Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94-Bis Venres, 21 de maio de 2021 Páx. 25501

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de maio de 2021 pola que se prorroga a eficacia e se modifica a Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, e se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

No Diario Oficial de Galicia núm. 86-bis, do venres 7 maio de 2021, a Consellería de Sanidade publicou a Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro.

A dita orde ditouse consonte o disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, en que se establece que as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Tamén se establece no dito precepto que a persoa titular da consellería competente na dita materia, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

A adopción das medidas recollidas na Orde do 7 de maio de 2021 veu determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como se xustifica na súa exposición de motivos. Para facer fronte a esta, a dita orde recolle dous tipos de medidas: por unha banda, establécense diversas medidas limitativas de dereitos fundamentais e, por outra, un amplo catálogo de medidas específicas que teñen por obxecto a regulación de distintas actividades coa finalidade de que poidan desenvolverse en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade. Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e regulación destas, xa que se demostrou que, para lograr o fin proposto, resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade reducindo o contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe indicarse, no que atinxe ás medidas limitativas de dereitos fundamentais, que as máis restritivas (limitación de grupos de persoas a conviventes, peches perimetrais e o toque de queda) son de aplicación unicamente aos concellos de nivel máximo, mentres que outras medidas menos restritivas, pero que tamén afectan os dereitos fundamentais, como son as limitacións de grupos de persoas a un máximo de 4 ou 6, segundo se atopen en espazos pechados ou abertos, e a limitación de grupos de persoas circunscrita só a conviventes entre a 1.00 e as 06.00, aplícanse aos demais concellos da comunidade autónoma, con independencia do nivel alto, medio ou medio baixo en que se atopen, de tal xeito que a inclusión dos concellos en cada un destes últimos niveis non implica unha maior ou menor limitación de dereitos fundamentais.

A necesidade e proporcionalidade das medidas adoptadas, que foron ratificadas mediante o Auto 57/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xustifícase tamén na exposición de motivos da devandita orde, á cal nos remitimos; sen prexuízo da especial referencia á necesidade de adoptar as máximas restricións no concello de Lobios, tal e como se exporá máis adiante. Este concello é o único da comunidade autónoma incluído no citado nivel máximo.

Cómpre indicar, por outra banda, que o número 1 do punto décimo primeiro da citada Orde do 7 de maio de 2021 dispón que a eficacia da devandita orde se estenderá ata as 00.00 horas do 22 de maio; o número 2, pola súa banda, establece que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas na citada orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Polo tanto, a Orde do 7 maio de 2020 prevé expresamente a posibilidade de acometer a súa prórroga e modificación coa finalidade de adaptala á realidade da evolución da pandemia.

Nesta liña, débese salientar que, en termos xerais, se mantén na comunidade autónoma a situación epidemiolóxica que motivou a adopción das medidas recollidas na Orde do 7 de maio, aínda que a concreta evolución da situación epidemiolóxica de determinados concellos mudou e fíxose necesario acometer unha modificación da citada orde coa finalidade de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación, atendendo aos datos recollidos no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 21 de maio de 2021, do que pode destacarse o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, está por debaixo do 1, o que indica que a transmisión diminúe. Unicamente a Área de Ourense presenta o Rt por riba do 1.

Do total de concellos de Galicia (N= 313), 130 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 185. Isto supón unha diminución en 7 concellos e un aumento noutros 7 concellos a 14 e 7 días, respectivamente, a respecto de hai unha semana, que era de 137 e 177, a 14 e 7 días.

Entre o 8 e o 14 de maio realizáronse 68.497 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (54.425 PCR e 14.072 test de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,10, practicamente a mesma porcentaxe que entre o 30 de abril e o 6 de maio.

A incidencia acumulada global de Galicia, a 7 e 14 días, é de 36 e 81 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores tanto a 7 como a 14 días, con respecto ao informe de hai 7 días, en que era de 46 e 91 casos por cen mil habitantes, o que significa unha redución do 28 % e o 12 %, a 7 e 14 días.

O informe insiste na necesidade de manter as medidas adoptadas nesta orde, salienta a eficacia que a súa vixencia tivo en períodos anteriores e advirte que a situación actual, aínda que se atopa estabilizada, amosa unha tendencia lixeiramente ascendente, sen chegar a acadar as taxas de incidencia acumulada os valores desexados, que estarían por debaixo dos 50 casos por 100.000 habitantes a 14 días. Concretamente, a tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, tres tramos, con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,5 % ata o 22 de xaneiro, e despois unha primeira decrecente cunha porcentaxe de cambio diaria do -6,9 %, e outra, desde o 2 de marzo, cun lixeiro ascenso, cunha porcentaxe de cambio diaria de 0,2 %, no que máis ben parece unha certa estabilización da incidencia.

En canto á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días das áreas están entre os 40,46 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 117,11 de Vigo. As taxas a 14 días superan os 100 casos por 100.000 habitantes nas áreas Pontevedra e Vigo. Con respecto ao informe anterior, aumentou a taxa a 14 días nas áreas de Santiago e Ferrol. A 7 días fixérono as áreas de Santiago e Lugo.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 120,4, o que significa un descenso do -15,8 % con respecto a hai oito días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 4,5 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -15,8 % con respecto a hai sete días. Pola súa banda, no que respecta aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 33,6 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,2 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -17 % con respecto a hai sete días, tanto na media como na taxa.

Nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), dous presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, un menos que hai unha semana. Cambados, que presentaba unha taxa superior a 500 casos por 100.000 habitantes, cos datos deste informe xa non os supera; mentres que os concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 7 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, un menos que hai unha semana. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 3 destes concellos. En canto ás comarcas, ás cales se lles aplica o mesmo nivel de incidencia a 7 e 14 días establecido para os concellos, está en nivel alto a comarca da Baixa Limia. En nivel medio están as de O Morrazo, Chantada e A Barbanza, que volveu a este nivel despois de 17 días con taxas de nivel medio baixo. A comarca do Salnés leva 4 días en nivel medio baixo. A do Sar leva un día neste nivel medio baixo.

O informe conclúe que, segundo os datos reflectidos nel, a taxa de incidencia a 14 días estaba a diminuír, desde o cambio de tendencia observado a partir do 28 de xaneiro, mais a partir do 1 de marzo detéctase un lixeiro cambio na incidencia que implica un aumento que debe observarse nun contexto de estabilización da situación, dado que a porcentaxe de cambio diaria na incidencia é o 0,2 %. O Rt no global de Galicia segue por debaixo do 1.

A información do modelo de predición indica que a incidencia diminuiría tanto a 7 como a 14 días, aínda que a 7 días mostra, cara ao final, unha estabilización, pero na liña do descenso. Esta predición hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos e non ten en conta as medidas de restrición que se tomen en cada momento. Ademais, a amplitude dos seus intervalos de confianza, especialmente a 7 días, indica que poderían darse todos os escenarios (estabilización, ascenso ou descenso da onda), polo que sería preciso manter, polo menos, determinadas medidas de restrición coa finalidade de que se axuste máis cara ao descenso. Neste modelo, cada vez que se relaxaron medidas a predición empeoraba, con medidas máis restritivas o modelo melloraba considerablemente e a predición era máis fiable, como aconteceu a finais de xaneiro e febreiro deste ano.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes. As áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo presentan unha incidencia superior aos 100 casos por cen mil habitantes.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, hai tres concellos con taxas de incidencia iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes, sen ningún que supere os 500 casos por 100.000 habitantes. Nos de menos de 10.000 hai 7 concellos que superen unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes, con 3 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cen mil habitantes.

O feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión, ao que se suma a aparición de novas variantes como a P1 do Brasil e a de Sudáfrica, e agora tamén a da India, tamén máis transmisibles.

A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que, en concellos de escasa poboación, poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, analizando, ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e Subcomité Clínico as características específicas de cada gromo. Neste sentido, préstase unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase incluír no máximo nivel de restricións o concello de Lobios, na Área Sanitaria de Ourense, polas súas taxas a 7 e 14 días. A súa taxa aumentou en 7 días de 357,6 a 715,1 casos por 100.000 habitantes, o que implica que, neste tempo, esta incidencia se duplicou. Xa as taxas a 7 días de hai unha semana indicaban este nivel máximo pero decidiuse agardar e observar a súa evolución, posto que se trata dun concello con pouca poboación no cal poucos casos aumentan a súa taxa inmediatamente.

O concello de Lobios sería o único concello da comunidade autónoma ao cal a partir da entrada en vigor da presente orde se lle aplicarían ás máximas restricións.

Pola súa banda, mantéñense en nivel alto os seguintes concellos: Vilanova de Arousa, da Área Sanitaria de Pontevedra, polas súas taxas de incidencia acumulada a 7 e 14 días; Oleiros, da Área Sanitaria da Coruña, a pesar de que a súa taxa a 14 días é propia do nivel medio e de que a súa taxa a 7 días mellorou considerablemente, coa finalidade de consolidar a mellora da situación epidemiolóxica; Ribeira, da Área Sanitaria de Santiago, a pesar de que as súas taxas son as propias do nivel medio, debido a que a evolución da situación epidemiolóxica neste concello non está mellorando de forma clara ao apareceren novos casos, alternando días de baixada con días de ascenso. Debe salientarse ademais que os concellos veciños aumentaron as súas taxas, polo que a comarca volveu a un nivel medio despois de 13 días no nivel medio baixo, o que leva a considerar preciso esperar para descendelo do nivel alto actual ao nivel medio ata que se observe que o descenso de casos é claro e continuo.

Por outra banda, soben ao nivel alto os concellos de Ponte Caldelas e Moraña, da Área Sanitaria de Pontevedra, que ata este momento estaban no nivel medio, en atención ás súas taxas a 7 e 14 días, e dado que a súa situación epidemiolóxica empeorou e existen casos aínda sen vínculo epidemiolóxico e non asociados a abrochos de orixe coñecida; Mos, da Área Sanitaria de Vigo, procedente do nivel medio baixo, en atención ás súas taxas a 7 días, xa que apareceron casos sen vínculo epidemiolóxico e non todos asociados a un abrocho coñecido, polo que pode darse unha situación de transmisión comunitaria, aínda que sexa de baixa intensidade. En particular, A Pobra do Caramiñal, da Área Sanitaria de Santiago, sobe ao nivel alto desde o nivel medio baixo, tendo en conta as súas taxas a 14 días, ben que as súas taxas a 7 días son propias do nivel máximo, o que aconsella a realización dun cribado da poboación cuxos resultados se terán en conta para a toma dunha decisión ao respecto na próxima reunión do Comité Clínico.

Pola súa banda, descende a este nivel alto, procedente do nivel máximo, o concello de Cambados, da Área Sanitaria de Pontevedra, tal como indican as súas taxas a 7 e 14 días, xa que no tempo que levaba no nivel máximo de restrición a evolución das súas taxas foi mellorando día a día e, especialmente, na taxa a 7 días, cunha redución en 7 días de, practicamente, o 100 %.

Mantéñense no nivel medio, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, os concellos de Carral (Área Sanitaria da Coruña); Ordes e Valga (Área Sanitaria de Santiago); Chantada (Área Sanitaria de Lugo); Cerdedo-Cotobade, Cuntis e Moraña (Área Sanitaria de Pontevedra) e Salceda de Caselas (Área Sanitaria de Vigo). Igualmente, mantéñense neste nivel por non levaren tempo suficiente nel e coa finalidade de asegurar que a evolución da súa situación epidemiolóxica é claramente de descenso da incidencia, aínda que as súas taxas son propias do nivel medio baixo, os concellos de Ames (Área Sanitaria de Santiago); Barbadás (Área Sanitaria de Ourense) e Bueu (Área Sanitaria de Pontevedra). No caso do concello de Ames, ademais, hai que salientar que o descenso da incidencia é inestable, con aparición de novos casos e abrochos, mais a súa poboación non aumenta a taxa ata o nivel que o fan noutros concellos máis pequenos. Seguen en nivel medio os concellos de Fisterra (Área Sanitaria da Coruña), aínda que a súa taxa a 14 días indica que lle correspondería o nivel alto, debido a que os casos estaban asociados a un abrocho controlado, e a incidencia a 7 días está a descender debido á non aparición de novas infeccións, cunha redución do 156 % nunha semana, polo que se considera que podería manterse neste nivel, xa que o abrocho está en fase de resolución e non apareceron novos casos sen vínculo con este abrocho, e o concello de Santiso (Área Sanitaria de Santiago), a pesar de que a súa taxa a 14 días supera os 500 casos por 100.000 habitantes, o que indicaría o nivel máximo, xa o 14 de maio entrou neste nivel medio posto que os casos estaban, ao igual que no anterior concello, asociados a un abrocho de orixe coñecida e, desde o momento en que se propuxo deixalo no nivel medio, en que a súa taxa a 7 días indicaba o nivel máximo, os casos a 7 días reducíronse un 50 %, e só se notificaron casos esperados entre os contactos estreitos identificados.

Aumentan a nivel medio, desde o nivel medio baixo actual, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, os concellos de Cee (Área Sanitaria da Coruña); Boiro e Rianxo (Área Sanitaria de Santiago); O Barco de Valdeorras (Área Sanitaria de Ourense) e Cervo e Viveiro (Área Sanitaria de Lugo): Ademais, considérase preciso que estes concellos ascendan a este nivel non só polas súas taxas senón tamén porque os casos aínda non están todos vinculados epidemioloxicamente entre si, o que supón un risco, se non se chega a establecer este vínculo e, polo tanto, que pertencen todos ao mesmo abrocho, dunha posible existencia de transmisión comunitaria subxacente.

Descenden a este nivel medio os concellos de Padrón (Área Sanitaria de Santiago), desde o nivel máximo, con base na súa taxa a 14 días, e debido a que a súa incidencia a 7 días descendeu, desde o 10 de maio, de 215,2 a 35,9 casos por 100.000 habitantes, o que supuxo unha redución de case o 500 %, e a súa taxa a 14 días descendeu de 490,1 a 227,1, o que significa que se reduciu nun 63 %, polo que se considera que a non aparición de novos casos a 7 días implicaría a redución, igualmente, da súa taxa a 14 días, e Cangas (Área Sanitaria de Vigo), desde o nivel alto actual, xa que a súa taxa a 7 días descendeu desde 184,3 a 42,4 casos por 100.000 habitantes, o que supón unha redución do 345 % en 7 días.

O resto de concellos de Galicia inclúense no nivel medio baixo de restricións.

II

Sentado o anterior, debe insistirse en que, mediante esta orde, se prorroga e se modifica a Orde do 7 de maio de 2021 coa finalidade de adaptala á realidade da evolución epidemiolóxica da comunidade autónoma e que se produce no marco do seguimento e avaliación continua da situación que se está a realizar para garantir o respecto aos principios de necesidade e de proporcionalidade.

En concreto, esta prórroga estenderase ata as 00.00 horas do día 29 de maio, segundo resulta do seu punto primeiro, sen prexuízo do seguimento e avaliación continua a que está sometida, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria e non obstante a posibilidade de prórroga da eficacia das medidas se a situación o determina.

A razón de ser da prórroga por sete días é a de efectuar unha nova valoración a próxima semana, co asesoramento do Comité Clínico, para os efectos de estudar se se consolida unha situación epidemiolóxica que permita avanzar no proceso de desescalada progresiva.

Destácase finalmente que, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 29 de maio de 2021 a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. Modificación da Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro

Un. Modifícase a letra b) do punto 1.4 do anexo I da Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, engadindo unha regra 6ª, co seguinte contido:

«6ª) Nas actividades no ámbito laboral desenvolvidas en espazos comúns ou de uso colectivo ou en calquera outra dependencia en que estean varios traballadores/as ou traballadores/as e/ou clientes será obrigatorio o uso da máscara».

Dous. Modifícase o número 2 do punto 3.16 do anexo I da Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, que queda redactado como segue:

«2. Estas medidas deberán aplicarse na xestión dos espazos do centro, accesos, zonas de espera e na xestión das citas dos pacientes, así como na regulación de acompañantes ou visitas, tendo en conta a situación e actividade de cada centro. Para tal efecto, só se permitirá a presenza dunha persoa acompañante por usuario/a. Tamén se permitirá unha visita por paciente en UCI non COVID.».

Tres. Modifícase o número 1 do punto 3.22 do anexo I da Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, que queda redactado como segue:

«3.22. Hostalaría e restauración.

1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde, os citados establecementos permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 22.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

b) Nos concellos enumerados na letra B do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar unicamente servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio e, así mesmo, de terraza co cincuenta por cento (50 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata as 1.00 horas exclusivamente para o servizo de ceas deberán cumprir os requisitos que se determinen para este caso nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata as 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

c) Nos concellos enumerados na letra C do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co cincuenta por centro (50 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén servizo no interior cunha ocupación do 30 %. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata as 1.00 horas exclusivamente para o servizo de ceas deberán cumprir os requisitos que se determinen para este caso nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata as 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

d) Nos concellos enumerados na letra D do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co setenta e cinco por cento (75 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén servizo no interior cunha ocupación do 50 %. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata as 1.00 horas exclusivamente para o servizo de ceas deberán cumprir os requisitos que se determinen para este caso nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata as 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.».

Catro. Modifícase o punto 3.29 do anexo I da Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, que queda redactado como segue:

«3.29. Atraccións de feira.

1. Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II da presente orde manterase o peche das atraccións de feira.

No caso dos concellos enumerados nas letras C e D do anexo II da presente orde, poderán iniciar a súa actividade cumprindo coas seguintes medidas:

a) Nos espazos en que se instalen atraccións de feira respectarase a distancia de seguridade interpersoal e as medidas hixiénicas exixibles a cada instalación ou actividade. Para tal efecto, nos espazos comúns de tránsito respectarase a ratio dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie útil, descontando a superficie ocupada polas estruturas instaladas.

b) Deberase sinalizar o espazo en que se desenvolvan as atraccións de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e saída, que deberán estar identificados con claridade.

c) A autoridade sanitaria local verificará o respecto da capacidade nos espazos comúns e adoptará as medidas necesarias para evitar aglomeracións.

d) Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas atraccións e postos instalados.

e) Tanto os asistentes como o persoal das atraccións deberán portar máscara de maneira obrigatoria e lembraráselles aos asistentes, por medio de carteis visibles e mensaxes de megafonía, a dita obrigatoriedade, así como as normas de hixiene e prevención que deben observar.

f) No caso das atraccións en que, polas súas características e configuración, quede garantido en todo momento o mantemento da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas usuarias, poderán ocuparse todas as prazas dispoñibles.

En caso contrario, naquelas atraccións que dispoñan de asentos, poderá ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal entre os ocupantes e reducirase ao cincuenta por cento o número de asentos de cada fila que se poidan ocupar, en caso de que esta distancia non se poida asegurar. Esta limitación non será de aplicación no caso de persoas conviventes. No caso de atraccións que non teñan asentos incorporados, a súa capacidade máxima será do trinta por cento da capacidade máxima da atracción.

g) Disporanse dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados en cada unha das atraccións.

h) Cada atracción deberá aplicar as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ao tipo de actividade, á frecuencia e ás condicións de uso polas persoas usuarias, prestando especial atención ás superficies de contacto directo. En todo caso, cada atracción someterase a unha limpeza ao remate de cada xornada de uso.

i) Non se permitirán as piscinas de bólas, por mor da dificultade da súa limpeza, podendo dedicarse o espazo correspondente a outra actividade lúdica para o público infantil. Respecto das atraccións inchables, estarán permitidas ata un 30 % da súa capacidade.

2. Será de aplicación supletoria o previsto para as atraccións de feira na Orde do 30 de xuño de 2020 pola que se aproba o Protocolo en materia de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feira para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.».

Cinco. Modificase o anexo II da Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Terceiro. Modificación da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto sétimo bis da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«Sétimo bis. Requisitos aplicables nos establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario de peche para o servizo de ceas máis alá do horario estipulado para os restantes establecementos de hostalaría:

Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario de peche, exclusivamente para o servizo de ceas, máis alá do horario estipulado para os restantes establecementos de hostalaría, de acordo co establecido na Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. A xestión da ocupación das mesas para o servizo de ceas deberá levarse a cabo mediante a reserva ou citación previa.

2. Co obxectivo de facilitar o seguimento de contactos ante casos positivos de COVID-19, levarase un rexistro dos clientes do servizo de ceas que inclúa nome, apelidos e número de teléfono; a persoa responsable do establecemento terá a obriga de custodialo durante polo menos un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

3. Garantirase a correcta ventilación do local que se obxectivará a través da utilización de dispositivos medidores de CO2, que deberán dispor dunha pantalla que mostre os niveis de CO2 en tempo real nunha zona visible para os usuarios. Estes dispositivos deberán levar a marcación CE.

A localización do medidor deberá axustarse ás indicacións técnicas aplicables e ter en conta o tamaño e a forma do espazo, as súas entradas de aire e o fluxo da ventilación. Non se situarán preto das xanelas, portas ou outros puntos de ventilación.

No caso de sistemas mecánicos de ventilación, débese asegurar en todo caso o nivel de CO2 interior e persoal cualificado documentará o mantemento adecuado e as actuacións realizadas.

Tanto nos casos de ventilación natural coma nos de mecánica ou mixta non se deberán superar no interior as 800 p.p.m. de concentración de CO2, será responsabilidade do local adoptar as medidas precisas de renovación do aire para que non se supere a cifra indicada.».

Cuarto. Ratificación xudicial

Solicitarase a ratificación xudicial da prórroga da eficacia das medidas previstas nos puntos segundo, terceiro e cuarto da Orde do 7 de maio de 2021 tendo en conta a modificación efectuada no número cinco do punto segundo da presente orde, de conformidade co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quinto. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 22 de maio de 2021. Non obstante, a ampliación do horario ata as 1.00 horas exclusivamente para o servizo de ceas previsto no número tres do punto segundo desta orde terá efectos desde as 23.00 horas do 21 de maio de 2021 para os establecementos que non dispoñan desta opción actualmente.

2. As medidas cuxa eficacia se prorroga serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, revisaranse nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, poderán ser obxecto de prórroga, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Lobios

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Cambados

Moraña

Mos

Oleiros

Pobra do Caramiñal (A)

Ponte Caldelas

Ribeira

Vilanova de Arousa

C) Concellos con nivel de restrición media.

Ames

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Boiro

Bueu

Cangas

Carral

Cee

Cerdedo-Cotobade

Cervo

Chantada

Cuntis

Fisterra

Moaña

Ordes

Padrón

Rianxo

Salceda de Caselas

Santiso

Valga

Viveiro

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Bóveda

Boimorto

Boqueixón

Brión

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Cambre

Campo Lameiro

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdido

Cervantes

Chandrexa de Queixa

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gondomar

Gomesende

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Marín

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Noia

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Oroso

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Poio

Pol

Ponteareas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Ribadavia

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas»