Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69-Bis Mércores, 14 de abril de 2021 Páx. 19289

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 14 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptaron medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.

Posteriormente, revisáronse as medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, e ditouse a Orde do 4 de marzo de 2021, que incluíu pequenas modificacións das medidas adoptadas e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 5 de marzo de 2021 por medio da cal se modificou o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021; a Orde do 10 de marzo de 2021, coa que se modificaron diversos puntos do anexo I e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021, e a Orde do 12 de marzo de 2021, que modificou unicamente o anexo II.

Paralelamente, estas modificacións tiveron reflexo tamén no Decreto 39/2021, do 5 de marzo, no Decreto 40/2001, do 10 de marzo, e no Decreto 41/2021, do 12 de marzo, polos que se modificou o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En cumprimento do compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, ditáronse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 (modificado polo Decreto 49/2021, do 24 de marzo, polo Decreto 51/2021, do 26 de marzo, polo Decreto 54/2021, do 7 de abril, e polo Decreto 58/2021, do 9 de abril), e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada polas ordes do 24 de marzo de 2021, do 26 de marzo de 2021, do 31 de marzo de 2021, e do 7 de abril de 2021.

Posteriormente, realizouse unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, que tivo o oportuno reflexo na Orde do 9 de abril de 2021 pola que se modifican o anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

III

De conformidade co compromiso acadado, procede realizar unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos distintos concellos.

Así, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 14 de abril de 2021, establécese o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, volveu subir do 1, con todas as áreas sanitarias superándoo. Non obstante, a relativa estabilización das taxas desde o 28 de febreiro pode afectar a que o Rt se achegue ao 1 ou o supere.

Do total de concellos de Galicia, 142 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 175. Isto supón o mesmo número de concellos a 14 días e unha diminución de 14 concellos a 7 días, desde a semana pasada, que era de 142 e 189, a 14 e 7 días, respectivamente.

Entre o 2 e o 8 de abril realizáronse 48.929 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (36.735 PCR e 12.194 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,48, o que supón un pequeno aumento con respecto á de entre o 26 de marzo e o 3 de abril, que era do 2,4 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 42 e 75 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados hai 7 días, cando era de 34 e 68 casos por cen mil habitantes, respectivamente, o que significa un aumento do 19 % aos 7 días e do 9,3 % aos 14.

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro, e despois unha primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -6,8 % e outra cun lixeiro cambio na tendencia ascendente a partir do 5 de marzo, cunha porcentaxe de cambio diario de 0,4 %.

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto a hai 7 días, agás nas áreas sanitarias de Lugo, Ourense e Pontevedra, e ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes. Só a Área Sanitaria de Pontevedra supera os 100 casos por 100.000 habitantes.

As taxas a 14 días das áreas están entre os 39,92 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 109,59 de Pontevedra.

A media de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 139,6, o que significa un descenso do -12,1 % con respecto a hai sete días. A taxa de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos é de 5,2 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -12,1 % con respecto a hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 25,0 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,9 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -12,1 % con respecto a hai sete días, tanto na media como na taxa.

Respecto á situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), só un presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, igual que hai 7 días. Este concello é o do Grove.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 7 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, un máis que hai unha semana. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 3 destes concellos: A Pobra do Caramiñal, Carballeda de Valdeorras e Cortegada.

O informe conclúe que o cambio na tendencia da taxa de incidencia aumentou lixeiramente nesta última semana, superado o cumio da onda o 22 de xaneiro. Non obstante, obsérvase un aumento do Rt, por riba do 1, mais este dato en situacións de baixa incidencia pode ser moi inestable.

Así mesmo, destaca que a tendencia da incidencia amosa, de momento, unha estabilización desta, o que resulta compatible con poder adoptar medidas no contexto dunha desescalada progresiva e segura.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes (c/105h), cunha área sanitaria, a de Pontevedra, cunha incidencia superior aos 100 casos por cen mil habitantes.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, só hai un concello coa taxa de incidencia a 14 días igual ou superior a 250 c/105h. Nos de menos de 10.000, hai 7 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 c/105h, con 3 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 c/105h.

O informe sinala que o feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.

A ocupación por pacientes con COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír con respecto a hai sete días.

Non debe esquecerse que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, aínda que vai descendendo, debe baixar máis. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel medio baixo por debaixo de 150; o medio, entre 150 e por debaixo de 250; o alto, entre 250 e por debaixo de 500, e o máximo, na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello prevese coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e polo Comité e Subcomité Clínico das características específicas de cada gromo.

Por conseguinte, en vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, proponse:

Manteríanse no nivel máximo de restricións o concello da Pobra do Caramiñal (Área Sanitaria de Santiago), o concello do Grove (Área Sanitaria de Pontevedra) e o concello de Carballeda de Valdeorras (Área Sanitaria de Ourense), debido ás súas taxas de incidencia a 7 e/ou 14 días.

Manteríanse no nivel alto, ben polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, ben por non ter estado neste nivel o tempo suficiente para asegurar unha evolución favorable da súa situación epidemiolóxica, mesmo se as súas taxas indican que poden baixar de nivel, os concellos de Carral (Área Sanitaria da Coruña), Boimorto e Boiro (Área Sanitaria de Santiago), Barreiros (Área Sanitaria de Lugo), Monterrei (Área Sanitaria de Ourense) e A Illa de Arousa (Área Sanitaria de Pontevedra).

Ademais, ascenderían do nivel medio actual ao nivel alto o concello de Cortegada (Área Sanitaria de Ourense), respecto do cal, aínda que pola súa taxa a 7 e 14 días lle correspondería estar no nivel máximo, cómpre sinalar que os casos forman parte dun brote controlado, e o concello de Padrenda (Área Sanitaria de Ourense) pola súa taxa a 7 días.

Finalmente, ascenderían do nivel medio baixo actual ao nivel alto os concellos do Barco de Valdeorras e Rubiá (Área Sanitaria de Ourense), polas súas taxas a 7 e/ou 14 días.

Manteríanse no nivel medio os concellos de Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Soutomaior e Vilaboa (Área Sanitaria de Pontevedra), ben polas súas taxas de incidencia ou ben por non ter estado tempo suficiente neste nivel para asegurar a estabilidade da súa situación epidemiolóxica, mesmo se as súas taxas poden indicar que poderían descender de nivel. Tamén se manteñen neste nivel, polas mesmas razóns, os concellos das Neves e Gondomar, da Área Sanitaria de Vigo.

Descenderían ao nivel medio, desde o nivel alto actual, o concello do Irixo (Área Sanitaria de Ourense) porque, ben que lle correspondería manterse no nivel alto pola súa taxa a 14 días, a situación epidemiolóxica do concello, cun brote xa controlado, permitiría baixalo a este nivel. Igualmente, proponse descender a este nivel o concello da Pobra do Brollón (Área Sanitaria de Lugo), polas súas taxas que xa indican este nivel e leva tempo suficiente no nivel alto.

Aumentarían a este nivel medio desde o nivel medio baixo actual, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, os concellos de Cambre (Área Sanitaria da Coruña), Ortigueira (Área Sanitaria de Ferrol), Ribeira (Área Sanitaria de Santiago), Meaño e Marín (Área Sanitaria de Pontevedra).

Igualmente, aumentarían a este nivel medio, aínda que polas súas taxas lles correspondería estar no nivel alto, debido a que os seus casos pertencen a brotes controlados, os concellos de Muxía (Área Sanitaria da Coruña) e Meira (Área Sanitaria de Lugo). Por outra banda, tamén se propuxo aumentar a este nivel medio, a pesar de que a súa taxa indica o nivel máximo, o concello de Trabada, da Área Sanitaria de Lugo, pola mesma razón que nos anteriores concellos.

O resto de concellos de Galicia permanecen no nivel medio baixo de restricións, con base nos criterios reflectidos anteriormente ou á espera de comprobar a evolución da súa situación epidemiolóxica.

Por outra banda, proponse tamén adaptar as regras específicas aplicables para os establecementos e locais comerciais (punto 3.6 do anexo I da Orde do 17 de marzo), para os centros e parques comerciais (punto 3.7 do anexo I da Orde do 17 de marzo) e na hostalaría e restauración (punto 3.22 do anexo I da Orde do 17 de marzo), co obxecto de adaptalas ás modificacións realizadas no ámbito das limitacións de mobilidade nocturna.

Debe insistirse, en particular, en que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para acadar o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo.

Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade, en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos e visto o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, procede reiterar as medidas xa aprobadas coas modificacións previstas na presente orde.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o ordinal segundo do punto 3.6 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue.

«2. O horario de peche dos ditos establecementos e locais será o que teñan fixado de acordo coa normativa vixente, debendo respectar en todo caso as limitacións establecidas para a mobilidade nocturna».

Dous. Modifícase o ordinal terceiro do punto 3.7 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue.

«3. O horario de peche dos centros e parques comerciais será o que teñan fixado de acordo coa normativa vixente, debendo respectar en todo caso as limitacións establecidas para a mobilidade nocturna».

Tres. Modifícase o punto 3.22 do anexo I da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue.

«3.22. Hostalaría e restauración.

1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde, os citados establecementos permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 22.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

b) Nos concellos enumerados na letra B do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar unicamente servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio e, así mesmo, de terraza co cincuenta por cento (50 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

O horario de peche ao público será ás 21.00 horas. Os establecementos que teñan título municipal habilitante de restaurante disporán da opción de ampliar o seu horario ata as 23.00 horas exclusivamente para o servizo de ceas, sempre que cumpran os requisitos que se determinen para este caso nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura.

Non obstante, poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 22.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

c) Nos concellos enumerados na letra C do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co cincuenta por centro (50 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén servizo no interior cunha ocupación do 30 %. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

O horario de peche ao público será ás 21.00 horas. Os establecementos que teñan título municipal habilitante de restaurante disporán da opción de ampliar o seu horario ata as 23.00 horas exclusivamente para o servizo de ceas, sempre que cumpran os requisitos que se determinen para este caso nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura.

Non obstante, poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 22.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

d) Nos concellos enumerados na letra D do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co setenta e cinco por cento (75 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén servizo no interior cunha ocupación do 50 %. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

O horario de peche ao público será ás 21.00 horas. Os establecementos que teñan título municipal habilitante de restaurante disporán da opción de ampliar o seu horario ata as 23.00 horas exclusivamente para o servizo de ceas, sempre que cumpran os requisitos que se determinen para este caso nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura.

Non obstante, poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 22.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

2. Para o cálculo das ocupacións, así como para a aplicación doutras medidas específicas, observaranse ás medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura.

3. Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II da presente orde, estes establecementos de restauración deberán limitar a súa actividade, nas condicións establecidas no número anterior, aos traballadores destes ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes.

Respectaranse as limitacións que se establezan e, nos concellos enumerados na letra A do anexo II, deberán ser todas conviventes ou persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo.

No caso de establecementos de hostalaría situados en centros educativos, aplicaranse as regras previstas nos parágrafos precedentes.

Estas regras non será aplicables aos comedores escolares, que se rexerán pola súa normativa específica».

Catro. Modifícase o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo da presente orde.

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 16 de abril de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Carballeda de Valdeorras.

Grove (O)

Pobra do Caramiñal (A)

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Barco de Valdeorras (O)

Barreiros

Boimorto

Boiro

Carral

Cortegada

Illa de Arousa (A)

Monterrei

Padrenda

Rubiá

C) Concellos con nivel de restrición media.

Cambre

Gondomar

Irixo (O)

Marín

Meaño

Meira

Meis

Muxía

Neves (As)

Ortigueira

Pobra do Brollón (A)

Ribadumia

Ribeira

Sanxenxo

Soutomaior

Trabada

Vilaboa

Vilanova de Arousa

D) Concellos con nivel de restrición media baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Cangas

Camariñas

Cambados

Campo Lameiro

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Incio (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Nigrán

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Noia

Oia

Oímbra

Oleiros

Ordes

Oroso

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Poio

Pol

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteareas

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Santiso

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas