Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124-Bis Xoves, 1 de xullo de 2021 Páx. 33649

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 1 de xullo de 2021 pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 adóptanse, mediante esta orde, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade. Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

A recente Sentenza do Tribunal Supremo número 719/2021, do 24 de maio, estableceu que as medidas limitativas de dereitos fundamentais non producen efectos nin son aplicables mentres non sexan ratificadas xudicialmente e aclarou que unicamente serán obxecto de ratificación as medidas que non están xa previstas, sexa pola lexislación sanitaria sexa pola de policía administrativa ou pola correspondente a outras materias. É o caso, entre outras, das disposicións relativas a horarios e capacidades en establecementos públicos, das actividades educativas, das que miran por preservar os espazos públicos e por impedir que neles se consuma alcohol, das que teñen por obxecto evitar a contaminación acústica ou doutra natureza e, en xeral, das dirixidas a manter a convivencia.

En vista do pronunciamento do Tribunal Supremo e para os efectos dunha mellor operatividade na tramitación das medidas, optouse por distinguir entre aquelas que precisaban da correspondente autorización xudicial previa e aquelas que non, diferenciando dous tipos de ordes.

Así, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, establecéronse medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ser necesaria nese momento a adopción de medidas limitativas de dereitos fundamentais.

II

De conformidade coa previsión contida no punto noveno da citada Orde do 25 de xuño de 2021, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nela deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Por conseguinte, a presente orde modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

A evolución da situación epidemiolóxica non require, tampouco neste momento, adoptar medidas limitativas de dereitos fundamentais que, en todo caso e de conformidade co exposto, están suxeitas á obtención da correspondente autorización xudicial previa.

Nesa liña, débese salientar que, en termos xerais, se mantén na Comunidade Autónoma a situación epidemiolóxica que motivou a adopción das medidas recollidas na Orde do 25 de maio, aínda que a concreta evolución da situación epidemiolóxica de determinados concellos mudou e cómpre acometer unha modificación da citada orde coa finalidade de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación.

De conformidade co disposto no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 30 de xuño de 2021, a adopción das medidas vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Destácanse os seguintes datos recollidos no dito informe:

No que atinxe á situación epidemiolóxica de Galicia, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, sitúase por riba do 1, entre o 1,2 e o 1,4, o cal indica un ascenso no nivel de transmisión en Galicia, en relación coa semana previa. Todas as áreas sanitarias, excepto a da Coruña, superaron o 1 e destaca a área de Vigo, cun Rt entre o 1,5 e o 2.

Do total de concellos de Galicia (N=313), 166 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 202. Isto supón un descenso en 3 concellos a 14 días e en 10 concellos a 7 días desde hai unha semana, que era de 169 e 212, a 14 e 7 días.

Entre o 18 e o 24 de xuño realizáronse 32.956 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (22.861 PCR e 10.095 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 2,51 %, superior á do período entre o 11 e o 17 de xuño, que era do 1,91 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 32 e 53 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados hai unha semana, en que eran de 21 e 41 casos por cen mil habitantes, respectivamente (ascenso do 34,4 % a 7 días e do 22,6 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, catro tramos, dous deles con tendencia oposta, primeiro crecente a un ritmo do 7,1 % ata o 27 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario (PCD) de -6 %, séguelle outro tramo de tendencia lixeiramente crecente, cunha PCD do 1 %, e o 22 de abril detéctase outro cambio en sentido decrecente cunha PCD do -1,2 %.

Respecto da situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días están entre os 31,94 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 75,09 da Coruña.

As taxas de incidencia a 14 días seguen a aumentar con respecto a hai 7 días. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes e a área de Pontevedra presenta taxas a 7 días superiores aos 40 casos por 100.000 habitantes. Todas as áreas aumentaron as súas taxas a 14 días e todas, excepto a da Coruña, aumentaron as taxas a 7 días, desde hai unha semana.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 33,3, o que significa un descenso do -12,4 % con respecto a hai 7 días. A taxa de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos é de 1,2 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do -12,4 % con respecto a hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 11,3 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,4 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -22,5 % con respecto a hai 7 días, tanto na media coma na taxa.

En relación coa situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, o informe indica que naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), só 1 presenta unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 0 do informe anterior, e sen superar os 500 casos por 100.000 habitantes.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 3 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, os mesmos que hai unha semana, e un máis que no informe do 6 de xuño. Un deles presenta taxas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por cen mil habitantes.

No que atinxe ás comarcas, as de Quiroga, Pontevedra e Chantada encóntranse no nivel medio e as de Sarria e Muros, no nivel alto.

O informe conclúe que a taxa de incidencia está a aumentar, tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosou un novo cambio cara ao ascenso, cunha porcentaxe de cambio diario aínda decrecente (-1,2 %), mais a semana previa a tendencia decrecente era do -2,3 %, polo que houbo un ascenso do 1,1 %. A Rt no global de Galicia está por riba do 1, entre o 1,2 e o 1,4.

O informe sinala que a información do modelo de predición indica que a incidencia aumentaría a 7 e a 14 días. Así mesmo, engade que como os intervalos de confianza seguen a ser amplos hai que tomala con cautela, xa que parte exclusivamente dos casos, polo que poderían darse todos os escenarios (estabilización, ascenso ou descenso da onda).

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 53 casos por cen mil habitantes (c/105h).Todas as áreas sanitarias, menos a da Coruña, aumentaron as súas taxas a 7 días e todas aumentaron as taxas a 14 días.

O informe destaca que o feito de que a cepa que está a circular, fundamentalmente, sexa a cepa alfa pode influír nun aumento da transmisión, ao cal se suma a aparición de novas variantes como a P1 gamma e a beta e agora tamén a delta, aínda que de momento os casos onde se illou están ben trazados, pero tamén son máis transmisibles.

Debe salientarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España, e que no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, ao cal se une o feito de que, como xa se indicou, aínda non se completou o proceso de vacinación e, polo tanto, non se acadou a porcentaxe de inmunidade desexable, aínda que esta cobertura está a aumentar cada vez máis, especialmente na poboación máis maior, que é a que presenta as coberturas máis amplas, que nos grupos máis avellentados son moi elevadas.

Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes do virus que poidan ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais.

En consecuencia, á vista destes datos e das citadas circunstancias, o informe realiza determinadas propostas no que atinxe aos niveis de restricións de determinados concellos.

Así, respecto do concello de Carnota, aínda que presenta taxas superiores a 500 casos por 105 habitantes polo que lle correspondería o nivel máximo de restricións, proponse establecer o nivel alto dado que os casos parecen estar xa trazados. Respecto do concello de Sarria, polo tempo que leva e polas súas taxas, recoméndase tamén manter o nivel alto de restricións.

Situaríanse no nivel medio de restricións os concellos de Cambre, polas súas taxas e por non levar tempo suficiente neste nivel medio para garantir o mantemento dunha evolución positiva; Barro, polas súas taxas de incidencia (154,5 a 14 días); Cambados, polas súas taxas nos últimos 7 días e por ter aínda casos en investigación; Pontevedra, polas súas taxas (93,7 e 112,9 a 7 e 14 días); Vilaboa, polas súas taxas a 7 días; Vilanova de Arousa, polas súas taxas a 7 días e porque aínda hai casos que non están trazados; Oia, polas súas taxas a 7 e 14 días; Castroverde, porque aínda non leva tempo abondo neste nivel para garantir o mantemento dunha evolución positiva, e polas taxas a 14 días, aínda que presenta moi boa evolución cun único caso a 7 días, e Poio, polas súas taxas (111,3 e 193,3 a 7 e 14 días) e por non levar tempo suficiente neste nivel para garantir o mantemento dunha evolución positiva.

O resto de concellos de Galicia encóntrase no nivel medio-baixo de restricións con base nos criterios epidemiolóxicos aplicados.

Finalmente, tamén se introducen dúas modificacións puntuais nos números 3.15 (instalacións deportivas) e 3.27 (praias e piscinas de uso recreativo) do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021, co obxecto de unificar criterios no que atinxe ao uso de duchas e vestiarios nesas actividades.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día 3 de xullo de 2021 e estenderase durante o período en que se manteña a da Orde do 25 de xuño de 2021 o cal modifica, sen prexuízo do seguimento e avaliación continua a que está sometida, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto 3 do número 3.15 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. O uso de duchas e lavapés ao aire libre limitarase a unha persoa por dispositivo, sempre que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal, agás no caso de menores ou persoas que precisen asistencia, as cales poderán contar co seu acompañante. No caso de zonas de ducha en instalacións pechadas, poderase usar o 50 % delas, teñan ou non cabina.

Respecto do uso de vestiarios e aseos en todas as instalacións, poderase utilizar o 100 % naqueles que dispoñan de cabinas, ou o 50 % se non dispoñen delas».

Dous. Modifícase o punto 5 do número 3.27 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«5. O uso de duchas e lavapés ao aire libre limitarase a unha persoa por dispositivo, sempre que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal, agás no caso de menores ou persoas que precisen asistencia, as cales poderán contar co seu acompañante. No caso de zonas de ducha en instalacións pechadas, poderase usar o 50 % delas, teñan ou non cabina.

Respecto do uso de vestiarios e aseos en todas as instalacións, poderase utilizar o 100 % naqueles que dispoñan de cabinas, ou o 50 % se non dispoñen delas».

Tres. Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Segundo. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 3 de xullo.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

...

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Sarria

Carnota

C) Concellos con nivel de restrición media.

Barro

Cambados

Cambre

Castroverde

Oia

Poio

Pontevedra

Vilaboa

Vilanova de Arousa

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Barreiros

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Boiro

Bola (A)

Bolo (O)

Bóveda

Boimorto

Boqueixón

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Campo Lameiro

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gondomar

Gomesende

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Marín

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Noia

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oímbra

Oleiros

Ordes

Oroso

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Pobra do Caramiñal (A)

Pol

Ponteareas

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Santiso

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Sarreaus

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas»