Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169-Bis Xoves, 2 de setembro de 2021 Páx. 43698

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 1 de setembro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se mantén a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e se substitúe por unha regulación transitoria e provisional.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual, o que se fixo mediante a Orde do 1 de xullo de 2021.

Posteriormente, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do 24 de xullo de 2021, e mediante a Orde do 15 de xullo de 2021 modificáronse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Mediante a Orde do 22 de xullo de 2021 acometeuse unha nova prórroga e modificación da Orde do 25 de xuño. Tamén se modificou a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O anexo II da Orde do 25 de xuño volveu ser modificado mediante as ordes do 29 de xullo e do 5 agosto de 2021, e esta última prorrogou a eficacia da primeira.

Pola súa banda, mediante a Orde do 13 de agosto de 2021, suspendeuse expresamente a exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista na Orde do 25 de xuño e substituíuse esta obriga por unha regulación transitoria e provisional, á espera do pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a autorización da exixencia dos certificados anteditos. A dita autorización foi denegada mediante o Auto 97/2021 da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Posteriormente, mediante a Orde do 16 de agosto de 2021 modificouse o anexo II da Orde do 25 de xuño para adaptalo á situación derivada da evolución da pandemia.

Así mesmo, mediante a Orde do 20 de agosto de 2021 prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do día 4 de setembro. Nesta orde, á espera dunha resolución xudicial firme que se pronunciase sobre a autorización da medida da exixencia do certificado, mantíñase a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos e actualizábase a regulación transitoria e provisional ditada en substitución da referida obriga, coa finalidade de adaptala á evolución favorable da situación epidemiolóxica. Incluíanse ademais na dita orde determinadas modificacións da Orde do 25 de xuño, cuxa finalidade era adaptala á evolución favorable da situación epidemiolóxica.

A continuación, mediante as ordes do 25 e do 27 de agosto de 2021 introducíronse novas modificacións do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 co obxecto de reflectir nel as variacións na evolución da situación epidemiolóxica experimentadas en distintos concellos da Comunidade Autónoma.

Unha vez sentado o anterior, débese destacar que, en termos xerais, malia a evolución favorable, mantense na Comunidade Autónoma a situación epidemiolóxica que motivou a adopción das medidas recollidas na citada Orde do 25 de xuño; por este motivo óptase, na presente orde, por prorrogar a eficacia daquela ata as 00.00 horas do día 18 de setembro de 2021 e modificar o seu anexo II coa finalidade de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación.

Por outra banda, e dado que aínda non existe un pronunciamento xudicial firme sobre a medida consistente na exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos, mantense neste orde, á espera do dito pronunciamento, a suspensión da súa exixencia, así como o réxime provisional e transitorio establecido en substitución da dita obriga e recollido nos puntos terceiro, cuarto, quinto e sexto da Orde do 20 de agosto de 2021.

II

A adopción das medidas contidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma. Así resulta do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 1 de setembro de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo do 1, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas sanitarias están por debaixo do 1.

Do total de concellos de Galicia (313), 49 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 82. Isto supón un aumento en 9 concellos a 14 días e en 11 concellos a 7 días desde hai unha semana, que era de 40 e 71, a 14 e a 7 días.

Entre o 17 e o 23 de agosto realizáronse 57.567 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (36.214 PCR e 21.353 tests de antíxenos), cunha porcentaxe de positividade a sete días do 8,6 %, o que supón un descenso do 8,4 % a respecto de entre o 9 e o 16 de agosto, que era do 9,4 %.

A incidencia acumulada a 7 e a 14 días é de 115 e 260 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados hai unha semana, en que eran de 145 e 325 casos por cen mil habitantes, respectivamente (descenso do 21 % a 7 días e do 20 % a 14 días). A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, catro tramos, primeiro crecente a un ritmo do 0,6 % ata o 1 de marzo, e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diaria de -2,1 %, séguelle outro tramo de tendencia lixeiramente crecente, cunha porcentaxe de cambio diaria do 10,4 % e o 21 de xullo detéctase outro cambio en sentido decrecente cunha porcentaxe de cambio diaria do -3,7 %.

En canto á evolución por grupos de idade, obsérvase que a incidencia acumulada por grupos de idade está a descender en todos os grupos máis novos, agás nos de 12 a 19 anos, en que se observa un descenso menor e non á mesma velocidade que o descenso anterior. Os grupos maiores de 60 anos ou se estabilizan, incluído o de 80 e máis anos, ou descenden, pero lentamente.

Polo que respecta á situación das áreas sanitarias, indícase que as taxas a 14 días das áreas están entre os 159,17 casos por cen mil habitantes de Pontevedra e os 369,57 de Lugo. As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto ás de hai 7 días. Non obstante, as taxas a 14 días aumentaron nas áreas de Santiago, Lugo e Ourense. As taxas de incidencia acumulada a 7 días aumentan nas áreas sanitarias de Santiago e Lugo; nas áreas sanitarias de Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo están por debaixo dos cen casos por cen mil habitantes. No que atinxe á evolución da incidencia por grupos de idade e por áreas sanitarias, establécese que na Área Sanitaria de Santiago semella que se estabiliza o aumento na incidencia nos grupos de 0 a 29 anos e obsérvase unha estabilización nos demais grupos de idade. Na Área Sanitaria de Lugo aumentan todos os grupos de idade, especialmente os de 0 a 29 anos. Na Área de Ourense parece que se estabiliza o descenso en todos os grupos de idade, agás un lixeiro aumento nos de 0 a 14 anos.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes coa COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 193,4, o que significa un descenso do 16,5 % con respecto aos datos de hai sete días. A taxa de pacientes coa  COVID-19 en hospitalización de agudos é de 7,2 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do 16,5 % con respecto aos datos de hai 7 días. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 51,3 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,9 ingresados por cen mil habitantes, o que supón un descenso do 14,5 % con respecto aos datos de hai sete días, tanto na media como na taxa.

En canto ao número de ingresos por grupo de idade, saliéntase que o grupo de idade de 15 a 64 anos é o que presenta máis ingresos, pero os grupos de idades máis avanzadas, especialmente os de 80 e máis anos, presentan un importante número de ingresos, que se explica porque ante incidencias elevadas, como as actuais, este grupo de idade ten risco de enfermar de gravidade, a pesar da vacinación, xa que os maiores teñen máis probabilidade de non desenvolver anticorpos de xeito igualmente eficiente que os máis novos debido á senescencia do seu sistema inmune.

Pola súa banda, as defuncións acumuladas pola COVID-19 seguen a aumentar, pero máis amodo, aínda que a onda está a descender, debido a que tanto as hospitalizacións como as defuncións levan un atraso con respecto á incidencia de casos.

Polo que respecta á situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, destácase que nos concellos con poboación igual ou maior de dez mil habitantes, 3 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 32 do informe anterior, o que supón un descenso en 29 concellos. Dous superan os 500 casos por cen mil habitantes. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes, 68 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 104 de hai unha semana, o que supón un descenso en 36 concellos. Deles, 22 presentan taxas axustadas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por cen mil habitantes, 8 máis que hai unha semana, pero hai que ter en conta o tamaño de poboación destes concellos, xa que 11 deles teñen menos de 2.500 habitantes. No que atinxe ás comarcas, estarían no nivel máximo as comarcas de Viana, Terra de Trives, A Ulloa, Terra de Lemos, Terra de Melide, Ordes e Arzúa.

En canto ás variantes do virus SARS-CoV-2, o informe recolle que desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, CHUVI, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 33/2021 (do 16 ao 22 de agosto) a porcentaxe de positividade para a posible variante Alfa foi dun 1 % (IC95 %: 0-2 %) e para a variante Delta foi do 97 % (IC 95%: 96-98 %). Polas diferenzas nas fraccións de mostraxe entre áreas sanitarias, a prevalencia axustouse ao número de casos en cadansúa área, que é notablemente diferente á prevalencia sen axustar 97 % (IC95 %: 96-98 %) e 1 % (IC95 %: 0-2 %) para as variantes Delta e Alfa, respectivamente. Ata a semana 32, incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse 953 casos da variante Alfa con secuenciación completa; 42 casos da variante Beta (B.1.351 ou surafricana); 82 casos da variante Gamma (P1 ou brasileira); 555 casos da variante Delta (B.1.617.2 ou india). Ademais das VOC, tense constancia de 3 mostras coa variante Eta (B.1.525 ou nixeriana); 9 mostras coa variante Iota (B.1.526 ou de Nova York); 21 mostras coa variante Lambda (C.37) e 51 mostras con variante B.1.621 (colombiana).

O informe conclúe que a taxa de incidencia diminúe tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosa o descenso cunha porcentaxe de cambio diaria do -3,7 %. O Rt no global de Galicia segue por debaixo do 1, o mesmo que en todas as áreas sanitarias. A información do modelo de predición indica que a incidencia vai diminuír tanto a 7 como a 14 días, aínda que a 14 un pouco máis lixeiramente.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 260 casos por cen mil habitantes. As áreas sanitarias de Santiago e Lugo aumentaron as súas taxas a 7 días a respecto da semana previa. A 14 días fano as áreas de Santiago, Lugo e Ourense.

En canto á evolución da incidencia por grupos de idade e área sanitaria, obsérvase que segue o aumento nos grupos de idade de 0 a 29 anos na Área de Santiago, aínda que semella unha estabilización. Na Área de Lugo aumentan todos os grupos de idade, especialmente os de 0 a 29 anos.

No que atinxe aos concellos de máis de dez mil habitantes, xa aplicando o axuste de taxas, hai 3 concellos con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de dez mil habitantes hai 68 concellos que superen unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes. Isto supón un descenso importante a respecto de hai unha semana.

Neste momento, a variante Delta (india) segue a ser a prevalente e pódese considerar que é a que circula, xa que a Alfa ten unha prevalencia do 1 %. A maior transmisibilidade da variante Delta explica, entre outros posibles motivos, a alta incidencia, especialmente nos máis novos, que son os que teñen unha maior mobilidade.

Cómpre indicar que o criterio que se vén utilizando para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada 100.000 habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

Desta maneira, establecéronse os seguintes niveis de restricións: nivel de restricións máximo, alto, medio e medio-baixo. Atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 14 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos con taxas por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos con taxas que se atopen entre os 150 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes; no alto, os concellos con taxas que se atopen entre os 250 e por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 7 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos que se atopen por debaixo dos 75 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos que se atopen entre os 75 e por debaixo dos 125 casos por cada 100.000 habitantes; no nivel alto, os concellos que se atopen entre os 125 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

A taxa de incidencia acumulada non é o único criterio que se ten en conta para determinar o nivel aplicable a cada concello, xa que este dato se modula en función doutros factores e da análise da situación do propio concello. Así, o criterio da incidencia vese completado coa consideración de criterios demográficos (pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto). Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo. Neste sentido, vénse prestando unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

Actualmente, o avance da campaña de vacinación masiva está a conseguir protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, e mentres non se alcance a inmunidade de grupo, é necesario seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e de capacidade do sistema asistencial.

Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, foi necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación. Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario en que nos atopamos, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova e na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes.

Neste sentido, saliéntase que dous terzos dos casos se están a dar entre os 15 e os 39 anos de idade e que existe un menor risco de padecer a enfermidade grave nesas franxas de idade. Na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan axustar as taxas de incidencia acumulada mediante a aplicación dun factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario, xa que a situación da carga asistencial hospitalaria é, neste momento, de 3,2 e 0,6 ingresos por 100.000 en hospitalización de agudos e en unidades de críticos, respectivamente, a pesar das taxas de incidencia elevadas que se están a observar. Isto indica que a onda ten un menor impacto nos ingresos pola COVID-19, o que se atribúe aos factores aludidos de vacinación dos maiores e á idade dos casos.

Para o axuste, calculouse un factor de corrección que se interpreta como o risco relativo de ingreso no período comprendido entre agosto de 2020 e marzo de 2021 (período de referencia) comparado co momento actual. Este factor é superior a 1, debido á vacinación e á diferente distribución por idade dos casos, que actualmente se concentran fundamentalmente na poboación de 15 a 29 anos. Para axustar a incidencia a 7 e a 14 días dos concellos, divídese a taxa bruta polo factor de corrección.

O factor de corrección calcúlase, para cada día, como o cociente entre a taxa bruta de ingresos nos últimos 28 días e a taxa axustada por idade, aplicando o método directo e usando como poboación estándar o número de casos do período de referencia.

A taxa bruta de ingresos a 28 días é a porcentaxe de casos que ingresaron entre os casos con diagnóstico por PCR ou tests de antíxenos acumulados nos últimos 28 días. As taxas específicas de ingreso por idade calcúlanse do mesmo xeito, pero no grupo de idade correspondente.

A taxa axustada de ingresos calcúlase aplicando as taxas específicas de ingreso por idade a 28 días á poboación de referencia. A suma dos valores obtidos por idade divídese entre o total de casos do período de referencia (97.996) e o resultado interprétase como a porcentaxe de casos que terían ingresado se tivesen a mesma distribución por idade ca no período de referencia (taxa de ingresos axustada).

A cada un dos distintos niveis de restrición seranlle de aplicación as medidas xerais e específicas previstas para cada caso nas disposicións vixentes, aprobadas polas autoridades sanitarias competentes, tendo en conta, ademais, que actualmente está cientificamente constatado que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19, medidas que se poderán ir suavizando na súa aplicación en vista da situación epidemiolóxica no territorio e do aumento da cobertura vacinal.

Debe destacarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España.

Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes do virus que poidan ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais. Ademais, a circulación da variante Delta pode facer que haxa escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas e certo escape nas completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible ca a variante Alfa.

Non obstante, estas medidas aplicaranse con criterios epidemiolóxicos, pero tamén de proporcionalidade, e estarán en vixencia só durante o tempo preciso para asegurar que a evolución desta situación epidemiolóxica é boa e que se está a cortar a transmisión, que é o obxectivo destas medidas.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no nivel máximo de restriccións os concellos de Ordes e Monforte de Lemos, polas súas taxas axustadas a 7 e a 14 días. Nestes dous concellos a situación epidemiolóxica continúa sen ser boa, aínda que se observou unha lixeira melloría. Pola súa banda, acórdase que o concello de Melide ascenda ao nivel máximo desde o alto actual, tal como indican as súas taxas axustadas a 7 e a 14 días. Este concello, por mor das festas, experimentou un aumento na incidencia dos concellos veciños, incluso doutras provincias. Ademais, dado o empeoramento da súa situación epidemiolóxica, considérase preciso o seu ascenso a este nivel co obxectivo de controlar o aumento na incidencia de casos e que continúe a afectar os concellos limítrofes, sobre os cales ten unha elevada influencia económica e de actividades mercantís e de lecer.

Polo que respecta ao nivel alto de restricións, acórdase manter neste nivel os concellos de Trazo, A Pastoriza, Castro de Rei, O Saviñao e Viana do Bolo, xa que, aínda que as súas taxas de incidencia acumulada a 7 e a 14 días son propias do nivel máximo, en todos eles a incidencia descendeu nos últimos 7 días, polo que se considera que o nivel alto de restricións, no cal xa se atopaban, podería ser suficiente para controlar os abrochos que alí se están a desenvolver. Ademais, en todos eles, os casos forman parte de abrochos controlados. Tamén debe permanecer no nivel alto de restricións o concello de Muxía, aínda que a súas taxas a 14 días son propias do nivel máximo, xa que este concello está a amosar unha boa evolución da súa situación epidemiolóxica, cun descenso claro da súa incidencia nos últimos 7 días. Igualmente, mantéñense no nivel alto, tal como indican as súas taxas axustadas a 7 e a 14 días, os concellos de Cee, Cerceda, Ares, Meira e A Cañiza. Todos estes concellos presentan unha boa evolución da súa incidencia, aínda que non o suficientemente rápida como para poder descendelos a niveis inferiores.

Ascenden ao nivel alto os seguintes concellos, actualmente no nivel medio-baixo: Curtis, Agolada, Arzúa, O Pino, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei e A Pobra de Trives, xa que, aínda que as súas taxas a 7 e/ou 14 días son propias do nivel máximo, o aumento da incidencia se debe a gromos relacionados coas festas de Melide (como é o caso de Curtis, Agolada, Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei) ou a gromos de orixe controlada debidos a reunións familiares, sendo a fonte do gromo, en moitos deles, de fóra do propio concello.

Tamén ascenden ao nivel alto os concellos de Lalín e Vilalba, debido á súa taxa a 7 días. Nos dous concellos houbo un aumento explosivo da incidencia nos últimos 7 días. Os casos estanse a dar principalmente en xente nova, debido á súa asistencia a festas, tanto dentro do seu concello como fóra del.

Por outra banda, mantéñense no nivel medio de restricións, tal como indican as súas taxas a 7 e a 14 días, os concellos da Coruña, Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Oleiros, Oza-Cesuras, Santa Comba, Silleda, Ourense e Ponteareas.

Tamén se manteñen neste nivel medio, pola súa taxa a 14 días, os concellos de Verín, Bueu, Sanxenxo, Gondomar e Redondela. A pesar de que a situación epidemiolóxica destes concellos nos últimos 7 días mellorou, considérase preciso mantelos neste nivel ata asegurar que a redución na súa incidencia está consolidada.

Igualmente, permanecen no nivel medio de restricións, aínda que as súas taxas a 7 e/ou a 14 días son propias do nivel alto, os concellos de Corcubión, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Zas, Ferrol, Chantada, Lugo, Outeiro de Rei e Pazos de Borbén. En todos eles a incidencia está a diminuír, aínda que sen acadar as taxas propias do nivel medio; porén, dado que a evolución da súa situación epidemiolóxica é boa, considérase que este nivel medio en que xa se atopan é suficiente para controlar a situación.

Por outra banda, mantense no nivel medio de restricións o concello da Rúa xa que, aínda que as súas taxas son propias do nivel medio-baixo, a súa taxa a 14 días está no límite do nivel medio; ademais, este concello ten algún caso sen vínculo epidemiolóxico e leva só uns días no nivel alto, polo que se considerou preciso mantelo neste nivel medio para asegurar que o descenso de casos está consolidado.

Tamén se propón manter neste nivel medio, no que está actualmente, e non descendelo ao nivel medio-baixo, tal como indican as súas taxas, o concello de Poio. Neste concello a súa taxa a 7 días está próxima ao límite do nivel medio. Ademais, a súa situación epidemiolóxica tardou en evolucionar favorablemente, polo que se considera máis oportuno mantelo neste nivel e asegurar que a evolución favorable da súa incidencia se consolide.

Ascenden ao nivel medio de restricións os concellos de Boimorto, Frades, Santiso, Baralla e Cospeito xa que, aínda que as súas taxas a 7 e/ou a 14 días son propias do nivel máximo, son concellos pequenos ou non moi grandes en que poucos casos aumentan rapidamente a súa incidencia. Ademais, os casos están asociados a gromos de orixe controlada. Polo tanto, considérase que, polo de agora, este nivel pode ser suficiente para o control do aumento da súa incidencia. Manteranse en vixilancia para observar a súa evolución, por se é preciso aumentalos de nivel.

Por outra banda, a pesar de que as súas taxas axustadas a 7 e/ou a 14 días son propias do nivel alto, tamén ascenden ao nivel medio de restricións os concellos de Muros, Tordoia e Taboada, xa que nestes concellos ou ben as taxas a 7 días están próximas ao nivel medio ou ben neles están a desenvolverse gromos cuxa fonte ten orixe coñecida e, polo de agora non parece que exista transmisión comunitaria sostida, polo que se propón este nivel ata coñecer a evolución da súa incidencia. Tamén ascenden a este nivel os concellos de Aranga e Noia, tal como indican as súas taxas a 7 e 14 días; a evolución da súa situación epidemiolóxica amosou un empeoramento nos últimos 7 días.

Descenden ao nivel medio de restricións os concellos de Camariñas e Fisterra, aínda que as súas taxas a 14 días son propias do nivel alto actual, debido a que a súa taxa a 7 días xa é de nivel medio, cunha evolución da súa incidencia a 7 e a 14 días en descenso e cunha razón de taxas a 7 días por debaixo do 1, o que indica a non aparición de casos novos. Tal como indican as súas taxas a 7 e a 14 días, tamén descenden a este nivel medio de restricións, desde o nivel alto actual, os concellos de Betanzos, O Barco de Valdeorras e Nigrán.

Finalmente, descenden ao nivel medio-baixo de restricións os concellos de Rábade, Cariño e Sober, desde o nivel alto actual, e os concellos da Veiga, Coirós e A Lama, desde o nivel medio actual, xa que evolucionan favorablemente con rapidez, presentando taxas a 7 días propias do nivel medio-baixo.

O resto de concellos de Galicia inclúese no nivel medio-baixo de restricións.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de setembro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. Mantemento da suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e substitución por unha regulación transitoria e provisional

1. Mantense a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nos números 3.22, III.2.1 e III.2.7 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, así como no número 4.1 do anexo da Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

2. A exixencia desta documentación substitúese pola regulación transitoria e provisional prevista nos puntos terceiro, cuarto, quinto e sexto da Orde do 20 de agosto de 2021, pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se mantén a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e se substitúe por unha regulación transitoria e provisional.

3. Sen prexuízo do indicado, as autoridades sanitarias, coa finalidade de compatibilizar o desenvolvemento das correspondentes actividades coa seguridade sanitaria e asegurar un nivel elevado de protección da cidadanía, recomendan que só se acceda ao interior dos locais de hostalaría e restauración, e xogos e apostas situados nos concellos con nivel alto de restrición, recollidos na letra B do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, cando se cumpra algunha das seguintes condicións:

1º. Que a persoa conte coa pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004.

2º. Que a persoa dispoña dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do Consello de Europa. A proba debe ser realizada nas últimas 72 horas anteriores.

3º. Que a persoa se recuperase dunha infección polo SARS-CoV-2 diagnosticada e que estea no período comprendido entre o día 11 e o 180, ambos incluídos, despois da PDIA positiva.

Terceiro. Modificación do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Cuarto. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 4 de setembro.

2. A eficacia da regulación transitoria e provisional, substitutiva da medida de prevención consistente na exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos, estenderase ata o momento en que se publique a orde que levante a suspensión da indicada medida de prevención, unha vez que sexa autorizada xudicialmente, de ser o caso. No caso de non ser autorizada xudicialmente, a eficacia desta regulación transitoria e provisional manterase ata súa substitución polas correspondentes medidas de prevención que estableza a Consellería de Sanidade.

3. No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 4 e 5 de setembro que xa estivesen concertados antes do día 3 de setembro, non serán aplicables as limitacións que sexan consecuencia da elevación do nivel de restrición, ben que estas celebracións e eventos deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á correspondente xefatura territorial da Consellería de Sanidade para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

4. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima:

Ordes

Melide

Monforte de Lemos

B) Concellos con nivel de restrición alta:

Agolada

Antas de Ulla

Ares

Arzúa

Cañiza (A)

Castro de Rei

Cee

Cerceda

Curtis

Lalín

Meira

Monterroso

Muxía

Palas de Rei

Pastoriza (A)

Pino (O)

Pobra de Trives (A)

Saviñao (O)

Trazo

Viana do Bolo

Vilalba

C) Concellos con nivel de restrición media:

Aranga

Arteixo

Baralla

Barco de Valdeorras (O)

Betanzos

Boimorto

Bueu

Cabana de Bergantiños

Camariñas

Carballo

Chantada

Corcubión

Coruña (A)

Cospeito

Ferrol

Fisterra

Frades

Gondomar

Lugo

Malpica de Bergantiños

Muros

Nigrán

Noia

Oleiros

Ourense

Outeiro de Rei

Oza-Cesuras

Pazos de Borbén

Poio

Ponteareas

Ponteceso

Redondela

Rúa (A)

Santa Comba

Santiso

Sanxenxo

Silleda

Taboada

Tordoia

Verín

Zas

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa:

Abadín

Abegondo

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Arbo

Arnoia (A)

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Barbadás

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Blancos (Os)

Boborás

Boiro

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Brión

Burela

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Cambados

Cambre

Campo Lameiro

Cangas

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Cariño

Carnota

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castroverde

Catoira

Cedeira

Celanova

Cenlle

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Coirós

Coles

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Cuntis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Friol

Gomesende

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laza

Laxe

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Maceda

Manzaneda

Mañón

Marín

Maside

Mazaricos

Meaño

Meis

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz

Mondariz-Balneario

Mondoñedo

Monfero

Montederramo

Monterrei

Moraña

Mos

Mugardos

Muíños

Muras

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Oroso

Ortigueira

Ourol

Outes

Paderne

Paderne de Allariz

Padrenda

Padrón

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Piñor

Pobra do Brollón (A)

Pobra do Caramiñal (A)

Pol

Ponte Caldelas

Pontecesures

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

Sandiás

San Sadurniño

Santiago de Compostela

San Xoán de Río

Sarreaus

Sarria

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Touro

Trabada

Trasmiras

Triacastela

Tui

Valadouro (O)

Val do Dubra

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Vicedo (O)

Vigo

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilanova de Arousa

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo».