Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71-Bis Venres, 16 de abril de 2021 Páx. 19635

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 60/2021, do 16 de abril, polo que se modifica o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

I

A expansión do coronavirus COVID-19 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes. Así, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde da situación de emerxencia de saúde pública pola dita causa a nivel de pandemia internacional e a adopción, por algunhas comunidades autónomas como a galega, de medidas de prevención, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declaración que afectou todo o territorio nacional, cunha duración inicial de quince días naturais, pero que foi obxecto de sucesivas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O levantamento dese estado de alarma, con todo, non puxo fin á crise sanitaria, o que xustificou a adopción de medidas como as previstas, no ámbito estatal, no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como as medidas de prevención que foron adoptando as diferentes comunidades autónomas. En concreto, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a resposta á crise sanitaria foi, fundamentalmente, ademais do mantemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a adopción, ao abeiro da lexislación sanitaria, ordinaria e orgánica, de medidas de prevención tanto de carácter xeral, para todo o territorio autonómico, como, de maneira específica, a través de diferentes ordes da persoa titular da Consellería de Sanidade, en atención á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa preciso tramitar ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, o artigo 6 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, prevé que a autoridade competente delegada que corresponda poderá limitar a entrada e saída de persoas no territorio de cada comunidade autónoma ou en ámbitos territoriais de carácter xeograficamente inferiores á comunidade autónoma, coas excepcións previstas no artigo 6.1.

Pola súa banda, o artigo 7 do mesmo texto normativo dispón que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes, e sen prexuízo das excepcións que se establezan en relación con dependencias, instalacións e establecementos abertos ao público. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, salvo que se trate de conviventes. No caso das agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo será de seis persoas. Conforme o artigo 9, a eficacia desta medida nunha comunidade autónoma producirase cando a autoridade competente delegada o determine. Ademais, o artigo 7 recolle a posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente determine, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, que o número máximo sexa inferior a seis persoas, salvo que se trate de conviventes. Así mesmo, as autoridades competentes delegadas poderán, no seu ámbito territorial, establecer excepcións respecto das persoas menores ou dependentes, así como calquera outra flexibilización da limitación.

De acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de limitación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisión que poida resultar dos encontros colectivos, sen que tal limitación poida afectar, en ningún caso, o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

E, conforme o artigo 10 da norma, a autoridade competente delegada en cada comunidade autónoma poderá, no seu ámbito territorial, en vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade, e de acordo co previsto no artigo 13, modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que se poden adoptar para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, como destaca a propia exposición de motivos do real decreto, durante a vixencia do estado de alarma as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19, conforme a lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como a normativa autonómica correspondente.

II

Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Posteriormente, ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditáronse o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, o Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, e o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, do presidente da Xunta de Galicia, polos que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Estes decretos foron obxecto de diversas modificacións para manter as medidas adaptadas á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

III

Por outra banda, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria permite no momento actual que, ao abeiro do marco normativo derivado do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte con esta mesma data a persoa titular da Consellería de Sanidade en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica, e respectando, en todo caso, as medidas obrigatorias recollidas no Acordo do Consello Interterritorial de Saúde.

Neste contexto ditouse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, modificado polo Decreto 49/2021, do 24 de marzo, polo Decreto 51/2021, do 26 de marzo, polo Decreto 54/2021, do 7 de abril, polo Decreto 58/2021, do 9 de abril, e polo Decreto 59/2021, do 14 de abril.

IV

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que o presidente da Xunta de Galicia adopte novas medidas na condición de autoridade competente delegada, sen prexuízo das que, de modo complementario e compatible con elas, adopte a persoa titular da Consellería de Sanidade en exercicio das súas competencias como autoridade sanitaria autonómica.

O Subcomité Clínico, na súa reunión do 16 de abril de 2021, procedeu á revisión da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de abril, destácanse os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, ascendeu por riba do 1 e achégase ao 1,2, o que indica que pode aumentar a transmisión da infección. Non obstante, a estabilización das taxas desde o 28 de febreiro pode afectar que a Rt se achegue ao 1 ou o supere.

Do total de concellos de Galicia, 141 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 173. Isto supón 2 concellos menos que hai 7 días e 14 menos que hai 7 días, en que as taxas eran de 143 e 187 a 14 e 7 días.

Entre o 3 e o 10 de abril realizáronse 58.041 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (43.159 PCR e 14.882 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,46, o que supón unha diminución do 4,5 % con respecto á de entre o 28 de marzo e o 3 de abril, que era do 2,57 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 46 e 78 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados hai 7 días, en que era de 32 e 69 casos por cen mil habitantes, respectivamente, o que significa un aumento do 30,4 % aos 7 días e do 11,5 % aos 14.

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro, e despois una primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diario (PCD) de -6,4 % e outro, cun ascenso máis lento, cunha PCD do 0,8 %.

En relación coa situación das áreas sanitarias, as taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto a hai 7 días, e ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes. Só a Área Sanitaria de Pontevedra presenta unha taxa superior aos 100 casos por 100.000 habitantes aos 7 días. As taxas a 14 días das áreas están entre os 43,12 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 118,72 de Pontevedra.

A media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 144,0, o que significa un descenso do -5,9 % con respecto a hai sete días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 5,3 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -5,9 % con respecto a hai 7 días. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 24,1 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,9 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -13,8 % con respecto a hai sete días, tanto na media como na taxa.

No que atinxe á situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, daqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), só un presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, igual que hai 7 días; este concello é o do Grove.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 12 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 6 máis que hai 7 días. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores de 500 casos por cen mil habitantes en 5 destes concellos.

O informe conclúe que o cambio na tendencia da taxa de incidencia parece que volve ascender, despois do descenso observado a partir do cumio da onda o 22 de xaneiro. Obsérvase igualmente un aumento na Rt, que no global de Galicia está a aproximarse ao 1,2.

O informe tamén sinala que a información do modelo de predición, que indica que a incidencia iría en aumento, hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar. Ademais, a amplitude dos seus intervalos de confianza indican que poderían darse todos os escenarios (estabilización, ascenso ou descenso da onda).

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes, e só coa Área Sanitaria de Pontevedra, cunha incidencia superior aos 100 casos por cen mil habitantes.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, hai só un concello con taxas de incidencia iguais ou superiores a 250 por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000, hai 12 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 por cen mil habitantes, e 5 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 por cen mil habitantes.

O informe segue a destacar que o feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.

Así mesmo, indica que a ocupación por pacientes COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír. Non obstante, engade que hai que manter a precaución, xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. Concretamente, sitúanse no nivel máximo os concellos cunha taxa de incidencia acumulada a 14 días de 500 casos por cada cen mil habitantes e/ou a 7 días de 250 casos por cada cen mil habitantes. A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e co estudo por parte dos servizos de saúde pública e do comité ou do subcomité clínico das características específicas de cada gromo.

Non se debe esquecer que nos encontramos nun contexto de desescalada, que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. Aínda que a presión hospitalaria segue descendendo, hai que manter a precaución, xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven; non obstante, a estabilización da situación permite seguir avanzando neste proceso de desescalada.

En vista dos datos contidos no informe, óptase por manter no nivel máximo de restricións os concellos da Pobra do Caramiñal, da Área Sanitaria de Santiago de Compostela, pola súa taxa a 14 días, e os concellos do Grove (Área Sanitaria de Pontevedra) e Carballeda de Valdeorras (Área Sanitaria de Ourense) debido ás súas taxas de incidencia a 7 e/ou 14 días. Sobe ao nivel máximo de restrición o concello de Cualedro, debido ás súas taxas a 7 e 14 días. A situación epidemiolóxica deste concello non está controlada e o gromo non está ben delimitado.

Por tal motivo, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, cómpre modificar o punto cuarto (limitación da mobilidade nocturna) do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

V

Tendo en conta o indicado, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia determina que procede ditar un novo decreto en que se adapten as medidas existentes á indicada situación.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do anexo do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2

Modifícase o anexo do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que queda redactado nos termos previstos no anexo deste decreto.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

A eficacia das medidas previstas neste decreto comezará ás 00.00 horas do día 19 de abril de 2021.

Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.

Terceiro. Recursos

Contra este decreto poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, dezaseis de abril de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

ANEXO

Concellos en que son aplicables limitacións específicas de entrada e saída
de persoas, de permanencia de grupos de persoas en espazos públicos
ou privados e de permanencia en lugares de culto

Carballeda de Valdeorras.

Cualedro.

Grove (O).

Pobra do Caramiñal (A).