Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227-Bis Xoves, 25 de novembro de 2021 Páx. 57756

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 25 de novembro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior.

De acordo coa lexislación estatal, continúa, polo tanto, existindo unha situación de crise sanitaria. Isto determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e de protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición a eses riscos, conforme o que se establece nesta lei. Tal deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste xeito, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia da seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria. A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na devandita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. Este marco normativo débese completar, unha vez atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans, de distancia interpersoal mínima, uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; de limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, de adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan axiña como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Unha vez sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Así, mediante a Orde do 22 de outubro de 2021 establecéronse medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas medidas consisten, en moitos casos, na fixación de capacidades máximas e na determinación de regras que se deben observar para o desenvolvemento das distintas actividades recollidas no seu anexo, xa que as evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación, pero con redución xeneralizada da mobilidade. Todo isto ampara a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se producen nun contexto social, como consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de minorar a velocidade de transmisión.

A Orde do 22 de outubro foi modificada mediante a Orde do 26 de outubro de 2021 coa finalidade de adaptar á evolución da situación epidemiolóxica as medidas contidas nela que regulaban as actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. Tamén foron obxecto de modificación mediante a citada orde as regras sanitarias aplicables á realización de procesos selectivos por parte das administracións públicas e das entidades do sector público.

Cómpre salientar que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas recollidas nesta orde teñen unha duración determinada, que se estende desde as 00.00 horas do día 23 de outubro ata as 00.00 horas do día 27 de novembro. Ademais, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Con base no exposto, mediante a presente orde prorrógase a eficacia da Orde do 22 de outubro, xa que as medidas recollidas nela seguen a resultar necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. Tamén se introducen distintas modificacións que teñen por obxecto adaptar as medidas recollidas na devandita orde á realidade actual. Así, establécense limitacións ao número máximo de persoas en cócteis, e tamén nas mesas ou agrupacións de mesas nos establecementos de hostalaría e restauración, de lecer nocturno e locais de xogo e apostas.

III

De conformidade co exposto, a adopción das medidas contidas na presente orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 25 de novembro de 2021, destácanse os seguintes datos:

A tendencia diaria mostra, desde o 21 de xullo, dous tramos con tendencia decrecente pero a diferente ritmo, o primeiro deles, ata o 25 de agosto, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) de -3,4 %; séguelle outro tramo cunha velocidade de decrecemento máis rápida, cunha PCD do -7,3 %, e identifica outro punto de cambio no 4 de outubro, en sentido crecente, cunha PCD do 1,9 %. Desde o 30 de outubro obsérvase un aumento na velocidade de crecemento, cunha PCD do 10,3 %.

En canto á situación nas áreas sanitarias, as taxas a 7 días están entre os 41,88 casos por 100.000 habitantes de Santiago e os 180,01 de Ourense. As taxas de incidencia a 7 días, no conxunto de Galicia, seguen a aumentar respecto de hai 7 días e pasan de 32,98 a 73,95 casos por 100.000 habitantes nunha semana. A incidencia a 7 e a 14 días aumenta en todas as áreas. A razón de taxas a 7 días é de 2,24, e varía entre o 1,71 da Coruña e o 2,49 de Ourense. A porcentaxe de positividade a 7 días é do 4,70.

No conxunto de Galicia, a taxa de ingresos en planta nos últimos 7 días aumentou do 1,33 a 2,37 ingresos por 100.000 habitantes. Na UCI observouse un aumento da taxa de ingresos, que pasou de 0,11 ingresos por 100.000 habitantes na semana anterior a 0,19 ingresos por 100.000 habitantes na actualidade. En canto á porcentaxe de ingresos dos casos dos últimos 7 e 14 días, é de 2,9 % e 3,6 %, respectivamente, nas unidades de agudos, e de 0,2 % e 0,3 %, a 7 e a 14 días, nas unidades de críticos.

Nas persoas de 65 e máis anos, a taxa de ingresos nas unidades de agudos aumentou con respecto á semana anterior de 4,36 a 5,38 ingresos por 100.000 habitantes. Nas UCI descendeu de 0,58 a 0,44 ingresos por 100.000 habitantes no mesmo período. Nos últimos 7 días, os casos da COVID-19 deste grupo de idade presentaron unha porcentaxe de ingreso en unidade de hospitalización do 10,08 %, inferior respecto da semana anterior (14,8 %). A porcentaxe de ingreso na UCI tamén descendeu e pasou de 1,4 % a 1,06 %.

En canto á incidencia acumulada a 7 días por grupos de idade, o grupo de 0 a 11 anos é o que presenta a incidencia máis elevada, seguido do de 40 a 49 anos, polo que se observa un incremento no conxunto de Galicia para todos os grupos de idade. Para o grupo de 0 a 11 anos, a poboación que non pode recibir a vacina, obsérvase un incremento en todas as áreas. Se temos en conta todas as persoas de 65 e máis anos, a incidencia é de 55,25 casos por 100.000 habitantes. A razón de taxas, a 7 días, está por riba do 1 en todos os grupos de idade.

Entre o 25 de outubro e o 7 de novembro, a porcentaxe de casos orfos no conxunto de Galicia foi do 23,9 %, o que superou o 10 % que está establecido no indicador. Todas as áreas sanitarias superan este indicador, que varía entre o 16,5 % de Pontevedra e o 30,3 % da área de Ourense. Os abrochos con, polo menos, casos terciarios supoñen o 34,1 % do total de abrochos do conxunto de Galicia. Non obstante, esta porcentaxe varía entre o 5 % de Pontevedra e o 66,7 % de Santiago. Con todo, hai que ter en conta que cando o número de abrochos é moi pequeno estas porcentaxes aumentan artificialmente.

En canto ás características máis salientables dalgúns abrochos, cómpre salientar o seguinte:

– Na Coruña destaca un abrocho con 22 casos e casos terciarios, que se orixinou no ámbito familiar con posterior transmisión nos ámbitos laboral e sanitario. A idade media dos casos foi de 36,4 anos e a porcentaxe de afectados menores de 12 anos foi do 13,63 %. O 5,9 % dos casos non estaban vacinados.

– En Lugo destaca un abrocho con 20 casos que se iniciou no ámbito familiar e que xerou casos terciarios no ámbito social. A media da idade dos casos foi de 53 anos e a porcentaxe de casos menores de 12 anos foi do 5 %. O 100 % dos casos susceptibles de vacinación tiñan a vacina administrada.

– En Ourense destaca un abrocho no cal o caso fonte foi importado con 12 casos e a orixe foi no ámbito familiar. A media da idade dos afectados foi de 38 anos, cunha porcentaxe de casos menores de 12 anos do 17 %. O 83 % dos casos susceptibles de vacinación estaban vacinados.

– En Pontevedra destaca un abrocho con 15 casos e casos terciarios, que se orixinou no ámbito sociosanitario con posterior transmisión aos ámbitos familiar e laboral. A media de idade dos casos foi de 63 anos sen afectación de menores de 12 anos. O 100 % dos casos susceptibles de vacinación estaban vacinados.

Desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, CHUVI, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 45/2021 (do 8 ao 14 de novembro), a porcentaxe de positividade para a variante Delta foi do 99,5 % (IC95 %:98,3-99,9 %). Durante a semana 45 notificouse unha mostra cun perfil compatible coa variante Alfa na Área Sanitaria de Santiago de Compostela. Ata a semana 45, incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse 1.769 casos da variante Delta con secuenciación completa, 968 casos da variante Alfa con secuenciación completa, 44 casos da variante Beta (B.1.351 ou surafricana), 85 casos da variante Gamma (P1 ou brasileira) e 5 casos da variante Alfa coa mutación E484K. Ademais das VOC, hai constancia de tres mostras coa variante Eta (B.1.525 ou nixeriana), nove mostras coa variante Iota (B.1.526 ou de Nova York), 24 mostras coa variante Lambda (C.37) e 53 mostras con variante Mu (B.1.621-colombiana).

O informe conclúe que a taxa de incidencia segue a aumentar. A tendencia amosa un aumento a partir do 30 de outubro cunha porcentaxe de cambio diaria do 10,2 %, fronte ao 6,8 % de hai unha semana. A taxa de incidencia a 7 días, no global de Galicia, está nos 73,95 casos por 100.000 habitantes, cunha razón de taxas a 7 días de 2,24 e unha porcentaxe de positividade do 4,70 %.

Por áreas sanitarias, a de Ourense é a que presenta a incidencia acumulada a 7 días máis elevada, 180,01 casos por 100.000 habitantes.

Por grupos de idade, a incidencia a 7 días, nos de 65 e máis anos, é de 55,25 casos por 100.000 habitantes. Neste grupo de idade, a razón de taxas a 7 días é de 2,41 e a porcentaxe de positividade é do 3,35 %.

En canto á hospitalización, a taxa de ingresos por 100.000 habitantes a 7 días, en unidades de agudos e críticos, respectivamente, é de 2,37 e 0,19. A porcentaxe de ingresos nas unidades de agudos dos casos dos últimos 7 días é de 2,9 % e nas unidades de críticos do 0,2 %. A taxa de ingresos por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, no grupo de 65 e máis anos de idade, é de 5,38 ingresos por 100.000 habitantes en agudos, e de 0,44 ingresos por 100.000 habitantes nas unidades de críticos. A porcentaxe de ingresos nas unidades de críticos neste grupo de idade é de 1,06 % para os últimos 7 días.

En canto á porcentaxe de casos orfos (complementaria dos casos con vínculo epidemiolóxico), é do 23,9 %. No que atinxe aos abrochos con, polo menos, casos terciarios, supoñen o 34,1 % do total de abrochos. Non obstante, dado o pequeno número de abrochos, estas porcentaxes hai que tomalas con cautela.

A variante Delta segue a ser a predominante.

En resumo, o informe conclúe que se observa un incremento na incidencia no conxunto de Galicia e en todas as áreas sanitarias.

Segundo o exposto, ademais da necesaria prórroga das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na presente orde acométense modificacións puntuais nas súas regras que atinxen ao establecemento de límites máximos de grupos e na ocupación de mesas, que quedan fixados nun máximo de oito persoas no interior e de quince persoas no exterior. Estas propostas inclúense no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 25 de novembro de 2021.

Estas limitacións, fundamentadas nos datos epidemiolóxicos que vimos de expor, así como na crecente explosividade dos contaxios, afectan a celebración de cócteis e actos de recepción con aperitivo e público de pé en cerimonias nupciais e outras celebracións e eventos, e na prestación de servizos de hostalaría e restauración, onde a ocupación máxima por mesa ou agrupación de mesas queda establecida en 8 persoas no interior e 15 persoas no exterior.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de decembro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Modificación da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o número 3 do punto 3.5, que queda redactado como segue:

«3. Permítese a realización de cócteis e actos de recepción con aperitivo e público de pé que, no momento de retirada da máscara para o consumo, deben respectar a distancia interpersoal de seguridade entre persoas non conviventes. Os grupos de persoas de pé poderán ser de ata oito persoas no interior e quince na terraza».

Dous. Modifícase o número 2 do punto 3.14, que queda redactado como segue:

«2. Permítese a realización de cócteis e actos de recepción con aperitivo e público de pé que, no momento de retirada da máscara para o consumo, deben respectar a distancia interpersoal de seguridade entre persoas non conviventes. Os grupos de persoas de pé poderán ser de ata oito persoas no interior e quince na terraza».

Tres. Modifícase o número 1 do punto 3.22, que queda redactado como segue:

«1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración nos bares, nas cafetarías e nos restaurantes axustarase ás regras previstas na Orde do 14 de setembro pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a ocupación máxima será de oito persoas no interior e quince persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».

Catro. Modifícase o número 3 do punto 3.31, que queda redactado como segue:

«3. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de oito persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Así mesmo, deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e no uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan estas actividades, de acordo co previsto no punto 1.3. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos na normativa vixente».

Cinco. Modifícase o punto 3.34, que queda redactado como segue:

«Os establecementos de lecer nocturno, tales como discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, axustaranse ao establecido pola Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a ocupación máxima será de 8 persoas no interior e 15 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».

Terceiro. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 27 de novembro de 2021 ata as 00.00 horas do día 18 de decembro de 2021.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas cuxa eficacia se prorroga serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade