Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99-Bis Venres, 28 de maio de 2021 Páx. 26707

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que se sigan adoptando por parte das autoridades sanitarias autonómicas determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Para estes efectos debe terse en conta que mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, se lle deu publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese ademais que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias.

Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

II

No Diario Oficial de Galicia núm. 86-bis, do venres 7 maio de 2021, a Consellería de Sanidade publicou a Orde do 7 de maio de 2021 pola que se estableceron medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro.

Na citada orde recollíanse un conxunto de medidas de prevención específicas para protexer a saúde pública, algunhas das cales entrañaban limitacións de dereitos fundamentais e, por conseguinte, precisaban da correspondente ratificación xudicial, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En particular, afectaba as medidas previstas nos puntos segundo, terceiro e cuarto da citada Orde do 7 de maio de 2021, as cales foron ratificadas mediante o Auto 57/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Posteriormente, publicouse a Orde do 21 de maio de 2021 pola que se prorrogaba a eficacia e se modifica a Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, e se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo tamén ratificadas tales medidas igualmente polo Auto nº 64/2021 da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior Xustiza de Galicia.

A recente sentenza do Tribunal Supremo nº 719/2021, do 24 de maio, estableceu como doutrina que a ratificación das medidas limitativas de dereitos fundamentais debe ser previa, de tal xeito que as ditas medidas non despregan efectos nin son aplicables mentres non sexan ratificadas xudicialmente.

Así mesmo, aclaraba que as que deben ser obxecto de ratificación son as que non están xa previstas sexa pola lexislación sanitaria sexa pola de policía administrativa ou pola correspondente a outras materias. É o caso, entre outras, das disposicións relativas a horarios e capacidades en establecementos públicos ás actividades educativas, as que miran por preservar os espazos públicos e a impedir que neles se consuma alcol, as que teñen por obxecto evitar a contaminación acústica ou doutra natureza e, en xeral, as dirixidas a manter a convivencia.

Á vista do pronunciamento do Tribunal Supremo, e para os efectos dunha mellor operatividade na tramitación das medidas ao distinguir entre aquelas medidas que precisan da correspondente autorización xudicial previa e aquelas que non, apróbanse dúas ordes diferenciadas, recolléndose na presente orde aquelas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia que non exixen pola súa natureza a citada autorización xudicial.

Nese sentido, a presente orde substitúe, no que respecta ás medidas de prevención específicas non limitativas de dereitos fundamentais, a Orde do 7 de maio de 2021 que foi prorrogada mediante a Orde do 21 de maio de 2021 cuxa eficacia finaliza ás 00.00 do 29 de maio de 2021, e adáptase á realidade da evolución epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma, no marco do seguimento e avaliación continua da situación que se está a realizar para garantir o respecto aos principios de necesidade e de proporcionalidade.

III

Sentado o anterior, de conformidade co exposto, debe salientarse que a adopción das medidas recollidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Así resulta do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 26 de maio de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, subiu lixeiramente por riba do 1 desde o 19 de maio, o que indica, de seguir a subir, que pode aumentar a transmisión da infección. As áreas de Santiago e Lugo xa superaron o 1. O resto de áreas, agás Ourense e Pontevedra, están próximas.

Do total de concellos de Galicia, 139 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 180. Isto supón un aumento en nove concellos a 14 días e unha diminución en cinco concellos a 7 días, respecto de hai unha semana, que era de 130 e 185 a 14 e 7 días.

Entre o 14 de maio e o 20 de maio realizáronse 53.437 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (40.262 PCR e 13.175 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,45 %, un 14 % superior á observada entre o 8 e o 14 de maio que era do 2,10 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 39 e 75 casos por cen mil habitantes, cun lixeiro aumento do 8 % a 7 días e co mesmo descenso a 14 días, respecto de hai 7 días que era de 36 e 81 casos por 100.000 habitantes a 7 e 14 días, respectivamente.

Polo que respecta á evolución da incidencia acumulada a 14 días en Galicia, tendo en conta as medidas de restrición adoptadas en cada momento, obsérvase que despois de flexibilizar determinadas restricións, como as que afectan a hostalaría ou a mobilidade nocturna, a incidencia volve aumentar. Despois de aplicar medidas restritivas máis estritas (finais de xaneiro), obsérvase que o descenso da incidencia é moi acusado e rápido. O feito de manter as medidas restritivas por un longo período de tempo, evitou a cuarta onda, pero a pesar diso, non hai un claro descenso da incidencia aos valores desexados, que estarían por debaixo dos 50 casos por 100.000 habitantes a 14 días e, neste momento, semella que vai cara a un lixeiro descenso, pero non o suficientemente rápido, polo que sería preciso, que aínda que determinadas medidas, como capacidades ou número de persoas que se poden reunir se suavicen un pouco máis, convén facelo pouco a pouco, xa que a súa relaxación podería levar a un aumento da incidencia de casos.

Estes límites, especialmente os que limitan a mobilidade das persoas, ou mesmo a restrición en número de persoas que se poden reunir, ou se estas reunións só poderían ser entre conviventes, teñen especial importancia ante rebrotes en determinados concellos, xa que cada vez que se aplican restricións a incidencia diminúe ou baixa a cero, como aconteceu recentemente en determinados concellos como é o caso do concello de Cambados que o día 9 de maio, momento en que pasou ao máximo nivel de restrición, presentaba unhas taxas de incidencia de 408 e 656 casos por 100.000 habitantes a 7 e 14 días, respectivamente, e neste informe de hoxe a redución observada é do 1.030 % a 7 días e do 264 % a 14 días, cunhas taxas a 7 e 14 días, respectivamente, de 36,4 e 189,5 casos por 100.000 habitantes. Igualmente, no concello de Lobios, que se mantería no nivel máximo, o día 22 de maio, cando entrou neste nivel, as súas taxas eran de 717,1 e 1.132,3 casos por 100.000 habitantes a 7 e 14 días, respectivamente, nos datos deste informe a redución observada é do 300 % a 7 días, e unha lixeira redución a 14 días, co 5,6 %. Esta redución a 7 días implica que, de momento, non están a aparecer casos novos, o que implica unha menor transmisión.

A tendencia diaria amosa, desde o 28 de decembro, tres tramos, con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 6,4 % ata o 24 de xaneiro e despois un primeiro decrecente cunha porcentaxe de cambio diaria do -6,9 % e outro, desde o 1 de marzo, cun lixeiro ascenso, cunha porcentaxe de cambio diaria de 0,2 %, o que indica que, se ben se evitou a cuarta onda, a redución da incidencia non é a desexable.

Polo que respecta á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días están entre os 35,67 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 113,43 de Vigo; mentres que as taxas a 14 días superan os 100 casos por 100.000 habitantes na Área de Vigo. A respecto de hai unha semana, aumentou a taxa a 14 días nas áreas de Santiago, Ferrol e Lugo. As taxas a 7 días aumentaron nas áreas de Santiago, Lugo e Vigo. No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19 a media de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 98,1, o que significa un descenso do -21,5 % a respecto de hai sete días, pola súa banda, a taxa de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos é de 3,6 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -21,5 % a respecto de hai 7 días.

En canto aos ingresos con COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 27,7 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,0 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -18,1 % respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.

Por outra parte, no referido á situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia debe indicarse que nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 1 presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, un menos que hai unha semana. Neste semana non hai ningún concello que supere os 500 casos por 100.000 habitantes. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 4 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 3 menos que hai 7 días. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes nun destes concellos, o de Lobios. No que atinxe ás comarcas, están no nivel alto as da Baixa Limia e A Mariña Occidental. Están no nivel medio as da Barbanza, Terra de Melide e Ordes, estas dúas últimas acaban de entrar neste nivel. A Comarca do Morrazo leva tres días en nivel medio baixo e Fisterra, despois de 1 día de entrar no nivel medio, volveu a descender ao nivel medio baixo.

O informe conclúe que a taxa de incidencia a 14 días está a diminuír. Non obstante, o modelo de tendencia amosa un lixeiro ascenso, cunha porcentaxe de cambio diario do 0,2 %, a partir do 1 de marzo. A Rt no global de Galicia, volveu a ascender, aínda que lixeiramente, por riba do 1.

Así mesmo, o informe destaca que a información do modelo de predición, que indica que a incidencia aumentaría lixeiramente a 7 e descendería, tamén lixeiramente, a 14 días, debe tomarse con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos. Ademais, a amplitude dos seus intervalos de confianza, especialmente a 7 días, indican que poderían darse todos os escenarios (estabilización, ascenso ou descenso da onda).

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes, mesmo xa baixou dos 80 casos por cen mil habitantes. Só a Área Sanitaria de Vigo presenta unha incidencia superior aos 100 casos por cen mil habitantes. No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes hai dous concellos con taxas de incidencia iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes, ningún deles cunha taxa superior aos 500 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000 habitantes hai 5 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes, con 2 deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cen mil habitantes.

Finalmente, o feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a británica pode influír nun aumento da transmisión, especialmente se aparecen abrochos, ao que se suma a aparición de novas variantes tamén máis transmisibles, como a P1 de Brasil e a de Suráfrica e agora tamén a da India, aínda que de momento cos casos onde se illou rastrexados. Igualmente, detectáronse 4 casos da variante B.1.526 (Nova York). Cómpre salientar que a cepa de Suráfrica escapa, en certa medida, á inmunidade da vacina de Oxford-AstraZéneca e o resto de variante, mesmo poden reducir a efectividade das vacinas, aínda que non totalmente.

Cómpre tamén indicar que o criterio utilizado para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada cen mil habitantes tanto a 14 días como a 7 días, permitindo esta última reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que, en concellos de escasa poboación, poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, analizando ademais os servizos de saúde pública e o comité e subcomité clínico as características específicas de cada gromo. Neste sentido préstase unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no máximo nivel de restrición o concello de Lobios polas súas taxas de incidencia acumulada a 7 e 14 días. É certo que a súa taxa a 7 días diminuíu, xa que pasou de 715,1 a 178,8 casos por cen mil habitantes, o que indica que a situación deste concello está a mellorar. Non obstante, posto que soamente leva cinco días neste nivel (desde o día 22 de maio de 2021) é preciso agardar a que a súa situación epidemiolóxica se estabilice, o que require un período mínimo de 10 días.

Por outra banda, inclúense tamén no nivel de máximas restricións os concellos da Pobra do Caramiñal e Mos.

Polo que respecta á Pobra do Caramiñal, debe indicarse que se ben é certo que aínda que o día 18 xa presentaba taxas de incidencia acumulada propias do nivel máximo de restricións, considerouse oportuno agardar a ver como evolucionaba a súa situación epidemiolóxica, xa que se estaba á espera do resultado dun cribado poboacional. Os datos actuais indican un empeoramento da súa situación, aumentando as súas taxas a 7 e 14 días, de tal xeito que as taxas a 7 días pasaron de 257,6 a 311,2 casos por cen mil habitantes e as taxas a 14 días pasaron de 289,8 a 472,2 casos por cen mil habitantes, o que supón un incremento do 17,2 % nas taxas a 7 días e do 38,6 % nas taxas a14 días desde o 18 de maio. A súa taxa a 7 días é a que impón a necesidade de incluír a este concello no nivel máximo de restrición, estando a taxa a 14 días tamén moi preto do límite establecido.

En canto a Mos, debemos indicar que as súas taxas de incidencia acumulada determinan que este concello pase a nivel máximo e, en consecuencia, se lle apliquen as medidas máis limitativas que prevé esta orde. Concretamente obsérvase un aumento significativo da incidencia desde o día 18 de maio, pasando dos 133 e 212 casos por cen mil habitantes a 398 e 498 casos por cen mil habitantes nas taxas de incidencia acumulada a 7 e 14 días respectivamente, o día 24 de maio, o que supón un incremento do 66,6 % e 57,4 % a 7 e 14 días, desde hai unha semana. A taxa a 14 días está ademais moi próxima aos 500 casos por 100.000 habitantes.

En canto ao nivel alto de restricións, manteríase o concello de Ribeira, da Área Sanitaria de Santiago, a pesar de que as súas taxas indican un nivel medio, debido a que a evolución da situación epidemiolóxica neste concello segue sen ser claramente cara ao descenso da súa taxa a 7 días. Cómpre destacar tamén a aparición de casos novos e altérnanse días de baixada con días de ascenso, co que claramente están a aparecer casos novos en continuo.

Ademais, os concellos veciños aumentaron as súas taxas, en que se inclúe o concello da Pobra do Caramiñal que pasa a nivel máximo, e a comarca volveu a un nivel medio despois de 13 días no nivel medio baixo, o que leva a considerar preciso esperar a descendelo do nivel alto actual ao nivel medio ata que se observe que o descenso de casos é claro e continuo.

Manteríase tamén no nivel alto o concello de Moraña, da Área Sanitaria de Pontevedra, tal como indican as súas taxas a 7 e 14 días, porque a súa situación epidemiolóxica non mellorou claramente desde que se ascendeu a este nivel o 22 de maio, e segue a haber casos sen vínculo epidemiolóxico con outro caso e sen asociar a algún abrocho de orixe coñecida. O mesmo acontece co concello de Ponte Caldelas, da Área Sanitaria de Pontevedra, a pesar de que as súas taxas indican un nivel medio de restrición, debido a que este concello entrou neste nivel o 22 de maio, non leva tempo suficiente para observar a melloría da súa situación epidemiolóxica.

Aumentarían ao nivel alto desde o nivel medio de restricións actual, o concello de Ordes, da Área Sanitaria de Santiago, tal como indican as súas taxas a 7 e 14 días, e debido á existencia de varios abrochos familiares e sociais, algún deles sen orixe coñecida. Ademais, as súas taxas aumentaron desde o día 18 de maio un 30 % e un 14 % a 7 e 14 días, cun claro empeoramento da súa situación epidemiolóxica. E o concello de Viveiro, da Área Sanitaria de Lugo, tal como indican as súas taxas a 7 e 14 días, aínda que, practicamente, todos os casos están asociados a un único abrocho, pero que exportou casos aos concellos veciños de Cervo e Xove, polo que a Comarca da Mariña Occidental se atopa nun nivel de risco alto.

En relación co nivel medio de restricións, manteríanse neste nivel, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, os concellos de Boiro (Área Sanitaria de Santiago), Cervo (Área Sanitaria de Lugo), Bueu (Área Sanitaria de Pontevedra) e Moaña (Área Sanitaria de Vigo). Por non levar tempo suficiente neste nivel para asegurar que a evolución da súa situación epidemiolóxica é claramente cara ao descenso da incidencia, aínda que as súas taxas indicarían xa o nivel medio baixo, os concellos de Cee e Rianxo (Área Sanitaria da Coruña) e O Barco de Valdeorras (Área Sanitaria de Ourense). Nestes concellos os que mellor situación epidemiolóxica presentan son os de Cee e Rianxo. O Barco de Valdeorras podería aumentar os seus casos nos próximos días, dadas as características dos contactos.

Por outra parte, aumentarían a este nivel medio de restrición desde o nivel medio baixo actual, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, os concellos de Monforte de Lemos (Área Sanitaria de Lugo) e Ponteareas (Área Sanitaria de Vigo). Ademais, considérase preciso que estes concellos ascendan a este nivel non só polas súas taxas senón tamén porque os casos aínda non están todos vinculados ideoloxicamente entre si, o que supón un risco, se non se chega a establecer este vínculo e, polo tanto, que pertencen todos ao mesmo abrocho, dunha posible existencia de transmisión comunitaria subxacente. No caso de Monforte de Lemos, algúns dos casos xa foran contactos dun abrocho anterior e 10 días despois de finalizada a corentena deron positivo, o que indica que pode haber máis transmisión dentro da contorna a que pertencían estes casos, que aínda está sen detectar.

Tamén se propón para aumentar a este nivel medio, desde o medio baixo actual, en vez de ao nivel alto que indican as súas taxas a 7 días, os concellos de Vilalba e Xove da Área Sanitaria de Lugo, xa que no caso do concello de Vilalba, con dous brotes activos de orixe coñecida e que se vai realizar un cribado a 600 persoas nun dos colexios do concello, se considerou que podería esperarse a coñecer a súa evolución antes de aumentar máis as medidas de restrición. No concello de Xove, os casos son derivados do abrocho de Viveiro e afectan unha soa familia, polo que, igualmente, se considera que se pode esperar a coñecer a súa evolución.

Por outra banda, descendería a este nivel medio o concello de Cambados, da Área Sanitaria de Pontevedra, dadas as súas taxas, que así o indican, e a evolución da incidencia neste concello que chegou a estar no nivel máximo de restrición.

Para o resto de concellos de Galicia recoméndanse o nivel medio-baixo de restricións, con base nos criterios reflectidos anteriormente.

Así mesmo, aproveitase a presente orde para modificar algunhas das medidas xa adoptadas na Orde do 7 de maio de 2021 nun contexto de desescalada segura relativas á ampliación de capacidades nos establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais (punto 3.6), nos establecementos que teñan a condición de centros e parques comerciais ou que formen parte deles (punto 3.7), na realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicos ou profesionais (punto 3.14), nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais (punto 3.20), nas especificidades para determinadas actividades turísticas, centros de interpretación e visitantes, aulas da natureza, casetas e puntos de información (punto 3.24), capacidades nos centros sociocomunitarios (punto 4.4) e a adaptación da presente orde ás limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados establecidas na Orde pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

IV

Debe insistirse, en particular, en que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para conseguir o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo. Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario, que soporta niveis altos de ocupación, sobre todo en determinadas áreas sanitarias. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril de 2020, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade, en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Así mesmo, as medidas adoptadas deben analizarse no contexto actual que está marcado polo ritmo a que avanza a campaña de vacinación e polo decaemento de determinadas medidas vinculadas á declaración do estado de alarma, como son o peche perimetral da Comunidade Autónoma e as limitacións á mobilidade nocturna que se aplicaban ata o momento con carácter xeral a toda Galicia. A isto hai que engadir que os actuais niveis de transmisión non son aínda os propios dunha situación de risco baixo.

