Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179-Bis Xoves, 16 de setembro de 2021 Páx. 45576

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de setembro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade do momento, o que se fixo mediante a Orde do 1 de xullo de 2021. Posteriormente, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do 24 de xullo de 2021, e mediante a Orde do 15 de xullo de 2021 modificáronse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Mediante a Orde do 22 de xullo de 2021 acometeuse unha nova prórroga e modificación da Orde do 25 de xuño. Tamén se modificou a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O anexo II da Orde do 25 de xuño volveu ser modificado mediante as ordes do 29 de xullo e do 5 agosto de 2021, e esta última prorrogou a eficacia da primeira.

Pola súa banda, mediante a Orde do 13 de agosto de 2021 suspendeuse expresamente a exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista na Orde do 25 de xuño e substituíuse esta obriga por unha regulación transitoria e provisional, na espera do pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a autorización da exixencia dos certificados anteditos. Esta autorización foi denegada mediante o Auto 97/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Posteriormente, mediante a Orde do 16 de agosto de 2021, modificouse o anexo II da Orde do 25 de xuño para adaptalo á situación derivada da evolución da pandemia. Así mesmo, mediante a Orde do 20 de agosto de 2021 prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do día 4 de setembro. Nesta orde, na espera dunha resolución xudicial firme que se pronunciase sobre a autorización da medida da exixencia do certificado, mantíñase a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos e actualizábase a regulación transitoria e provisional ditada en substitución da referida obriga, coa finalidade de adaptala á evolución favorable da situación epidemiolóxica. Incluíanse, ademais, na devandita orde determinadas modificacións da Orde do 25 de xuño, cuxa finalidade era adaptala á evolución favorable da situación epidemiolóxica.

A continuación, mediante as ordes do 25 e do 27 de agosto de 2021 introducíronse novas modificacións do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 co obxecto de reflectir nel as variacións na evolución da situación epidemiolóxica experimentadas en distintos concellos da Comunidade Autónoma.

Mediante a Orde do 1 de setembro de 2021 prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do día 18 de setembro. Esta orde tamén modificou o anexo II da Orde do 25 de xuño e acordou manter a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, substituíndoa por unha regulación transitoria e provisional na espera dun pronunciamento xudicial firme sobre esta medida.

Pola súa banda, mediante a Orde do 9 de setembro de 2021 modificouse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalmente, a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, volve modificar a regulación contida na Orde do 25 de xuño de 2021 en relación cos establecementos de hostalaría e os establecementos de xogo para adaptala ás regras do novo Plan de hostalaría segura, tendo en conta que nestes últimos se prestan servizos de hostalaría e restauración. Tamén se deixa sen efecto a regulación transitoria e provisional aplicable aos establecementos de hostalaría e restauración e aos establecementos de xogo e apostas prevista nos puntos terceiro e cuarto da Orde do 20 de agosto de 2021, e mantense a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso aos establecementos de lecer nocturno, substituíndo esta obriga por unha regulación transitoria e provisional.

Con posterioridade á aprobación da citada Orde do 14 de setembro de 2021, foi notificada a Sentenza 1112/2021, da Sección Cuarta da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo, na cal se estima o recurso de casación formulado pola Administración autonómica contra o Auto do 20 de agosto de 2021, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que avala así a posibilidade de exixir o chamado pasaporte COVID para acceder a determinados establecementos ao considerar que esta medida é idónea, necesaria e proporcionada para reducir os contaxios.

Neste contexto, procede acometer unha nova prórroga da Orde do 25 de xuño, así como modificar o anexo II da devandita orde coa finalidade de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación. Resulta necesario, ademais, manter a suspensión da exixencia da exhibición de determinada documentación para o acceso aos establecementos de lecer nocturno, así como a regulación transitoria e provisional ditada en substitución daquela. A razón disto radica na evolución favorable da situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma respecto do momento en que se previu a exixencia de exhibición da documentación nos indicados establecementos, unida á recente notificación da Sentenza 1112/2021, do Tribunal Supremo, situación que exixe levar a cabo un novo estudo que, atendendo aos principios e probas científicas e co asesoramento do Comité Clínico, permita avaliar a situación actual con carácter previo á decisión sobre as condicións polas que se debe rexer a actividade e a reposición desta medida, para cuxa adopción se solicitará, en todo caso, a preceptiva autorización xudicial que establece o artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo coa doutrina sentada na referida sentenza.

Así mesmo, debe terse en conta que, en vista da evolución favorable da situación epidemiolóxica e unha vez escoitado o Comité Clínico, se decidiu non prorrogar a eficacia das medidas restritivas de dereitos fundamentais actualmente en vigor, previstas na redacción vixente da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia. Estas medidas foron prorrogadas ata as 00.00 horas do día 18 de setembro de 2021 pola Orde do 1 de setembro de 2021 pola que se prorroga e se modifica o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia. Polo tanto, ao non seren prorrogadas, as medidas cualificadas perderán a súa eficacia no momento indicado.

Polo demais, polo que se refire á regulación das condicións da actividade da hostalaría e restauración, tamén se abordou no Comité Clínico a ampliación dos límites de ocupación aplicables ás mesas e agrupacións de mesas, que procede ampliar de seis a oito persoas no interior e de dez a quince persoas na terraza, polo que procede nesta orde á modificación neste aspecto puntal do número 1 do punto 3.22 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Coa mesma finalidade, modifícase o número 3 da epígrafe III.2.1 do punto 4.1 do anexo I da indicada orde, en relación cos establecementos de xogo, tendo en conta que neles se prestan servizos de hostalaría e restauración.

II

A adopción das medidas contidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma. Así resulta do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 15 de setembro de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:

Respecto da situación epidemiolóxica de Galicia, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo de 1, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas sanitarias están por debaixo do 1. Non obstante, nas áreas de Pontevedra e Vigo aumentou lixeiramente e o intervalo de confianza superior está por riba ou rozando o 1, respectivamente.

Do total de concellos de Galicia, 99 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 165. Isto supón un aumento en 32 concellos a 14 días e en 43 concellos a 7 días desde hai unha semana, que era de 67 e 122, a 14 e 7 días.

Entre o 31 de agosto e o 6 de setembro realizáronse 43.075 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (29.122 PCR e 13.953 tests de antíxenos), cunha porcentaxe de positividade a 7 días do 4,96 %, o que supón un descenso do 29 % respecto de entre o 24 e o 30 de agosto, que era do 6,99 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 37 e 104 casos por 100.000 habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados hai unha semana, que eran de 67 e 182 casos por 100.000 habitantes, respectivamente (descenso do -45 % a 7 días e do -43 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 1 de marzo, catro tramos, o primeiro crecente a un ritmo do 0,6 % ata o 1 de marzo e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario (PCD) do -2,2 %; séguelle outro tramo de tendencia lixeiramente crecente, cunha PCD do 10,4 %, e o 22 de xullo detecta outro cambio en sentido decrecente, cunha PCD do -4,7 %.

En canto á evolución por grupos de idade, obsérvase que a incidencia acumulada está a descender en todos os grupos máis novos. Nos grupos maiores de 40 anos obsérvase un descenso máis lento. Os grupos de idade correspóndense cos do seguimento da vacinación.

Segundo o modelo vectorial autorregresivo, espérase unha certa estabilización a 7 días e un descenso a 14 días, non obstante hai que tomalo con precaución debido á amplitude dos intervalos de confianza a 7 días, xa que esta amplitude implicaría o poder ir en calquera sentido (ascende, estabilízase, descende).

En canto á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días das áreas están entre os 53,76 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 150,33 de Lugo. As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír respecto de hai 7 días e ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 200 casos por 100.000 habitantes, mesmo coas áreas de Ferrol, Pontevedra e Vigo, por baixo dos 100, nin taxas a 7 días superiores aos 50 casos por 100.000 habitantes.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 106,1, o que supón un descenso do 25,2 % respecto de hai 7 días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 3,9 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso tamén do -25,2 % respecto de hai 7 días. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI), nos últimos 7 días a media foi de 41,3 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,5 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -10,8 % respecto de hai 7 días, tanto na media como na taxa.

En relación coa situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), só un presenta unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por 100.000 habitantes, e sen superar os 500 casos por 100.000 habitantes, fronte aos dous do informe anterior. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 18 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 41 de hai unha semana. Deles, tres presentan taxas axustadas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 15 do informe de hai 7 días. Polo que atinxe ás comarcas, só a de Terra de Trives está no nivel máximo. No nivel alto están as da Ulloa e Terra de Lemos. No nivel medio están cinco comarcas. Isto significa un aumento respecto do 29 de xullo en 32 comarcas no nivel medio baixo, momento en que 13 comarcas estaban nese nivel.

Desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, Chuvi, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 35/2021 (do 30 de agosto ao 5 de setembro), a porcentaxe de positividade para a variante Delta foi do 99,4 %. (IC95 %: 98,8-99,8 %). Dúas mostras foron compatibles coa variante Alfa. A prevalencia de Galicia está axustada ao conxunto de casos de cadansúa área na semana de referencia. Ata a semana 35 incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse 959 casos da variante Alfa con secuenciación completa; 727 casos da variante Delta (B.1.617.2 ou india); 43 casos da variante Beta (B.1.351 ou surafricana); 86 casos da variante Gamma (P1 ou brasileira); e 5 casos da variante Alfa coa mutación E484K. Ademais das VOC, tense constancia da existencia de 3 mostras coa variante Eta (B.1.525 ou nixeriana); 9 mostras coa variante Iota (B.1.526 ou de Nova York); 24 mostras coa variante Lambda (C.37) e 52 mostras con variante Mu (B.1.621-colombiana).

O informe conclúe que a taxa de incidencia diminúe tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosa o descenso cunha porcentaxe de cambio diaria do -4,1 %. O Rt no global de Galicia segue por debaixo do 1, o mesmo ca en todas as áreas sanitarias. A información do modelo de predición indica que a incidencia vai estabilizarse a 7 días e diminuír a 14 días.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 104 casos por 100.000 habitantes. En todas as áreas sanitarias diminúe a súa incidencia, tanto a 7 como a 14 días. Todas as áreas sanitarias teñen unha incidencia a 14 días menor de 200 casos por 100.000 habitantes, e de 50 casos por 100.000 habitantes a 7 días.

En canto á evolución da incidencia por grupos de idade e área sanitaria, obsérvase un descenso na incidencia en todos os grupos de idade.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, xa aplicando o axuste de taxas, hai un concello con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 casos por 100.000 habitantes. Nos de menos de 10.000 habitantes hai 18 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por 100.000 habitantes, con tres cunha incidencia igual ou maior a 500 casos por 100.000 habitantes.

Neste momento, a variante Delta (india) xa é a circulante. A maior transmisibilidade da variante Delta explica, entre outros posibles motivos, a alta incidencia da COVID, especialmente nos máis novos, que son os que teñen unha maior mobilidade.

Cómpre indicar que o criterio que se vén utilizando para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada 100.000 habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

Desta maneira establecéronse os seguintes niveis de restricións: nivel de restricións máximo, alto, medio e medio-baixo. Atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 14 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos con taxas por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos con taxas que se atopen entre os 150 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes; no alto, os concellos con taxas que se atopen entre os 250 e por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 7 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos que se atopen por debaixo dos 75 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos que se atopen entre os 75 e por debaixo dos 125 casos por cada 100.000 habitantes; no nivel alto, os concellos que se atopen entre os 125 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

A taxa de incidencia acumulada non é o único criterio que se ten en conta para determinar o nivel aplicable a cada concello, xa que este dato se modula en función doutros factores e da análise da situación do propio concello. Así, o criterio da incidencia vese completado coa consideración de criterios demográficos (pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto). Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo. Neste sentido, vénse prestando unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

Actualmente, o avance da campaña de vacinación masiva está a conseguir protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, e mentres non se alcance a inmunidade de grupo, é necesario seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e da capacidade do sistema asistencial.

Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, foi necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación. Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario en que nos atopamos, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova e na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes.

Neste sentido, saliéntase que dous terzos dos casos se están a dar entre os 15 e os 39 anos de idade e que existe un menor risco de padecer a enfermidade grave nesas franxas de idade. Na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan axustar as taxas de incidencia acumulada mediante a aplicación dun factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario, xa que a situación da carga asistencial hospitalaria é, neste momento, de 3,2 e 0,6 ingresos por 100.000 habitantes en hospitalización de agudos e en unidades de críticos, respectivamente, a pesar das taxas de incidencia elevadas que se están a observar. Isto indica que a onda ten un menor impacto nos ingresos pola COVID-19, o que se atribúe aos factores aludidos de vacinación dos maiores e á idade dos casos.

Para o axuste calculouse un factor de corrección que se interpreta como o risco relativo de ingreso no período comprendido entre agosto de 2020 e marzo de 2021 (período de referencia) comparado co momento actual. Este factor é superior a 1, debido á vacinación e á diferente distribución por idade dos casos, que actualmente se concentran fundamentalmente na poboación de 15 a 29 anos. Para axustar a incidencia a 7 e a 14 días dos concellos, divídese a taxa bruta polo factor de corrección.

O factor de corrección calcúlase, para cada día, como o cociente entre a taxa bruta de ingresos nos últimos 28 días e a taxa axustada por idade, aplicando o método directo e usando como poboación estándar o número de casos do período de referencia.

A taxa bruta de ingresos a 28 días é a porcentaxe de casos que ingresaron entre os casos con diagnóstico por PCR ou tests de antíxenos acumulados nos últimos 28 días. As taxas específicas de ingreso por idade calcúlanse do mesmo xeito, pero no grupo de idade correspondente.

A taxa axustada de ingresos calcúlase aplicando as taxas específicas de ingreso por idade a 28 días á poboación de referencia. A suma dos valores obtidos por idade divídese entre o total de casos do período de referencia (97.996) e o resultado interprétase como a porcentaxe de casos que terían ingresado se tivesen a mesma distribución por idade que no período de referencia (taxa de ingresos axustada).

A cada un dos distintos niveis de restrición seranlle de aplicación as medidas xerais e específicas previstas para cada caso nas disposicións vixentes, aprobadas polas autoridades sanitarias competentes, tendo en conta, ademais, que actualmente está cientificamente constatado que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19, medidas que se poderán ir suavizando na súa aplicación, en vista da situación epidemiolóxica no territorio e do aumento da cobertura vacinal.

Debe destacarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España.

Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes deste que poden ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais. Ademais, a circulación da variante Delta pode facer que haxa escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas e certo escape nas completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible que a variante Alfa.

Non obstante, estas medidas aplicaranse con criterios epidemiolóxicos, pero tamén de proporcionalidade, e estarán en vixencia só durante o tempo preciso para asegurar que a evolución desta situación epidemiolóxica é boa e que se está a cortar a transmisión, que é o obxectivo destas medidas.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase descender ao nivel medio de restrición, desde o nivel alto actual, o concello de Monforte de Lemos, xa que, ben que as súas taxas a 14 días son propias do nivel alto, as súas taxas a 7 días xa son propias do nivel medio de restricións. Saliéntase que neste concello a evolución da diminución da incidencia é lenta e, a diferenza do acontecido noutros concellos que se atopaban no mesmo nivel, mantén taxas axustadas a 7 días propias do nivel medio, mentres que os demais xa amosan taxas de nivel medio-baixo. Tampouco se observa un descenso acusado e rápido da súa incidencia a 14 días. Ademais, a transmisión comunitaria que se deu neste concello provocou casos en concellos limítrofes, en persoas que o visitaban por festas ou ocio. Por estes motivos considérase necesario que descenda ao nivel medio, tal como indica a súa taxa a 7 días, e non ao nivel medio-baixo, na espera de observar a evolución da súa situación epidemiolóxica e de que o descenso da incidencia se consolide claramente.

O resto de concellos de Galicia inclúese no nivel medio-baixo de restricións.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 2 de outubro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. Mantemento da suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e substitución por unha regulación transitoria e provisional

1. Mantense a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista na epígrafe III.2.7 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, así como no número 4.1 do anexo da Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

2. A exixencia desta documentación substitúese pola regulación transitoria e provisional prevista nos puntos quinto e sexto da Orde do 20 de agosto de 2021, pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se mantén a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e se substitúe por unha regulación transitoria e provisional.

3. Sen prexuízo do indicado, as autoridades sanitarias, coa finalidade de compatibilizar o desenvolvemento das correspondentes actividades coa seguridade sanitaria e asegurar un nivel elevado de protección da cidadanía, recomendan que só se acceda ao interior dos locais de hostalaría e restauración, e xogos e apostas situados nos concellos con nivel alto de restrición, recollidos na letra B do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, cando se cumpra algunha das seguintes condicións:

1º. Que a persoa conte coa pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004.

2º. Que a persoa dispoña dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do Consello de Europa. A proba debe ser realizada nas últimas 72 horas anteriores.

3º. Que a persoa se recuperase dunha infección polo SARS-CoV-2 diagnosticada e que estea no período comprendido entre o día 11 e o 180, ambos incluídos, despois da PDIA positiva.

Terceiro. Modificación da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o número 1 do punto 3.22 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes axustarase ás regras previstas no novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, a ocupación máxima será de oito persoas no interior e quince persoas na terraza por mesa ou agrupación de mesas».

Dous. Modifícase o número 3 da epígrafe III.2.1, do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactada como segue:

«3. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de oito persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Así mesmo, deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e no uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan actividades, de acordo co previsto no punto 1.3. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos na normativa vixente».

Tres. Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Cuarto. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 18 de setembro de 2021.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima:

...

B) Concellos con nivel de restrición alta:

...

C) Concellos con nivel de restrición media:

Monforte de Lemos

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa:

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Avión

Arzúa

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barco de Valdeorras (O)

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Boimorto

Boiro

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Cambados

Cambre

Campo Lameiro

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Gondomar

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laza

Laxe

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Marín

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz

Mondariz-Balneario

Mondoñedo

Monfero

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Noia

Oia

Oímbra

Oleiros

Ordes

Oroso

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne

Paderne de Allariz

Padrenda

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Pobra do Caramiñal (A)

Poio

Pol

Ponteareas

Ponte Caldelas

Ponteceso

Pontecesures

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

Sandiás

San Sadurniño

Santa Comba

Santiago de Compostela

Santiso

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Valadouro (O)

Val do Dubra

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilanova de Arousa

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xinzo de Limia

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas»