Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99-Bis Venres, 28 de maio de 2021 Páx. 26689

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Para estes efectos debe terse en conta que, mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, se deu publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias.

Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de xeito puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

II

De conformidade co exposto, debe salientarse que a adopción das medidas recollidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Así resulta do informe da evolución da epidemia da Dirección Xeral de Saúde Pública do 26 de maio de 2021, do que se destacan os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, subiu lixeiramente por riba do 1 desde o 19 de maio, o que indica, de seguir a subir, que pode aumentar a transmisión da infección. As áreas de Santiago e Lugo xa superaron o 1. O resto de áreas, agás Ourense e Pontevedra, están próximas.

Do total de concellos de Galicia, 139 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 180. Isto supón un aumento en nove concellos a 14 días e unha diminución en cinco concellos a 7 días, a respecto de hai unha semana, que era de 130 e 185, a 14 e 7 días.

Entre o 14 de maio e o 20 de maio realizáronse 53.437 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (40.262 PCR e 13.175 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,45 %, un 14 % superior á observada entre o 8 e o 14 de maio, que era do 2,10 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 39 e 75 casos por cen mil habitantes, cun lixeiro aumento do 8 % a 7 días e co mesmo descenso a 14 días, a respecto de hai 7 días que era de 36 e 81 casos por 100.000 habitantes a 7 e 14 días, respectivamente.

Polo que respecta á evolución da incidencia acumulada a 14 días en Galicia, tendo en conta as medidas de restrición adoptadas en cada momento, obsérvase que despois de flexibilizar determinadas restricións, como as que afectan a hostalaría ou a mobilidade nocturna, a incidencia volve aumentar. Despois de aplicar medidas restritivas máis estritas (finais de xaneiro), obsérvase que o descenso da incidencia é moi acusado e rápido. O feito de manter as medidas restritivas por un longo período de tempo evitou a cuarta onda pero, a pesar diso, non hai un claro descenso da incidencia aos valores desexados, que estarían por debaixo dos 50 casos por 100.000 habitantes a 14 días e, neste momento, semella que van cara a un lixeiro descenso, pero non o suficientemente rápido, polo que sería preciso que, aínda que determinadas medidas, como as limitacións da capacidade ou o número de persoas que se poden reunir, se suavicen un pouco máis, convén facelo pouco a pouco, xa que a súa relaxación podería levar a un aumento da incidencia de casos.

Estes límites, especialmente os que limitan a mobilidade das persoas, ou mesmo a restrición en número de persoas que se poden reunir, ou se estas reunións só poderían ser entre conviventes, teñen especial importancia ante rebrotes en determinados concellos, xa que, cada vez que se aplican restricións, a incidencia diminúe ou baixa a cero, como aconteceu recentemente en determinados concellos como é o caso do concello de Cambados, que o día 9 de maio, momento en que pasou ao máximo nivel de restrición, presentaba unhas taxas de incidencia de 408 e 656 casos por 100.000 habitantes a 7 e 14 días, respectivamente, e, neste informe de hoxe, a redución observada é do 1.030 % a 7 días e do 264 % a 14 días, cunhas taxas a 7 e 14 días, respectivamente, de 36,4 e 189,5 casos por 100.000 habitantes. Igualmente, no concello de Lobios, que se mantería no nivel máximo, o día 22 de maio, cando entrou neste nivel, as súas taxas eran de 717,1 e 1.132,3 casos por 100.000 habitantes a 7 e 14 días, respectivamente; nos datos deste informe a redución observada é do 300 % a 7 días, cunha lixeira redución a 14 días, co 5,6 %. Esta redución a 7 días implica que, de momento, non están a aparecer casos novos, o que implica unha menor transmisión.

A tendencia diaria amosa, desde o 28 de decembro, tres tramos, con tendencia oposta, o primeiro crecente a un ritmo do 6,4 % ata o 24 de xaneiro e despois un primeiro decrecente cunha porcentaxe de cambio diario do -6,9 % e outro, desde o 1 de marzo, cun lixeiro ascenso, cunha porcentaxe de cambio diaria de 0,2 %, o que indica que, ben que se evitou a cuarta onda, a redución da incidencia non é a desexable, como xa se comentou.

Polo que respecta á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días están entre os 35,67 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 113,43 de Vigo; mentres que as taxas a 14 días superan os 100 casos por 100.000 habitantes na área de Vigo. A respecto de hai unha semana, aumentou a taxa a 14 días nas áreas de Santiago, Ferrol e Lugo. As taxas a 7 días aumentaron nas áreas de Santiago, Lugo e Vigo. No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 98,1, o que significa un descenso do -21,5 % a respecto de hai sete días; pola súa banda, a taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 3,6 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso tamén do -21,5 % a respecto de hai 7 días. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 27,7 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,0 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -18,1 % a respecto de hai sete días, tanto na media como na taxa.

Por outra parte, no referido á situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, debe indicarse que nos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), un presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, un menos que hai unha semana. Neste semana non hai ningún concello que supere os 500 casos por 100.000 habitantes. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), catro presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, tres menos que hai 7 días. Acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores de 500 casos por cen mil habitantes nun destes concellos, o de Lobios. No que atinxe ás comarcas, están no nivel alto as da Baixa Limia e A Mariña Occidental. Están no nivel medio as da Barbanza, Terra de Melide e Ordes (estas dúas últimas acaban de entrar neste nivel). A comarca do Morrazo leva tres días en nivel medio baixo e Fisterra, despois dun día de entrar no nivel medio, volveu descender ao nivel medio-baixo.

O informe conclúe que a taxa de incidencia a 14 días está a diminuír. Non obstante, o modelo de tendencia amosa un lixeiro ascenso, cunha porcentaxe de cambio diario do 0,2 %, a partir do 1 de marzo. O Rt no global de Galicia volveu ascender, aínda que lixeiramente, por riba do 1. A información do modelo de predición, que indica que a incidencia aumentaría lixeiramente a 7 e descendería, tamén lixeiramente, a 14 días, debe tomarse con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos. Ademais, a amplitude dos seus intervalos de confianza, especialmente a 7 días, indican que poderían darse todos os escenarios (estabilización, ascenso ou descenso da onda).

En resumo, a taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes e mesmo xa baixou dos 80 casos por cen mil habitantes. Só a área sanitaria de Vigo presenta unha incidencia superior aos 100 casos por cen mil habitantes. No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes hai dous concellos con taxas de incidencia iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes, ningún deles cunha taxa superior aos 500 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000 habitantes, hai cinco concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes, con dous deles cunha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cen mil habitantes.

Finalmente, o feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a británica, pode influír nun aumento da transmisión, especialmente se aparecen abrochos, ao cal se suma a aparición de novas variantes tamén máis transmisibles, como a P1 de Brasil e a de Suráfrica, e agora tamén a da India, aínda que, de momento, cos casos onde se illou rastrexados. Igualmente, detectáronse catro casos da variante B.1.526 (Nova York). Cómpre salientar que a cepa de Suráfrica escapa, en certa medida, á inmunidade da vacina de Oxford-AstraZéneca e o resto de variantes mesmo poden reducir a efectividade das vacinas, aínda que non totalmente.

Cómpre indicar que o criterio utilizado para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada cen mil habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

A análise da situación de cada concello complétase coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que, en concellos de escasa poboación, poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e, ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico analizarán as características específicas de cada gromo. Neste sentido préstase unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no máximo nivel de restrición o concello de Lobios, polas súas taxas de incidencia acumulada a 7 e 14 días. É certo que a súa taxa a 7 días diminuíu, xa que pasou de 715,1 a 178,8 casos por cen mil habitantes, o que indica que a situación deste concello está a mellorar. Non obstante, posto que soamente leva cinco días neste nivel (desde o día 22 de maio de 2021), é preciso agardar a que a súa situación epidemiolóxica se estabilice, o que require un período mínimo de 10 días.

Por outra banda, inclúense tamén no nivel de máximas restricións os concellos da Pobra do Caramiñal e Mos:

Polo que respecta á Pobra do Caramiñal, debe indicarse que, ben que é certo que aínda que o día 18 xa presentaba taxas de incidencia acumulada propias do nivel máximo de restricións, considerouse oportuno agardar a ver como evolucionaba a súa situación epidemiolóxica, xa que se estaba á espera do resultado dun cribado poboacional. Os datos actuais indican un empeoramento da súa situación, que aumenta as súas taxas a 7 e 14 días, de tal xeito que as taxas a 7 días pasaron de 257,6 a 311,2 casos por cen mil habitantes e as taxas a 14 días pasaron de 289,8 a 472,2 casos por cen mil habitantes, o que supón un incremento do 17,2 % nas taxas a 7 días e do 38,6 % nas taxas a 14 días desde o 18 de maio. A súa taxa a 7 días é a que impón a necesidade de incluír este concello no nivel máximo de restrición, xa que a taxa a 14 días tamén está moi preto do límite establecido.

En canto a Mos, debemos indicar que as súas taxas de incidencia acumulada determinan que este concello pase ao nivel máximo e, en consecuencia, se lle apliquen as medidas máis limitativas que prevé esta orde. Concretamente obsérvase un aumento significativo da incidencia desde o día 18 de maio, que pasa dos 133 e 212 casos por cen mil habitantes a 398 e 498 casos por cen mil habitantes nas taxas de incidencia acumulada a 7 e 14 días, respectivamente, o día 24 de maio, o que supón un incremento do 66,6 % e 57,4 % a 7 e 14 días, desde hai unha semana. A taxa a 14 días está ademais moi próxima aos 500 casos por 100.000 habitantes.

III

As medidas contidas nesta orde son necesarias, adecuadas e proporcionadas ao fin perseguido, que non é outro que o de controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade como a COVID-19, altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. A experiencia acumulada avala, ademais, que as medidas son eficaces e útiles para acadar o obxectivo proposto de protección da saúde pública e do sistema sanitario. Imperan na adopción destas os principios de prudencia e precaución que impregnan a regulación desta materia na lexislación sanitaria e téñense en conta as especificidades propias da Comunidade Autónoma: Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos ca noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, ao que se une o feito de que, como xa se indicou, aínda non se completou o proceso de vacinación e, polo tanto, non se acadaron aínda os índices de inmunidade desexables.

Particular mención exixe o establecemento de medidas máis restritivas nos concellos en que a situación epidemiolóxica presenta unha maior gravidade, cunha taxa de incidencia acumulada a 14 días de máis de 500 casos por cada cen mil habitantes ou cunha taxa de incidencia acumulada a 7 días de máis de 250 casos por cada cen mil habitantes e que se corresponden cos concellos que, de conformidade co anexo desta orde, quedan sometidos ao máximo nivel de restricións. A súa situación fai imprescindible adoptar un conxunto de medidas que se orientan a reducir ao máximo a interacción social, xa que só así se ten demostrado que é posible acadar a mellora das respectivas situacións epidemiolóxicas.

Con esta finalidade, unicamente neses concellos que presentan unha situación de maior risco e gravidade se prevé a aplicación conxunta de tres tipos de medidas máis restritivas:

Por unha banda, limítase a entrada e saída de persoas dos seus respectivos ámbitos territoriais, aínda que con certas excepcións, co obxecto de controlar a transmisión da enfermidade e conter a irradiación a outros lugares.

Por outra banda, limítase a mobilidade nocturna, de tal xeito que durante o período comprendido entre as 23.00 e as 6.00 horas unicamente se poida circular polas vías ou polos espazos de uso público para realizar as actividades que se determinan na orde. Debe terse en conta que boa parte dos encontros de risco teñen lugar en horario nocturno e a importante relaxación que se ten constatado neste horario no cumprimento das medidas estipuladas para evitar a transmisión do SARS-CoV-2. Neste sentido, así o constatou a exposición de motivos do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Por este motivo, a restrición da mobilidade nocturna naqueles concellos galegos que presentan unha situación de máximo risco considérase unha medida proporcionada cun potencial impacto positivo no control da transmisión, ao evitárense situacións de contacto de risco vinculadas a contornos sociais.

Por último, resulta necesario establecer tamén nos concellos sometidos ao máximo nivel de restricións limitacións da permanencia de grupos de persoas, que terán que estar conformados só por conviventes, tanto en espazos de uso público coma de uso privado, agás determinados supostos excepcionais e xustificados previstos na orde.

É importante destacar que as limitacións de mobilidade e de agrupacións de persoas non son limitacións absolutas, senón que a propia orde prevé diversos supostos que permiten excepcións na súa aplicación. O Auto nº 64/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior Xustiza de Galicia, no cal se ratifican medidas moi similares ás recollidas nesta orde, destacou a importancia da previsión de excepcións ás devanditas limitacións e sinalou que «a norma establece supostos excepcionais de mobilidade que constitúen un contrapeso á limitación xeral do dereito e que posibilitan no caso concreto a ponderación de bens xurídicos en conflito, polo que non se produce un sacrificio absoluto dos dereitos restrinxidos». Igualmente, indica que «se debe ponderar que a norma establece supostos excepcionais de mobilidade fóra do espazo perimetrado que constitúen un contrapeso á limitación xeral do dereito de libre circulación e que posibilitan no caso concreto a ponderación de bens xurídicos en conflito, polo que non se produce un sacrificio absoluto dos dereitos restrinxidos».

Cómpre insistir, ademais, en que a experiencia destes últimos meses constatou a eficacia da adopción conxunta das medidas limitativas da entrada e saída de determinados ámbitos territoriais, da mobilidade nocturna e das agrupacións conformadas soamente por persoas conviventes. Hoxe en día non é posible determinar tecnicamente o peso que ten cada unha delas individualmente considerada na consecución do fin perseguido, que non é outro que o de lograr mellorar a evolución da situación epidemiolóxica no ámbito territorial concreto en que se establecen. O que si está probado é que a adopción conxunta de todas elas resulta eficaz xa que, sempre que se acordou, mellorou a situación epidemiolóxica do correspondente ámbito territorial. É certo que son medidas especialmente restritivas, pero a súa aplicación queda reservada única e exclusivamente a aqueles concellos que se atopan na situación de máximo risco. Esta tese vén referendada pola propia doutrina científica que, en diferentes estudos realizados nos últimos meses, tratou de considerar de xeito diferenciado a efectividade das medidas de control da transmisión nos distintos sectores, coa finalidade de achegar datos que fosen de axuda na toma de decisións relativas á súa adopción, e advertiu que resulta extremadamente complicado extraer conclusións sobre a efectividade de medidas concretas debido a que na práctica foron implementadas conxuntamente.

Pola súa banda, e coa mesma finalidade de reducir a interacción social e o risco de transmisión, no resto dos concellos da Comunidade Autónoma e sen prexuízo das excepcións establecidas na orde, permítese a reunión de ata seis persoas en espazos pechados e de dez en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado. Esta medida supón unha flexibilización das limitacións de grupos de persoas vixentes ata este momento e debe analizarse no contexto de desescalada gradual en que nos atopamos, no cal hai que avanzar dando pequenos pasos que permitan consolidar as medidas que se adoptan e analizando os seus efectos para comprobar a súa incidencia na situación epidemiolóxica. Tamén se prevé para a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma (coa única excepción dos concellos que se atopan no máximo nivel de restricións, aos cales se lles aplican as medidas máis restritivas descritas anteriormente) que, no período comprendido entre a 1.00 e as 6.00 horas, as agrupacións de persoas queden limitadas unicamente a conviventes. A finalidade desta medida é suavizar os efectos derivados do decaemento das limitacións de mobilidade nocturna que rexían durante a etapa en que estivo vixente o estado de alarma mediante a adopción doutra medida menos restritiva, que non impide saír á rúa, pero coa que se limitan as interaccións sociais ao reducilas ao núcleo de convivencia xa que, con carácter xeral, se pode afirmar que as medidas de limitación das agrupacións de persoas van dirixidas a previr ou, polo menos, restrinxir numericamente a participación en reunións familiares ou sociais nas cales se aprecia un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, dado que habitualmente existe máis confianza e relaxación das medidas de seguridade, ao cal contribúe o feito de que acostuman desenvolverse fóra de ambientes protocolizados, como son os profesionais e laborais, en que está previsto o uso da máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio. Cómpre destacar ademais que segue sendo necesario, no momento actual, manter este tipo de medidas limitativas que proxectan os seus efectos durante o horario nocturno, dado que neste horario se une o fenómeno da maior relaxación no cumprimento das medidas estipuladas co feito da idade da poboación que aproveita maioritariamente ese horario, poboación que, precisamente por esa idade, aínda non está vacinada, polo que a medida resulta especialmente apta para evitar a difusión incontrolada do virus.

As limitacións de grupos de persoas son, ademais, medidas menos disruptivas das actividades esenciais, económicas, laborais e profesionais ca outras, como as limitacións á liberdade de circulación ou confinamentos, que deben aplicarse nas situacións de maior risco. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data.

Co obxecto de dar cumprimento ao mandato contido no artigo 38 ter.3 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que exixe unha especial xustificación da proporcionalidade das limitacións de dereitos fundamentais e liberdades públicas adoptadas, debe indicarse que as devanditas medidas son adecuadas, no sentido de útiles para conseguir o fin proposto de protección da saúde pública, xa que a experiencia amosa que este tipo de medidas, que son as que de forma xeral se están adoptando a nivel nacional e internacional para a contención da pandemia, son eficaces para controlar a transmisión e acadan os obxectivos de diminución de casos e mellora da situación epidemiolóxica cada vez que se acordan e manteñen durante o tempo necesario. Debe indicarse igualmente que a doutrina científica ditaminou que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19.

Son necesarias no sentido de que non existe outra medida alternativa menos gravosa para a consecución de tal fin con igual eficacia; debe indicarse ademais que, como xa se expuxo, naqueles supostos en que foi posible adoptáronse medidas alternativas de efecto equivalente e menos restritivas dos dereitos fundamentais, como é o caso das limitacións de grupos de persoas restrinxidas a conviventes entre a 1.00 e as 6.00 horas, ao considerar que teñen unha menor incidencia nos citados dereitos fundamentais ca as limitacións de mobilidade nocturna. Insistimos tamén en que unicamente existen evidencias científicas da eficacia das medidas que se recollen nesta orde, xa que son estas e non outras as que veñen aplicándose desde o inicio da pandemia.

As medidas son ponderadas e equilibradas por derivaren delas máis beneficios ou vantaxes para o interese xeral ca prexuízos sobre outros bens ou valores en conflito, atendidas a gravidade da inxerencia nos dereitos fundamentais e as liberdades públicas e as circunstancias persoais de quen as sofre. O control da pandemia e a mellora da situación epidemiolóxica, xunto coa protección do sistema sanitario, son bens superiores que, nun contexto como o actual, priman sobre determinados dereitos individuais que, aínda que se limitan, non son restrinxidos de forma absoluta e establécense excepcións que permiten o desenvolvemento, cando sexa necesario, de determinadas actividades de especial importancia, tal e como pode observarse ao analizar as excepcións que a propia orde determina ao regular as limitacións á entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais, as limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados e as limitacións da mobilidade nocturna.

Ademais, a adopción destas medidas require a necesaria garantía xudicial conforme o disposto no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Debe insistirse en que, de acordo co establecido na recente Sentenza do Tribunal Supremo nº 719/2021, a ratificación das medidas limitativas de dereitos fundamentais debe ser previa, de tal xeito que estas medidas non despregan efectos nin son aplicables mentres non sexan ratificadas xudicialmente. Tal e como se recolle no Auto nº 64/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior Xustiza de Galicia, que ratificou as medidas limitativas de dereitos fundamentais contidas na Orde do 21 de maio de 2021, «esta declaración do Tribunal Supremo á hora de interpretar o art. 10.8. da LXCA terá para o futuro influencia na desexable sincronía que deberá producirse entre a publicación da norma e o seu sometemento á ratificación xudicial, para evitar lapsos de tempo carentes de eficacia das medidas que se pretendan implementar e durante os cales perdesen hipoteticamente vixencia as anteriores medidas, se é que se agarda á caducidade para a súa novación ou renovación». Precisamente, coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no devandito auto e tendo en conta, polo tanto, que as medidas contidas na presente orde soamente poderán ser eficaces a partir da súa autorización xudicial, óptase por solicitar esta e agardar pola súa recepción para publicar a orde.

Finalmente, debe salientarse que, de acordo co disposto no punto sétimo, a eficacia das medidas adoptadas se estende por un período temporal concreto, desde o día seguinte ao da data de publicación da orde, que será posterior á súa autorización xudicial, ata as 00.00 horas do día 12 de xuño; sen prexuízo de que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas medidas sexan obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Concretamente, o artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, establece que, co obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas e locais, dentro do ámbito das súas competencias, poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación.

Pola súa banda, o artigo 38.ter.3 establece especiais exixencias de motivación que se deben observar no caso de se adoptaren medidas limitativas de dereitos fundamentais. A interpretación de ambos os preceptos, cuxa eficacia non está suspendida a consecuencia da interposición do recurso de inconstitucionalidade formulado polo Goberno español contra a lei autonómica, lévanos a concluír que é posible a adopción destas medidas restritivas por parte da Comunidade Autónoma.

A respecto desta cuestión, o propio Consello de Estado dixo no seu ditame sobre o recurso de inconstitucionalidade contra determinados preceptos da lei galega que a forza normativa dos feitos indica que, antes da actual epidemia e tamén durante esta, as autoridades sanitarias estatais e autonómicas adoptaron, ao abeiro da lei orgánica e sen fundamento na declaración do estado de alarma, medidas limitativas de dereitos fundamentais e liberdades públicas baixo o control da xurisdición contencioso-administrativa. Particularmente expresivo é o Consello de Estado cando, a respecto das medidas de limitación ou restrición da circulación ou da entrada e saída das zonas afectadas, establece que: «A «limitación ou restrición da libre circulación das persoas» está mencionada como unha das medidas susceptibles de adopción no marco do estado de alarma pola Lei orgánica 4/1981 (artigo 11.a). Esta medida non está expresamente recollida na Lei orgánica 3/1986 pero é indubidablemente unha «das medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou estivesen en contacto con estes e do ambiente inmediato» a que se refire o seu artigo 3.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e alcance

Constitúe o obxecto desta orde establecer medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais

1. Quedan restrinxidas a entrada e a saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, considerados individualmente, que se relacionan no anexo.

2. Quedan exceptuados das anteriores limitacións aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:

a) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

b) Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.

c) Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.

d) Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.

e) Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

f) Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.

g) Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.

h) Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.

i) Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.

j) Coidado de hortas e animais.

k) Asistencia a academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación.

l) Desprazamento a establecementos comerciais polo miúdo de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade en territorios limítrofes cando non exista alternativa no propio concello.

m) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

n) Adestramentos ou competicións de ámbito federado profesional ou non profesional permitidos nesta orde. Para estes efectos, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá establecer requisitos, condicións e limitacións aos desprazamentos correspondentes á actividade deportiva federada de ámbito autonómico.

ñ) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

3. Non estará sometida a ningunha restrición a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais, sen que resulten de aplicación as limitacións previstas no número 1.

Terceiro. Limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados

1. No territorio dos concellos que se relacionan no anexo, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados coma abertos ou ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes. Polo tanto, permítense unicamente as reunións familiares, sociais e lúdicas, de carácter informal non regrado, das persoas que pertencen ao mesmo núcleo ou grupo de convivencia, con independencia de que se desenvolvan ao aire libre, e no ámbito público ou privado, en locais pechados ou vehículos privados particulares.

2. No territorio dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia non incluídos no punto anterior limitarase a permanencia de grupos de persoas a un máximo de seis en espazos pechados e de dez en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes. No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo destas será de seis ou dez persoas en función de se se reúnen en espazos pechados ou abertos. Non obstante, nestes concellos entre a 1.00 e as 6.00 horas a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados coma abertos ou ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

3. As limitacións establecidas nos puntos anteriores exceptúanse nos seguintes supostos e situacións:

a) As persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada. Cada unidade de convivencia pode integrar soamente unha única persoa que viva soa.

b) A reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio.

c) A reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes.

d) A reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a persoas menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.

e) No caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

f) As actividades previstas no anexo da orde da Consellería de Sanidade pola que se establezan medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, vixentes en cada momento, respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes.

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Cuarto. Limitación da mobilidade nocturna

1. No territorio dos concellos que se relacionan no anexo, durante o período comprendido entre as 23.00 e as 6.00 horas, as persoas unicamente poderán circular polas vías ou polos espazos de uso público para realizaren as seguintes actividades:

a) Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.

b) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

c) Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.

d) Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.

e) Retorno ao lugar de residencia habitual, tras realizar algunhas das actividades previstas neste punto.

f) Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

h) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

i) Abastecemento en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.

2. Nos restantes concellos da Comunidade Autónoma de Galicia non resultará aplicable esta limitación.

Quinto. Actividade cinexética do xabaril e do lobo

1. Quedan exceptuadas das limitacións a entrada e saída de persoas dos ámbitos territoriais previstos no punto segundo, así como das restricións á permanencia de grupos de persoas en espazos públicos previstas no punto terceiro as accións de caza colectiva que se realicen exclusivamente sobre as especies cinexéticas do xabaril e do lobo, nos seguintes supostos:

a) Accións de caza sobre o xabaril de acordo coa planificación aprobada para a tempada de caza 2020/21 nos plans anuais de aproveitamento cinexético dos Tecor, e accións autorizadas especificamente en terreos de réxime cinexético común.

b) Accións de caza con ocasión de danos á agricultura ou á gandaría ocasionados polo xabaril e/ou o lobo, logo da súa comprobación por parte das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de ambiente.

c) Accións de caza como consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico.

2. En todo caso, durante o desenvolvemento destas accións de caza deberán cumprirse as condicións establecidas pola consellería competente en materia de ambiente, así como as medidas de prevención que adicionalmente poidan ser establecidas polas autoridades sanitarias.

Sexto. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía corresponderán aos respectivos concellos dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e os corpos de seguridade trasladarán as denuncias que formulen polo incumprimento das medidas de prevención ás autoridades competentes.

Sétimo. Autorización xudicial, publicación e eficacia

1. Solicitarase a autorización xudicial das medidas previstas nesta orde, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e procederase á publicación da orde unha vez obtida a referida autorización.

2. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación ata as 00.00 horas do 12 de xuño.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Concellos en que son aplicables as limitacións da entrada e saída
de persoas, limitacións específicas da permanencia de grupos de persoas
en espazos públicos ou privados e limitacións da mobilidade nocturna

1. Lobios

2. A Pobra do Caramiñal

3. Mos