A suma de todos estes factores require a adopción das medidas contidas nesta orde, que se revelan como necesarias, adecuadas e proporcionadas ao fin perseguido, que non é outro que o de controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. A experiencia acumulada avala, ademais, que as medidas son eficaces e útiles para acadar o obxectivo proposto de protección da saúde pública e do sistema sanitario.

Imperan na adopción destas os principios de prudencia e precaución que impregnan a regulación desta materia na lexislación sanitaria e téñense en conta as especificidades propias da Comunidade Autónoma: Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, ao que se une o feito de que, como xa se indicou, aínda non se completou o proceso de vacinación e, polo tanto, non se acadaron aínda os índices de inmunidade desexables.

Particular mención exixe o establecemento de medidas máis restritivas nos concellos en que a situación epidemiolóxica presenta unha maior gravidade, cunha taxa de incidencia acumulada a 14 días de máis de 500 casos por cada cen mil habitantes ou cunha taxa de incidencia acumulada a 7 días de máis de 250 casos por cada cen mil habitantes e que se corresponden cos concellos que, de conformidade co anexo II desta orde, quedan sometidos ao máximo nivel restricións. A súa situación fai imprescindible adoptar un conxunto de medidas que se orientan a reducir ao máximo a interacción social, xa que só así se ten demostrado que é posible acadar a mellora das respectivas situacións epidemiolóxicas.

Nese sentido, a presente orde establece unha serie de medidas específicas que teñen por obxecto a regulación de distintas actividades coa finalidade de que poidan desenvolverse en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e propagación da enfermidade. Para lograr ese fin resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade e reducindo o contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas. As evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación pero con redución xeneralizada da mobilidade, o que apoia a efectividade e eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se produce nun contexto social, a consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña, hai estudos que evidencian que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de lentificar a velocidade de transmisión.

Especial mención debe facerse ao peche da hostalaría nos concellos que presentan unha situación epidemiolóxica de maior risco. Diversos estudos indican o impacto dos peches de locais de hostalaría na diminución da incidencia, o que apoia a afirmación de que esta medida é unha das máis efectivas dentro do conxunto das intervencións non farmacolóxicas.

Ademais, os estudos de rastrexo de contactos amosan a capacidade dos establecementos de hostalaría e restauración para xerar eventos de supercontaxio, á vez que enfatizan a importancia de controlar as correntes de aire e a correcta ventilación do interior dos establecementos. A transmisión vese favorecida en lugares cerrados, mal ventilados, con afluencia de moitas persoas e onde non se observan as medidas de distanciamento e hixiene e prevención durante todo o tempo, especialmente o uso da máscara. É precisamente por este motivo polo que, naqueles supostos en que non se prevé como requisito necesario o uso dos dispositivos medidores de CO2 na Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, se introduce a recomendación de que estes dispositivos se usen na prestación de servizos de hostalaría e restauración, nas condicións establecidas na orde citada, co obxecto de garantir unha correcta ventilación dos locais. Esta recomendación entenderase sen prexuízo de que en ulteriores actualizacións da orde se poida establecer o uso destes medidores como requisito, no marco das condicións de ampliación de horario de peche e capacidade máxima que se establezan.

Finalmente, debe salientarse que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas recollidas nesta orde terán unha duración determinada, tal e como se establece no punto sétimo da Orde. Ademais, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

V

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Cómpre indicar tamén que as medidas recollidas nesta orde sobre o uso de máscara e limitacións de capacidade atopan así mesmo o seu fundamento no disposto na Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

1. Constitúe o obxecto desta orde establecer medidas de prevención específicas, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As medidas contidas nesta orde son complementarias das previstas na corresponde Orde pola que se establezan medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia que precisan para a súa eficacia da autorización xudicial, que se atope vixente en cada momento.

En todo o non previsto na dita disposición e nesta orde, e no que sexa compatible con ela, aplicarase o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Segundo. Alcance

1. Serán de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia as medidas de prevención específicas recollidas no anexo I.

2. As medidas específicas aplicables recollidas no anexo I virán condicionadas pola situación epidemiolóxica dos distintos concellos, de conformidade co indicado no anexo II.

Terceiro. Medidas de prevención en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios

1. De acordo co establecido no artigo 38.1.k) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as persoas desprazadas a Galicia deberán cumprir o establecido na Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios.

Por conseguinte, as persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios cunha alta incidencia da COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma, deberán comunicar, no prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia, os datos de contacto e de estadía na Comunidade Autónoma de Galicia na forma establecida na orde.

Mediante a resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública determinaranse os territorios a que se refire o parágrafo anterior. A dita resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Servizo Galego de Saúde, e deberá ser obxecto de actualización, como mínimo, cada 15 días naturais.

2. Os datos subministrados serán empregados polas autoridades sanitarias autonómicas exclusivamente para contactar coas ditas persoas para o cumprimento de finalidades de saúde pública, para os efectos de facilitarlles a información e as recomendacións sanitarias que procedan, así como, de ser o caso, en atención ás concretas circunstancias concorrentes, para a adopción das medidas sanitarias que resulten necesarias, sempre de acordo coa lexislación aplicable e buscando, de maneira preferente, a colaboración voluntaria da persoa afectada coas autoridades sanitarias.

3. En particular, de acordo co indicado no número anterior, entre as medidas aplicables estará o ofrecemento da realización dunha proba diagnóstica de infección activa a estas persoas, salvo que poidan acreditar documentalmente a través dun certificado emitido polo servizo público de saúde competente, ou, no caso da letra b), por un laboratorio oficial autorizado, a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

a) Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a que se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004, e sempre que transcorresen, polo menos, 10 días desde a última dose desta.

b) Que dispoñen dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa. No caso dos test rápidos de antíxenos deberán estar enumerados na lista común e actualizada de test rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/ C 24/01 do Consello de Europa. A proba debe ser realizada nas últimas 72 horas anteriores á chegada a Galicia.

c) Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 diagnosticada e está no período comprendido entre o día 11 e o 180, ambos inclusive, despois da PDIA positiva. Esta situación acreditarase a través do certificado oportuno emitido polo seu servizo de saúde.

Para os efectos do establecido neste punto, a exhibición dos certificados só poderá ser solicitada cando as persoas interesadas aleguen as circunstancias que acrediten. Non se conservarán os datos a que se refiren os certificados nin se crearán ficheiros con eles.

4. As persoas desprazadas a Galicia, unha vez que estean no lugar a que se despracen, deberán cumprir as limitacións de entrada e saída previstas, se é o caso, nesta orde, ademais do resto das medidas aplicables.

Cuarto. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde, e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía, corresponderán aos respectivos concellos dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado das denuncias que formulen, polo incumprimento das medidas de prevención, ás autoridades competentes.

Quinto. Plan de hostalaría segura

1. A Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia sanitaria continuará desenvolvendo o «Plan de hostalaría segura» posto en marcha a través da Orde do 25 de febreiro de 2021 baseado nas seguintes liñas fundamentais:

a) Corresponsabilidade dos operadores económicos na aplicación, cumprimento e seguimento do plan e na colaboración no establecemento de medidas e instrumentos que contribúan ao control e seguimento de posibles gromos, incluída a rastrexabilidade dos posibles contactos, co obxecto de garantir unha actividade nas adecuadas condicións de seguridade.

b) Definición de criterios claros e precisos para a organización e utilización de espazos, condicións de adecuada ventilación que velen pola calidade do aire interior e determinación de ocupación para efectos da aplicación das medidas sanitarias de prevención.

c) Colaboración coas entidades representativas do sector para o estudo, deseño e implementación das medidas de prevención aplicables, incluída a promoción da existencia de mecanismos de autocontrol e auditoría de cumprimento.

d) Xeración de confianza nos usuarios, así como información e concienciación deles sobre as medidas de prevención e o seu necesario cumprimento.

e) Establecemento dun plan de control e inspección autonómico e a adecuada colaboración coas entidades locais nas súas competencias de control e inspección, especialmente con aquelas de menor tamaño e medios.

f) Colaboración das forzas e corpos de seguridade no control e inspección.

2. O Plan de hostalaría segura terá a consideración de plan sanitario para os efectos do previsto no artigo 80 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, polo que as entidades locais participarán na súa aplicación e cumprimento mediante o exercicio das súas competencias de control sanitario establecidas na lei.

Sexto. Teletraballo

Tendo en conta o establecido no artigo 12 do Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 3 de decembro de 2020, publicado pola Orde do 14 decembro de 2020 da Consellería de Facenda e Administración Pública, que establece un réxime especial de autorización, que pode ser aplicable, entre outros motivos, por razóns de declaración da situación de emerxencia, e tendo en conta a existencia dunha declaración de situación de emerxencia sanitaria en vigor, á vista da evolución da situación epidemiolóxica, e coa finalidade de coadxuvar nun maior control da transmisión, entenderase prorrogada a eficacia das resolucións de teletraballo ditadas polas distintas consellerías e entidades do sector público autonómico por razón da situación sanitaria derivada da COVID-19. Serán de aplicación no teletraballo as condicións recollidas no réxime especial establecido no artigo 12 do Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sétimo. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación ata as 00.00 horas do 12 de xuño.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Medidas de prevención específicas aplicables
na Comunidade Autónoma de Galicia

Serán de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia as medidas de prevención específicas recollidas neste anexo.

1. Obrigas xerais.

1.1. Obrigas de cautela e protección.

Todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade da COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos.

Este deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade.

Así mesmo, deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da COVID-19.

1.2. Persoas con sintomatoloxía.

Calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles coa COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario o antes posible.

Igualmente, se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario.

1.3. Distancia de seguridade interpersoal.

Deberá cumprirse a medida de mantemento da distancia de seguridade interpersoal establecida pola Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, de polo menos, 1,5 metros ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física con uso de máscara, de hixiene adecuada e etiqueta respiratoria.

1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas seguintes condicións:

a) Obriga xeral.

Para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Así mesmo, de conformidade co artigo 6.1.b) da Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso de máscara nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús ou por ferrocarril, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor.

b) Regras específicas.

1ª) Na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica aplicarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas.

2ª) No caso de colectivos artísticos que desenvolvan actos e espectáculos culturais, aplicaranse as regras específicas do número 2.9 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020 e, respecto da produción e rodaxe de obras audiovisuais, aplicaranse as medidas previstas no número 2.10 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020.

3ª) No caso dos coros e agrupacións vocais de canto, das orquestras, bandas e outras agrupacións musicais, da celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares e da actividade formativa en conservatorios, escolas de música e danza, observarase o indicado especificamente nas medidas recollidas nos números 2.11, 2.12, 3.33 e 3.41 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, respectivamente.

4ª) Nos centros docentes observarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no correspondente protocolo.

5ª) Co obxecto de evitar a propagación de contaxios e asegurar o mantemento dos servizos, na prestación de asistencia ou axuda no fogar a persoas dependentes, será obrigatorio o uso de máscara tanto por parte do persoal prestador do servizo como por parte das persoas dependentes e daquelas que se atopen no seu domicilio. A dita obriga non será exixible cando se trate de persoas dependentes que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

6ª) Nas actividades no ámbito laboral desenvolvidas en espazos comúns ou de uso colectivo ou en calquera outra dependencia en que estean varios traballadores/as ou traballadores/as e/ou clientes será obrigatorio o uso da máscara.

c) Condicións de uso da máscara.

Deberá darse un uso axeitado á máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo, incluído.

Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.

d) Excepcións á obriga de uso da máscara.

A obriga de uso de máscara non será exixible nos seguintes supostos:

1º) Cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

2º) Nos vehículos de turismo, cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.

3º) No mar, praias e piscinas, no exterior ou cubertas, lagos, embalses, ríos ou noutras zonas de baño, durante o baño, e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes.

En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas, lagos e demais contornos acuáticos, así como para o uso de vestiarios de piscinas públicas ou comunitarias, salvo nas duchas.

Entenderase por actividades incompatibles co uso da máscara as actividades de socorrismo ou rescate cando requiran acceder ao medio acuático.

4º) Nos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento exclusivamente nos momentos estritamente necesarios para comer ou beber.

5º) No interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no cuarto.

6º) Nos buques e embarcacións de transporte de competencia autonómica, no interior dos camarotes, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no camarote.

7º) No caso do exercicio de deporte individual en espazos ao aire libre, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de 1,5 metros con outras persoas ou deportistas non conviventes. Non obstante, debera usarse a máscara na práctica do deporte nas vías públicas, como rúas, avenidas, paseos, prazas e camiños de tránsito público, ou outros ámbitos que sexan lugar de circulación habitual de viandantes e polos que circulen de feito nese momento.

Seralles de aplicación o establecido no parágrafo anterior ás actividades que supoñan un esforzo físico de carácter non deportivo equiparable a este, ao aire libre e de forma individual.

8º) En supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.

9º) No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos, ou alimentos e bebidas, na vía pública ou en espazos ao aire libre, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que a persoa o efectúe parada e fóra dos lugares habituais de circulación dos viandantes, de tal xeito que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas. O anterior será aplicable tamén para o uso de calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados.

10º) Na práctica de deporte no medio acuático, sexa este natural ou artificial.

e) Recomendacións sobre reunións de grupos de persoas en espazos privados.

Nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene.

1.5. Medidas específicas para casos e contactos estreitos.

As persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por teren infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible coa COVID-19, ou que estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado, deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poderen abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas.

2. Medidas xerais de hixiene e prevención.

Sen prexuízo das normas ou protocolos específicos que se establezan, serán aplicables a todos os establecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público e actividades de carácter público, as medidas xerais de hixiene e prevención establecidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente.

3. Limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas por sectores.

3.1. Medidas en materia de control de capacidade.

1. Os establecementos, instalacións e locais deberán expor ao público a capacidade máxima, e asegurar que a dita capacidade e a distancia de seguridade interpersoal se respecta no seu interior, polo que se deberán establecer procedementos que permitan o reconto e control da capacidade, de forma que esta non sexa superada en ningún momento.

No caso do sector da hostalaría e restauración, aplicarase tamén o que establece a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, nomeadamente, no relativo á distribución de espazos, ocupacións, mobiliario e outros elementos de seguridade.

2. A organización da circulación de persoas e a distribución de espazos deberá procurar a posibilidade de manter a distancia de seguridade interpersoal. Na medida do posible, estableceranse itinerarios para dirixir a circulación de clientes e usuarios e evitar aglomeracións en determinadas zonas, tanto no interior como no exterior, e previr o contacto entre eles. Cando se dispoña de dúas ou máis portas, procurarase establecer un uso diferenciado para a entrada e a saída, co obxecto de reducir o risco de formación de aglomeracións.

3. Cando se dispoña de aparcadoiros propios para traballadores e usuarios, establecerase un control de accesos para mellor seguimento das normas de capacidade. Na medida do posible, as portas que se atopen no percorrido entre o aparcadoiro e o acceso á tenda ou aos vestiarios dos traballadores disporán de sistemas automáticos de apertura ou permanecerán abertas para evitar a manipulación dos mecanismos de apertura.

4. De ser o caso, o persoal de seguridade velará para que se respecte a distancia interpersoal de seguridade e evitará a formación de grupos numerosos e aglomeracións, prestando especial atención ás zonas de escaleiras mecánicas, ascensores, zonas comúns de paso e zonas recreativas.

5. En caso necesario, poderanse utilizar valos ou sistemas de sinalización equivalentes para un mellor control dos accesos e xestión das persoas para os efectos de evitar calquera aglomeración.

6. En calquera caso, a sinalización de percorridos obrigatorios e independentes ou outras medidas que se establezan realizaranse tendo en conta o cumprimento das condicións de evacuación exixibles na normativa aplicable.

3.2. Control de capacidade en centros e parques comerciais e grandes superficies.

Os centros e parques comerciais, así como os establecementos que teñan a consideración de grandes superficies, deberán dispoñer de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer en todo momento o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións ou das que teñan atribuída a súa xestión.

3.3. Velorios e enterros.

1. Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente habilitadas cun límite máximo, en cada momento, de 10 persoas por túmulo, sexan ou non conviventes, e 25 persoas no exterior, sexan ou non conviventes.

2. A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de vinte e cinco persoas, sexan ou non conviventes, ademais de, se é o caso, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.

3. Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no punto 1.4 do anexo I desta orde.

4. As zonas comúns de paso utilizaranse unicamente para o tránsito de entrada e saída, sen que poida haber grupos de persoas neles. O tempo de estadía nas instalacións reducirase ao estritamente necesario para expresar as debidas condolencias, evitando permanecer nas zonas de paso.

5. Os servizos de hostalaría existentes nos establecementos funerarios rexeranse polo disposto no punto 3.22.

3.4. Lugares de culto.

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia, a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, salvo nos concello recollidos na letra A do anexo II, en que non poderá superar o terzo da súa capacidade. Deberá garantirse, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.

2. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.

3. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

4. Nas actuacións e nas actividades de ensaio que impliquen a participación de coros e agrupacións vocais de canto deberá asegurarse que se respecte en todo momento a distancia de seguridade interpersoal entre os integrantes do coro ou da agrupación e, polo menos, de 3 metros entre estes e o público. Será obrigatorio, en calquera caso, o uso de máscara durante toda a actuación e nas actividades de ensaio.

5. Sen prexuízo das recomendacións de cada confesión en que se teñan en conta as súas particularidades, na celebración dos actos de culto deberanse observar as seguintes medidas de hixiene e prevención:

a) Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente e o uso de máscara será obrigatorio consonte o disposto no punto 1.4 do anexo I desta orde.

b) Diariamente deberanse realizar tarefas de desinfección dos espazos utilizados ou que se vaian utilizar e de xeito regular reiterarase a desinfección dos obxectos que se tocan con maior frecuencia.

c) Organizaranse as entradas e saídas para evitar aglomeracións de persoas nos accesos e inmediacións dos lugares de culto.

d) Poranse á disposición do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados en lugares accesibles e visibles e, en todo caso, na entrada do lugar de culto, que deberán estar sempre en condicións de uso.

e) Non se permitirá o uso de auga bendita e as ablucións rituais deberán realizarse na casa.

f) Facilitarase no interior dos lugares de culto a distribución dos asistentes sinalizando, se for necesario, os asentos ou zonas utilizables en función da capacidade permitida en cada momento.

g) Nos casos en que os asistentes se sitúen directamente no chan e se descalcen antes de entrar no lugar de culto, usaranse alfombras persoais e situarase o calzado nos lugares estipulados, embolsado e separado.

h) Limitarase ao menor tempo posible a duración dos encontros ou celebracións.

i) Durante o desenvolvemento das reunións ou celebracións evitarase o contacto persoal, tocar ou bicar obxectos de devoción ou outros obxectos que habitualmente se manexen.

3.5. Cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís.

As cerimonias nupciais e demais celebracións relixiosas ou civís deberán respectar as regras de capacidade e as medidas de hixiene e prevención que sexan de aplicación ao lugar onde se desenvolvan.

3.6. Establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II, nin do setenta e cinco por cento nos concellos enumerados nas letras C e D do mesmo anexo II. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nos locais e establecementos ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal.

2. O horario de peche dos ditos establecementos e locais será o que teñan fixado de acordo coa normativa vixente e deben respectar, se é o caso, as limitacións establecidas para a mobilidade nocturna.

3. Deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como o control de accesos ou caixas de pagamento específicas, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible neses establecementos e locais.

4. Os establecementos que teñan consideración de gran superficie, entendendo por tales os que teñan máis de 2.500 metros cadrados de superficie, deberán dispor de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións.

3.7. Establecementos que teñan a condición de centros e parques comerciais ou que formen parte deles.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público situados en centros e parques comerciais non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II, nin do setenta e cinco por cento nos concellos enumerados nas letras C e D do mesmo anexo II. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

Para estes efectos, entenderanse por centros e parques comerciais os establecementos comerciais de carácter colectivo definidos no número 2 do artigo 23 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

2. A capacidade das zonas comúns dos centros e parques comerciais queda limitada ao trinta por cento nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II, e ao cincuenta por cento nos concellos enumerados nas letras C e D do mesmo anexo II. Non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns, excepto para o tránsito entre os establecementos. Queda prohibida a utilización de zonas recreativas, como poden ser zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso, que deben permanecer pechadas.

3. O horario de peche dos centros e parques comerciais será o que teñan fixado de acordo coa normativa vixente e deben respectar, se é o caso, as limitacións establecidas para a mobilidade nocturna.

4. Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior dos locais e establecementos e nas zonas comúns ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio en todo momento, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 deste anexo. Ademais, deberán evitarse as aglomeracións de persoas que comprometan o cumprimento destas medidas.

5. Os centros e parques comerciais deberán dispor de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións ou das que teñan atribuída a súa xestión.

6. Deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como o control de accesos ou caixas de pagamento específicas, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible neses establecementos e locais.

3.8. Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública.

1. No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, a capacidade virá determinada polo número de postos autorizados do xeito seguinte:

a) Nos mercados con menos de 150 postos autorizados, poderán dispoñer do 100 % dos postos habituais ou autorizados.

b) Nos mercados que teñan entre 150 e 250 postos autorizados, poderán dispoñer do 75 % dos postos habituais ou autorizados.

c) Nos mercados que teñan máis de 250 postos autorizados, poderán dispoñer do 50 % dos postos habituais ou autorizados.

En todo caso, limitarán a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar as limitacións previstas anteriormente, e prestarán especial atención á vixilancia do cumprimento das medidas sanitarias e protocolos aplicables nestes contornos.

Os concellos establecerán requisitos de distanciamento entre os postos e as condicións de delimitación do mercado co obxectivo de procurar manter a distancia de seguridade interpersoal entre traballadores, clientes e viandantes ou, na súa falta, será precisa a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 do anexo I desta orde.

2. Durante todo o proceso de atención ao consumidor deberá manterse a distancia de seguridade interpersoal establecida entre o vendedor e o consumidor, que poderá ser dun metro cando se conte con elementos de protección ou barreira.

3. Deberá sinalarse de forma clara a distancia de seguridade interpersoal entre clientes, con marcas no chan ou mediante o uso de balizas, cartelaría e sinalización para aqueles casos en que sexa posible a atención individualizada de máis dun cliente ao mesmo tempo.

4. Recoméndase a posta á disposición de dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados nas inmediacións dos mercados ao aire libre ou de venda non sedentaria na vía pública.

5. Realizarase, polo menos unha vez ao día, unha limpeza e desinfección das instalacións con especial atención ás superficies de contacto máis frecuentes, especialmente mostradores e mesas ou outros elementos dos postos, anteparos, de ser o caso, teclados, terminais de pagamento, pantallas táctiles, ferramentas de traballo e outros elementos susceptibles de manipulación, prestando especial atención a aqueles utilizados por máis dun traballador.

6. Procurarase evitar a manipulación directa dos produtos por parte dos clientes.

3.9. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación.

1. A actividade que se realice en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación non incluídos no ámbito de aplicación do artigo 9 do Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, inscritos no correspondente rexistro, poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do cincuenta por cento respecto do máximo permitido.

Nestes centros priorizarase a realización da actividade lectiva non presencial, por medios telemáticos (en liña) sempre que sexa posible.

2. Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 do anexo I desta orde.

3. No caso de utilización de vehículos será obrigatorio o uso da máscara tanto polo persoal docente como polo alumnado ou o resto de ocupantes do vehículo.

3.10. Hoteis, albergues e aloxamentos turísticos.

1. Os hoteis, albergues e establecementos turísticos permanecerán abertos, sen prexuízo das limitacións vixentes de entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, que deberán respectarse en todo caso. Os clientes procedentes dalgún dos ámbitos territoriais aos cales se lles apliquen as devanditas limitacións soamente poderán terse desprazado aos establecementos situados fóra dese ámbito territorial polos motivos xustificados establecidos na normativa vixente.

2. Os albergues poderán manter unha ocupación máxima do 30 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido.

3. A ocupación das zonas comúns dos hoteis, albergues e aloxamentos turísticos non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade.

Para iso, cada establecemento deberá determinar a capacidade dos distintos espazos comúns, así como aqueles lugares en que se poderán realizar eventos e as condicións máis seguras para a súa realización conforme a capacidade máxima prevista e de acordo coas medidas de hixiene, protección e distancia mínima establecidas.

4. Poderán facilitar servizos de hostalaría e restauración para os clientes aloxados nos ditos establecementos. Para o resto de clientes, resultará de aplicación o disposto no punto 3.22.

5. No caso de instalacións deportivas de hoteis, albergues e aloxamentos turísticos, tales como piscinas ou ximnasios, rexeranse polas regras aplicables a este tipo de instalacións en función da incidencia acumulada do respectivo concello, de conformidade co previsto no punto 3.15.

3.11. Actividade cinexética.

1. Está permitida a actividade cinexética en todas as súas modalidades sempre que se axuste ás limitacións de grupos de persoas aplicables no respectivo concello.

2. En todo caso, a realización das ditas actividades estará sometida ás restricións perimetrais actualmente vixentes.

3.12. Pesca fluvial e marítima, deportiva e recreativa.

1. Está permitida a práctica da pesca fluvial e marítima, deportiva e recreativa, en todas as súas modalidades, sempre que se axuste ás limitacións de grupos de persoas aplicables no respectivo concello.

2. En todo caso, a realización das ditas actividades estará sometida ás restricións perimetrais actualmente vixentes.

3.13. Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre.

1. Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas de skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.

2. Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 do anexo I desta orde.

3. Deberán aplicarse as medidas de hixiene e prevención establecidas, especialmente no que se refire a proceder diariamente á limpeza e desinfección destes espazos nas áreas de contacto das zonas comúns, tales como xogos das zonas infantís, aparellos de actividade física ou outro mobiliario urbano de uso compartido.

4. Recoméndase dispor neses espazos, especialmente no que se refire a parques infantís, de dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida, debidamente autorizados e rexistrados, ou dunha solución xabonosa no caso de espazos para menores de dous anos de idade.

3.14. Realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicos ou profesionais.

A realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicos, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativos, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais poderanse levar a cabo sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento, ben que se recomenda que se realicen de forma telemática sempre que sexa posible.

Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II da presente orde, na realización dos citados actos non se poderá superar o cincuenta por cento da capacidade autorizada do local. En calquera caso, deberase respectar un máximo de 75 persoas para lugares pechados e de 150 persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Nos concellos enumerados na letra C e D do anexo II da presente orde, nas ditas actividades non se poderá superar o setenta e cinco por cento da capacidade autorizada do local e, en todo caso, deberase respectar un máximo de 150 persoas para lugares pechados e de 300 persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, por solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir xunto cun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade pola COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

O recollido neste número será tamén de aplicación para as reunións de xuntas de comunidades de propietarios.

3.15. Actividade deportiva.

1. A realización da actividade física e deportiva non federada axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde, a práctica da actividade física e deportiva non federada só poderá realizarse ao aire libre ou en instalacións deportivas ao aire libre, de forma individual ou con persoas conviventes, e coa utilización de máscara de acordo co disposto no punto 1.4 do anexo I da presente orde.

b) Nos concellos enumerados nas letras B e C do anexo II da presente orde, a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico e coa utilización de máscara, de acordo co disposto no punto 1.4 do anexo I da presente orde. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de dez persoas de forma simultánea, sexan ou non conviventes, sen contar, de ser o caso, o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos pechados poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, coa utilización de máscara e sempre que non se supere o trinta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 30 %.

c) Nos concellos enumerados na letra D do anexo II, a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico e coa utilización de máscara, de acordo co disposto no punto 1.4 do anexo I da presente orde. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de dez persoas de forma simultánea, sexan ou non conviventes, sen contar, de ser o caso, o monitor.

No caso da práctica da actividade física e deportiva non federada nas instalacións e centros deportivos pechados poderase realizar en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, coa utilización de máscara e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 50 %.

2. Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas durante un mínimo de 30 minutos ao inicio e ao remate de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e, obrigatoriamente, ao remate de cada clase ou actividade de grupo. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

3. Os vestiarios e zonas de ducha poderán usarse cunha ocupación de ata o 30 % da capacidade máxima permitida, e procederase á limpeza e desinfección despois de cada uso e ao final da xornada.

4. A práctica da actividade deportiva federada de ámbito autonómico, adestramentos e competicións, axustarase aos correspondentes protocolos Fisicovid-Dxtgalego aprobados.

5. As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes.

6. As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes.

No ámbito das competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que poidan implicar contacto que se realicen na Comunidade Autónoma de Galicia serán de aplicación as seguintes medidas:

a) Os equipos e deportistas galegos que participen nas ditas competicións deberán realizar os adestramentos e a competición en grupos de composición estable e, en todo caso, deberán realizar tests serolóxicos ou probas similares cada 14 días naturais.

b) A totalidade dos membros da expedición dos equipos e deportistas procedente doutras comunidades autónomas que se despracen á Comunidade Autónoma de Galicia para participaren nas ditas competicións deberán realizar tests serolóxicos ou probas similares en orixe polo menos entre 72 e 24 horas previas á celebración da proba/partido/competición.

Así mesmo, deberán comunicar con idéntica antelación ás autoridades sanitarias autonómicas a relación das persoas integrantes da expedición trasladada a Galicia, a data e a hora de chegada á Comunidade Autónoma galega e o lugar de aloxamento, así como o tipo de proba de detección de COVID-19 a que foron sometidas as ditas persoas.

As medidas previstas deben entenderse dentro do necesario respecto ás competencias das autoridades deportivas e sanitarias estatais, polo que serán aplicables sempre que resulten compatibles coas adoptadas polas ditas autoridades e mentres non existan medidas obrigatorias dimanantes delas que ofrezan un nivel de protección equivalente ou similar.

3.16. Centros, servizos e establecementos sanitarios.

1. Os titulares ou directores dos distintos centros, servizos e establecementos sanitarios, de natureza pública ou privada, deberán adoptar as medidas organizativas, de prevención e hixiene necesarias do seu persoal traballador e dos pacientes, co obxecto de aplicar as recomendacións emitidas nesta materia, relativas á distancia de seguridade interpersoal, ao uso de máscaras en sitios pechados de uso público, á capacidade, hixiene de mans e respiratoria, así como calquera outra medida que establezan as autoridades competentes.

2. Estas medidas deberán aplicarse na xestión dos espazos do centro, nos accesos, nas zonas de espera e na xestión das citas dos pacientes, así como na regulación de acompañantes ou visitas, tendo en conta a situación e actividade de cada centro. Para tal efecto, só se permitirá a presenza dunha persoa acompañante por usuario/a. Tamén se permitirá unha visita por paciente na UCI non COVID.

3. Así mesmo, adoptarán as medidas necesarias para garantir a protección da seguridade e saúde do seu persoal traballador, a limpeza e desinfección das áreas utilizadas e a eliminación de residuos, así como o mantemento adecuado dos equipamentos e instalacións.

4. Estarán obrigados a colaborar coas autoridades sanitarias e de política social nos labores de vixilancia, prevención e control da COVID-19.

3.17. Lonxas.

Nas lonxas deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no punto 1.4 do anexo I da presente orde.

3.18. Transportes.

1. As condicións de capacidade dos vehículos e embarcacións que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, isto é, o transporte en autobús –de carácter interurbano e urbano, sexa de uso xeral, de uso especial ou discrecional– e o transporte marítimo en augas interiores, quedan establecidas do seguinte xeito:

a) Nos vehículos e nas embarcacións que dispoñan de asentos poderase ocupar a totalidade dos asentos. Deberase manter a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita.

b) Nos vehículos e nas embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible e establécese como límite de ocupación máxima a dunha sexta parte das prazas de pé.

2. Como medidas adicionais aplicables aos modos de transporte establécense as seguintes:

a) Durante toda a duración do traxecto, cando esta sexa inferior a dúas horas, as persoas usuarias non poderán consumir alimentos no interior dos vehículos ou embarcacións e deberán, igualmente e na medida do posible, evitar consumir bebidas, conversar ou manter calquera outro contacto directo con outras persoas ocupantes do dito vehículo ou embarcación.

b) Na prestación de servizos colectivos regulares de transporte de viaxeiros de carácter interurbano de uso xeral, cando non estean autorizadas prazas de pé, e na prestación de calquera servizo de transporte marítimo en augas interiores da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia será obrigatoria a expedición de billete coa identificación do servizo concreto de transporte de que se trate e do vehículo ou da embarcación que o preste.

Igualmente, todos os anteriores vehículos e embarcacións deberán ter numerados os seus asentos de forma clara e visible para as persoas usuarias.

Naqueles servizos respecto dos cales non haxa unha asignación previa de asento, recoméndase ás persoas viaxeiras que anoten no seu billete o número de asento que ocupen e que o conserven durante os 14 días posteriores ao da viaxe.

c) As empresas concesionarias procurarán a máxima ventilación do vehículo, sen recirculación do aire, mantendo as fiestras abertas sempre que non se produzan correntes de aire.

Para tal efecto, os vehículos que realicen varias viaxes en diferentes quendas horarias deberán proceder á ventilación deste antes de cada quenda e, sempre que for posible, á súa limpeza e desinfección. En todo caso, realizarase como mínimo unha limpeza diaria, empregando produtos e procedementos previstos no plan de limpeza e desinfección.

d) Tanto as empresas concesionarias como as persoas usuarias observarán en todo momento as medidas de protección e o uso da máscara, e as demais medidas de prevención, evitando condutas como levantarse, interactuar, berrar, compartir obxectos, tocar superficies comúns ou outras condutas que poidan xerar risco de contaxio ou transmisión.

3. Nos desprazamentos en vehículo particular respectaranse as limitacións que se establezan nesta orde para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

Para tal efecto, serán de aplicación as seguintes regras:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II poderán desprazarse nun mesmo vehículo só as persoas conviventes, ben que estará permitido o desprazamento nun vehículo particular de persoas non conviventes que traballen xuntas e só para o traxecto de ida e volta ao centro de traballo, así como para que os menores poidan acudir a centros de ensino. Nestes casos, só se permitirán dúas persoas por fila de asentos e deberán usar todas máscara.

b) No resto dos concellos enumerados no anexo II respectaranse as limitacións para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial e deberase usar sempre máscara dentro do vehículo cando se trate de persoas non conviventes.

4. Nos concellos enumerados na parte A do anexo II, os taxis e vehículos VTC poderán prestar servizos de transporte para persoas conviventes, así como escolares, persoal sanitario, pacientes ou traballadores non conviventes; nestes casos poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo e procurarase, cando o nivel de ocupación o permita, a máxima separación entre as persoas usuarias. En todos os casos, será obrigatorio o uso da máscara.

No resto dos concellos poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo e procurarase, cando o nivel de ocupación o permita, a máxima separación entre as persoas usuarias. En todos os casos, será obrigatorio o uso de máscara.

3.19. Áreas de servizo para profesionais do transporte.

1. Ás áreas de servizo para profesionais do transporte resultaranlles aplicables as medidas establecidas no número 3.22.

2. Adicionalmente, co obxecto de posibilitar os descansos adecuados en cumprimento da normativa de tempos de condución e descanso, imprescindibles para poder levar a cabo as operacións de transporte, e facilitarlles aos transportistas profesionais un servizo de restauración, aqueles establecementos situados en centros loxísticos e nas áreas de servizo da Rede de estradas do Estado en Galicia, vías de alta capacidade e Rede primaria básica de estradas de Galicia que dispoñan de cociña, servizos de restauración ou expendedores de comida preparada poderán permanecer abertos alén das limitacións horarias establecidas no número 3.22, incluído o horario nocturno de acordo coa súa regulación específica, para os únicos efectos de dar cumprimento a esta finalidade.

Para o acceso a estes establecementos, neste caso, será obrigatoria a presentación da tarxeta de profesional do transporte CAP, a consumición no interior deberá realizarse de xeito individual e sentado e non se poderá realizar a venda ou dispensación de bebidas alcohólicas.

3.20. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais.

1. Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, tanto de titularidade pública como privada, situados nos concellos enumerados nas letras A, B e C do anexo II da presente orde, poderán realizarse actividades presenciais sen superar o trinta por cento da capacidade máxima permitida.

Nos concellos enumerados na letra D do anexo II da presente orde, as actividades presenciais poderán acadar unha capacidade máxima do cincuenta por cento da capacidade máxima permitida.

2. Este límite de ocupación será aplicable tamén á realización de actividades culturais nestes espazos e cun máximo de ata 10 persoas en interior e 20 no exterior nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, agás no caso de persoas conviventes.

3.21. Celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

A celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderá desenvolverse, sen superar o trinta por cento da capacidade permitida, con público, sempre que este permaneza sentado e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de persoas conviventes, cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas para lugares pechados e de cincocentas persoas, se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, nos concellos enumerados na letra D do anexo II, o límite máximo poderá chegar ás cincocentas persoas para lugares pechados e ás mil persoas, se se trata de actividades ao aire libre, sen superar o cincuenta por cento da capacidade permitida.

Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polas butacas e haberá unha planificación adecuada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no resto das instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, mesmo no caso de que se manteña a distancia de seguridade interpersoal nos termos previstos nas medidas hixiénico-sanitarias.

Nas butacas ou asentos preasignados, as persoas asistentes non poderán quitar a máscara.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

Deberá existir un rexistro de asistentes ao evento e custodialo durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

No caso de celebración de congresos, encontros, eventos e actos similares, se os asistentes non permanecen sentados en todo momento, solicitarase autorización á Dirección Xeral de Saúde Pública en que se comuniquen o evento, as datas, as actividades que se van realizar e as medidas concretas organizativas e de seguridade propostas para os riscos de contaxio.

En todo caso, nas actividades a que se refire o presente punto nas cales se pretenda superar as capacidades máximas previstas conforme cada nivel de restricións, a Dirección Xeral de Saúde Pública, logo de solicitude dos titulares ou promotores da actividade, disporá a realización dunha avaliación do risco para outorgar a autorización de acordo co disposto nas «Recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España», acordado na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. O prazo para realizar a avaliación do risco será de 10 días, sen prexuízo dunha revisión de oficio posterior, se a situación epidemiolóxica así o exixe.

3.22. Hostalaría e restauración.

1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde, os citados establecementos permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 22.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que os consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

b) Nos concellos enumerados na letra B do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar unicamente servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio e, así mesmo, de terraza co cincuenta por cento (50 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas exclusivamente para o servizo de ceas deberán cumprir os requisitos que se determinen para este caso nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata a 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

c) Nos concellos enumerados na letra C do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co cincuenta por centro (50 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén de servizo no interior cunha ocupación do 30 %. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas exclusivamente para o servizo de ceas deberán cumprir os requisitos que se determinen para este caso nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata a 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que os consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

d) Nos concellos enumerados na letra D do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co setenta e cinco por cento (75 %) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén de servizo no interior cunha ocupación do 50 %. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas exclusivamente para o servizo de ceas deberán cumprir os requisitos que se determinen para este caso nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata a 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

2. Naqueles supostos en que non se prevé como requisito necesario o uso dos dispositivos medidores de CO2 na Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, recoméndase a súa utilización na prestación de servizos de hostalaría e restauración, nas condicións establecidas na orde citada, co obxecto de garantir unha correcta ventilación dos locais. Esta recomendación entenderase sen prexuízo de que en ulteriores actualizacións da orde se poida establecer o uso destes medidores como requisito, no marco das condicións de ampliación de horario de peche e capacidade máxima que se establezan.

3. Para o cálculo das ocupacións, así como para a aplicación doutras medidas específicas, observaranse as medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura.

4. Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial.

Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II da presente orde, estes establecementos de restauración deberán limitar a súa actividade, nas condicións establecidas no número anterior, aos traballadores destes ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes.

Respectaranse as limitacións que se establezan e nos concellos enumerados na letra A do anexo II deberán ser todas conviventes ou persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo.

No caso de establecementos de hostalaría situados en centros educativos, aplicaranse as regras previstas nos parágrafos precedentes.

Estas regras non será aplicables aos comedores escolares, que se rexerán pola súa normativa específica.

3.23. Realización de procesos selectivos polas administracións públicas e entidades do sector publico.

A realización de procesos selectivos poderá desenvolverse, sempre que os asistentes permanezan sentados e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m en todas as direccións, cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas aspirantes.

Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polos asentos e haberá unha planificación adecuada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente. Organizaranse as entradas e saídas para evitar aglomeracións de persoas, tanto nos accesos como nas inmediacións, e distribuiranse proporcionalmente as persoas entre as portas dispoñibles.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no resto das instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, mesmo no caso de que se manteña a distancia de seguridade interpersoal nos termos previstos nas medidas hixiénico-sanitarias.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por un prazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e non se poderá empregar a función de recirculación do aire interior.

Deberá existir un rexistro de asistentes e custodialo durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

No caso de realización de procesos selectivos de máis de 250 aspirantes, ou se as probas non se realizan coas persoas sentadas en todo momento, solicitarase autorización á Dirección Xeral de Saúde Pública en que se comuniquen o evento, as datas, as actividades que se van realizar e as medidas concretas organizativas e de seguridade propostas para os riscos de contaxio.

A solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir xunto cun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade pola COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueles outros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

3.24. Especificidades para determinadas actividades turísticas, centros de interpretación e visitantes, aulas da natureza, casetas e puntos de información.

1. Poderán realizarse actividades de turismo ao aire libre, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico para grupos de ata un máximo de vinte persoas máis o monitor, sexan ou non conviventes, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

2. Nos centros de interpretación e visitantes, nas aulas da natureza, nas casetas e nos puntos de información da Rede galega de espazos protexidos e espazos similares, non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de dez persoas nas actividades grupais no interior ou vinte persoas nas actividades no exterior, sexan ou non conviventes. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.25. Centros de lecer infantil.

1. Os centros de lecer infantil poderán desenvolver a súa actividade nas condicións que a seguir se establecen.

2. Enténdense por centros de lecer infantil os establecementos abertos ao público que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, espazos de xogo e entretemento, así como á celebración de festas infantís.

Para tal efecto, cumprirán o protocolo aprobado pola Orde do 30 de xuño de 2020 pola que se restablece a actividade dos centros de lecer infantil e se aproba o Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, coas especialidades que a seguir se establecen:

a) Nos concellos indicados nas letras A e B do anexo II non se poderán desenvolver actividades no interior dos centros de lecer. Aqueles establecementos que dispoñan de terraza ou xardín exterior poderán utilizala para actividades dirixidas e obradoiros, cunha capacidade máxima do 30 %, e en grupos dun máximo de seis nenos/nenas por grupo.

Os nenos/nenas dun grupo non poderán interactuar cos que integren outros grupos.

b) Nos concellos indicados na letra C do anexo II, os centros de lecer infantil poderán desenvolver a súa actividade cunha capacidade máxima do 30 %, e en grupos dun máximo de dez nenos/nenas por grupo no exterior, e de seis no interior.

Os nenos/nenas dun grupo non poderán interactuar cos que integren outros grupos.

Só se poderán realizar actividades dirixidas e obradoiros, e só se permitirá o uso de inchables no exterior.

c) Nos concellos indicados na letra D do anexo II, os centros de lecer infantil poderán desenvolver a súa actividade cunha capacidade máxima do 50 %, e unha ratio de 1 monitor por cada dez participantes.

Os grupos serán de dez nenos/nenas nas actividades no exterior e de seis no interior.

Os nenos/nenas dun grupo non poderán interactuar cos que integren outros grupos.

3.26. Actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil.

Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil cando estas se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao cincuenta por cento da súa capacidade máxima, cun máximo de cincuenta participantes, excluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o cincuenta por cento da capacidade máxima do recinto, cun máximo de vinte e cinco participantes, excluídos os monitores.

As actividades deberán realizarse no interior en grupos de ata seis persoas participantes e no exterior en grupos de dez participantes, sexan ou non conviventes e excluídos os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos.

3.27. Uso das praias.

1. O concello respectivo deberá establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios. Para os efectos de calcular a capacidade máxima permitida por cada praia, considerarase que a superficie de praia que vai ocupar cada usuario será de, polo menos, catro metros cadrados.

2. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares nas zonas de estadía das piscinas e praias levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios. Deberá, ademais, respectarse o límite máximo de dez persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

3. Exceptúase o uso da máscara durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias.

3.28. Acuarios, establecementos e actividades zoolóxicas, botánicas ou xeolóxicas.

1. Os acuarios, establecementos e actividades zoolóxicas, botánicas ou xeolóxicas, soamente poderán realizar a súa actividade cun límite máximo do 30 % de ocupación nos concellos enumerados na letra B do anexo II da presente orde, e dun 50 % nos concellos enumerados nas letras C e D do citado anexo II.

Nos concellos enumerados na letra A do anexo I permanecerán pechados.

2. Nas actividades grupais respectaranse as limitacións de permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados que estean vixentes no respectivo ámbito territorial e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física. En todo caso, o uso de máscara será obrigatorio.

3. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a dita prestación deste axustarase ao previsto no punto 3.22.

3.29. Atraccións de feira.

1. Nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II da presente orde manterase o peche das atraccións de feira.

No caso dos concellos enumerados nas letras C e D do anexo II da presente orde, poderán iniciar a súa actividade cumprindo coas seguintes medidas:

a) Nos espazos en que se instalen atraccións de feira respectarase a distancia de seguridade interpersoal e as medidas hixiénicas exixibles a cada instalación ou actividade. Para tal efecto, nos espazos comúns de tránsito respectarase a ratio dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie útil, descontando a superficie ocupada polas estruturas instaladas.

b) Deberase sinalizar o espazo en que se desenvolvan as atraccións de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e saída, que deberán estar identificados con claridade.

c) A autoridade sanitaria local verificará o respecto da capacidade nos espazos comúns e adoptará as medidas necesarias para evitar aglomeracións.

d) Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas atraccións e postos instalados.

e) Tanto os asistentes como o persoal das atraccións deberán portar máscara de maneira obrigatoria e lembraráselles aos asistentes, por medio de carteis visibles e mensaxes de megafonía, a dita obrigatoriedade, así como as normas de hixiene e prevención que deben observar.

f) No caso das atraccións en que, polas súas características e configuración, quede garantido en todo momento o mantemento da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas usuarias, poderán ocuparse todas as prazas dispoñibles.

En caso contrario, naquelas atraccións que dispoñan de asentos, poderá ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal entre os ocupantes e reducirase ao cincuenta por cento o número de asentos de cada fila que se poidan ocupar, en caso de que esta distancia non se poida asegurar. Esta limitación non será de aplicación no caso de persoas conviventes. No caso de atraccións que non teñan asentos incorporados, a súa capacidade máxima será do trinta por cento da capacidade máxima da atracción.

g) Disporanse dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados en cada unha das atraccións.

h) Cada atracción deberá aplicar as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ao tipo de actividade, á frecuencia e ás condicións de uso polas persoas usuarias, prestando especial atención ás superficies de contacto directo. En todo caso, cada atracción someterase a unha limpeza ao remate de cada xornada de uso.

i) Non se permitirán as piscinas de bólas, por mor da dificultade da súa limpeza, e poderá dedicarse o espazo correspondente a outra actividade lúdica para o público infantil. Respecto das atraccións inchables, estarán permitidas ata un 30 % da súa capacidade.

2. Será de aplicación supletoria o previsto para as atraccións de feira na Orde do 30 de xuño de 2020 pola que se aproba o Protocolo en materia de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feira para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

4. Medidas especiais para determinadas actividades.

4.1. Adóptase a medida de peche temporal, durante o período a que se estende a eficacia da medida conforme o punto decimo primeiro da orde, das seguintes actividades, conforme as definicións contidas no anexo do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia:

I. Espectáculos públicos:

I.3. Espectáculos taurinos.

I.4. Espectáculos circenses.

I.6. Espectáculos feirais e de exhibición.

I.7. Espectáculos pirotécnicos.

II. Actividades recreativas:

II.3. Actividades de lecer e entretemento.

II.4. Atraccións recreativas.

III. Establecementos abertos ao público:

III.1. Establecementos de espectáculos públicos.

III.1.4. Circos.

III.1.5. Prazas de touros.

III.2. Establecementos de actividades recreativas.

III.2.1. Establecementos de xogo.

III.2.1.1. Casinos.

III.2.1.2. Salas de bingo.

III.2.1.3. Salóns de xogo.

III.2.1.4. Tendas de apostas.

Nos concellos enumerados na letra C do anexo II, os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o trinta por cento da súa capacidade permitida e ata as 23.00 horas.

Nos concellos enumerados na letra D do anexo II, os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o cincuenta por cento da súa capacidade permitida e ata as 23.00 horas.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de seis persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan actividades ou, na súa falta, para a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos na normativa vixente.

Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención, no caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, o réxime e horario de prestación deste servizo axustarase ao disposto para os establecementos de hostalaría neste anexo.

III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos.

III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos.

III.2.3.2. Parques acuáticos.

III.2.3.3. Salóns recreativos.

III.2.3.4. Parques multiocio.

III.2.7. Establecementos de lecer e entretemento.

III.2.7.1. Salas de festas.

III.2.7.2. Discotecas.

III.2.7.3. Pubs.

III.2.7.4. Cafés espectáculo.

III.2.7.5. Furanchos. A estes establecementos resultaranlles de aplicación as regras previstas no punto 3.22 do presente anexo.

4.2. Manterán o seu funcionamento con actividade lectiva presencial os seguintes centros educativos de réxime especial:

1º) Escolas oficiais de idiomas.

2º) Escolas de arte e superior de deseño.

3º) Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

4º) Escola Superior de Arte Dramática.

5º) Conservatorios de música.

6º) Conservatorios de danza.

7º) Escolas de música.

8º) Escolas de danza.

9º) Centros autorizados de deportes, centros autorizados de fútbol, centros autorizados de fútbol sala.

10º) Centros autorizados de artes plásticas e deseño.

11º) Centros autorizados de música e centros autorizados de danza, salvo que estean integrados en centros docentes que permanezan abertos e que limiten a súa actividade ao alumnado dos ditos centros docentes.

12º) Escolas de música privadas e escolas de danza privadas

4.3. A actividade ao público dos centros de interpretación e visitantes, das aulas da natureza, casetas e puntos de información da Rede galega de espazos protexidos levarase a cabo nas condicións establecidas no punto 3.24.

4.4. Nos centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e demais de natureza análoga permanecerá suspendida a súa actividade ao público agás nos concellos enumerados nas letras C e D do anexo II da presente orde, que poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao 50 % e se extremen as medidas de protección nas actividades de tipo grupal que se realizan neles, cun máximo de seis persoas sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía, para as actividades grupais. En todo caso, será obrigatorio o uso da máscara tanto en actividades individuais como grupais.

Permanecerán abertos, en todo caso, os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os ocupacionais, así como as casas do maior.

4.5. Aqueles centros de atención á infancia que se atopen regulados e inscritos de conformidade co previsto no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, poderán manter os seus servizos observando as normas de prevención hixiénico-sanitarias previstas nos seus protocolos e as previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

4.6. Mantense, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, o peche das actividades de festas, verbenas e outros eventos populares.

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Lobios

Mos

Pobra do Caramiñal (A)

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Moraña

Ordes

Ponte Caldelas

Ribeira

Viveiro

C) Concellos con nivel de restrición media.

Barco de Valdeorras (O)

Boiro

Bueu

Cambados

Cee

Cervo

Moaña

Monforte de Lemos

Ponteareas

Rianxo

Vilalba

Xove

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Bóveda

Boimorto

Boqueixón

Brión

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Cambre

Campo Lameiro

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gondomar

Gomesende

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Marín

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Noia

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Oleiros

Oroso

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Poio

Pol

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Ribadavia

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Santiso

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilanova de Arousa

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Xermade

Xinzo de Limia

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas»