Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71-Bis Venres, 16 de abril de 2021 Páx. 19645

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de abril de 2021 pola que se modifica o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptaron medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.

Posteriormente, revisáronse as medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, e ditouse a Orde do 4 de marzo de 2021, que incluíu pequenas modificacións das medidas adoptadas e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 5 de marzo de 2021 por medio da cal se modificou o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021; a Orde do 10 de marzo de 2021, coa que se modificaron diversos puntos do anexo I e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021, e a Orde do 12 de marzo de 2021, que modificou unicamente o anexo II.

Paralelamente, estas modificacións tiveron reflexo tamén no Decreto 39/2021, do 5 de marzo, no Decreto 40/2001, do 10 de marzo, e no Decreto 41/2021, do 12 de marzo, polos que se modificou o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En cumprimento do compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, ditáronse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 (modificado polo Decreto 49/2021, do 24 de marzo, polo Decreto 51/2021, do 26 de marzo, polo Decreto 54/2021, do 7 de abril, polo Decreto 58/2021, do 9 de abril, e polo Decreto 59/2021, do 14 de abril), e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada polas ordes do 24 de marzo de 2021, do 26 de marzo de 2021, do 31 de marzo de 2021, do 7 de abril de 2021, e do 9 de abril de 2021.

Posteriormente, realizouse unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, que tivo o oportuno reflexo na Orde do 14 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

III

De conformidade co compromiso acadado, procede realizar unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos distintos concellos.

Así, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de abril de 2021, establécese o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, ascendeu por riba do 1, achegándose ao 1,2, que indica que pode aumentar a transmisión da infección. Non obstante, a estabilización das taxas desde o 28 de febreiro pode afectar a que a Rt se achegue ao 1 ou o supere.

Do total de concellos de Galicia, 141 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 173. Isto supón 2 concellos menos que hai 7 días e 14 menos que hai 7 días, en que as taxas eran de 143 e 187, a 14 e 7 días.

Entre o 3 e o 10 de abril, realizáronse 58.041 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (43.159 PCR e 14.882 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,46, o que supón unha diminución do 4,5 % a respecto da de entre o 28 de marzo e o 3 de abril, que era do 2,57 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 46 e 78 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados hai 7 días, en que eran de 32 e 69 casos por cen mil habitantes, respectivamente, o que significa un aumento do 30,4 % aos 7 días e do 11,5% aos 14.

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro, crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e, despois, unha primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diario (PCD) de -6,4 % e outro, cun ascenso máis lento cunha PCD do 0,8 %.

En relación coa situación das áreas sanitarias, as taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír a respecto de hai 7 días, e ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes. Só a Área Sanitaria de Pontevedra presenta unha taxa superior aos 100 casos por 100.000 habitantes aos 7 días.

As taxas a 14 días das áreas están entre os 43,12 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 118,72 de Pontevedra.

No que respecta á hospitalización, a media de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 144,0, o que significa un descenso do -5,9 % a respecto de hai sete días. A taxa de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos é de 5,3 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -5,9 % a respecto de hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 24,1 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,9 ingresados por cen mil habitantes, o que supón un descenso do -13,8 % a respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.

No que atinxe á situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, daqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), só un presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, igual que hai 7 días este concello é o do Grove.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 12 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 6 máis que hai 7 días. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 5 destes concellos.

O informe conclúe que o cambio na tendencia da taxa de incidencia parece que volve ascender, despois do descenso observado a partir do cumio da onda o 22 de xaneiro. Igualmente, obsérvase un aumento na Rt, que no global de Galicia está a aproximarse ao 1,2.

O informe tamén sinala que a información do modelo de predición, en que indica que a incidencia iría en aumento, hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se están a tomar. Ademais, a amplitude dos seus intervalos de confianza indica que poderían darse todos os escenarios (estabilización, ascenso ou descenso da onda).

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes, e só coa Área Sanitaria de Pontevedra cunha incidencia superior os 100 casos por cen mil habitantes.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, hai só un concello con taxas de incidencia iguais ou superiores a 250 por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000 hai 12 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 por cen mil habitantes, con 5 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 por cen mil habitantes.

O informe segue a destacar que o feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión.

Así mesmo, indica que a ocupación por pacientes con COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír. Non obstante, engade que hai que manter a precaución, xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución.

Non debe esquecerse que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. A presión hospitalaria, aínda que vai descendendo, debe baixar máis. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel medio baixo por debaixo de 150; o medio, entre 150 e por debaixo de 250; o alto, entre 250 e por debaixo de 500, e o máximo, na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello prevese coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e polo comité e subcomité clínico das características específicas de cada gromo.

Por conseguinte, en vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, proponse:

Manteríanse no nivel máximo de restricións os concellos da Pobra do Caramiñal, da Área Sanitaria de Santiago, pola súa taxa a 14 días; o concello do Grove (Área Sanitaria de Pontevedra) e o concello de Carballeda de Valdeorras (Área Sanitaria de Ourense), debido ás súas taxas de incidencia a 7 e/ou 14 días.

Subiría ao nivel máximo de restrición o concello de Cualedro, debido ás súas taxas a 7 e 14 días e porque a súa situación epidemiolóxica non está controlada e o gromo non está ben delimitado.

Manteríanse no nivel alto, ben polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, ben por non ter estado neste nivel o tempo suficiente para asegurar unha evolución favorable da súa situación epidemiolóxica, ainda que as súas taxas indiquen que poden baixar de nivel, como acontece cos concellos de Boiro e a Illa de Arousa, os concellos de Boimorto e Boiro (Área Sanitaria de Santiago), Barreiros (Área Sanitaria de Lugo) O Barco de Valdeorras e Rubiá (Área Sanitaria de Ourense).

Ademais, proponse manter no nivel alto de restricións os concellos de Cortegada e Padrenda, da Área Sanitaria de Ourense, malia que polas súas taxas a 7 e/ou 14 días Cortegada ascendería a nivel máximo e Padrenda a nivel alto. As razóns fundamentalmente débense a que os casos forman parte de brotes controlados, con orixe coñecida, ademais de seren concellos en que polo seu tamaño de poboación, un número pequeno de casos afecta inmediatamente as súas taxas.

Igualmente, proponse aumentar ao nivel alto o concello de Cambre, da Área Sanitaria da Coruña, debido fundamentalmente ás súas taxas a 7 días, a que os seus casos pertencen a gromos diversos, algúns sen fonte coñecida, e a que os seus casos están a aumentar desde hai unha semana, o que fai que a súa situación epidemiolóxica estea mal controlada.

Tamén se propón aumentar a este nivel alto, en vez de ao máximo que lle correspondería polas súas taxas, o concello de Lobeira, xa que os casos están na contorna dunha familia, e esperaríase para ver a súa evolución, xa que ademais se trata dun concello de menos de 1.000 habitantes en que os 4 casos que hai aumentan artificialmente a súa taxa de incidencia.

Proponse manter no nivel medio, ben polas súas taxas de incidencia, ou ben por non ter estado tempo suficiente neste nivel para asegurar a estabilidade da súa situación epidemiolóxica, ainda que as súas taxas indiquen que poderían descender deste nivel, ou mesmo xa con tempo suficiente é preciso esperar para ter a evolución da incidencia controlada, os concellos de: Muxía (Área Sanitaria da Coruña), Ortigueira (Área Sanitaria de Ferrol), Ribeira (Área Sanitaria de Santiago) A Pobra do Brollón (Área Sanitaria de Lugo), Marín, Sanxenxo, Ribadumia, Meaño, Soutomaior, Vilaboa e Vilanova de Arousa (Área Sanitaria de Pontevedra) e As Neves da Área Sanitaria de Vigo.

Igualmente, proponse manter no nivel medio, aínda que polas súas taxas deberían estar no nivel máximo, os concellos de Meira e Trabada (Lugo), porque se trata de brotes en que se está a esperar a ver a súa evolución, dado o número pequeno de casos, estar asociados a casos cuxa orixe é coñecida ou esperar a realización do cribado poboacional programado. Igualmente, manteríase neste nivel medio, aínda que pola súa taxa lle correspondería o nivel alto, o concello do Irixo, debido á evolución favorable da súa situación epidemiolóxica, e o concello de Meis, da Área Sanitaria de Pontevedra, xa que os casos, tamén, pertencen a un gromo con orixe coñecida.

Tamén se propón manter no nivel medio, aínda que pola súa taxa lle correspondería baixar de nivel, o concello de Gondomar, xa que se está pendente dos resultados dun cribado e, dadas as características epidemiolóxicas dos casos actuais, se decidiu mantelo nese nivel medio ata ter os resultados dese cribado.

Aumentarían ao nivel medio desde o nivel medio baixo, tal como indican as súas taxas, os concellos das Pontes (Área Sanitaria de Ferrol), Cambados (Área Sanitaria de Pontevedra) e Cangas (Área Sanitaria de Vigo), tal como indican as súas taxas a 7 e/ou 14 días.

Aumentaría a este nivel medio, desde o nivel medio baixo actual, aínda que a súa taxa indica que debería estar no nivel alto, o concello de Catoira, xa que a situación dos seus casos teñen unha orixe coñecida e forman parte dun gromo.

Proponse pasar a este nivel medio desde o alto actual, os concellos de Carral (Área Sanitaria da Coruña) e o da Illa de Arousa, da Área Sanitaria de Pontevedra, dada a súa boa evolución epidemiolóxica, e que as súas taxas indican este nivel medio.

Igualmente, pasaría ao nivel medio o concello de Vilagarcía de Arousa, xa que a evolución dos casos nos últimos 7 días comeza a preocupar, xa que aparecen novos casos diariamente, ademais de que moitos deles son casos sen fonte coñecida, para tratar de frear a transmisión.

O resto de concellos de Galicia permanecen no nivel medio baixo de restricións, con base nos criterios reflectidos anteriormente ou á espera de comprobar a evolución da súa situación epidemiolóxica.

Debe insistirse, en particular, en que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para acadar o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo.

Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade, en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos e visto o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, procede reiterar as medidas xa aprobadas coas modificacións previstas na presente orde.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modifícase o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo da presente orde

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 19 de abril de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Carballeda de Valdeorras

Cualedro

Grove (O)

Pobra do Caramiñal (A)

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Barco de Valdeorras (O)

Barreiros

Boimorto

Boiro

Cambre

Cortegada

Lobeira

Padrenda

Rubiá

C) Concellos con nivel de restrición media.

Cambados

Cangas

Carral

Catoira

Gondomar

Illa de Arousa (A)

Irixo (O)

Marín

Meaño

Meira

Meis

Muxía

Neves (As)

Ortigueira

Pobra do Brollón (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Ribadumia

Ribeira

Sanxenxo

Soutomaior

Trabada

Vilaboa

Vilagarcía de Arousa

Vilanova de Arousa

D) Concellos con nivel de restrición media baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Campo Lameiro

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Incio (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobios

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Nigrán

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Noia

Oia

Oímbra

Oleiros

Ordes

Oroso

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Poio

Pol

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteareas

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Santiso

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vila de Cruces

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas