel alto o concello de Barreiros (Área Sanitaria de Lugo), pola súa taxa de incidencia a 7 días, e o de Boiro (Área Sanitaria de Santiago), que, aínda que lle correspondería ascender ao nivel medio se observamos a súa taxa a 7 días, mostra un empeoramento da súa situación epidemiolóxica que fai necesario establecer medidas máis restritivas.

Manteríanse no nivel medio os concellos de Meis (Área Sanitaria de Pontevedra) e Gondomar, polas súas taxas de incidencia a 14 días.

Así mesmo, manteríanse no nivel medio os concellos do Carballiño (Área Sanitaria de Ourense), Baiona (Área Sanitaria de Vigo) e Sanxenxo (Área Sanitaria de Pontevedra) a pesar de que polo valor das súas taxas poderían descender ao nivel medio baixo, debido a que se considera preciso agardar á estabilización da súa situación epidemiolóxica e así asegurar unha boa evolución.

Da Área Sanitaria de Ourense tamén se manterían no nivel medio os concellos de Cortegada e Padrenda debido a que, aínda que polas taxas de incidencia poderían baixar ao nivel medio baixo, a última información recibida da Xefatura Territorial de Ourense indica a aparición de novos casos o que apunta a un empeoramento da situación epidemiolóxica nestes concellos.

Así mesmo, descendería do nivel alto actual ao nivel medio o concello de Rábade (Área Sanitaria de Lugo) a pesar de que pola súa taxa a 14 días debería manterse nel, debido a que o brote xa está controlado e a situación nos últimos 7 días mellorou considerablemente, sen que se notificase ningún caso novo. E ascenderían do nivel medio baixo actual ao nivel medio, debido ás súas taxas a 7 e/ou a 14 días, os concellos de Noia (Área Sanitaria de Santiago), Ribadumia, Soutomaior, Vilaboa, Vilanova de Arousa (Área Sanitaria de Pontevedra) e As Neves (Área Sanitaria de Vigo).

O resto de concellos de Galicia permanecen no nivel medio baixo de restricións, con base nos criterios reflectidos anteriormente ou á espera de comprobar a evolución da súa situación epidemiolóxica.

Debe insistirse, en particular, en que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para acadar o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo.

Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade, en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos e visto o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, procede reiterar as medidas xa aprobadas coas modificacións previstas na presente orde.

Así mesmo, na sesión do 7 de abril de 2021 o Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde acordou aprobar unha serie de criterios de aplicación do artigo 6.2, segundo parágrafo, da Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte a crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Por conseguinte, compre adaptar tamén o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

A modificación realizase na presente orde ao abeiro do disposto expresamente no punto sexto do citado acordo.

En particular, adáptanse as medidas recollidas no citado acordo ás medidas aprobadas polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde no que se refire ao uso da máscara na práctica deportiva non federada ao aire libre de forma individual, de acordo co establecido no artigo 6 da Lei 2/2021, do 29 de marzo, tendo en conta que este artigo distingue entre as vías públicas e os espazos ao aire libre e refire a excepción da máscara para a práctica deportiva só á actividade nestes últimos e non nas vías públicas.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

Modifícase o punto 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, que queda redactado como segue:

«1.3. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

a) Obriga xeral.

Para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Así mesmo, de conformidade co artigo 6.1.b) da Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso de máscara nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús ou por ferrocarril, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor.

b) Regras específicas.

1ª) Na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica, aplicarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas.

2ª) No caso de colectivos artísticos que desenvolvan actos e espectáculos culturais, aplicaranse as regras específicas do número 2.9 e, respecto da produción e rodaxe de obras audiovisuais, aplicaranse as medidas previstas no número 2.10.

3ª) No caso dos coros e agrupacións vocais de canto, das orquestras, bandas e outras agrupacións musicais, da celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares e da actividade formativa en conservatorios, escolas de música e danza, observarase o indicado especificamente nas medidas recollidas nos números 2.11, 2.12, 3.33 e 3.41, respectivamente.

4ª) Nos centros docentes observarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no correspondente protocolo.

5ª) Co obxecto de evitar a propagación de contaxios e asegurar o mantemento dos servizos, na prestación de asistencia ou axuda no fogar a persoas dependentes, será obrigatorio o uso de máscara tanto por parte do persoal prestador do servizo como por parte das persoas dependentes e daquelas que se atopen no seu domicilio. A dita obriga non será exixible cando se trate de persoas dependentes que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

c) Condicións de uso da máscara.

Deberá darse un uso axeitado á máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo, incluído.

Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.

d) Excepcións á obriga de uso da máscara.

A obriga de uso de máscara non será exixible nos seguintes supostos:

1º) Cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

2º) Nos vehículos de turismo, cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.

3º) No mar, praias e piscinas, no exterior ou cubertas, lagos, embalses, ríos ou noutras zonas de baño, durante o baño, e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes.

En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas, lagos e demais contornos acuáticos, así como para o uso de vestiarios de piscinas públicas ou comunitarias, salvo nas duchas.

Entenderase por actividades incompatibles co uso da máscara as actividades de socorrismo ou rescate cando requiran acceder ao medio acuático.

4º) Nos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento exclusivamente nos momentos estritamente necesarios para comer ou beber.

5º) No interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no cuarto.

6º) Nos buques e embarcacións de transporte de competencia autonómica, no interior dos camarotes, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no camarote.

7º) No caso do exercicio de deporte individual en espazos ao aire libre, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de 1,5 metros con outras persoas ou deportistas non conviventes. Non obstante, debera usarse a máscara na práctica do deporte nas vías públicas, como rúas, avenidas, paseos, prazas e camiños de tránsito público, ou outros lugares que sexan lugar de circulación habitual de viandantes e polos que circulen de feito nese momento.

Seralles de aplicación o establecido no parágrafo anterior ás actividades que supoñan un esforzo físico de carácter non deportivo equiparable a este, ao aire libre e de forma individual.

8º) En supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.

9º) No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos, ou alimentos e bebidas, na vía pública ou en espazos ao aire libre, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que a persoa o efectúe parada e fóra dos lugares habituais de circulación dos viandantes, de tal xeito que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas. O anterior será aplicable tamén para o uso de calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados.

10º) Na práctica de deporte no medio acuático, sexa este natural ou artificial.

e) Recomendacións sobre reunións de grupos de persoas en espazos privados.

Nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene».

Segundo. Modificación da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto 1.4 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas condicións establecidas no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade».

Dous. Modifícase o número 1 do punto 3.15 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.15. Actividade deportiva.

1. A realización da actividade física e deportiva non federada axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde, a práctica da actividade física e deportiva non federada só poderá realizarse ao aire libre ou en instalacións deportivas ao aire libre, de forma individual ou con persoas conviventes, e coa utilización de máscara de acordo co disposto no punto 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020.

b) Nos concellos enumerados nas letras B e C do anexo II da presente orde, a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico e coa utilización de máscara, de acordo co disposto no punto 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de seis persoas de forma simultánea, sexan ou non conviventes, sen contar, de ser o caso, o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos pechados poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata catro persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, coa utilización de máscara e sempre que non se supere o trinta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 30 %.

c) Nos concellos enumerados na letra D do anexo II, a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico e coa utilización de máscara, de acordo co disposto no punto 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de seis persoas de forma simultánea, sexan ou non conviventes, sen contar, de ser o caso, o monitor.

No caso da práctica da actividade física e deportiva non federada nas instalacións e centros deportivos pechados poderase realizar en grupos de ata catro persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, coa utilización de máscara e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 50 %».

Tres. Modifícase o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo da presente orde.

Terceiro. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 12 de abril de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Carballeda de Valdeorras

Grove (O)

Pobra do Caramiñal (A)

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Barreiros

Boimorto

Boiro

Carral

Illa de Arousa (A)

Irixo (O)

Monterrei

Pobra do Brollón (A)

C) Concellos con nivel de restrición media.

Baiona

Carballiño (O)

Cortegada

Gondomar

Meis

Neves (As)

Noia

Padrenda

Rábade

Ribadumia

Sanxenxo

Soutomaior

Vilaboa

Vilanova de Arousa

D) Concellos con nivel de restrición media baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Cambados

Cambre

Campo Lameiro

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballedo

Carballo

Cariño

Carnota

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Incio (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Marín

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Nigrán

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Oleiros

Ordes

Oroso

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Poio

Pol

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteareas

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Ribeira

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Santiso

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas